Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 15 de xullo de 2016 Páx. 30823

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2016 pola que se dispón a publicación do Regulamento interno da Comisión da Transparencia de Galicia.

Regulamento interno da Comisión da Transparencia de Galicia

Exposición de motivos

A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, crea a Comisión da Transparencia como órgano colexiado independente adscrito ao Valedor do Pobo.

Na súa exposición de motivos, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, remarca a necesidade de asegurar o carácter independente do órgano creado, ao dispor este da capacidade de resolver as reclamacións sobre denegación de información solicitada. A este respecto a norma di: «para garantir a auténtica independencia deste órgano óptase pola atribución desta competencia ao Valedor do Pobo, institución estatutaria de contrastada independencia, ao ter garantido na súa lei reguladora que nin o seu nomeamento nin o seu cesamento sexan potestade do Goberno autonómico senón do Parlamento».

Convén resaltar que a contrastada independencia da institución procede do feito de que o Valedor é o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas recoñecidos na Constitución, e que súa actividade estendese á tutela dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de autonomía.

A normativa de transparencia exixe que a institución do Valedor do Pobo e a Comisión da Transparencia logren un equilibrio que permita manter a súa independencia, co fin de garantir que non se perverta a percepción que a sociedade galega debe ter do alto comisionado do Parlamento. Ademais, é necesario cumprir co imperativo parlamentario contido no artigo 34 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, que establece a necesaria separación de funcións entre a institución do Valedor do Pobo estatutariamente definida e as actividades que este poida desenvolver, dentro da Comisión da Transparencia.

Para conxugar estes aspectos faise máis necesario ca nunca que os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e máis concretamente todos os membros da Comisión da Transparencia, presten a leal e necesaria colaboración co Valedor co fin de asegurar o correcto desenvolvemento das funcións que a dita comisión ten atribuídas, de xeito que a cidadanía non perda a percepción que asegura a confianza na Comisión da Transparencia como órgano independente ao servizo da defensa dos seus dereitos.

Este regulamento de réxime interior apróbase no exercicio do disposto na lexislación básica de procedemento administrativo común para os órganos colexiados compostos por representantes de distintas administracións públicas.

Sen dúbida, a institución do Valedor do Pobo ten atribuído, en primeiro lugar, un papel decisivo na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. Non podería ser doutro xeito xa que é precisamente o Valedor a instancia ante a que se van presentar as reclamacións substitutivas dos recursos administrativos contra as resolucións expresas ou presuntas en materia de acceso á información pública.

Por outra banda, e en segundo lugar, o Valedor deberá asinar as resolucións das reclamacións do artigo 28 e da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, na súa calidade de persoa titular da Presidencia da Comisión da Transparencia, toda vez que esa lei designa as persoas que exercen a presidencia e a vicepresidencia da precitada comisión, e formando ambas as dúas parte da institución do Valedor do Pobo. Nesta mesma liña, e en relación coas resolucións, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que corresponderá á persoa que preside a Comisión da Transparencia exercer o voto dirimente en casos de empate.

En terceiro lugar, a relevancia da figura do Valedor do Pobo, polo que a Comisión da Transparencia se refire, vén determinada polo encargo que ten atribuído na súa calidade de comisionado da transparencia, de responder ás consultas que lle formulen os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da lei. En función de todo isto, o Valedor deberá ditar as recomendacións necesarias para o mellor cumprimento das obrigas legais en materia de transparencia e bo goberno.

Ademais, compete ao Valedor asesorar en materia de transparencia, emitir informes sobre proxectos de lei ou regulamentos en materia de transparencia e bo goberno e, en definitiva, realizar requirimentos para a emenda dos posibles incumprimentos que se poidan producir en materia de publicidade activa.

Para a adecuada realización de todas estas funcións, o Valedor contará coa colaboración da Comisión, que deberá ser oída antes da adopción das recomendacións, así como antes da emisión de informes sobre proxectos de lei ou regulamentos en materia de transparencia e bo goberno.

A boa sintonía e o bo facer da comisión resulta de vital importancia para que a cidadanía perciba como reais e efectivos os mecanismos de control e limitación do poder. A finalidade deste regulamento interno de funcionamento consiste en establecer os mecanismos adecuados para que a lealdade institucional prevaleza e posibilite o correcto desenvolvemento da Comisión da Transparencia. Para acadar este obxectivo a Comisión aproba o seguinte:

Regulamento interno

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e réxime xurídico

1. A Comisión da Transparencia, de acordo coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, é un órgano colexiado independente, adscrito ao Valedor do Pobo, que se rexerá polo disposto na lexislación básica do Estado en materia de transparencia e dereito de acceso a información pública, nomeadamente a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, así como polas normas que resulten de aplicación por este regulamento.

