Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 3 de agosto de 2016 Páx. 34421

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2016 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de análise do potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 28 de abril de 2016, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas aos servizos de análise do potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas aos servizos de análise do potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A prestación destes servizos está cofinanciado ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (...).

Segundo. Convocar as axudas aos servizos de análise do potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona) para os exercicios 2016 e 2017, que teñen a consideración de axuda en especie establecida na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Os prazos para a presentación de solicitudes serán os seguintes:

Convocatoria

Inicio do prazo

Fin do prazo

2016-1

4.8.2016

16.9.2016

2016-2

19.9.2016

21.10.2016

2016-3

24.10.2016

25.11.2016

2017-1

13.1.2017

28.2.2017

Cuarto. A distribución de servizos ofertados en cada convocatoria será a seguinte:

Servizo

2016-1

2016-2

2016-3

2017-1

Análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora (A Coruña)

20

11

11

6

Análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora (Pontevedra)

19

10

10

6

Análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora (Lugo-Ourense)

8

4

4

2

Mellora da xestión financeira e procura de financiamento

16

18

3

2

Optimización da produción e cadea loxística

20

11

11

6

Asesoramento para o relanzamento comercial

19

10

10

5

Implementación de xestión por procesos

15

16

3

2

Mellora da imaxe e comunicación empresarial

8

5

4

3

Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial

18

9

10

5

Asesoramento no desenvolvemento de plans de acción

16

9

8

5

Elaboración de plans e protocolos de empresa familiar

6

3

3

2

Identificación de redes de cooperación e socios

8

5

4

3

Asesoramento para a redefinición de negocio

8

5

4

3

As empresas que, cumprindo as condicións para seren beneficiarias, resulten rexeitadas nunha convocatoria debido ao esgotamento dos servizos previstos poderán presentar nova solicitude en convocatorias posteriores.

Os servizos que resulten excedentes dunha convocatoria poderán ser reasignados a convocatorias posteriores, mediante modificación desta resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2016

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO
Bases reguladoras das axudas aos servizos de análise do potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo
ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020

As empresas necesitan reinventarse continuamente para dar resposta aos retos do mercado. A achega de coñecemento externo, xunto con metodoloxías e ferramentas de traballo, é necesaria para promover o cambio. Non obstante, as pemes atópanse con dificultades á hora de acceder a servizos profesionais especialmente adaptados ás súas necesidades. O custo dos servizos, xunto coa incertidume polos resultados e a dificultade de seleccionar prestadores de servizos adecuados, impiden en moitos casos a execución dos necesarios proxectos de mellora.

Deste xeito, a Área de Competitividade do Igape ten, entre as súas funcións de creación e establecemento, o desenvolvemento e oferta dun catálogo propio de servizos de diagnóstico, apoio e mellora competitiva dirixidas ás pemes. A oferta destes servizos pretende mellorar o futuro das empresas galegas mediante a adquisición de novas competencias que lles permitan gozar de vantaxes competitivas permanentes.

No mesmo senso, a Axenda de Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0 aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas para desenvolver pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020. A prestación de servizos especializados de asesoramento que apoien o desenvolvemento estratéxico das pemes atópase encadrada no plan de impulso ás persoas e organizacións, dentro do enfoque estratéxico «Profesionalización das pemes».

Á hora de deseñar o instrumento de apoio máis axeitado, optouse por contratar, mediante procedemento aberto (PA 4/15 «programa Re-Acciona»), a execución dun número amplo de servizos, para a continuación ofertalos ao tecido empresarial. As empresas que soliciten un servizo deberán pagar ao Igape o importe establecido nesta base reguladora en concepto de cofinanciamento privado. A diferenza entre o custo de cada servizo e o cofinanciamento privado terá a consideración de axuda en especie e a súa concesión respectará os límites establecidos para as axudas en réxime de minimis segundo as definicións dos regulamentos da UE aplicables en cada caso.

A contratación directa polo Igape dos servizos ofertados achega ao esquema de apoio a capacidade por parte do Igape de controlar exhaustivamente a execución e resultados dos proxectos.

O programa Re-Acciona queda configurado deste xeito como un programa de servizos a pemes que, a través das empresas prestadoras de servizos –seleccionadas mediante procedemento aberto de acordo cos artigos 138.2 e 157 a 161 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público–, permítelles ás pemes executar proxectos de mellora en distintos ámbitos: análise de negocio, profesionalización (en vendas, produción, calidade, imaxe corporativa e financiamento) e desenvolvemento estratéxico (construción de estratexia, execución de plans, planificación da sucesión en empresa familiar, reorientación de negocio e cooperación).

