Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 9 de agosto de 2016 Páx. 35379

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 99/2016, do 21 de xullo, polo que se regula a concesión da distinción de comendador da gastronomía de Galicia.

Galicia é unha referencia gastronómica a nivel nacional e internacional. A calidade e variedade dos seus produtos, o respecto ás súas tradicións culinarias, a innovación constante e o traballo que día a día realizan os e as profesionais da cociña conformaron toda unha filosofía que fixo da gastronomía galega un importante motor da economía da nosa terra.

Galicia conta cun importante número de festas gastronómicas que louvan as excelencias da nosa cociña e das cales un total de 51 foron declaradas oficialmente de interese turístico pola súa gran capacidade de atracción de visitantes. Por outra banda, un 25 % dos e das turistas que nos visitan cada ano anotan a gastronomía como a principal razón pola que elixen Galicia como destino turístico.

Conscientes desta realidade, a Axencia Turismo de Galicia incluíu a enogastronomía na súa Estratexia de turismo para 2016, sinalándoa como un valor esencial para afrontar o reto de «posicionar Galicia como marca e como destino diferencial a nivel interno, nacional e internacional». A complementariedade do produto turístico enogastronómico co resto dos produtos turísticos galegos obriga a considerar toda actuación neste senso como unha prioridade da política turística.

Dentro das liñas de traballo que se establecen para desenvolver esta Estratexia de turismo inclúese un programa específico para a promoción do turismo enogastronómico e de Galicia a través de prescritores/as de opinión.

É neste eido de actuación no cal se enmarca a designación de persoas ou institucións de prestixio que poidan axudar a difundir e exportar a marca e o destino Galicia. Por todo o anterior, dado que a imaxe de Galicia non só se transmite a través de campañas xenéricas de promoción, faise necesaria a creación dunha figura que permita que persoas ou institucións relevantes no ámbito da gastronomía poidan converterse en comendadores da gastronomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta conxunta do vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da conselleira do Medio Rural e da conselleira do Mar, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto do presente decreto é a regulación da concesión da distinción de comendador da gastronomía de Galicia.

2. O obxectivo da distinción de comendador da gastronomía de Galicia é contribuír á promoción do turismo de Galicia a través da promoción dos produtos alimentarios e a gastronomía de Galicia no ámbito nacional e internacional, preservando e poñendo en valor o patrimonio dos produtos alimentarios de Galicia e fomentando os valores económicos, culturais e sociais da cultura gastronómica galega.

Artigo 2. Requisitos

A distinción de comendador da gastronomía de Galicia poderá outorgarse á persoa, entidade, asociación ou colectivo que, no seo da Comunidade Autónoma de Galicia, contribúa dun xeito singular á dignificación, mellora e promoción dos produtos alimentarios e da gastronomía de Galicia.

Artigo 3. Modalidades

Existirán dúas modalidades de comendador da gastronomía de Galicia, que se outorgarán anualmente:

a) Individual, que se outorgará a persoas físicas ou xurídicas privadas.

b) Institucional, que se outorgará a institucións ou entidades públicas.

Artigo 4. Compromisos do comendador da gastronomía de Galicia

Os comendadores da gastronomía de Galicia comprométense a colaborar para:

a) Difundir os valores propios da cultura dos sectores produtivos alimentarios galegos.

b) Dar a coñecer os produtos alimentarios e a gastronomía de Galicia en restaurantes de referencia a nivel nacional e internacional.

c) Facilitar o establecemento de novas canles de comercialización para os produtos alimentarios de Galicia.

d) Achegar ás figuras relevantes no mundo da cociña o coñecemento da cultura enogastronómica galega.

e) Potenciar e dar a coñecer os produtos galegos de calidade diferenciada.

Artigo 5. Candidaturas e concesión

1. A distinción de comendador da gastronomía de Galicia será outorgada con carácter vitalicio por resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. A Axencia Turismo de Galicia realizará anualmente unha convocatoria en que se fixarán os prazos de presentación de candidaturas para as modalidades previstas no artigo 3 do decreto.

3. As persoas, entidades, asociacións e institucións galegas vencelladas ao sector alimentario e gastronómico galego poderán presentar ante a Axencia Turismo de Galicia as candidaturas razoadas a comendador da gastronomía de Galicia, en nome propio ou de terceiros.

Artigo 6. Presentación de candidaturas

Coa presentación de candidaturas deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Identificación da candidatura: nome da persoa ou entidade a que se refire, enderezo, NIF, teléfono e persoa de contacto.

No caso de que se propoña a candidatura dun/dunha terceiro/a, nome da persoa ou entidade propoñente, NIF e teléfono e correo electrónico.

2. Memoria explicativa da candidatura proposta.

3. Poderán xuntarse tamén, se se considera oportuno, apoios á candidatura proposta e, en xeral, cantos datos ou información se consideren axeitados para fortalecer a proposta.

Artigo 7. Emenda de candidaturas

1. Se as candidaturas non se acompañan da documentación necesaria contida no artigo anterior, requirirase aos/ás propoñentes que as emenden no prazo de dez días, con indicación de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos/as da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. En todo caso, a documentación presentada non será devolta.

Artigo 8. Xurado

1. As candidaturas admitidas serán avaliadas por un xurado coa seguinte composición:

Presidente/a: a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Axencia Turismo de Galicia.

Un/unha vogal en representación da consellería con competencias en materia de pesca e acuicultura.

Un/unha vogal en representación da consellería con competencias en materia de agricultura.

Un/unha vogal en representación da Academia Galega de Gastronomía.

Un/unha vogal en representación de Galicia Calidade.

Un/unha vogal en representación da Axencia Turismo de Galicia.

Un/unha vogal en representación dos consellos reguladores dos produtos alimentarios galegos de calidade.

2. Os membros do xurado poderán ser substituídos polos membros suplentes que se designen.

3. O voto deberá emitirse persoalmente por cada un dos membros do xurado durante as xuntanzas formais que este celebre. En caso de empate, decidirá o voto do/a presidente/a.

4. Das reunións do xurado deixarase constancia en acta, de conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. As candidaturas que obteñan a maioría dos votos do xurado para cada unha das modalidades serán comunicadas á Axencia Turismo de Galicia para o seu nomeamento como comendador da gastronomía de Galicia.

Artigo 9. Acreditación

1. Para acreditar o outorgamento da distinción expedirase un diploma acreditativo do seu nomeamento, no cal se fará constar o recoñecemento expreso da sociedade galega á súa dedicación na defensa e promoción da gastronomía da nosa terra.

2. Esta distinción terá carácter exclusivamente honorífico, sen que da súa posesión derive dereito administrativo ou económico ningún.

3. Os comendadores da gastronomía de Galicia participarán nun lugar preferente nos actos de exaltación e promoción dos produtos alimentarios de Galicia organizados polas consellerías competentes en materia do medio rural e do mar, así como pola Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, poderán ser consultados pola Administración nos ámbitos turístico, económico, cultural e social da cultura gastronómica galega.

Artigo 10. Acto de entrega

Acordada a concesión, a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia entregará o diploma nun acto solemne.

Artigo 11. Revogación da distinción

As distincións concedidas poden quedar sen efecto por resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia cando, de forma motivada e por causa sobrevida, así se xustifique por razóns que poidan supoñer un desprestixio das funcións encomendadas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para ditar cantas resolucións sexan precisas para a execución do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza