Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 12 de agosto de 2016 Páx. 36071

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 105/2016, do 21 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia acordou, en Asemblea Xeral, a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e despois da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e un de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos, que foron aprobados polo Decreto 293/1999, do 28 de outubro, modificados polo Decreto 254/2008, do 23 de outubro, e polo Decreto 65/2015, do 30 de abril, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Preámbulo

Os precedentes estatutos do COAG foron aprobados pola Xunta Xeral ordinaria do 18 de decembro de 1998, visados de conformidade polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España o 29 de xaneiro de 1999 e aprobados pola Xunta de Galicia mediante Decreto 273/1999, do 28 de outubro (publicados no DOG do 16 de novembro).

Posteriormente, procedeuse á súa adaptación á Lei de sociedades profesionais 2/2007 acomodando a regulación estatutaria, en canto ao exercicio colectivo da profesión, ao determinado na devandita lei. Esta adaptación estatutaria foi aprobada pola Xunta Xeral extraordinaria do 23 de maio de 2008 e aprobada pola Xunta de Galicia mediante Decreto 254/2008, do 23 de outubro (publicada no DOG do 11 de novembro).

No ano 2014 acométese a primeira modificación propiamente dita dos estatutos colexiais. Así, a Xunta Xeral extraordinaria do 19 de xuño de 2014 aprobou a modificación estatutaria consistente en introducir a posibilidade de participar na Xunta Xeral, tanto no debate como na votación, de forma telemática. A modificación estatutaria foi visada de conformidade polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España o 18 de setembro de 2014 e aprobada pola Xunta de Galicia mediante Decreto 65/2015, do 30 de abril (publicado no DOG do 7 de maio).

No obstante, con posterioridade á aprobación dos estatutos do COAG de 1999, promulgáronse leis e realizáronse modificacións lexislativas que afectan, en xeral, os colexios profesionais e a súa propia normativa, que debe respectar en todo momento a legalidade vixente, e outras normativas que afectan de modo particular o COAG.

Conforme a normativa aprobada con posterioridade aos estatutos colexiais de 1999, procede adaptar o seu contido principalmente nos seguintes aspectos:

No ano 2001 aprobouse a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Por aplicación da lei autonómica de colexios profesionais debe procederse a acomodar a redacción que os estatutos do COAG contén respecto da auditoría e introducir no dito artigo a mención legal respecto dos supostos obrigados en que o Colexio debe ser auditado, así como introducir o réxime de disolución e liquidación do Colexio, xa que a lei autonómica o configura como parte do contido mínimo obrigado que debe figurar nos estatutos dos colexios profesionais de Galicia.

Así mesmo, no ano 2002 aprobáronse os actuais estatutos xerais dos colexios de arquitectos de España e o seu Consello Superior mediante o Real decreto 327/2002, do 5 de abril, isto é, os estatutos xerais da profesión, que son de obrigado cumprimento para os colexios profesionais e para os profesionais colexiados.

Así, con base nos estatutos xerais poderiamos destacar, entre outras, a necesidade de eliminar dos estatutos particulares do COAG a referencia á tradicional venia, que foi substituída polos estatutos xerais pola «comunicación previa», así como nas normas deontolóxicas da profesión. No que respecta ao réxime disciplinario, debe poñerse esta materia en estrita correspondencia cos estatutos xerais e todo o relativo a infraccións, sancións e prescrición debe ser transcrición deles, sen prexuízo das normas deontolóxicas. Así mesmo, a Xunta de Goberno debe ser o órgano titular da función disciplinaria e único competente para incoar tanto informacións previas como apertura de expedientes disciplinarios (en virtude do previsto no artigo 44 dos estatutos xerais).

Pero as modificacións lexislativas que máis incidencia tiveron, sen dúbida, foron, principalmente, a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio (coñecida comunmente como «lei paraugas») e a Lei 25/2009, do 22 de decembro (coñecida comunmente como «lei ómnibus»), que traspuxeron ao noso ordenamento xurídico a Directiva sobre servizos 2006/123CE do Parlamento Europeo e do Consello. Así mesmo, a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (coñecida como «lei ómnibus galega»), que modifica a Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia 11/2001 adaptandoa á directiva europea. Por outra banda, no ano 2012 aprobouse a Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís, que incluíu como nova función dos colexios profesionais o impulso da mediación. Con base nestas modificacións lexislativas procede a adaptación dos estatutos principalmente nos seguintes aspectos:

No que respecta aos fins e funcións do Colexio:

– Incluír entre os fins esenciais «a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados» e, en correspondencia, cómpre incluír entre as funcións «cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios».

