Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 27 de xullo de 2016 Páx. 32772

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 89/2016, do 30 de xuño, polo que se regula a creación, o uso e o acceso á historia social única electrónica.

I

Conforme o previsto nos artigos 148.1.20ª da Constitución española e 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe competencia exclusiva en materia de asistencia social. No exercicio da dita competencia ditouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estruturar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia, entendendo por tales o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais.

Integra o sistema galego de servizos sociais o conxunto de servizos, programas e prestacións, tanto de titularidade pública como de titularidade privada, acreditados e concertados pola Administración nos termos establecidos na Lei 13/2008, do 3 de decembro. Así, na creación e xestión dos distintos servizos, programas e prestacións participan diferentes administracións e entidades, dentro do ámbito competencial e de participación que prevé a propia Lei 13/2008, do 3 de decembro. A amplitude do catálogo de servizos con intervención de distintas administracións e entidades define un escenario complexo en que resultan imprescindibles a coordinación e cooperación interadministrativa.

A actual situación demográfica e socioeconómica, que propicia un cambio no perfil das persoas usuarias de servizos sociais, incrementa as necesidades de atención a que debe dar resposta o sistema de servizos sociais, o que obriga a adaptarse aos cambios con rapidez para garantir unha atención de calidade e sustentable. Esta situación leva tamén a que resulte necesario esforzarse en reducir barreiras entre os niveis asistenciais e en optimizar o uso dos recursos, aspecto en que o aproveitamento das posibilidades das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) resulta clave.

Neste contexto o Consello da Xunta de Galicia aprobou no mes de abril de 2013 o Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais. Coa integración das tecnoloxías da información e da comunicación na xestión dos servizos sociais, a Administración autonómica busca mellorar a súa eficiencia para garantir a sustentabilidade do sistema e incrementar a súa capacidade para dar cobertura a unha demanda de atención en aumento.

Unha das claves do plan é a creación dun sistema integrado de intercambio de información entre o sistema social, sanitario e as administracións locais e autonómica, dispoñible para todos os axentes implicados con toda a información relevante dos/das usuarios/as e coa carteira de servizos global. É neste marco que se fai uso da historia social única electrónica, un sistema de información que implicará unha nova forma de traballar, máis áxil, xa que pasa a un modelo global en que se dispón de toda a información integrada e consolidada, de maneira que calquera cambio nela queda á disposición do resto dos axentes implicados. Neste senso, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 30 de outubro de 2014, acordou o inicio polos órganos competentes das actuacións necesarias para a tramitación da normativa que regule o uso da historia social única electrónica, o acceso á información recollida nela, así como o uso preferente da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde como instrumento de identificación no acceso da cidadanía aos servizos sociais e a creación dunha base de datos poboacional de referencia, inicialmente no ámbito social e sanitario de Galicia, sen prexuízo de que se incorporen novos ámbitos tomando para tal efecto como punto de partida os datos poboacionais contidos na base de datos do sistema da tarxeta sanitaria, a que se refire o punto 1 do anexo II da Orde do 12 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

II

A Constitución española recolle no seu artigo 39, entre os principios reitores da política social e económica, o relativo a que os poderes públicos aseguran a protección social da familia.

O artigo 6.3 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, enumera os dereitos que todas as persoas, en tanto que usuarias dos servizos sociais, teñen con relación ao sistema galego de servizos sociais, entre os cales se atopan os consistentes en utilizar o sistema de servizos sociais en condicións de igualdade e sen discriminación; o de recibir un tratamento acorde á dignidade da persoa e ao respecto dos dereitos e liberdades fundamentais; o de recibir información de maneira áxil, suficiente e veraz, e en termos comprensibles, sobre os recursos e prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como o dereito á confidencialidade, sixilo e respecto en relación cos seus datos persoais e coa información que sexa coñecida polos servizos sociais en razón da intervención profesional, sen prexuízo do posible acceso a eles no exercicio dunha acción inspectora, de conformidade coa lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

Xunto co anterior, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, no artigo 16.5 establece que a Xunta de Galicia creará a historia social única electrónica, como conxunto de información e documentos en formato electrónico nos cales se conteñen os datos, as valoracións e as informacións de calquera tipo sobre a situación e a evolución da atención social das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais ao longo do seu proceso de intervención, así como a identificación dos/das profesionais e servizos ou prestacións que interviñeron sobre este. Asemade, no número 5 bis deste artigo, establécese que a historia social única terá carácter público e confidencial e respectará os dereitos das persoas usuarias ao acceso ao seu expediente persoal e a obter copia del, garantindo que esta historia só será empregada para a intervención profesional ou para unha acción inspectora de carácter público.

No artigo 59.g) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, establécese a competencia da Xunta de Galicia, entre outras, para o deseño, a creación, a xestión e a coordinación dun sistema de información estatística dos servizos sociais e o deseño, a creación, a xestión e a coordinación da historia social única electrónica, así como o seu mantemento e actualización.

Por outra parte, o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, no seu artigo 39 sinala que o órgano superior da Administración xeral da comunidade autónoma competente no sistema galego de servizos sociais implantará e manterá un sistema de información básica das persoas usuarias dos servizos sociais que estará conectado en rede cos sistemas de información e de xestión das prestacións e servizos incluídos no Catálogo de servizos do sistema galego de servizos sociais, e, no seu número 2, engade que o sistema de información posibilitará o retorno da información relevante sobre as persoas usuarias desde os servizos sociais especializados ao expediente social básico xestionado polos servizos sociais comunitarios. Por outra banda, na normativa reguladora da Administración electrónica, abórdanse aqueles aspectos en que é obrigado que as previsións normativas sexan comúns, como é o caso da interoperabilidade como capacidade dos sistemas de información e dos procedementos a que dan soporte para compartir datos e posibilitar o intercambio de información e coñecemento entre eles, que resulta necesaria para a cooperación, o desenvolvemento, a integración e a prestación de servizos conxuntos por parte das administracións públicas.

De acordo co exposto, corresponde á Xunta de Galicia crear o sistema de información das persoas usuarias dos servizos sociais, conectado en rede cos sistemas de información das prestacións e servizos do Catálogo de servizos do sistema galego de servizos sociais, no cal queden recollidas todas as intervencións e servizos prestados á persoa usuaria nos diferentes niveis de actuación do sistema galego de servizos sociais.

