Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 18 de xullo de 2016 Páx. 31102

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 27 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento TR807I).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, no Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, cómpre adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear empresas e emprego.

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e logo da asunción de funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado no ámbito do traballo, o emprego e a formación, conforme os sucesivos reais decretos de transferencias, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas á xeración de novos postos de traballo e ao fomento da iniciativa emprendedora.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, no marco das políticas activas de emprego, xestiona os programas de apoio aos emprendedores e á economía social, xa que o autoemprego se está a amosar unha fórmula eficaz para a incorporación ou a reincoporación ao mercado de traballo das persoas desempregadas. O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación, que se regula na presente orde, ten por finalidade apoiar as persoas emprendedoras que, ao constituíren pequenas empresas, actúan como axentes dinamizadores da economía e do emprego en Galicia, especialmente aquelas empresas que se implantan nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego para a nosa mocidade e para as mulleres en desemprego.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino se terán en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

A Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que nesta liña se pretende tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e co obxecto deste réxime non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e nesta orde.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C 470.5, código de proxecto 2016 00317, cun crédito de 3.000.000,00 euros, que figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Obxecto e finalidade, marco normativo, principios de xestión e definicións

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2016 do programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación.

2. A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade, os homes maiores de 45 anos e as mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 12/2015, de 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas para o ano 2016 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

En virtude do anterior, no exercicio económico de 2016, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria: 09.40.322C 470.5, código de proxecto 2016 00317, cun crédito de 3.000.000,00 euros, que figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016.

2. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou nalgún dos lugares previstos no artigo 14.1 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

Artigo 5. Definicións

1. Para os efectos deste programa entenderase por:

a) Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data da alta na Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

A comprobación de carecer de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na data da súa alta na Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocupar os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

b) Empregos subvencionables: os postos de traballo creados con carácter estable e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incluídos os das persoas promotoras, sempre que non prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

c) Persoas promotoras socias: aquelas que figuren como tales na escritura de constitución.

d) Empresas de nova creación: aquelas que inicien a actividade empresarial desde a data do 1 de xaneiro de 2016.

e) Inicio de actividade empresarial: a data de alta no imposto de actividades económicas, ou de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

f) Período subvencionable: poderán ser obxecto de subvención, ao abeiro deste programa, as actuacións subvencionables que, cumprindo os requisitos de cada tipo de axuda, se desenvolvesen desde o 1 de xaneiro de 2016 e, no caso das entidades do artigo 6.2, sempre que se desenvolvesen no seu primeiro ano de actividade.

g) Persoa con discapacidade: aquela que, de conformidade co establecido no artigo 4.1 e 2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social (BOE nº 289, do 3 de decembro), presenta deficiencias físicas, mentais, intelectuais e sensoriais, previsiblemente permanentes que, ao interactuar con diversas barreiras, poidan impedir á súa participación plena e efectiva na sociedade, en igualdade de condicións cos demais. Ademais, e para todos os efectos, ten a condición de persoa con discapacidade aquela a quen se lle recoñecese un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. Considerarase que presentan una discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, logo de autorización do interesado; no caso de non prestar autorización ou que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade.

h) Concello rural, aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes. Para computar o número de habitantes dos concellos galegos tomarase como referencia as cifras de poboación referidas ao 1 de xaneiro de 2015 resultantes da revisión do padrón municipal, publicadas polo Instituto Nacional de Estatística e declaradas oficiais mediante o Real decreto 1079/2015, do 27 de novembro (BOE nº 301, do 17 de decembro).

2. Para os efectos deste programa, terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, por concorrer algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia:

a) Estar nunha situación de cargas familiares non compartidas.

b) Ser unha persoa vítima de violencia doméstica.

c) Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias adictivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.

d) Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero.

e) Ter unha discapacidade valorada superior ao 33 %.

f) Ser inmigrante ou emigrante retornado.

g) Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores.

h) Proceder de cumprimento de pena nunha institución penitenciaria.

i) Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.

j) Pertencer a unha minoría étnica.

k) Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

l) Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.

m) Calquera outro factor non previsto expresamente no artigo 3 da Lei 10/2013, sempre que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

g) Que como mínimo o 50 % do seu capital social sexa de titularidade dos promotores e promotoras que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

2. Ademais, tamén poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego (ILE).

Estas empresas, cualificadas previamente como ILE, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, deben estar constituídas e ter iniciado a súa actividade no prazo máximo dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

A actividade desenvolta pola empresa debe coincidir coa do proxecto previamente cualificado como iniciativa local de emprego.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

3. No caso da axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, poderán ser beneficiarias as persoas promotoras que cumpran os requisitos establecidos no artigo 11.