2. A Comisión actúa con plena autonomía e independencia no cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Obxectivos e funcións

1. De acordo co disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a Comisión da Transparencia é o órgano independente ao cal lle corresponde a resolución das reclamacións fronte ás denegacións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da citada norma.

2. A Comisión, nas súas resolucións, ponderará o interese público no dereito de acceso á información pública derivada dos principios de publicidade e transparencia da actuación dos poderes públicos, co dereito á protección dos datos de carácter persoal das persoas cuxos datos aparezan na información solicitada, así como o resto de límites previstos na normativa vixente.

3. Así mesmo, correspóndelle ser oída, previamente, polo Comisionado da Transparencia en relación coa adopción de recomendacións para o mellor cumprimento das obrigas legais en materia de transparencia e bo goberno, e emisión de informes sobre proxectos de lei ou de regulamentos en materia de transparencia e bo goberno.

4. A Comisión prestará especial atención, no exercicio das súas funcións, ao contido do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 3. Resolución das reclamacións ditadas por entes locais

A Comisión da Transparencia resolverá as reclamacións previstas no artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia.

Artigo 4. Adscrición e sede

1. A Comisión da Transparencia está adscrita ao Valedor do Pobo.

2. A Comisión ten a súa sede na rúa Hórreo 65, 15701 Santiago de Compostela, páxina web www.comisiondatransparencia.gal e enderezo de correo electrónico transparencia@valedordopobo.gal

Artigo 5. Principios de funcionamento

A Comisión, no exercicio das súas funcións, rexerase polos principios de transparencia e participación cidadá, coas determinacións que establecen as letras seguintes:

a) Unha vez adoptadas e notificadas todas as resolucións da Comisión, logo de disociación dos datos de carácter persoal que conteñan, serán obxecto de publicación na páxina web institucional da Comisión da Transparencia, así como no Portal de transparencia.

b) A Comisión instrumentará mecanismos de participación como vía de colaboración da cidadanía no mellor desempeño das funcións do organismo e para favorecer o cumprimento da normativa de transparencia.

CAPÍTULO II
Organización da Comisión da Transparencia

Artigo 6. Estrutura orgánica

1. A Comisión da Transparencia ten a composición prevista no artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. A Secretaría da Comisión será ocupada pola persoa designada pola Presidencia entre as persoas empregadas públicas que presten os seus servizos no Valedor do Pobo.

Artigo 7. Funcións da Presidencia

A Presidencia da Comisión, ademais de impulsar a acción desta para o cumprimento dos seus obxectivos, exerce as funcións de dirección, xestión e de representación do dito órgano.

No desenvolvemento das súas funcións, é competente para:

a) Exercer a representación legal e institucional da Comisión.

b) Coñecer as reclamacións que se presenten en aplicación do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

c) Propor criterios de interpretación uniforme das obrigas contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

d) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas ata cinco días antes da realización da sesión para a cal se propoña o asunto.

e) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

f) Velar polo cumprimento das leis.

g) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión.

h) Resolver a abstención e recusación dos membros da Comisión.

i) Velar polo cumprimento das obrigas de publicidade de acordo co previsto no capítulo II do título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

j) Elevar á Comisión da Transparencia e propor para a súa aprobación o proxecto de memoria anual do organismo en que se analice o grao de aplicación da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e se proporcione información detallada sobre o cumprimento das obrigas nela previstas.

k) Subscribir convenios con entidades públicas e privadas.

l) Propoñer á Comisión da Transparencia, para a súa aprobación, o regulamento de funcionamento interno e as súas modificacións.

m) Solicitar das distintas administracións públicas a información necesaria para o cumprimento das súas funcións.

n) Todas aquelas ordes, resolucións e accións que, non estando atribuídas a ningún membro, sexan necesarias para o bo funcionamento da Comisión.

Artigo 8. Funcións da Vicepresidencia

Á Vicepresidencia da Comisión correspóndelle apoiar a persoa que exerza a Presidencia, e suplila nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

Artigo 9. Abstención e recusación

No caso en que, de acordo co previsto na normativa básica de réxime xurídico do sector público, concorra na Presidencia da Comisión da Transparencia algunha causa de abstención ou recusación, no exercicio das competencias a ela atribuídas, será asumida pola Vicepresidencia.