– Incluír entre as funcións «impulsar e desenvolver a mediación, así como desempeñar funcións de arbitraxe, nacional e internacional, de conformidade co establecido na lexislación vixente».

– Matizar a función de visado conforme o artigo 13 da Lei 2/1974 e a regulación actual do Real decreto 1000/2010 de visado colexial obrigatorio.

– Consignar que os baremos ou criterios de honorarios que o Colexio pode aprobar son para exclusivos efectos da taxación de custas xudiciais.

No que respecta á colexiación:

– Debe incluírse a súa tramitación telemática, así como que a contía da cota de incorporación virá determinada polo custo da súa tramitación.

– Debe suprimirse todo o relativo á habilitación introducindo a nova regulación relativa aos arquitectos exercentes en territorio distinto ao da súa colexiación.

No que respecta á ordenación do exercicio profesional, procede adaptar os artigos 23 e 23 bis ao réxime de sociedades profesionais nos termos operados pola reforma da Lei 2/2007, procedendo a refundir nun só artigo o exercicio en forma societaria, pois non pode haber diferenzas baseadas no carácter multidisciplinar das sociedades. Así mesmo, procede acomodar a regulación do visado ao novo artigo 13 da Lei de colexios profesionais e ao Real decreto 1000/2010.

Os estatutos agora adaptados prevén o novo servizo de atención a colexiados e a consumidores e usuarios, que resolverá as queixas ou reclamación presentadas polos colexiados, así como as queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados e que presente calquera consumidor ou usuario que contratase os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios.

En canto ao capítulo de réxime xurídico, procede incorporar a obriga prevista na «lei ómnibus» e que os acordos, decisión e recomendacións do COAG deben observar os límites da Lei de defensa da competencia (a diferenza da regulación anterior, que se refería unicamente a acordos de contido económico). A regulación actual prevé a súa acomodación para todo tipo de acordos, salvo exención legal.

No relativo ao réxime económico:

– Cómpre regular as cotas variables con nítida separación conceptual do feito do visado. Ben que o visado debe desligarse do concepto de cota variable, procede manter a participación nos ingresos provenientes do visado tanto para os órganos centrais do COAG como para as delegacións.

– Procede a introdución dun novo artigo en relación coa memoria anual que deben elaborar os colexios profesionais e o contido mínimo dela legalmente previsto.

Procede engadir un novo capítulo XI, relativo ao portelo único a través do cal os colexiados poderán realizar unha serie de trámites previstos legalmente e a través do cal a lei tamén garante aos consumidores e usuarios teren acceso a unha serie de información.

Noutra orde, no sistema de recursos en vía corporativa, recuperase a terminoloxía de recurso de alzada e de reposición en substitución do recurso ordinario para acomodalo á normativa administrativa vixente.

Ademais da adaptación da normativa estatutaria á legalidade vixente, os presentes estatutos, refunden nun único texto articulado os estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que se encontraban dispersos en tres decretos: Decreto 273/1999, do 28 de outubro, Decreto 254/2008, do 23 de outubro e Decreto 65/2015, do 30 de abril.

Sendo obrigado adaptar os estatutos colexiais á legalidade vixente, non se pode prescindir da historia colexial e do conxunto de normas polas cales se veu regulando o Colexio desde a súa creación, polo que, como referencia histórica, cómpre recordar cales foron os condicionantes legais dos orixinarios estatutos de 1999 e os seus antecedentes, que se plasmaron no seu preámbulo.

CAPÍTULO I
Normas xerais

Artigo 1. Natureza e denominación

1. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) é unha corporación de dereito público, constituída segundo a lei e integrada polos arquitectos que reúnen os requisitos establecidos nestes estatutos.

2. O COAG ten personalidade xurídica propia, a súa capacidade de obrar é plena para o cumprimento dos seus fins e goza de plena autonomía no marco da normativa que lle é de aplicación e baixo a garantía xurisdicional dos tribunais de xustiza.

Artigo 2. Ámbito territorial

O ámbito territorial do COAG é o de Galicia, con carácter de colexio profesional único, e, como tal, asume para a profesión as funcións atribuídas aos consellos galegos de colexios, segundo a normativa vixente.

Artigo 3. Domicilio

1. O COAG ten a súa sede en Santiago de Compostela e o seu domicilio social na Casa da Conga, Quintana de Mortos número 3.

