Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 15 de xullo de 2016 Páx. 30753

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), e se convocan para o exercicio 2016.

Desde os seus comezos, o servizo do taxi foi evolucionando ata pasar de ser un servizo complementario doutros medios de transporte a ser un servizo alternativo competitivo. Con esta finalidade, a Xunta de Galicia vén colaborando co sector mediante o outorgamento de axudas dirixidas á implantación de medios que faciliten a súa modernización e seguridade.

Unha das obrigas máis relevantes que incumbe a toda Administración pública é diminuír aquelas dificultades que afectan sectores concretos da poboación, de xeito que se afonde máis na igualdade material exixida pola Constitución española. Nese sentido, implantar uns servizos de transporte público cada vez máis accesibles é unha das medidas que máis eficazmente pode contribuír a acadar ese obxectivo, posto que incrementa a autonomía das persoas con mobilidade reducida e posibilita un transporte público máis eficaz e útil. Así, tal e como se indica na exposición de motivos da Lei 4/2013, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, no momento actual a mobilidade constitúe un compoñente esencial da calidade de vida das persoas. Deste xeito, o transporte público de persoas en vehículos de turismo, en especial o servizo de taxi, ten unha importancia decisiva como instrumento conformador da convivencia da cidadanía e da habitabilidade no contorno urbano e interurbano. As administracións competentes deben, polo tanto, velar por garantir a universalidade, accesibilidade e calidade na prestación do servizo.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pretende, mediante esta orde de axudas, fomentar o cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, en que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade, así como o cumprimento das exixencias establecidas a este respecto no resto da normativa sectorial de aplicación. Trátase así de contribuír a garantir a mobilidade no transporte público de toda a cidadanía.

Dentro desta liña de actuación proponse a aprobación das bases reguladoras e da convocatoria de axudas coa finalidade de axudar á adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi). Estes vehículos deben satisfacer os requisitos recollidos no Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, en que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade.

Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas aos titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi) .

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2016.

3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran no exercicio 2016 ata a data establecida nesta orde para xustificar a axuda.

4. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables e beneficiarios

1. Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida, que reúnan as seguintes condicións:

a) Deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

b) Os vehículos deberán ser adquiridos, dentro dos prazos fixados na orde, durante o ano 2016.

c) En ningún caso de admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man.

Artigo 3. Financiamento e contía

1. As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, en que se garante a existencia de crédito axeitado e suficiente.

2. A contía total máxima das subvencións concedidas será de 400.000 euros. Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As subvencións obxecto desta orde decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que para a mesma finalidade poida obter a entidade beneficiaria; non obstante, a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.

4. A axuda por vehículo será de 10.000 euros.

5. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder dos 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este lumiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ninguna axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.

2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular o solicitante.

Artigo 5. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I a esta orde, e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), co código IF303A.

Con este modelo achegarase, ademais, a documentación relacionada no artigo 6, que necesariamente deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

2. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

b) Axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ou a outros regulamentos de minimis (artigo 6.1 do Regulamento de minimis).

c) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

d) Autenticidade dos datos facilitados.

e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

f) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.

h) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 6. Documentación xustificativa

1. Xunto coa solicitude debe achegarse a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade da persoa física, no suposto de que non autorice a súa verificación por parte da Administración.

b) Copia compulsada da factura pro forma e orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

c) No caso de que o vehículo fose adquirido no exercicio 2016 con anterioridade á publicación da orde, remitirase coa solicitude a documentación exixida para a xustificación da axuda no artigo 17 desta orde.

d) No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.

Artigo 7. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365)

A documentación complementaria presentarase unicamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, estes presentaranse por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. A persoa interesada ou o seu representante deberá indicar o código do procedemento. A documentación que sexa achegada por outros medios diferentes dos previstos non será considerada para efectos desta orde de axudas.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para os efectos de posibles notificacións que realice a Administración, e será responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 14 de outubro de 2016, agás que se produza o suposto de esgotamento previo de crédito. Nese caso, informarase do peche adiantado do prazo para a presentación de solicitudes a través da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na epígrafe de Mobilidade (código de procedemento IF303A), de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes que se presenten unha vez comunicado o esgotamento do crédito, de ser o caso, quedarán nunha situación de «espera» e serán admitidas a trámite na medida en que exista crédito para poder atendelas (ben sexa porque se incremente o crédito inicial previsto para as axudas, ben porque se libere crédito inicialmente comprometido con base noutras solicitudes).