As previsións da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, en relación co expediente social básico único no ámbito dos servizos comunitarios e co sistema de información social básica das persoas usuarias dos servizos sociais, obteñen pleno cumprimento a través da historia social única electrónica, cuxo uso e acceso se regula neste decreto. Neste senso, o expediente social básico será o punto de entrada habitual para a maior parte das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais, ao constituír os servizos sociais comunitarios o acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do sistema, de acordo co artigo 9 da Lei 13/2008, do 3 de decembro. A apertura dun expediente social básico nos servizos sociais comunitarios ou, naqueles casos en que estea xustificado, de calquera outro expediente no ámbito dos servizos sociais especializados, será motivo para que se habilite a historia social única electrónica do/da usuario/a e, a partir dese momento, a información social relacionada coa súa persoa quedará integrada e á disposición dos/das usuarios/as do sistema.

Así mesmo, no relativo á confidencialidade dos datos e á promoción de novas canles electrónicas de interacción coa cidadanía, é preciso ter en conta a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así como a normativa reguladora da Administración electrónica.

A historia social única electrónica constitúese como o soporte máis adecuado para a intervención social, facilita o manexo e a accesibilidade da información e documentación social da persoa usuaria, para cuxo obxecto os/as profesionais técnicos/as que interveñen nela teñen dereito de acceso e, de ser o caso, deber de acceder e/ou rexistrar a información correspondente na historia social única electrónica.

Este novo soporte de traballo fai necesario regular algúns aspectos referidos ao manexo electrónico de información persoal por parte das administracións, institucións, entidades e profesionais implicados na atención social, xa que co uso da historia social única electrónica non só se poden tratar máis datos persoais, senón que tamén se pode facer posible que os ditos datos sexan máis facilmente accesibles para un número maior de persoas destinatarias, o que fai imprescindible establecer garantías totais de confidencialidade e integridade dos datos.

Neste contexto, a Consellería de Política Social e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia desenvolven o sistema da historia social única electrónica, denominado HSUE. Este sistema integra toda a información e documentación relevante relativa ao ámbito social xerado nos diferentes niveis de prestación e atención. O HSUE configura un modelo de historia social única electrónica que garante, de maneira segura, a accesibilidade de toda a información social aos/ás profesionais técnicos/as que desenvolven a súa actividade para o sistema de servizos sociais de Galicia; promove a compartición de información e a transferencia de coñecemento, tanto dentro do ámbito do sistema galego de servizos sociais como con outros sistemas relacionados co benestar como poden ser o sistema público de saúde, o sistema público de educación ou o sistema público de emprego; e busca como obxectivo último optimizar os recursos públicos prestados ás persoas usuarias que son comúns aos diferentes sistemas e que definen os ámbitos sociosanitario, socioeducativo e sociolaboral. Esta compartición de información e transferencia de coñecemento poderá ser extensible a outros sistemas ou áreas que presten servizos ás persoas usuarias dos servizos sociais, sempre que os ditos servizos se consideren dentro do ámbito das políticas sociais, nomeadamente ás areas de vivenda e de igualdade entre o home e a muller, e estará supeditada aos protocolos de compartición da información que sexan de aplicación e con respecto á normativa aplicable.

III

O decreto consta de 32 artigos, agrupados en 3 títulos, 3 disposicións adicionais e 3 disposicións derradeiras.

No título I regúlase o obxecto deste decreto, a definición, o ámbito e o contido da historia social única electrónica, así como os requisitos para a súa elaboración, conservación e custodia.

No título II regúlase o acceso e uso da historia social única electrónica, que se divide en catro capítulos. No seu capítulo I establécense os requisitos de acceso e uso da historia social única electrónica.

No capítulo II regúlase o acceso á historia social única electrónica por parte de persoas distintas das usuarias do sistema galego de servizos sociais e regúlanse os módulos de información de especial custodia.

No capítulo III regúlase o acceso á historia social única electrónica por parte das persoas usuarias.

No capítulo IV regúlase o acceso á información contida na historia social única electrónica das persoas usuarias falecidas.

No título III establécese o réxime sancionador.

Na disposición adicional primeira prevese o prazo máximo para a aprobación da norma técnica sobre servizos de interoperabilidade do sistema HSUE-definición técnica e manual de integración. Na disposición adicional segunda determínase o prazo de habilitación dos módulos de especial custodia e do acceso vía internet á historia social única electrónica, e na adicional terceira establécese a integración da información no sistema HSUE a través dos distintos sistemas de información do sistema galego de servizos sociais.

Na disposición derradeira primeira recóllense as previsións para a actualización e as modificacións non substanciais do formulario normalizado a través da súa publicación na sede electrónica. Na disposición derradeira segunda recóllese a habilitación normativa para a aplicación e o desenvolvemento das previsións contidas neste decreto, e na disposición derradeira terceira recóllese o prazo de entrada en vigor do decreto.

O procedemento de elaboración do decreto axustouse ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamiento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en especial no que atinxe aos trámites de audiencia e de información pública, ao sometemento aos informes preceptivos, incluído o informe do Consello Galego de Benestar Social, e á publicación do texto na páxina web.

Na súa virtude, por proposta conxunta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do conselleiro de Sanidade e do conselleiro de Política Social, co refrendo do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xuño de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto regula a creación, o acceso e o uso da historia social única electrónica.

Artigo 2. Definición da historia social única electrónica

De conformidade co artigo 16.5 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, a historia social única electrónica é o conxunto de información e documentos en formato electrónico nos cales se conteñen os datos, as valoracións e as informacións de calquera tipo sobre a situación e a evolución da atención social das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais ao longo do seu proceso de intervención, así como a identificación dos ou das profesionais e dos servizos ou prestacións que interviñeron sobre este.

Artigo 3. Soporte

1. O sistema de información que dá soporte á historia social única electrónica denomínase HSUE. Este sistema empregará os soportes documentais electrónicos adecuados para que a información e os documentos que forman a historia social única electrónica se almacenen garantindo a súa autenticidade, integridade, seguridade e conservación.