2. Ten establecidas delegacións nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol.

Artigo 4. Relacións externas

1. Sen prexuízo doutras relacións, o COAG relacionarase especialmente:

a) Coa Xunta de Galicia.

b) Coa Administración central do Estado, a través dos distintos ministerios e organismos autónomos.

c) Coa Administración local, a través dos entes que forman parte dela.

2. As relacións do COAG fóra do seu ámbito territorial cos órganos do Estado, coas entidades estranxeiras e organismos internacionais e cos outros colexios profesionais realizaranse coa venia ou por mediación do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

CAPÍTULO II
Fins e funcións

Artigo 5. Fins

Son fins esenciais do COAG os que lle asigna a lexislación de colexios profesionais e, en particular, os seguintes:

a) Procurar o perfeccionamento da actividade profesional dos arquitectos ao servizo da sociedade.

b) Ordenar o exercicio profesional no marco das leis.

c) Mirar pola observancia da deontoloxía da profesión e polo respecto debido aos dereitos dos cidadáns.

d) Representar con exclusividade a nivel institucional a profesión, atendendo á súa colexiación obrigatoria e defender os intereses xerais da profesión, en particular nas súas relacións cos poderes públicos.

e) Defender os dereitos e intereses profesionais dos seus membros.

f) Realizar as prestacións de interese xeral propias da arquitectura e do urbanismo que considere oportunas ou que lle encomenden os poderes públicos conforme a lei.

g) Protexer os intereses dos clientes e usuarios dos servizos profesionais dos seus colexiados.

Artigo 6. Funcións

Para a consecución dos seus fins, o COAG exercerá no seu ámbito territorial as funcións que a lexislación asigna aos colexios profesionais e, en particular, as seguintes:

1. De rexistro:

a) Levar ao día a relación dos seus membros, con constancia, como mínimo, do testemuño auténtico do título, a data da alta, o domicilio profesional e o de residencia, a sinatura actualizada e cantas incidencias ou impedimentos afecten a súa habilitación para o exercicio profesional. Así mesmo, levarán a relación dos exercentes no seu ámbito territorial procedentes doutros colexios na cal deberá constar o colexio en que se encontren incorporados e os datos precisos para a súa identificación.

b) Recadar os datos referentes á situación e actividade profesionais e demais necesarios dos seus membros, e demais exercentes no seu ambito territorial, para o exercicio das competencias de ordenación.

c) Certificar os datos do rexistro por petición dos interesados ou por requirimento das autoridades competentes.

d) Facilitar aos órganos xurisdicionais e ás administracións públicas, conforme as leis, as relacións dos arquitectos que poidan ser requiridos para intervir como peritos de acordo coas listas de arquitectos, peritos e forenses establecidas para o efecto pola agrupación, se a houber, en aplicación do seu regulamento.

2. De representación:

a) Representar a profesión de arquitecto e os seus intereses xerais ante os poderes públicos de Galicia e ante as restantes administracións, procurando os intereses profesionais e prestando a súa colaboración nas materias da súa competencia, para o cal poderá celebrar convenios cos organismos respectivos. Cando a representación deba ter lugar ante órganos con competencia fóra do ámbito colexial e sexa referida a asuntos que transcendan o seu ámbito territorial, as actuacións realizaranse coa venia ou por mediación do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos.

b) Actuar ante os xuíces e tribunais de Xustiza, dentro e fóra do seu ámbito territorial, nos litixios que afecten os intereses profesionais, coa lexitimación que a lei lle outorga, podendo facelo en substitución procesual dos seus membros na defensa que eles mesmos voluntariamente lle encomenden.

c) Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discuta sobre cuestións profesionais, se fór requirido para iso.

d) Emitir informe, segundo as leis, sobre os proxectos de disposicións de ámbito galego que regulen ou afecten directamente as atribucións profesionais ou as condicións da actividade dos arquitectos.

e) Cooperar no melloramento do ensino e da investigación da arquitectura, do urbanismo e do ambiente.

f) Participar e representar a profesión nos congresos, xurados e órganos consultivos por petición da Administración ou de particulares.

g) Promover a presenza social da profesión, mirando polo seu prestixio e dignidade.