A convocatoria destas axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación e o prazo de presentación de solicitudes.

As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Servizos obxecto de apoio

1. O Igape poderá conceder axudas ás pemes destinatarias dos seguintes servizos de análise de potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (programa Re-Acciona), integrados en tres categorías:

a) Análise do potencial competitivo. Estudaranse os diversos factores que definen a capacidade da empresa para competir no mercado, en canto á estrutura do negocio, dos procesos e da cultura organizativa. Como resultado obterase un informe en que se establece a posición actual da empresa e se dan as pautas a seguir para a súa mellora.

b) Profesionalización:

1º. Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento. Analizarase a condición económico-financeira da empresa, establecendo e optimizando as súas necesidades financeiras a curto e medio prazo e formalizándoas nun Plan de mellora da xestión financeira.

2º. Servizos de optimización dos procesos de produción e cadea loxística: o servizo adaptará á realidade da empresa esquemas de produción que melloren o seu traballo: estandarización de procedementos de traballo, eliminación da dilapidación, programación da produción e aseguramento do cumprimento de prazos e control da calidade.

3º. Relanzamento comercial. Formalizaranse os procedementos de comercialización: análise da oferta actual de produtos e a súa adaptación aos clientes da empresa, formalización dunha carteira de produtos e dunha estrutura de prezos axeitada, establecemento dun procedemento formal de xestión de oportunidades comerciais e captación de clientes.

4º. Implementación de xestión por procesos. Analizaranse os procesos operativos da empresa e a implementación dun modelo de xestión baseado en procesos.

5º. Imaxe e comunicación empresarial. Ordenarase a imaxe corporativa e as responsabilidades de comunicación dentro da empresa, seguindo un enfoque de comunicación estratéxica.

c) Desenvolvemento estratéxico:

1º. Desenvolvemento estratéxico integral da empresa. Unha vez analizada a situación da empresa mediante a análise do potencial competitivo –ou por outro medio equivalente–, elaborarase de maneira conxunta coa empresa un proxecto de futuro para ela que a provexa cos plans necesarios para acadar o seu obxectivo titorizando este proceso para executar polo menos un plan transversal. Existirán dúas modalidades de servizo que poderán levarse a cabo en secuencia:

i) Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.

ii) Asesoramento no desenvolvemento de plans de acción.

2º. Plans e protocolos de empresa familiar. Planificarase o proceso de sucesión familiar mediante a elaboración dun plan en que se detalle o dito proceso e dun protocolo que estableza as regras polas que se debe rexer a relación entre a empresa e a familia.

3º. Identificación de redes de cooperación e socios. Poranse en marcha iniciativas de cooperación entre a empresa receptora do servizo e outras empresas que presenten con ela capacidades de xeración de sinerxías mediante a cooperación no aprovisionamento, comercialización dos seus produtos ou servizos, recepción de servizos profesionais, especialización en produtos ou procesos, aumento da capacidade, etc.

4º. Redefinición do modelo de negocio (dirixido preferentemente a empresas con negocios maduros e a empresas que deban deseñar un modelo de negocio para unha nova liña de produtos). Analizarase a empresa e o contorno, co fin de redefinir radicalmente o seu negocio (ou unha das súas liñas) e orientalo a outros mercados ou produtos en que poida gozar de vantaxes competitivas debido ás fortalezas e competencias que posúe na actualidade ou a outras que poida desenvolver vantaxosamente a partir das actuais.

2. As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos.

3. Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria. Para este efecto, deberán establecerse inicialmente os parámetros de cada un deles: priorización de necesidades, alcance do traballo e ámbitos complementarios necesarios. A empresa contratada polo Igape para a prestación do servizo actuará durante todo o proceso como facilitador, achegando a metodoloxía de traballo e asegurando a súa calidade.

4. Determinados servizos poderían contar coa participación dun bolseiro tutelado polo axente colaborador do Igape, o cal será determinado pola súa dispoñibilidade no Igape e pola especificidade do servizo que vai prestar.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014) polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) Entidades ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

b) Entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento UE nº 651/2014).

c) Entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. Para solicitar as axudas para a prestación dos seguintes servizos, e tendo en conta as súas especiais características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:

a) Para o servizo definido no artigo 1.1.c) 1º «Servizo de construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial», as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo, ou comprometerse a realizalo durante a súa primeira fase.

b) Para o servizo definido no artigo 1.1.c) 2º «Servizo de asesoramento no desenvolvemento de plans de acción», as pemes deben ter desenvolvido previamente un plan estratéxico que dese orixe aos plans de acción que se van desenvolver.