Nos casos de abstención, polas causas previstas nas normas de procedemento administrativo, dos demais membros da Comisión da Transparencia, o membro deberá absterse de intervir no asunto de que se trate e pór esa circunstancia en coñecemento da persoa titular da Comisión da Transparencia, quen ditará a resolución que proceda no prazo de 3 días.

Polos mesmos motivos da abstención, os membros poderán ser recusados polas persoas interesadas.

Ao día seguinte á comunicación da súa recusación, a persoa recusada participará á Presidencia se se dá nela, ou non, a causa alegada. No primeiro caso, a persoa titular da Presidencia poderá decidir sen máis trámites sobre a cuestión e, de ser o caso, sobre a súa substitución. No segundo, resolverá o procedente, tras as comprobacións que considere oportunas, no prazo de tres días.

Artigo 10. Funcións da Secretaría

1. A Comisión disporá dunha Secretaría, que ocupará a persoa designada pola Presidencia, logo de consulta á Comisión.

2. Correspóndelle á Secretaría da Comisión:

a) Asistir ás sesións, con voz pero sen voto.

b) Cursar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da súa Presidencia, así como as citacións aos seus membros. Coa convocatoria remitirá unha copia da orde do día, da acta anterior e, no caso da existencia de resolucións contra as que se recorreu, unha relación destas e dos criterios propostos para a adopción da súa resolución.

c) Presentar a orde do día nas sesións da Comisión e informar nos casos en que sexa necesario sobre os expedientes incluídos na orde do día.

d) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

e) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

f) Gardar a debida reserva respecto dos feitos ou informacións coñecidos con motivo ou ocasión do exercicio das súas competencias.

g) Elaborar o proxecto de memoria anual do organismo seguindo as indicacións da Presidencia.

h) Custodia das actas e demais documentación.

i) Expedir certificacións.

j) A dirección dos traballos administrativos da Comisión.

k) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretaria ou secretario.

Artigo 11. Os vogais

1. A composición das vogalías será a prevista no artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. O nomeamento corresponde a unha resolución do Valedor do Pobo por proposta das administracións e da federación seguintes:

a) En representación da Xunta de Galicia, dúas persoas da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación, que actuarán pola orde en que se faga a proposta de titularidade e suplencia.

b) En representación do Consello Consultivo, dúas persoas, que actuarán pola orde en que se faga a proposta de titularidade e suplencia.

c) En representación do Consello de Contas, dúas persoas, que actuarán pola orde en que se faga a proposta de titularidade e suplencia.

d) En representación da Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, dúas persoas, que actuarán pola orde en que se faga a proposta de titularidade e suplencia.

3. No nomeamento dos e das vogais da Comisión da Transparencia respectarase o principio de presencia equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 12. Dereitos e obrigas

Corresponde a cada un dos membros da Comisión:

a) Recibir a convocatoria das sesións do órgano de que forman parte cunha antelación, respecto á data da súa realización, de dous días naturais.

b) Asistir ás sesións da Comisión da Transparencia e participar nos debates dos asuntos sometidos a resolución, ou acordo.

c) Exercer, de ser o caso, o seu dereito a voto.

d) Gardar a debida reserva respecto dos feitos ou informacións coñecidos con motivo ou ocasión do exercicio das súas competencias.

e) Achegar documentos e informes para incorporar ás actas, que se entregarán na institución nun prazo de cinco días posteriores á realización da sesión.

f) Formular rogos e preguntas.

g) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

h) Elevar propostas á Comisión da Transparencia, cunha antelación mínima de cinco días á súa celebración, sobre asuntos de interese para o seu funcionamento.

Artigo 13. Outros recursos do Valedor do Pobo

A institución do Valedor do Pobo poderá asignar cantos medios persoais e materiais precise o desenvolvemento das tarefas propias da Comisión.

CAPÍTULO III
Funcionamento e procedemento

Artigo 14. Réxime xeral

1. A Comisión adoptará as resolucións e demais acordos en sesión plenaria. As sesións terán lugar a porta pechada, e a persoa titular da Presidencia poderá acordar que as sesións solemnes sexan públicas.

2. A Comisión rexerase polo disposto neste regulamento interno e, no seu defecto, polas normas aplicables aos órganos colexiados.

Artigo 15. Convocatoria

1. A Presidencia convocará a Comisión unha vez ao mes, salvo que o número de asuntos aconsellen outros prazos. Tamén se reunirá se así o solicita a maioría dos seus membros.

2. A Secretaría da Comisión da Transparencia, por orde da Presidencia, remitirá aos membros desta, no prazo mencionado no artigo 12.a), a orde do día, xunto coa documentación necesaria para a adopción dos acordos e resolucións.