2. En todo caso, o uso dos ditos soportes aterase ao disposto na normativa sobre tratamento automatizado de datos de carácter persoal. Así mesmo, procurarase a accesibilidade universal a ditos soportes, de acordo co establecido na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e demais normativa de aplicación.

Artigo 4. Ámbito

A historia social única electrónica deberá ser única por persoa usuaria do sistema galego de servizos sociais na Comunidade Autónoma.

Artigo 5. Contido

1. A historia social única electrónica deberá conter a suficiente, adecuada, pertinente e necesaria información para documentar o proceso de intervención social da persoa usuaria. Así, deberá facerse referencia nela fundamentalmente á identificación da persoa usuaria e dos ou das profesionais, ás valoracións técnicas no ámbito dos servizos sociais, ás posibles intervencións sociais e ao posible seguimento do caso. En particular, incluiranse os aspectos relacionados coas necesidades de atención, os programas, servizos e/ou prestacións que recibe a persoa usuaria e a información que se dispón dela necesaria para decidir a modalidade de intervención adecuada, segundo as áreas de información descritas no número 3 deste artigo.

2. Toda a información contida na historia social única electrónica estará vinculada:

a) Cunha única persoa usuaria, identificada de maneira única na base de datos poboacional de referencia, tomando para tal efecto os datos contidos na base de datos poboacional do sistema da tarxeta sanitaria a que se refire o punto 1 do anexo II da Orde do 12 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, permitirá favorecer o labor dos ou das profesionais que, xunto á información contida na historia social única electrónica, poidan acceder, conforme a normativa aplicable, á información sobre a persoa usuaria existente noutros ámbitos, en particular á información clínica da que dispoña o Servizo Galego de Saúde.

b) Cun único catálogo de entidades que representará a estrutura organizativa que define o sistema galego de servizos sociais e dará soporte aos servizos, programas e prestacións que este ofrece.

c) Cun único catálogo de servizos, programas e prestacións, en que se exporá a oferta do sistema galego de servizos sociais, relacionándoa coas entidades que son responsables da xestión da prestación ofertada así como de executala.

3. A información que se poderá atopar na historia social única electrónica estará organizada nas seguintes áreas:

a) Información complementaria da persoa: engade información sobre os datos que se conteñen na poboacional, relativa aos ámbitos de intervención a que pertence e aos roles con que participa no sistema (usuario/a, profesional, membro da unidade de convivencia).

b) Información social: cada unha das persoas que figuren na poboacional poderán ter información de tipo social, ben por posuír unha historia social única electrónica ou por ser unha persoa relacionada con outra que posúe unha historia social única electrónica (profesionais, membros da unidade de convivencia). A información social clasifícase nos seguintes ámbitos:

1ª. Información persoal: agrupa a información sobre as características (identificación das características e necesidades que presentan as persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais), dinámicas condutuais ou habilidades para a vida (entre outras o autocontrol das emocións, autodiagnóstico, comunicación, empatía, asertividade, resiliencia, escoita activa), a súa situación persoal, a súa situación legal (estado civil, situación legal de residencia en España...) ou, de ser o caso, a relación de representación entre persoas.

2ª. Información residencial: agrupa a información relacionada coa situación residencial da persoa en España: empadroamento máis recente e históricos (concellos e períodos temporais en que conste o empadroamento da persoa), situación de residencia para inmigrantes, situación de emigrante.

3ª. Información de convivencia e familiar: agrupa a información da situación de convivencia (persoas que conforman a unidade familiar e de convivencia), situacións de condutas/feitos de violencia documentalmente acreditados, medidas de protección, necesidades detectadas, así como as potencialidades que a unidade de convivencia poida ter para o desenvolvemento da intervención social.

4ª. Información sociorrelacional: engloba a información referente á situación relacional: relacións sociais entre persoas fóra da unidade de convivencia e do seu núcleo familiar, apoios sociais prestados por parte de persoas ou organizacións. A través desta información poderase definir o xenograma e o ecomapa, xa que conterá información sobre a situación relacional da persoa, a aceptación social e participación social, así como as súas necesidades e os apoios sociais que recibe.

5ª. Información de vivenda: agrupa a información relativa á situación da vivenda e da súa contorna dunha persoa ou datos da situación de sen teito.

6ª. Información económica: agrupa a información que define a situación económica dunha persoa e que constitúa o punto de partida para a realización dos cálculos definidos para a obtención de posibles prestacións ás cales poida ter dereito.

7ª. Información de saúde e sociosanitaria: agrupa a información sobre o tipo de cobertura sanitaria que recibe, información sobre a súa afiliación á Seguridade Social e sobre a súa situación de saúde e sociosanitaria: necesidades de atención social e sanitaria, patoloxías coñecidas, situación de discapacidade, situación de dependencia, condutas aditivas. A información recollida neste ámbito será adecuada, pertinente e necesaria, de acordo coa intervención social que se leve a cabo.

Respecto á información de saúde só se almacena na historia social única aquela información e os informes que son necesarios para as valoracións que realizan os servizos sociais e pode estar integrada con información da historia clínica, de acordo coa normativa reguladora da protección de datos de carácter persoal, así como da normativa reguladora da historia clínica dos pacientes e da historia clínica electrónica.

8ª. Información formativo-laboral: agrupa a información relativa ao sector en que a persoa ten experiencia e que experiencia acumula, a formación que recibiu e recibe unha persoa, nivel de estudos, idiomas e novas tecnoloxías.

Para o caso de menores, rexistrarase información sobre a súa situación escolar, como o rendemento, a integración no colexio, o absentismo escolar ou as necesidades educativas especiais.

Ademais contén a información sobre os empregos e as condicións laborais en cada un dos que resulten de interese para o historial social: experiencia laboral, situación de empregabilidade.

9ª. Información de tramitación: agrupa a información sobre a situación administrativa e o resumo de todos os trámites que unha persoa ten ou tivo coa Administración relacionados coa materia relativa aos servizos sociais, tanto local como autonómica, ou incluso estatal, así como os recursos que lle foron aplicados como resultado desas tramitacións.

10ª. Información relativa a proxectos de intervención e seguimento das actuacións: agrupa a información sobre a intervención e os proxectos sociais, educativos, de integración e inserción ou de dinamización social realizados sobre a persoa usuaria.