Artigo 3. Contía das axudas

1. As axudas previstas nestas bases reguladoras configúranse como axudas en especie, da disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape pola prestación do servizo e o importe exixido ás beneficiarias en concepto de cofinanciamento.

O importe do cofinanciamento privado é o que indica na seguinte táboa para cada tipo de servizo e para cada tipo de empresa destinataria do servizo:

Servizo

Custo do servizo para o Igape (€)

Cofinanciamento peme (€)

Cofinanciamento peme asociada a clúster (€)

Cofinanciamento microempresas (€)

Análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora

2.964,50 A Coruña

3.164,15 Pontevedra

4.301,55 Lugo-Ourense

258,00

194,00

129,00

Mellora da xestión financeira e procura de finanzamento

4.356,00

1.394,00

1.046,00

697,00

Optimización da produción e cadea loxística

5.999,18

1.980,00

1.485,00

990,00

Asesoramento para o relanzamento comercial

5.082,00

1.372,00

1.029,00

686,00

Implementación de xestión por procesos

6.116,55

2.447,00

1.835,00

1.224,00

Mellora da imaxe e comunicación empresarial

4.918,05

1.721,00

1.291,00

861,00

Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial

5.808,00

1.568,00

1.176,00

784,00

Asesoramento no desenvolvemento de plans de acción

5.808,00

2.497,00

1.873,00

1.249,00

Elaboración de plans e protocolos de empresa familiar

5.445,00

1.851,00

1.388,00

926,00

Identificación de redes de cooperación e socios

4.537,50

953,00

715,00

477,00

Asesoramento para a redefinición de negocio

5.898,75

1.298,00

974,00

649,00

2. Tendo en conta o anterior, a diferenza entre o custo do servizo e o cofinanciamento privado terá a consideración de axuda en especie, en réxime de minimis, e a súa contía indicarase na resolución de concesión.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas en especie concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 5. Solicitudes

1. Os prazos de presentación de solicitudes serán os especificados na convocatoria, co obxectivo de organizar coa mellor eficacia posible a formación grupal, e tramitar o procedemento como bloques de solicitudes aos que se aplicarán os criterios de selección que a continuación se indican.

Os períodos de admisión de solicitudes anunciaranse na páxina web do Igape
(http://www.igape.es/reacciona) e na súa oficina virtual (http://tramita.igape.es), e serán os especificados na convocatoria. Se se dá o caso de esgotamento dos servizos contratados ás empresas mediante licitación pública, publicarase tal circunstancia no DOG co fin de anular os prazos de presentación de solicitudes que restasen por producirse.

2. Para presentar a solicitude, as pemes deberán cubrir previamente un formulario a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou do número de teléfono 900 81 51 51. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3. As solicitudes presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

4. Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da peme solicitante.

Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía electrónica para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación electrónica neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

5. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos seguintes criterios de valoración:

a) Segundo o número de empregados da peme no último exercicio:

De 0 a 5: 5 puntos.

De 6 a 15: 20 puntos.

De 16 a 50: 50 puntos.

51 ou superior: 35 puntos.

b) Ter desenvolvido unha análise previa ou plan estratéxico onde se poña de manifesto a necesidade do servizo para o que se solicita a axuda (estás análises ou plans non teñen por que ser os propios do plan Re-Acciona): 25 puntos. Para a asignación desta puntuación, a análise deberá conter, polo menos: presentación da empresa, principais magnitudes económicas e organizativas, exposición da situación actual da empresa, análise consensuada co equipo directivo das principais características do contorno e propias da empresa en que se poden abordar proxectos de mellora, e de plans de acción motivados (ou borrador deles).

c) Actividades preferentes da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0, que constitúe o Plan director de la Industria de Galicia 2015-2020, definido no artigo 23 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, ou referenciados no Reto 2 (O modelo industrial da Galicia do futuro) da estratexia RIS3 de Galicia: sector automoción e auxiliar de automoción, industria da madeira, industria de transformación agroalimentaria, sector moda (confección e complementos), industria aeronáutica e auxiliar, sector náutica deportiva e de recreo e auxiliar de náutica deportiva e de recreo, sector químico e industria farmacéutica, fabricación de material sanitario, biotecnoloxía, biomecánica, fabricación de equipamentos ambientais, fabricación de equipamentos e sistemas para instalacións de enerxías renovables, eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos, servizos e desenvolvemento de software, sector audiovisual e desenvolvemento de contidos e centros telemáticos, loxística: 15 puntos.

d) Pola asociación a un clúster: 10 puntos.

No caso de empate na baremación, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio «a». Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio «b» e así sucesivamente. Esgotados estes criterios de desempate, decidirase polo número de expediente máis baixo, que se outorga segundo a data de presentación da solicitude no Igape.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

4. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das axudas.

