Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 11 de agosto de 2016 Páx. 35802

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 103/2016, do 28 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia.

O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo cal se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, establece no seu artigo 333 a obrigatoriedade dos órganos de contratación de todas as administracións públicas e as entidades incluídas no seu ámbito de aplicación de comunicar ao Rexistro Público de Contratos, por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos, os datos básicos dos contratos adxudicados, as súas modificacións, prórrogas, variacións de prazos ou de prezo, o importe final e a extinción.

O artigo 28.2 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, indica que é competencia da Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de contratos, nos termos que esta estableza. En exercicio de tal competencia, no ano 1995, o volume da contratación administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia aconsellou a creación dun rexistro especializado en que se centralizase a información sobre os contratos administrativos subscritos pola Administración autonómica e, a través do Decreto 198/1995, do 16 de marzo, creouse o Rexistro de Contratos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O tempo transcorrido desde entón aconsella unha profunda revisión da devandita disposición de cara a adecuar o seu articulado á normativa contractual e de transparencia actualmente vixente e a incorporar os medios electrónicos, informáticos e telemáticos na súa xestión, como ferramentas de racionalización e de transparencia, para os efectos de facilitar o exercicio do dereito ao acceso ao sistema e á información pública que dos datos contidos no rexistro poida derivar de maneira coordinada coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co fin de simplificar procesos e facilitarlles os trámites aos interesados.

Procédese así mesmo nesta norma á derrogación do Decreto 122/1996, do 8 de febreiro, polo que se establece a adxudicación de obras e subministracións polo procedemento negociado con publicidade, por quedar privado de contido na normativa vixente actual.

Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da Consellería de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto establecer o réxime xurídico do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia.

Artigo 2. Natureza xurídica e funcións

1. O Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia é un rexistro público que ten como funcións:

a) Centralizar a operativa de xestión e explotación da información relativa aos contratos formalizados e aos contratos menores adxudicados pola Administración xeral da Xunta de Galicia e as entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico.

b) Responder como sistema oficial de información dos contratos públicos e como soporte para o coñecemento, análise e investigación dos datos nel contidos, para efectos de:

– Elaboración de estatísticas.

– Cumprimento das obrigacións nacionais e internacionais en materia de información sobre a contratación pública.

– Comunicación de datos ao Rexistro de Contratos do Sector Público,

– Remisión de datos a outros órganos administrativos.

– Dar cumprimento ao disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG núm. 30, do 15 de febreiro).

2. O rexistro servirá tamén como instrumento dos poderes públicos para a revisión e mellora continua dos procedementos e prácticas da contratación pública e a supervisión da competencia e transparencia nos mercados públicos.

Artigo 3. Dependencia orgánica

O Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia está adscrito á consellería que teña asignadas as funcións de coordinación en materia de contratación pública.

Artigo 4. Ámbito obxectivo

1. Será obrigatorio inscribir no Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia a información básica, relacionada no anexo deste decreto, de todos os contratos onerosos adxudicados, calquera que sexa o seu importe e natureza xurídica, administrativos, administrativos especiais ou privados, que subscriban as entidades dos relacionados no artigo 5.

2. Quedarán excluídos do rexistro os datos referidos a negocios e relacións xurídicas relacionados no artigo 4 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, excepto os referidos na alínea r) sobre compra pública precomercial.

Artigo 5. Ámbito subxectivo

1. Serán obxecto de inscrición os contratos subscritos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e todo o seu sector público autonómico, integrado polas entidades instrumentais relacionadas no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

2. Incluiranse tamén, nos supostos previstos no artigo 17 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, os contratos subvencionados por calquera das entidades do sector público autonómico, aínda cando sexan subscritos por outras persoas físicas ou xurídicas, así como os contratos de obras que subscriban os concesionarios de obras públicas nos casos do artigo 274 do mesmo texto legal. Para tal fin indicarase nos contratos de concesión de obra pública, segundo o caso, a obrigación de comunicar ese tipo de contratos ao rexistro, con imposición de penalidades para o caso do seu incumprimento.

3. Poderán tamén comunicar os seus datos contractuais ao Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico, mediante a formalización do correspondente convenio coa consellería que teña adscrito o rexistro:

– As universidades do Sistema universitario de Galicia e as entidades vinculadas ou dependentes delas.