3. De ordenación:

a) Evitar a intrusión profesional.

b) Mirar pola independencia facultativa do arquitecto en calquera das modalidades do exercicio profesional.

c) Establecer e controlar os niveis mínimos de dilixencia profesional.

d) Informar ou advertir os seus colexiados sobre as ofertas de traballo que presenten condicións irregulares, abusivas ou arriscadas para un correcto exercicio profesional.

e) Mirar polo respecto dos dereitos de propiedade intelectual dos arquitectos.

f) Visar os traballos profesionais dos arquitectos, cando así se solicite por petición expresa dos clientes, incluídas as administracións públicas cando actúen como tales, e naqueles traballos previstos no Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, de visado colexial obrigatorio.

g) Mirar pola ética e a dignidade da profesión, tanto nas relacións recíprocas entre arquitectos, como nas destes cos seus clientes ou coas organizacións en que desenvolvan o seu labor profesional.

h) Exercer a potestade disciplinaria sobre os arquitectos que incumpran os seus deberes colexiais ou profesionais, tanto legais como deontolóxicos.

i) Establecer normativas sobre a actividade profesional en exercicio das súas funcións con suxeición a estes estatutos e ás demais disposicións xerais de aplicación.

j) Favorecer a apertura de campos de traballo profesional compartidos con outras profesións, facilitando e potenciando a especialización neles dos arquitectos mediante formas organizativas colexiais adecuadas para estes fins.

k) Impedir a competencia desleal entre os arquitectos.

4. De servizo:

a) Promover a investigación e difusión da arquitectura e do urbanismo.

b) Asesorar e apoiar os arquitectos no exercicio profesional, instituíndo e prestando todo tipo de servizos, incluídos os de información profesional e técnica e de formación permanente.

c) Abrir canles para facilitar a incorporación ao exercicio profesional dos colexiados recentemente titulados.

d) Elaborar criterios orientativos para o cálculo de honorarios para os exclusivos efectos da taxación de custas xudiciais.

e) Xestionar o cobramento dos honorarios profesionais, por solicitude dos colexiados e coas condicións que se determinen nas normas que rexan este servizo.

f) Asesorar os arquitectos nas súas relacións coas administracións públicas.

g) Resolver por laudo, segundo a lexislación sobre arbitraxes e os seus propios regulamentos de procedemento, os conflitos que lles sometan as partes en materias relacionadas coa competencia profesional dos arquitectos.

h) Impulsar e desenvolver a mediación, así como realizar funcións de arbitraxe nacional e internacional, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

i) Asesorar sobre as condicións de contratación dos servizos profesionais dos arquitectos, procurando a mellor definición e garantía das respectivas obrigas e dereitos.

j) Prestar a colaboración que se lle requira na organización e difusión dos concursos que afecten os arquitectos e velar pola adecuación das súas convocatorias ás normas reguladoras do exercicio profesional.

k) Colaborar con institucións ou entidades de carácter formativo, cultural, cívico, de previsión e outras análogas dedicadas ao servizo dos arquitectos ou ao fomento e defensa dos valores culturais e sociais que concirnen á profesión, e promover a súa constitución.

l) Exercer cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos colexiados e, en concreto, establecer un servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios para a tramitación e resolución de cantas queixas e reclamacións, referidas á actividade colexial ou dos colexiados, sexan presentadas por calquera usuario que contrate os servizos profesionais, ou profesional colexiado, así como polas asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos intereses colectivos, regulado no artigo 23 bis dos presentes estatutos.

m) Dispoñer na súa páxina web do acceso ao servizo de portelo único, previsto no artigo 77 dos presentes estatutos, para posibilitar que os arquitectos poidan realizar todos os trámites necesarios para as altas e baixas de colexiación e o seu exercicio profesional, e ofrecer aos clientes e usuarios a información prevista legalmente.

n) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades e servizos e o seu exercicio.

5. De organización:

a) Aprobar e modificar os seus estatutos, co informe do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos, sobre a súa compatibilidade cos estatutos xerais e coa intervención que proceda por parte da Xunta de Galicia.

b) Aprobar e executar os seus orzamentos.

c) Ditar normas sobre organización e funcionamento interior para o desenvolvemento e aplicación destes estatutos.

d) Informar os colexiados sobre os balances e contas de resultados.

CAPÍTULO III
Colexiación

Artigo 7. Incorporación ao Colexio

1. O deber de colexiación como requisito legal para o exercicio da profesión de arquitecto en Galicia exixirá como condición obrigada, para quen non pertenza a outros colexios de arquitectos, a incorporación ao COAG como colexiado.

2. Poderán igualmente incorporarse e permanecer no COAG con carácter voluntario os arquitectos que non exerzan a profesión ou que, en razón da súa modalidade de exercicio, estiveren legalmente dispensados do deber de colexiación.

3. Así mesmo, poderán realizar traballos profesionais no ámbito do COAG sen necesidade de colexiarse nel, os arquitectos colexiados en calquera outro colexio de arquitectos de España.