4. Dentro dos ámbitos previstos no número anterior enmárcanse tamén os diferentes documentos relacionados coas intervencións sociais levadas a cabo coa persoa usuaria e que formarán parte da historia social única electrónica.

5. Respecto dos datos de carácter persoal e en cumprimento do principio de calidade, soamente se recollerán na historia social única electrónica aqueles adecuados, pertinentes e non excesivos, e necesarios para documentar o proceso de intervención social da persoa usuaria.

Artigo 6. Apertura e elaboración da historia social única electrónica

1. A apertura da historia social única electrónica, en consonancia co disposto no artigo 9.1 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, corresponderá a/ao profesional de referencia da persoa usuaria nos servizos sociais comunitarios que lle corresponda como primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais. Non obstante, a apertura da historia social única electrónica tamén se poderá levar a cabo nos servizos sociais especializados cando o acceso ao sistema galego de servizos sociais se produza directamente a través destes, nos casos en que así proceda, sen prexuízo de que se leven a cabo as actuacións necesarias para garantir a continuidade e complementariedade de ambos os niveis de actuación.

2. A elaboración da historia social única electrónica de cada persoa usuaria, nos aspectos relacionados co seu proceso de intervención, así como coa unidade de convivencia, será responsabilidade dos/das profesionais que interveñen nel e a súa actualización realizarase sempre a través dos módulos do HSUE habilitados para tal fin. A recollida dos datos de carácter persoal axustarase ao disposto na normativa aplicable e garantirase que a persoa interesada sexa informada dun modo expreso, preciso e inequívoco nos termos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 3 de decembro.

3. A historia social única electrónica constitúese como o soporte adecuado para a intervención social dos/das profesionais técnicos/as que participan no proceso de intervención, coa finalidade de ter rexistrada toda a información necesaria das persoas usuarias, acadar a valoración social máis adecuada e realizar a planificación e avaliación do sistema nos seus distintos niveis de actuación.

Os/as ditos/as profesionais teñen o dereito de acceso e o deber de acceder á historia social única electrónica e de rexistrar e cubrir a información necesaria a través do sistema HSUE ou os mecanismos que este poña á disposición de terceiros para garantir a interoperabilidade.

Os/as profesionais que interveñan no rexistro da información necesaria a través do sistema HSUE deberán de velar pola súa veracidade e exactitude.

Artigo 7. Custodia

1. A Administración autonómica, a través da secretaría xeral técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais, como responsable do ficheiro e da entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicación, como encargada do tratamento, é responsable da custodia da historia social única electrónica e adoptará todas as medidas precisas para garantir a confidencialidade dos datos e da información contida nela. Así mesmo, toda persoa que, no exercicio das súas funcións, teña coñecemento dos datos e informacións contidas na historia social única electrónica, terá a obriga de reserva e sixilo absoluto respecto destes.

2. O sistema HSUE rexistrará cada acceso á historia social única electrónica e a información correspondente ao/á profesional que accede a ela, os cales poderán ser auditables.

Artigo 8. Conservación

1. A historia social única electrónica conservarase en condicións que garantan a preservación da información e documentación que contén, aínda que non se manteñan no soporte orixinal no cal se xeraron, coas cautelas que se establezan regulamentariamente para evitar a manipulación de datos cando non se manteña o dito soporte orixinal.

2. A información e os documentos electrónicos serán conservados como mínimo durante un período de 5 anos desde a última actuación sobre a historia social única electrónica dunha persoa usuaria. Estableceranse mecanismos para a extracción e eliminación da dita información sen que iso afecte a información estatística nin a coherencia da información relacionada. Os ditos mecanismos tamén serán utilizados para o exercicio do dereito de cancelación dos datos. O disposto neste número enténdese sen prexuízo do establecido noutras normas que sexan de aplicación, en particular, no que atinxe á conservación da información e dos datos de carácter persoal.

TÍTULO II
Acceso e uso da información contida na historia social única electrónica

CAPÍTULO I
Disposicións xerais e módulos de especial custodia

Artigo 9. Réxime xurídico aplicable

O uso e acceso á historia social única electrónica, no ámbito do sistema galego de servizos sociais de Galicia, rexerase polo disposto neste decreto, na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o o regulamento de desenvolvemento da dita lei, así como na normativa reguladora da Administración electrónica.

Artigo 10. Xestión da historia social única electrónica

1. A historia social única electrónica xestionarase mediante o sistema de información corporativo denominado HSUE, coa finalidade de garantir a calidade, accesibilidade e seguridade técnica da información social, así como a coordinación e a continuidade da intervención.

2. Os/as profesionais autorizados que, no marco da súa intervención social, necesiten consultar a historia social única electrónica dunha persoa usuaria, están na obriga de utilizar o sistema HSUE como principal ferramenta de traballo. O anterior enténdese sen prexuízo de que determinadas intervencións, servizos, prestacións, polas súas especiais necesidades, utilicen ferramentas informáticas específicas, que deberán estar incluídas no Catálogo de aplicacións e sistemas informáticos do sistema galego de servizos sociais e estar integradas co sistema HSUE, desde o cal será posible consultar a información relevante xerada por elas.

3. Todas as consultas ou modificacións sobre a historia social única electrónica realizadas a través de ferramentas informáticas específicas ás cales se refire o número anterior, canalizaranse por unha única capa de servizos de interoperabilidade cuxa utilización estará regulada pola norma técnica sobre servizos de interoperabilidade do sistema HSUE-definición técnica e manual de integración. En ningún caso se permitirá ningún acceso ao sistema HSUE que non estea xestionado pola capa de interoperabilidade mencionada ou pola lóxica de negocio que a implementa.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, os datos persoais relativos á historia social única electrónica serán incluídos nun ficheiro denominado Xestión de servizos sociais, cuxa finalidade é a xestión dos servizos sociais prestados pola consellería competente en materia de servizos sociais, así como a xestión da historia social única electrónica. O órgano responsable deste ficheiro é a secretaría xeral técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

2. As administracións, organismos, centros, servizos do sistema galego de servizos sociais, do Servizo Galego de Saúde, así como da Administración xeral do Estado con competencias en servizos sociais e sanidade, na medida e segundo o artigo 3.g) da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sós ou conxuntamente con outros, en que traten datos persoais por conta do responsable do tratamento, constitúense en encargados do tratamento, polo que deberán tratar os datos nos termos establecidos no artigo 12 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

3. A realización do tratamento por conta de terceiros deberá estar amparada e regulada a través do correspondente contrato segundo o disposto no artigo 12 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e no capítulo III do título II do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, no cal se recollerán as condicións e instrucións fixadas polo responsable do ficheiro para a prestación do servizo, a finalidade do tratamento e a imposibilidade da comunicación dos datos a outras persoas distintas do prestador. Estipularanse igualmente as medidas de seguridade que o encargado do tratamento deberá implantar no sistema de tratamento que utilice para a prestación do servizo.