Artigo 7. Tipos de axuda

O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación inclúe os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención para formación.

c) Subvención para o inicio da actividade.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Artigo 8. Subvención á xeración de emprego estable

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas incentivaranse, ata un máximo de dez, cada un deles coas seguintes contías:

A. 4.500 euros, desempregado en xeral.

B. 5.100 euros para muller desempregada, mozo desempregado menor de 30 anos e home desempregado maior de 45 anos.

C. 6.000 euros persoa desempregada pertencente a colectivos en risco ou en situación de exclusión social e persoa desempregada con discapacidade.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.

No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, e a opción corresponderá á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude e, no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que se solicita polo colectivo A deste punto.

2. Cando se trate de contratacións indefinidas de persoas traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato obxecto de subvención.

3. Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de xaneiro de 2016 e ata o 30 de setembro de 2016.

Artigo 9. Subvención para a formación

1. A subvención para a formación ten por obxecto financiar parcialmente a formación relacionada coas funcións xerenciais da persoa promotora ou empresaria e/ou a formación directamente relacionada coa actividade que van desenvolver, de xeito que estes estudos contribúan á boa marcha da empresa.

2. Subvencionaranse os cursos e as actividades formativas que a persoa promotora realice para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial e as actividades formativas directamente relacionadas coa actividade económica en que estea de alta a empresa. Esta formación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas.

3. O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable e deberá ser efectivamente xustificado, mediante certificado de asistencia e as facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2016.

A contía da subvención, que só se poderá solicitar unha vez, será de ata o 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 3.000 euros polo conxunto dos cursos e actividades de formación recibidas.

Artigo 10. Subvención para o inicio da actividade

1. Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de ata 3.000 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de dez, por persoa desempregada en xeral. Para mulleres, mozos menores de 30 anos ou homes maiores de 45 anos a contía desta subvención será de ata 3.600 euros, e para a persoa desempregada con discapacidade e persoa pertencente a colectivos en risco ou en situación de exclusión social a contía será de ata 4.800 euros.

No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, e a opción corresponderá á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude e, no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que se solicita polo colectivo do importe mínimo.

2. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Estes gastos poderán ser subvencionados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.

3. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2016.

Artigo 11. Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras

1. Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos.

2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable e polo cal se obtivese a subvención establecida no artigo 8 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

3. Serán subvencionables os gastos da gardaría correspondentes desde os tres meses anteriores ao inicio de actividade ata a fin do período subvencionable, e tendo como data límite máxima o mes de setembro de 2016.

Artigo 12. Incremento dos incentivos

As contías máximas das axudas para a subvención á xeración de emprego estable reguladas nesta orde incrementaranse nun 15 % por emprego subvencionable, nos casos en que a empresa teña o seu domicilio social e o centro de traballo nun concello rural.

CAPÍTULO II
Procedemento

Artigo 13. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 14. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2016. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

3. Respecto das solicitudes de subvención á xeración de emprego estable polas actuacións realizadas antes da data de publicación desta orde, o prazo será dun mes contado desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

4. As solicitudes estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es e na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

5. Para a presentación de solicitudes de axudas as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos e das axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas cales se solicita a subvención, previstos no artigo 5, número 1 desta orde, efectuarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 6.2 b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e nos artigos 14.1 b) e 20.2 e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria como responsable do ficheiro, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.industria@xunta.es

Artigo 17. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo do Emprego Autónomo da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 18. Documentación

1. As solicitudes, unha por cada tipo de axuda, deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde, unha para cada axuda solicitada, e deberán ir acompañadas do orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada da documentación, común e específica, que se relaciona.