– As corporacións de dereito público que desenvolven a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

– O Parlamento de Galicia, o Consello Consultivo, o Valedor do Pobo, o Consello de Contas, o Consello Económico e Social, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello da Cultura Galega.

Artigo 6. Inscrición e contido do rexistro

1. O Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia levarase de forma informatizada. Cada órgano de contratación inscribirá os datos relativos aos seus contratos mediante a aplicación informática que se habilite para o efecto.

De cada contrato inscribiranse as adxudicacións, modificacións, prórrogas, variacións de prazos ou de prezo, o importe final e a súa extinción.

2. A relación detallada dos datos básicos dos actos inscritibles que deben constar no Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia establécese como anexo ao presente decreto. Poderá ser modificada con posterioridade a través dunha orde da consellería que teña adscrito o rexistro, atendendo aos requirimentos de disposicións normativas ou por proposta dos órganos con competencia na materia.

3. Os datos que cada órgano de contratación inscriba no Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia deberán ser veraces e exactos, cada un deles responsabilizarase do contido e a información rexistrada. No caso de que se observen erros ou deficiencias nos datos, poñerase en coñecemento do órgano que responda do cumprimento desta obrigación para que, no prazo de 10 días hábiles, proceda a emendar as deficiencias detectadas.

4. A inscrición dos datos no rexistro non exime da obrigación de mantemento e custodia do contido do expediente nin do seu envío por requirimento dos órganos legalmente habilitados para o seu exame conforme a normativa vixente.

Artigo 7. Prazo de inscrición de datos contractuais

Os órganos de contratación introducirán a información inscritible na aplicación informática do Rexistro de Contratos no prazo de dez días hábiles desde a data de formalización do contrato, se se trata de datos relativos á adxudicación, e desde a data de aprobación da incidencia, se se trata de datos relativos á súa modificación, prórroga ou variación de prazos e terminación, tanto por cumprimento como por resolución. De tratarse de contratos menores, o prazo contarase a partir da súa tramitación contable.

Artigo 8. Remisión de datos a outros órganos

1. A través do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia canalizarase a información que debe proporcionarse á Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma, ao Parlamento de Galicia, ao Rexistro de Contratos do Sector Público Estatal e a calquera outro órgano cando estea legalmente previsto.

2. Os formatos e contidos da información que se deba enviar ao Consello de Contas determinaranse a través dun convenio de colaboración que, con tal obxecto, subscriba con este órgano a consellería á cal estea adscrito o Rexistro de Contratos, coa finalidade de promover, a través da colaboración institucional, a racionalización e a eficacia administrativa mediante o uso compartido de datos por medios telemáticos.

3. As comunicacións efectuaranse por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos, na forma que se determine regulamentariamente ou a través dos convenios que se subscriban para o efecto.

Artigo 9. Dereito de acceso ao rexistro

1. Todos os datos contidos no rexistro serán susceptibles de seren tratados como información pública.

2. Respecto ao exercicio de acceso de particulares a este, observarase o disposto no capítulo IV, do título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

3. A información requirida remitirase, ademais de coas limitacións establecidas na propia lei, coas de contido e formatos impostas polo programa ou a linguaxe informática empregado.

4. Cando, a teor do disposto na normativa contractual, o contrato fose declarado segredo ou reservado, ou cando a súa execución deba ir acompañada de medidas de seguridade especiais, conforme a lexislación vixente, o acceso á información deberá autorizalo polo correspondente órgano de contratación.

Disposición adicional primeira

No prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto todos os órganos de contratación do sector público autonómico deberán solicitar o acceso á aplicación informática do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia.

Disposición adicional segunda

No mesmo prazo de dous meses todos os órganos de contratación deberán incorporar ao Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia os contratos adxudicados desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria primeira

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango sexan contrarias ao contido deste decreto e expresamente o Decreto 198/1995, do 16 de marzo, de creación do Rexistro de Contratos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria segunda

Queda derrogado o Decreto 122/1996, do 8 de febreiro, polo que se establece a adxudicación de obras e subministracións polo procedemento negociado con publicidade.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da consellería a que estea adscrito o Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia para levar a cabo as seguintes actuacións:

a) Ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

b) Modificar, mediante orde, os datos básicos dos actos inscritibles no rexistro.

c) Modificar o sistema informático que serve de soporte ao rexistro.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Contido do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia

Datos xerais a todos os contratos:

• Obxecto do contrato.