Estes encargados do tratamento só poderán subcontratar co cumprimento previo do establecido no artigo 21 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

4. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a secretaría xeral técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.gal, segundo o disposto nos artigos 15 e seguintes da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, así como no caso do dereito de acceso por parte das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais ao disposto no capítulo III do título II deste decreto.

No suposto de que os/as afectados/as exercesen os seus dereitos ante un encargado de tratamento, este deberá dar traslado ao responsable do ficheiro nun prazo máximo de tres días, co fin de dar resposta nos prazos establecidos pola normativa vixente, non sendo que na relación existente co encargado do tratamento se prevexa precisamente que o encargado atenderá, por conta do responsable, as solicitudes de exercicio por parte dos afectados dos seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición.

Artigo 12. Comunicación e tratamento de datos de carácter persoal

1. Os datos de carácter persoal contidos na historia social única electrónica poderán tratarse e cederse nos termos previstos nos artigos 6, 7, 8 e 11 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e no regulamento que a desenvolve.

2. En particular, e segundo o disposto no artigo 16.5.bis da Lei 13/2008, do 5 de decembro, non será necesario o consentimento da persoa interesada para a comunicación de datos persoais sobre a historia social única electrónica a través de medios electrónicos, cando se realice no ámbito da intervención profesional no sistema galego de servizos sociais ou para unha acción inspectora de carácter público. Para tal fin autorízase o tratamento dos datos de carácter persoal coa finalidade de prestar o conxunto de servizos e prestacións para a prevención, atención ou cobertura das necesidades individuais e sociais básicas previstas na normativa vixente, así como a cesión entre eles daqueles datos cuxo coñecemento sexa necesario para o exercicio das funcións e cometidos respectivamente atribuídos, nos termos previstos na lexislación específica ao respecto. Nos demais supostos de comunicación de datos persoais que consten na historia social única electrónica sen consentimento da persoa interesada, aplicarase o disposto nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Artigo 13. Intimidade e segredo

1. En todos os casos quedará plenamente garantido o dereito da persoa usuaria á súa intimidade persoal e familiar, polo que o persoal que acceda a calquera dato gardará o correspondente segredo profesional.

2. Terán unha especial consideración os datos de especial custodia, para os cales se habilitarán controis específicos de acceso e de auditoría que minimicen o número de profesionais que dispoñan de acceso a eles, segundo o disposto no artigo 15.2 deste decreto.

Artigo 14. Control do acceso

1. Os/as profesionais poderán consultar a información contida na historia social única electrónica no exercicio das funcións que teñan recoñecidas, nos termos previstos no presente decreto.

2. O sistema HSUE identificará de forma inequívoca e personalizada todo/a profesional que intente acceder á información contida na historia social única electrónica dunha persoa usuaria e verificará a súa autorización. O exercicio deste acceso deberá realizarse logo da comprobación por parte do sistema da identidade da persoa a través da súa sinatura electrónica, ou mediante outro mecanismo semellante que permita comprobala con plena seguridade.

3. O responsable do ficheiro e o encargado do tratamento establecerán as medidas técnicas e operativas de control dos accesos dos/das profesionais á información contida na historia social única electrónica, na forma que resulte máis adecuada ás súas circunstancias organizativas.

4. De cada intento de acceso ao sistema HSUE gardaranse, como mínimo, os seguintes datos:

a) Identificación do/da profesional do/da que se trate, cos seus datos de identificación no sistema.

b) Data e hora en que se realizou o acceso.

c) Parte da historia social única electrónica a que acceda.

d) Tipo de acceso (permiso).

e) Denegación do acceso, coa causa da denegación.

5. O sistema HSUE disporá dun repositorio de rexistros de accesos e eventos auditables que garantirá:

a) Que quede constancia da información que se almacena na historia social única electrónica, inserida directamente a través do propio sistema HSUE como procedente doutros sistemas de información, coa información das regras de consolidación aplicadas no dito caso.

b) A posibilidade de seguir a rastrexabilidade dos cambios sobre un dato concreto.

c) Que quede constancia dos accesos e das accións realizadas polas diferentes persoas usuarias sobre o repositorio.

Artigo 15. Módulos de especial custodia

1. A través do sistema HSUE estableceranse progresivamente mecanismos que permitan determinar un módulo ou módulos de información que poidan conter aqueles datos de especial custodia ou intimidade nas áreas da saúde, os derivados de actos de violencia de xénero e de xustiza penal, así como a información económica relativa ao nivel de renda e patrimonio da persoa usuaria, así como a da súa unidade de convivencia.

2. Os/as profesionais que, de acordo coas súas funcións, precisen acceder aos datos de módulos de especial custodia, serán advertidos polo sistema HSUE desta circunstancia, co fin de que indiquen o motivo do acceso, extremen a cautela no seu manexo e que incorporen dentro dos módulos correspondentes os novos datos que se poidan xerar. No rexistro de accesos quedarán singularizados os correspondentes aos datos de especial custodia, o que permitirá realizar auditorías específicas.

CAPÍTULO II
Dos diferentes accesos por parte de persoas distintas ás persoas usuarias
do sistema galego de servizos sociais

Artigo 16. Perfís de acceso á historia social única electrónica

Os/as profesionais de atención do sistema galego de servizos sociais, os/as profesionais técnicos dos ámbitos relacionados co sistema público de benestar (educación, sanidade, igualdade, vivenda, emprego), a prol de conseguir a atención integral, terán acceso á información contida na historia social única electrónica, segundo o disposto nos artigos seguintes. A través do oportuno desenvolvemento normativo estableceranse diferentes perfís de acceso aos datos da historia social única electrónica, tendo en conta as funcións concretas que cada profesional teña encomendadas, de xeito que cada un deles só poida acceder ao contido que sexa relevante e na medida en que resulte necesario, adecuado e pertinente, para a atención adecuada á persoa usuaria.

Artigo 17. Acceso á historia social única electrónica por parte dos profesionais de atención

1. Os/as profesionais de atención do sistema galego de servizos sociais teñen acceso á información contida na historia social única electrónica, como instrumento fundamental para complementar a información necesaria para a atención adecuada á persoa usuaria. O sistema HSUE habilitará o acceso á información contida na historia social única electrónica dunha persoa usuaria por parte dos/das profesionais de servizos sociais que realicen a intervención social directa a través dos distintos servizos/prestacións.

2. Así mesmo, os/as profesionais técnicos dos ámbitos relacionados co sistema público de benestar (educación, sanidade, igualdade, vivenda, emprego), a prol de conseguir a atención integral, poderán acceder á información contida na historia social única electrónica para o exercicio das funcións que lles correspondan, respecto das persoas que sexan obxecto da súa atención e no ámbito da intervención profesional á persoa usuaria dos servizos sociais. Para o resto de accesos á información de datos de carácter persoal contida na historia social única electrónica estarán suxeitos ao réxime xeral previsto na normativa de protección de datos de carácter persoal e contarán, polo tanto, co consentimento da persoa interesada, salvo as excepcións previstas nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 3 de decembro.

3. O acceso aos datos estará limitado estritamente para os fins específicos de cada intervención.

Artigo 18. Acceso por parte do persoal de xestión e servizos do sistema galego de servizos sociais

O sistema HSUE permitirá o acceso á información contida na historia social única electrónica ao persoal de xestión e servizos do sistema galego de servizos sociais. O dito acceso estará restrinxido aos datos imprescindibles para o exercicio das súas funcións en relación co seu posto de traballo, respectará o dereito á intimidade persoal e familiar das persoas usuarias, así como da súa unidade de convivencia, e manterá mecanismos auditables que permitan identificar accesos indebidos que non teñan como xustificación a atención das persoas usuarias, co obxectivo de que poidan adoptarse as medidas oportunas contra os/as profesionais que fagan un uso indebido do sistema.

Artigo 19. Acceso por profesionais de centros, servizos e establecementos concertados para a prestación de servizos sociais

1. Permitirase o acceso á información contida na historia social única electrónica, segundo o disposto no artigo 11 e 12 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, así como no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, aos/ás profesionais ao servizo das persoas físicas ou xurídicas que presten servizos concertados no marco do sistema galego de servizos sociais, logo da acreditación do cumprimento das exixencias contidas na normativa de protección de datos persoais.

2. Este acceso estará limitado á historia social única electrónica das persoas usuarias que as distintas administracións competentes remitan aos centros, servizos ou establecementos concertados e no marco temporal que dure esa atención.

Artigo 20. Acceso para fins estatísticos, de investigación e docencia

1. O acceso á información contida na historia social única electrónica con fins estatísticos, de investigación ou de docencia rexerase polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

2. O acceso á información contida na historia social única electrónica cos fins indicados no número anterior obriga a preservar os datos de identificación persoal da persoa usuaria disociados dos de carácter asistencial, de maneira que, como regra xeral, quede asegurado o anonimato, excepto no caso de que a propia persoa usuaria ou a persoa que ostente a súa representación legal dese o seu consentimento para non separalos.

O acceso aos datos e documentos da historia social única electrónica queda limitado estritamente aos fins específicos en cada caso.

3. O acceso á información contida na historia social única electrónica con fins de investigación levarase a cabo unicamente para proxectos de investigación que sexan cientificamente relevantes.

Considéranse cientificamente relevantes aqueles proxectos que así cualifique o instituto ou organismo de referencia na materia.

O acceso queda condicionado a que o responsable do ficheiro comprobe a idoneidade da información a que se quere ter acceso para a finalidade do proxecto.

4. Co obxecto de garantir a confidencialidade da información, para efectos da difusión ou publicación dos resultados da investigación, teranse en conta necesariamente as seguintes normas:

a) Non se difundirán aqueles datos que permitan a identificación da persoa usuaria.

b) Cando sexa absolutamente necesario identificar a persoa usuaria, será preceptivo o consentimento fidedigno desta ou da persoa que teña a súa representación legal.

c) A difusión ou publicación de resultados seguirá en todo caso as normas e suxestións relativas á boa práctica en investigación.

5. O acceso á historia social única electrónica dos/das alumnos/as de grao de titulacións sociais ou sociosanitarias, adscritos en período de formación regrada a un centro do sistema galego de servizos sociais, con finalidade docente, requirirá a autorización da Dirección do centro, por proposta motivada da persoa titora responsable da súa formación, ademais do cumprimento do indicado nos números 1 e 2 deste artigo.

Artigo 21. Acceso para efectos das actividades de inspección, avaliación, acreditación e planificación

1. O sistema HSUE permitirá o acceso á información contida na historia social única electrónica ao persoal debidamente autorizado que exerza funcións de inspección de carácter público, na medida en que o precise para o cumprimento das súas funcións de comprobación da calidade da asistencia, do respecto aos dereitos da persoa usuaria ou de calquera outro deber do centro ou servizo en relación coas persoas usuarias ou a propia Administración. O dito acceso terá o alcance do labor encomendado pola autoridade competente e respectará o dereito á intimidade persoal e familiar das persoas usuarias.

2. O acceso á información contida na historia social única electrónica con fins de avaliación, acreditación e planificación obriga a preservar os datos de identificación persoal das persoas usuarias, disociados dos de carácter asistencial, de maneira que como regra xeral quede asegurado o anonimato, agás que a propia persoa usuaria ou a persoa que teña a súa representación legal dese o seu consentimento para non separalos.