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

En particular, de acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve aquel, o solicitante poderá facer constar no formulario o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

En caso de que non preste ese consentimento, deberá anexar xunto coa solicitude unha copia do DNI en vigor.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. De conformidade co establecido no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, a consellería publicará a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto se fará consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, Santiago de Compostela (15781), ou a través dun correo electrónico a civ.mobilidade@xunta.gal.

Artigo 10. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións e, como tal, correspóndelle o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Instrución dos procedementos e notificacións

1. O outorgamento das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde de data da solicitude e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nestas bases. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde ou na citada normativa, requirirase o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

A remisión de documentación complementaria que sexa requirida pola Administración ou a emenda da solicitude inicialmente formulada realizarase exclusivamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (nos mesmos termos requiridos para a presentación da solicitude inicial). A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa interesada para que achegue a documentación orixinal. Neste caso, a presentación desa documentación farase no rexistro ou oficina indicada pola Administración no seu requirimento.

4. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e os actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

5. As notificacións con base nesta orde serán electrónicas e realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

6. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen se acceder ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, considerarase efectuado o trámite e seguirá o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

7. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Proposta de resolución

1. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará, respecto de cada unha delas, un informe en que consten esas circunstancias, que servirá como proposta de resolución. Todas as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos na orde serán admitidas e contarán cunha proposta de resolución favorable, sempre que estean dentro do límite orzamentario previsto para atender as axudas reguladas nesta orde, consonte o indicado no artigo 7.2.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. A directora xeral, á vista da proposta respecto de cada unha das solicitudes admitidas a trámite, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación. Do mesmo xeito, na resolución indicarase o carácter de axuda de minimis exenta, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1).

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous (2) meses contados desde a data da presentación da solicitude, nos termos establecidos no artigo 7 desta orde. Se transcorrese este prazo sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A concesión ou a denegación da axuda serán notificadas ao solicitante de acordo co establecido no artigo 11 desta orde.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, en consonancia co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na epígrafe de Mobilidade.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á entidade interesada.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Obriga de destinar o novo vehículo para prestar o servizo de taxi no municipio da Comunidade Autónoma de Galicia en que estea domiciliada a autorización VT-N do solicitante, e adscribir o vehículo a esta.

Non obstante o anterior, o beneficiario poderá substituír o vehículo subvencionado por outro de características semellantes, sempre que concorran circunstancias excepcionais que así o xustifiquen e a dita substitución sexa expresamente autorizada pola Dirección Xeral de Mobilidade e polo concello.

e) Obriga de incorporar nun lugar visible do/s vehículo/s adquirido/s unha referencia expresa a que a adquisición do vehículo foi subvencionada pola Xunta de Galicia (Consellería de Infraestruturas e Vivenda). Esta información debe levar o logotipo oficial da Xunta de Galicia previsto no manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

f) Obriga de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, ao menos, cinco (5) anos, agás no suposto de que, logo de autorización, se substitúa por outro de condicións análogas.

g) Obriga de conservar en bo estado o vehículo adquirido.

Artigo 17. Aceptación e xustificación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, o proposto como beneficiario disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo interesado.

Unha vez notificado o outorgamento da axuda e, en todo caso, antes do 1 de decembro de 2016, o interesado deberá presentar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a factura de compra do vehículo subvencionado e o xustificante da transferencia ou transferencias bancarias do seu aboamento. O importe total destas deberá ser igual ou superior á contía da subvención que lle foi outorgada.

A falta de xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención.

2. Os beneficiarios da subvención asumen a obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2017. A Dirección Xeral de Mobilidade comprobará de oficio que se realizou a adscrición. De non terse realizado, procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, consonte o previsto no artigo 33.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na documentación achegada para a adscrición debe constar que o vehículo é un vehículo adaptado conforme os requisitos fixados na normativa vixente.

3. Transcorrido o prazo previsto no punto 2 deste artigo sen que o interesado cumpra coa obriga sinalada, requirirase para que no prazo de dez días emende ese incumprimento. A realización da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 18. Pagamento

Unha vez xustificada a axuda consonte o previsto no punto 1 do artigo anterior, procederase ao seu libramento, que se fará nun único pagamento, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde de convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á que se refire o número anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Control

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non regulado nesta orde observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 22. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS enviará o Diario Oficial de Galicia o extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 23. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.cmati.xunta.es).

b) O teléfono 981 99 50 53 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico civ.mobilidade@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Mobilidade para ditar as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file