3. Cando o asunto sometido a debate sexa un proxecto de informe do Comisionado da Transparencia, sobre proxectos de lei ou de regulamentos en materia de transparencia e bo goberno, achegarase tamén coa convocatoria a copia dos textos.

Artigo 16. Constitución e adopción de acordos

A Comisión quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, se están presentes as persoas que exercen a Presidencia, a Secretaría e a metade dos seus membros e, en segunda convocatoria, se está presente quen exerce a Presidencia, a Secretaría e a terceira parte dos seus membros.

As resolucións e os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes. Existirá un libro de actas das sesións, e cada unha das actas estará asinada pola persoa titular da Presidencia e pola persoa que exerza a secretaría. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada e aprobada pola maioría simple dos membros presentes.

Artigo 17. Desenvolvemento das sesións

a) As sesións da Comisión abriranse cando así o determine a Presidencia.

b) A persoa titular da Secretaría tomará nota das persoas asistentes e, de ser o caso, das escusas de asistencia, para os efectos de determinar se a sesión se pode levar a cabo, suposto en que procederá a ler a orde do día.

c) A persoa que actúe como secretaria ou secretario procederá á lectura da acta da sesión anterior, que deberá ser sometida a votación.

d) Calquera membro poderá pedir a rectificación da acta en relación coas opinións ou manifestacións por el formuladas, e a Presidencia poderá pedirlle que as achegue por escrito.

e) A orde de despacho dos asuntos seguirá a proposta da orde do día, pero a súa preferencia pode ser modificada por acordo da Comisión.

f) Os asuntos en que non se abra debate serán sometidos directamente a votación.

g) A persoa que actúe como secretaria ou secretario procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo responsable da tramitación, e procederase ao debate e á aprobación dos correspondentes acordos e resolucións nos termos previstos neste regulamento interno e na normativa de transparencia, segundo a materia de que se trate.

h) Correspóndelle á Presidencia ordenar as intervencións e moderar o debate.

i) Tratándose de proxectos de informes relativos a disposicións legais ou regulamentarias, a Presidencia pode acordar que a discusión e as intervencións se desenvolvan polos artigos respecto dos cales xurdan discrepancias.

j) Cando, a xuízo da Presidencia, o asunto fose obxecto de discusión suficiente, procederase á súa votación. A votación seguirá a orde que establece o artigo 33.2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, para a designación dos vogais, a seguir farao o/a vicepresidente/a e, por último, a persoa que preside, que terá voto dirimente.

Artigo 18. Votacións

1. As resolucións aprobaranse por unanimidade ou por maioría.

2. Os membros da Comisión que se aparten do voto da maioría, se así o consideran, poderán formular por escrito a xustificación, que será incorporada como anexo na acta da sesión correspondente.

3. As xustificacións deberán anunciarse unha vez rematada a votación do asunto que as determine e deberán confeccionarse, á vista do acordo maioritario, no prazo de tres días a partir da data, excepto nos casos de extraordinaria urxencia, en que o prazo será dun día.

4. As xustificacións do voto, asinadas polos membros que as subscriban, entregaranse á persoa titular da Secretaría co fin de incorporalas á acta correspondente.

Artigo 19. Actas

1. De cada sesión a Secretaría redactará unha acta, que deberá ser sometida a votación na primeira reunión que a continuación se realice.

2. A acta fará constar, necesariamente, as persoas asistentes, orde do día da reunión, o seu carácter, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrase, puntos principais das deliberacións e os contidos dos acordos adoptados. Poderá facerse constar, por solicitude dos membros, o sentido negativo do voto en relación co acordo adoptado, cando non desexen xustificar o seu voto.

Artigo 20. Acceso e transparencia

O acceso ás actas e informes da Comisión da Transparencia terá lugar a través da súa publicación na páxina web da Comisión, no dominio www.comisiondatransparencia.gal

María Puy Fraga, secretaria da Comisión da Transparencia de Galicia, órgano adscrito ao Valedor do Pobo na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno

CERTIFICA:

Que con data do 14 de xuño de 2016 a Comisión da Transparencia de Galicia acordou en sesión ordinaria, por unanimidade, a aprobación do Regulamento interno da Comisión da Transparencia.

O que se publica en cumprimento do acordo adoptado.

E para que así conste asínoo en Santiago de Compostela o dezasete de xuño do dous mil dezaseis.

Visado e conforme; Milagros María Otero Parga, presidenta da Comisión da Transparencia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2016

Milagros María Otero Parga
Valedora do Pobo