Artigo 22. Acceso á historia social única electrónica por requirimento xudicial

Establécese a plena colaboración coa Administración de xustiza, de modo que o sistema HSUE facilitará sempre o acceso á información contida na historia social única electrónica da persoa usuaria, así como da súa unidade de convivencia, para a investigación xudicial. Cando a autoridade xudicial o considere imprescindible e así o solicite, facilitarase a información completa da historia social única electrónica coa unificación dos datos identificativos e dos asistenciais/de intervención. No resto dos supostos, a información quedará limitada estritamente para os fins específicos de cada caso.

Artigo 23. Acceso á historia social única electrónica para efectos de responsabilidade patrimonial

Nos supostos de procedementos administrativos de exixencia de responsabilidade patrimonial sobre a intervención social permitirase que os órganos competentes para a súa tramitación e resolución teñan acceso á información contida na historia social única electrónica, limitado estritamente aos fins específicos de cada caso.

Artigo 24. Outros accesos

1. Procederá o acceso por parte de persoas distintas das persoas usuarias, fóra dos supostos contidos nos artigos precedentes deste capítulo, nos casos e nos termos previstos na normativa reguladora de protección de datos de carácter persoal e na demais normativa que resulte de aplicación.

2. Considérase xustificado e autorizado o acceso ao contido da súa historia social única electrónica, segundo o disposto no artigo 7.6, no segundo parágrafo, da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, cando o tratamento dos datos sexa necesario para salvagardar o interese vital do afectado ou doutra persoa, no suposto de que o afectado estea fisicamente ou xuridicamente incapacitado para dar o seu consentimento, así como segundo o disposto no artigo 11.2.f) da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, cando a cesión de datos de carácter persoal relativos á saúde sexa necesaria para solucionar unha urxencia que requira acceder a un ficheiro ou para realizar os estudos epidemiolóxicos nos termos establecidos na lexislación sobre sanidade estatal ou autonómica. A xustificación que o/a profesional rexistre para o acceso de carácter excepcional será asinada electronicamente e quedará rexistrada no sistema.

CAPÍTULO III
Do acceso por parte das persoas usuarias

Artigo 25. Acceso por parte das persoas usuarias dos servizos sociais

As persoas usuarias dos servizos sociais poderán acceder á historia social única electrónica tendo en conta o disposto neste capítulo, segundo se establece na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, sen prexuízo do acceso que poidan outorgar ás persoas afectadas outras leis especiais e, en particular, a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 26. Dereito de acceso aos datos da historia social única electrónica

O dereito de acceso á información contida na historia social única electrónica poderá exercerse:

a) Por parte da persoa usuaria, mediante a acreditación da súa identidade.

b) Mediante representación voluntaria ou legal, debidamente acreditada, nos casos que corresponda.

Artigo 27. Extensión do dereito de acceso aos datos

A persoa usuaria ten dereito de acceso á información contida na historia social única electrónica e a obter copia dos informes ou datos que figuran nela. Poderao levar a cabo mediante calquera medio que sexa conforme coa normativa aplicable, en particular, segundo o disposto nos artigos 15 e seguintes da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, desenvolvidos polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, sen prexuízo do acceso que poidan outorgar ás persoas afectadas outras leis especiais e, en particular, a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 28. Formas de exercicio do dereito de acceso á información contida na historia social única electrónica

1. O exercicio do dereito de acceso pódese levar a cabo de dúas formas:

a) Mediante acceso directo por parte da persoa usuaria a través de medios electrónicos, de acordo coa normativa reguladora da Administración electrónica.

b) Mediante solicitude previa dirixida á secretaría xeral técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais, como responsable do ficheiro.

2. En todo caso, o/a responsable do ficheiro, conforme a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, informará o/a afectado/a do seu dereito a solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou, se é o caso, das autoridades de control das comunidades autónomas, conforme o disposto no artigo 18 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Artigo 29. Acceso directo á historia social única electrónica por medios electrónicos (internet)

A través do sistema HSUE habilitaranse os mecanismos que permitan o acceso directo da persoa usuaria, por medios electrónicos, á información contida na súa historia social única electrónica e garantirase que a transmisión dos seus datos no sexa intelixible nin manipulada por terceiras persoas, con aplicación das medidas de seguridade previstas na normativa de protección de datos persoais para os datos de nivel alto de protección. O exercicio deste acceso deberá realizarse logo da comprobación polo sistema HSUE da identidade da persoa interesada ou representante legal ou voluntario, cando corresponda, a través da súa sinatura electrónica ou mediante outro mecanismo semellante que permita comprobala con plena seguridade.

Artigo 30. Acceso á información contida na historia social única electrónica mediante solicitude

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido na normativa reguladora da Administración electrónica. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia. A solicitude pode ser presentada tanto pola persoa solicitante como pola persoa representante legal ou voluntaria.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, no rexistro do concello a que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos segundo a normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A solicitude, segundo o modelo que se achega como anexo I a este decreto, dirixirase á secretaría xeral técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais e virá acompañada da seguinte documentación:

a) Autorización á secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de servizos sociais para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia (a autorización cubrirase no anexo I). En caso de denegar a autorización anterior, será necesario presentar fotocopia do DNI, pasaporte ou outro documento válido para a identificación da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa representante legal ou voluntaria, coa excepción da utilización de sinatura electrónica identificativa do afectado, segundo o disposto no artigo 25.1.a) do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

b) Anexo II debidamente cuberto, no caso de que a persoa solicitante desexe actuar por medio de representante, así como o documento ou instrumento electrónico acreditativo da representación legal.

3. Non obstante e segundo o disposto no artigo 24.5 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, o responsable do ficheiro ou tratamento deberá atender a solicitude de acceso exercida polo afectado aínda cando este non utilizase o procedemento establecido especificamente para o efecto, sempre que a persoa interesada utilizase un medio que permita acreditar o envío e a recepción da solicitude e que esta conteña os elementos referidos no parágrafo 1 do artigo 25 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

4. A Secretaría Xeral Técnica, na súa condición de responsable do ficheiro, e conforme a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, deberá contestar a solicitude que se lle dirixa, en todo caso, con independencia de que figuren ou non datos persoais das persoas afectadas nos seus arquivos, e resolverá sobre ela no prazo máximo dun mes contado desde a recepción da solicitude. Transcorrido o prazo sen que de maneira expresa se responda á petición de acceso, entenderase desestimada por silencio administrativo e o/a interesado/a poderá interpor a reclamación prevista no artigo 18 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Poderá denegarse o acceso total ou parcial aos datos de carácter persoal cando o dereito xa se exercese nos doce meses anteriores á solicitude, salvo que se acredite un interese lexítimo para o efecto. Poderá tamén denegarse o acceso nos supostos en que así o prevexa unha lei ou una norma de dereito comunitario de aplicación directa ou cando estas lle impidan ao responsable do tratamento revelar aos afectados o tratamento dos datos a que se refira o acceso.