2. As solicitudes de axudas deberán ir acompañadas da seguinte documentación común para todas as axudas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante, só no caso de non dar autorización á Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

b) De ser o caso, poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude, para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

c) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil, de ser o caso.

d) Alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, unicamente no caso de que denegue expresamente a consulta telemática do IAE.

e) Memoria económica e descritiva do proxecto empresarial, asinada pola persoa representante da empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición da actividade, o currículo das persoas promotoras, o número de empregos creados e que estea previsto crear, os aspectos técnicos de produción e comercialización, o orzamento de investimento, o plan de financiamento que acredite a viabilidade da iniciativa empresarial, as medidas de seguridade e saúde laboral e de prevención de riscos e a adecuación en materia de protección do ambiente segundo a localización e a actividade empresarial (segundo modelo anexo II).

f) Listaxe asinada, unha para cada axuda solicitada, coa relación dos investimentos e gastos, con indicación do importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas en firme ou pro forma, orzamentos e demais documentos xustificativos do investimento realizado ou que se vai realizar e da axuda solicitada, segundo o modelo anexo III desta orde.

Esta listaxe non será necesario presentala coa solicitude de subvención á xeración de emprego estable.

g) Se é o caso, documentos que acrediten a pertenza aos colectivos polos cales se solicita a subvención, certificación da concorrencia das circunstancias que determinen a pertenza aos colectivos en risco ou situación de exclusión social, ou certificado de discapacidade nos casos de recoñecemento fóra de Galicia ou que non autorizase a súa consulta no anexo I ou VI, segundo corresponda.

h) Documentación acreditativa de que se encontra ao día das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

3. Documentación específica:

a) Subvención á xeración de emprego estable:

– Declaración do número de empregos estables de carácter indefinido ocupados por colectivos beneficiarios e relación nominal deles con indicación da data de incorporación efectiva, onde se fagan constar os custos salariais de dúas anualidades de cada persoa traballadora por conta allea pola cal se solicita subvención, segundo modelo anexo IV desta orde.

– Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda.

b) Subvención para a formación.

– Memoria descritiva do curso/actividade de formación solicitada en que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da súa función xerencial ou a relación directa coa actividade económica en que estea de alta a empresa.

– Certificación da entidade formadora en que consten, entre outros, os seguintes aspectos:

1. Nome do curso/actividade.

2. Lugar e datas de realización.

3. Módulos que se impartirán e distribución temporal (número de horas).

4. Prazo de inscrición.

5. Número de prazas.

– Solicitude de inscrición ou matrícula no curso/actividade.

– No caso de estar realizando o curso, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, factura pro forma.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros, prevista para o contrato menor no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, no suposto de prestación de servizos, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

c) Subvención para o inicio da actividade:

– Orzamento dos gastos necesarios para o inicio da actividade, con indicación daqueles a que se vai destinar a subvención.

– Facturas e, no caso de estaren efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

– Declaración do número de empregos estables creados ou que se crearán ata o 30 de setembro de 2016 e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daquelas polas cales se solicita a subvención, segundo o modelo anexo IV.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

– Libro de familia co nome das persoas titulares da familia e dos fillos e fillas menores de tres anos e nome, apelidos e número de DNI do cónxuxe, só no caso de non autorizar a súa consulta no anexo VI. De ser o caso, documentos acreditativos do carácter monoparental da familia.

– Documento acreditativo do custo da mensualidade da gardaría.

– Facturas e, no caso de estaren efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento das mensualidades xa aboadas na data da solicitude.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta orde.

3. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberá terse realizado antes do 20 de decembro de 2016.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2016.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

4. As persoas e entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión ou, se é o caso, ata o 20 de decembro de 2016.

5. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación do orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada, no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

A. Documentación xeral para todos os tipos de axuda:

– Declaración complementaria, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores, segundo modelo anexo V.

B. Documentación específica:

a) Subvención á xeración de emprego estable:

– Última nómina aboada a cada persoa traballadora por conta allea pola cal se concedeu a subvención.

b) Subvención para a formación:

– Facturas da empresa, entidade ou persoa física e documentos bancarios acreditativos do efectivo pagamento do servizo recibido.

– Certificado da entidade formadora da asistencia do solicitante ao curso/actividade obxecto da axuda.

c) Subvención para o inicio da actividade:

– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, con indicación do importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida, segundo o modelo anexo III desta orde.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras:

– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, con indicación do importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida, segundo o modelo anexo III desta orde.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

6. Cando concorran varias axudas só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

7. A documentación exixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude, a opción da entidade ou persoa interesada.

8. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

CAPÍTULO III
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 21. Incompatibilidades e concorrencia

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

2. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos neste programa.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica, emprego autónomo e cooperativas convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así mesmo, serán incompatibles coas axudas para a creación de pemes ou a realización de investimentos en empresas novas promovidas por novos emprendedores, convocadas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

4. A subvención pola xeración de emprego estable polos contratos por conta allea será incompatible coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, coas bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

5. As subvencións reguladas nesta orde serán compatibles coa axuda prevista para a adaptación dos postos de traballo regulada nas diferentes axudas de integración laboral das persoas con discapacidade, e incompatible co resto das axudas reguladas nos diferentes programas de integración laboral das persoas con discapacidade convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 22. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención durante un tempo mínimo de dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

De acordo con esta obriga, e empresa subvencionada deberá anunciar que está a ser subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Servizo Público de Emprego Estatal. Para isto, incorporarán un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. O dito cartel estará dispoñible no portal de emprego: http://emprego.ceei.xunta.gal/.

i) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As empresas beneficiarias das subvencións previstas nesta orde cando, no período de dous anos desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora pola cal se concedeu a subvención, están obrigadas, no prazo de dous meses, a cubrir a vacante cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda, e a nova persoa traballadora debe pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa, polo cal se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Para o suposto da cobertura destas vacantes poderanse admitir as transformacións de contratos temporais en indefinidos de persoas traballadoras vinculadas temporalmente á empresa, sempre que a baixa da persoa traballadora substituída se realice unha vez transcorrido o primeiro ano desde a súa incorporación á empresa.

Transcorridos dous anos desde a data de inicio da súa actividade as empresas beneficiarias, co fin de garantiren o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, presentarán, dentro dos tres meses seguintes, unha relación da variación das altas e baixas do persoal da empresa durante eses dous anos.

3. As empresas beneficiarias das subvencións do programa regulado nesta orde deberán manter a forma xurídica pola cal se lles concederon as subvencións durante un tempo mínimo dun ano desde que se iniciou a actividade. Transcorrido este tempo, deberán presentar documento acreditativo do cumprimento desta obriga.

4. As entidades beneficiarias do artigo 6.1 asumen a obriga de manter a achega ao capital social e, como mínimo, a súa porcentaxe de participación no capital social durante o mesmo período, referido aos promotores ou promotoras que creasen o seu propio posto de traballo na empresa. A transmisión voluntaria por actos inter vivos de participacións sociais ou accións do capital social soamente se poderá facer a favor de persoas físicas e sen que, neste caso, se supere o máximo de cinco persoas físicas socias da empresa. Esta transmisión deberá ser comunicada por escrito ao órgano concedente da subvención.

Co obxecto de acreditar o cumprimento desta obriga, a empresa beneficiaria das subvencións, transcorrido un ano desde o inicio da súa actividade, achegará ao órgano concedente certificación do Rexistro Mercantil sobre as variacións no capital social desde a data da constitución da sociedade e declaración do órgano de administración da sociedade con relación á información que conste no libro de persoas socias respecto á titularidade e as alteracións producidas desde a data da constitución.

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. No caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade do beneficiario, respecto da obriga establecida no artigo 22, punto 1, letra a) de manter a actividade empresarial durante polo menos dous anos, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dezaoito meses, e que o beneficiario acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro das subvencións percibidas de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

4. Entenderase que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procederá o reintegro parcial de todas as subvencións percibidas en función da persoa traballadora da que se trate, cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 22, punto 2, por cada contratación subvencionada e non substituída no prazo de dous meses. O cálculo da contía que se reintegrará farase do seguinte xeito:

Divídese entre setecentos vinte o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate, calcúlase o número de días que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución e multiplícase o importe obtido no paso primeiro polo número de días en que o posto de traballo estivese vacante.

Tamén procederá o reintegro parcial pola diferenza cando a persoa traballadora substituída sexa dun colectivo diferente ao substituído e lle corresponda unha subvención inicial inferior.

5. O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do cartel, segundo o previsto no artigo 22.h), terá un reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

Artigo 25. Exclusións

1. Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social ou, de ser o caso, nunha mutualidade profesional, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas en que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

b) As persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social.

c) As persoas ou empresas que percibisen subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo, iniciativas de emprego, ou iniciativas de emprego de base tecnolóxica, nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día do pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións, segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos números 2 e 3 anteriores, para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 26. Seguimento e control

A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 27. Axudas baixo condicións de minimis

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 28. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira. Seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda. Documentación orixinal

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde, agás aquela que, de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa estea en poder da Administración actuante.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias, de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional cuarta. Información sobre a xestión de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file