• Número do expediente de contratación.

• Entidade contratante.

• Indicador de contrato multisección.

• Nos contratos multisección: contratos relacionados.

• Tipo de contrato (a concreción da tipoloxía dos contratos mixtos determinarase conforme as regras previstas na normativa contractual): obras, xestión de servizos públicos, subministracións, servizos, concesión de obra pública, colaboración público-privada, administrativos especiais, sectores de auga , enerxía, transporte e comunicacións, privados.

• Indicador de contrato mixto.

• Tramitación ordinaria, urxente ou de emerxencia.

• Orzamento de licitación/valor estimado (con IVE e sen IVE).

• Indicador de carácter plurianual.

• Desagregación de importes plurianuais.

• Procedemento de adxudicación (aberto, restrinxido, negociado con publicidade, negociado sen publicidade, derivado de acordo marco, diálogo competitivo, contrato menor).

• Indicador de contrato procedente de acordo marco.

• Criterio de determinación da oferta máis vantaxosa (prezo, multicriterios, outros).

• Causa legal en procedementos negociados.

• Número de invitacións, en procedementos negociados.

• Data de publicación no DOUE.

• Data de publicación no BOE.

• Data de publicación no DOG.

• Data de publicación no BOP.

• Data de publicación na prensa diaria.

• Data de publicación no perfil do contratante.

• Indicador de contrato por lotes.

• Prazo de execución.

• Lugar de execución (provincia).

• Importe de licitación e de adxudicación.

• Se é o caso, tipo de IVE.

• Data de adxudicación.

• Data de formalización.

• Número de licitadores participantes no procedemento.

• NIF/CIF da empresa contratista.

• Nome da empresa contratista.

• Nacionalidade do contratista.

• Código do vocabulario común de contratos (CPV).

• Indicador de revisión de prezos.

• Fórmula de revisión.

Datos sobre contratos reservados:

• Indicador de contrato reservado a entidades pertencentes ao terceiro sector.

Datos sobre compra pública de innovación:

• Indicador de contrato de compra pública de innovación.

Datos sobre compra centralizada:

• Indicador de contrato de compra centralizada.

Datos sobre variacións de prezo e prazo:

• Importe da modificación ou modificacións (importe de liquidación ou importe final que hai que pagar).

• Data de modificación.

• Variación do prazo de execución ou duración.

• Data de prórroga.

Datos sobre extinción do contrato:

• Data de recepción, en extincións por cumprimento.

• Data de resolución, en extincións por resolución.

• Causa de resolución, en extincións por resolución.

• Indicador de incautación de garantía definitiva, en extincións por resolución.

• Importe final.

Datos específicos segundo o tipo de contratos:

Obras.

• Clasificación exixida.

Servizos.

• Prezos unitarios.

• Modalidade de determinación do prezo: compoñentes da prestación, unidades de execución, unidades de tempo, tanto global, honorarios por tarifas, outros.

• Se é o caso, clasificación.

Subministracións.

• Prezos unitarios.

• Tipo de subministración (características dos bens): entrega sucesiva e por prezo unitario; equipamentos, sistemas e programas TIC; subministracións de fabricación; outros.

• País de procedencia do produto.

Xestión de servizo público.

• Prezos unitarios.

• Modalidade da contratación: concesión, xestión interesada, concerto ou sociedade de economía mixta.

• Duración da contratación.

• Indicador de ingreso.

• Modalidade do importe: tarifas, canon global, prezos unitarios.

• Importe canon.

• Periodicidade do canon.

• Achegas da Administración.

Concesión de obra pública.

• Achegas públicas á construción.

• Indicador de ingreso.

• Duración da concesión.

• Modalidade do importe: tarifas, canon global, prezos unitarios.

• Importe canon.

• Periodicidade do canon.

• Achegas da Administración.