Corresponderalle ao responsable do ficheiro a proba do cumprimento do deber de resposta e debe conservar a acreditación do cumprimento do mencionado deber.

CAPÍTULO IV
Acceso á información contida na historia social única electrónica
de persoas usuarias falecidas

Artigo 31. Información contida na historia social única electrónica de persoas usuarias falecidas

1. No caso de persoas usuarias falecidas, facilitarase o acceso á información contida na súa historia social única electrónica ás persoas que acrediten un interese lexítimo, de acordo co disposto nas normas en materia de procedemento administrativo, ou de acordo coa normativa reguladora do acceso á información pública no caso de que non teñan a condición de persoas interesadas nun determinado procedemento administrativo. En todo caso, será de aplicación a normativa de protección de datos de carácter persoal no caso de que na historia social única electrónica se recollan datos deste carácter relativos ás persoas vivas distintas da falecida.

2. No caso de persoas usuarias falecidas, facilitarase o acceso á información contida na súa historia social única electrónica cando derive dun requirimento xudicial e de acordo coa normativa aplicable á materia.

3. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 2.4 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, as persoas vinculadas ao falecido, por razóns familiares ou análogas, poderán dirixirse aos responsables dos ficheiros ou tratamentos que conteñan datos seus coa finalidade de notificar o óbito, achegando acreditación suficiente, e solicitar, cando houber lugar a iso, a cancelación dos datos.

TÍTULO III
Réxime sancionador

Artigo 32. Réxime sancionador

Sen prexuízo das exixencias que puidesen derivar nos ámbitos da responsabilidade civil e penal, ou da responsabilidade profesional ou estatutaria, de ser o caso, será de aplicación o réxime sancionador previsto nos títulos IX e X da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e no título VII da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición adicional primeira. Norma técnica

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a secretaría xeral técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais aprobarán a norma técnica prevista no artigo 10.3 no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Módulos de especial custodia e acceso vía internet

No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto habilitaranse os mecanismos necesarios para o cumprimento do disposto no artigo 15 e no artigo 30, relativos aos módulos de especial custodia e ao acceso á historia social única electrónica vía internet, respectivamente.

Disposición adicional terceira. Integración da información no sistema HSUE desde outros sistemas de información do sistema galego de servizos sociais

1. O sistema HSUE disporá da infraestrutura suficiente para garantir a interoperabilidade a través dunha capa de servizos que permitirá o intercambio e a integración de información interadministrativa (concellos, deputacións) relacionada coas historias sociais únicas electrónicas das persoas usuarias. Tanto os servizos de consulta como de modificación disporán dun acceso controlado mediante os sistemas previstos na normativa reguladora da Administración electrónica e rexistrarase cada acceso realizado, de maneira que poida ser auditado en caso de ser necesario. O inventario de servizos estará documentado e á disposición das súas persoas usuarias, de maneira que poidan coñecer os parámetros de entrada e saída e o método de execución de cada un deles. Este documento actualizarase coas diferentes versións que vaian xurdindo e nel identificarase que información mínima debe ser considerada.

2. A capa de servizos de interoperabilidade irá evolucionando segundo as futuras necesidades de explotación e actualización da información da historia social única electrónica. Será o único mecanismo habilitado para o acceso á información da historia social única electrónica que estará regulado na norma técnica sobre servizos de interoperabilidade do sistema HSUE-definición técnica e manual de integración, na súa versión vixente. O sistema de información HSUE non habilitará o acceso á información sempre que a norma técnica non se cumpra.

3. Os distintos sistemas de información xa existentes e aqueles que sexan desenvolvidos a partir da entrada en vigor deste decreto, na área de dependencia, discapacidade, promoción da autonomía persoal, prestacións, protección de menores, xustiza xuvenil, familia, inclusión, igualdade e violencia de xénero, servizos sociais comunitarios e no Rexistro Unificado de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, sen prexuízo de que se incorporen sistemas doutras áreas que manteñan relación co sistema galego de servizos sociais, integraranse no prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor deste decreto como módulos do sistema de información HSUE, a través dos servizos de interoperabilidade ou outros medios técnicos que se consideren adecuados, segundo o sistema de información concreto de que se trate, para efectos de compartir a información necesaria básica para conformar a historia social única electrónica nas áreas especificadas no artigo 5. Este prazo poderá ser prorrogado por dous anos máis no suposto en que as dificultades técnicas non permitan ou dificulten a integración dos distintos sistemas.

4. Todas aquelas administracións, organismos e entidades que soliciten ou deban acceder ao sistema HSUE, a través daqueles profesionais que participen no proceso de intervención social dentro do marco do sistema galego de servizos sociais, estarán obrigados a subministrar e complementar a información requirida no sistema, ben a través dos servizos de interoperabilidade ofrecidos polo sistema HSUE e mediante conexión sistema a sistema ou ben accedendo a módulos que forman parte do sistema da historia social electrónica e que gardan directamente a información na historia social única electrónica. A información requirida no sistema versará sobre os aspectos relacionados co proceso de intervención da persoa usuaria e a recollida dos datos de carácter persoal axustarase ao disposto na normativa aplicable e garantirase que a persoa interesada sexa informada dun modo expreso, preciso e inequívoco nos termos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 3 de decembro.

5. A integración da información farase de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro; co Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, así como seguindo as normas de intercambio de información establecidas pola Xunta de Galicia vixentes en cada momento.

Disposición derradeira primeira. Actualización dos formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios previstos no anexo I e II, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar o formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente actualizado e accesible para as persoas interesadas, coa excepción prevista no artigo 24.5 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file