5. A resolución conxunta relativa a cada período de admisión de solicitudes será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es

6. En todo caso, na resolución deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) O importe do cofinanciamento privado.

b) A contía da axuda en especie, en réxime de minimis, calculada como se establece no artigo 3 destas bases reguladoras.

c) Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

d) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

e) Prazo para a execución do servizo.

A axuda terá a consideración de axuda en especie en réxime de minimis e cumprirá co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013), Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

7. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións será de 30 días hábiles desde o peche de cada período de admisión. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen recaer resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 8. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 9. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas á modificación do prazo de execución do servizo, e á tipoloxía de servizo/s que se van acometer, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo.

2. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 5 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 10. Execución do servizo

1. Unha vez concedida a axuda en especie, a empresa prestadora do servizo porase en contacto coa peme destinataria del, co fin de organizar a formación inicial descritiva do servizo, que poderá ser individual ou en grupo.

2. Unha vez recibida a dita formación, e antes de comezar a súa execución, a peme destinataria deberá ingresar na conta bancaria indicada na resolución de concesión a súa parte de cofinanciamento, que será empregado polo Igape co fin único e exclusivo de contribuír ao pagamento dos servizos contratados co correspondente provedor, prezo que será aboado directamente polo Igape á contratista.

3. No caso de que dous meses antes da finalización do prazo de execución do servizo non se produciza o ingreso, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda, e arquivarase o expediente. Este prazo poderá ser excepcionado mediante resolución do órgano competente para a instrución do procedemento, sempre que concorran causas xustificadas.

4. O beneficiario da axuda deberá prestar a dedicación requirida para a execución do proxecto de mellora durante a prestación do servizo, así como facilitar o labor da prestadora del poñendo á súa disposición a información requirida para completar o traballo. O Igape estudará e resolverá calquera situación de desacordo entre as partes que se puidera producir nesta fase.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto de mellora, no cal poderán participar en todo momento técnicos do Igape.

b) Ingresar antes da execución do servizo, mediante o procedemento establecido no artigo 3, o importe do cofinanciamento privado, que non será reintegrado unha vez comezada a execución do servizo, salvo casos de forza maior debidamente xustificados.

c) Colaborar co Igape nas actividades divulgativas do programa Re-Acciona: xeración de casos de éxito, material promocional, participación en presentacións, reportaxes audiovisuais, visitas demostrativas e calquera outra similar. O compromiso máximo exixido será o dunha xornada laboral dalgunha das persoas implicadas na prestación de servizo.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e as verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

e) Proceder ao reintegro da axuda recibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) No caso de non ser quen de realizar o proxecto de mellora, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

g) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.

h) Facilitar ao Igape ou as entidades que colaboren con el a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do servizo, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización del.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

j) As pemes beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

k) O beneficiario acepta que os datos resultantes da execución do servizo, unha vez desvinculados dos datos identificativos da súa empresa, pasarán a formar parte dunha base de datos para a súa explotación multicriterio con fins estatísticos, de deseño de políticas públicas e de difusión de situacións empresariais.

Artigo 12. Xustificación da execución

1. O prazo para presentar a documentación xustificativa da execución do servizo rematará un mes despois do prazo establecido para a súa execución.

2. A documentación xustificativa que se deberá presentar é a seguinte:

a) Xustificante de ter impartido a formación inicial.

b) Xustificante da peme destinataria de ter aboado o confinaciamento privado.

c) Memoria do proxecto e outros entregables definidos no contrato entre o Igape e a empresa prestadora do servizo.

3. A entrega ao Igape da documentación xustificativa realizaraa a empresa prestadora do servizo, en virtude da autorización da peme prestadora do servizo recollida no anexo I, a través da plataforma informática de xestión que manterá o Igape coas empresas prestadoras dos servizos.

Artigo 13. Perda do dereito á axuda e reintegro

1. Producirase a perda da axuda en especie no suposto de falta de xustificación da execución do servizo, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de reintegrar ao Igape total ou parcialmente a contía da axuda en especie percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito da axuda en especie e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

1º. Negativa ou obstrución a facilitar información de indicadores: penalización económica equivalente ao importe do cofinanciamento privado do servizo.

2º. Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

Artigo 14. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas axudas someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

Artigo 16. Comprobación de axudas

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da axuda, así como a execución do servizo e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da axuda.

2. Para todo o non previsto no punto anterior será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas en especie concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, contía e finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito, non será de aplicación o disposto no punto 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autoriza as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como ás entidades coas que colabore para a prestación dos servizos e aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios presentar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Artigo 19. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file