En todo caso, quedarán suxeitos ás competencias do COAG, como colexio de destino, en materia de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria para todo canto concirna ou derive da actuación profesional de que se trate.

O COAG utilizará os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Así mesmo, o COAG non poderá exixir aos arquitectos colexiados noutros colexios que exerzan no seu ámbito territorial comunicación nin habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que se exixan habitualmente aos colexiados pola prestación de servizos de que sexan beneficiarios e non se encontren cubertos pola cota colexial.

4. No caso de arquitectos que se despracen en libre prestación de servizos e estean legalmente establecidos en Estados membros da UE ou outros países europeos en que sexa aplicable a Directiva 2005/36/CE, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais, o réxime aplicable será o que se especifica no título II do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, que constitúe a transposición no ordenamento español da devandita directiva. Concretamente, no caso de desprazamento destes arquitectos, a remisión pola autoridade competente, fixada no devandito real decreto, da declaración previa do arquitecto e a súa documentación adxunta ao Consello Superior e ao COAG como colexio de destino, constituirá unha inscrición temporal automática no COAG e suporá o sometemento do arquitecto interesado ás disposicións disciplinarias vixentes.

Artigo 8. Requisitos da colexiación

1. A incorporación ao COAG como colexiado require as seguintes condicións:

a) Posuír a titulación legalmente requirida para o exercicio en España da profesión de arquitecto.

b) Non estar incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión.

c) Non estar suspendido no exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial firme.

d) Pagar a cota de colexiación ou incorporación, que a posibilidade de incorporación conte con informe favorable, a cal non poderá superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

2. A posesión da titulación acreditarase mediante testemuño auténtico do título. No caso de se tratar de titulación estranxeira, presentarase, ademais, a documentación acreditativa da súa validez en España para efectos profesionais, e, de tratarse de cidadáns doutros países, deberán cumprirse os demais requisitos legalmente exixidos para o establecemento e traballo dos estranxeiros en España.

A condición b) entenderase acreditada por declaración do interesado. A condición c) farase constar, salvo que se trate de primeira colexiación, mediante certificación do Rexistro Xeral de Arquitectos que consta no Consello Superior de Colexios.

Declararanse ou acreditaranse, ademais, os restantes datos que deban constar no rexistro do Colexio.

3. A incorporación de arquitectos con nacionalidade e titulación comprendidas nas directivas da Unión Europea sobre recoñecemento mutuo de títulos no sector da arquitectura e o exercicio efectivo do dereito de establecemento e de libre prestación de servizos ateranse ao disposto nesas directivas específicas e na normativa regulamentaria de transposición destas ao ordenamento xurídico español.

4. Os arquitectos que residan en país estranxeiro poderán inscribirse sen teren a condición de colexiados, suxeitándose ás normas de acreditación que resulten aplicables cando non teñan a nacionalidade española.

Artigo 9. Solicitudes de colexiación

1. A solicitude de incorporación ao COAG como colexiado farase por escrito, acompañada da documentación acreditativa da titulación e de declaración ou acreditación de cantos datos deban constar no rexistro colexial. A acreditación da inexistencia de sanción disciplinaria colexial inhabilitante será solicitada de oficio polo COAG ao Consello Superior de Colexios.

2. As solicitudes efectuadas por cidadáns estranxeiros ou por arquitectos con titulación estranxeira requirirán, ademais, informe do Consello Superior de Colexios.

3. O COAG disporá os medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar a súa colexiación por vía telemática.

Artigo 10. Admisión e denegación de colexiacións

1. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación no prazo máximo dun mes, contado a partir do día seguinte ao de presentación da solicitude; transcorrido este prazo sen se producir a resolución, a solicitude considerarase admitida sempre que se cumpran as condicións formais e materiais. O prazo será de tres meses no caso de solicitudes de colexiación efectuadas por cidadáns estranxeiros ou por arquitectos con titulación estranxeira.

2. O prazo quedará interrompido se a documentación achegada coa solicitude for incompleta, e polo tempo que o interesado tardar en completala, ou para efectuar as comprobacións que foren necesarias a fin de verificar a súa lexitimidade e suficiencia; se o solicitante retrasar a achega da documentación pedida máis de tres meses desde que fose requirido para iso sen que exista causa xustificada, a solicitude de incorporación decaerá e será arquivada sen outro trámite.

3. A colexiación poderá denegarse unicamente cando o solicitante incumprir as condicións ou requisitos de colexiación.

4. A Xunta de Goberno poderá delegar o outorgamento da colexiación con carácter provisional no secretario do Colexio en casos de urxencia; a súa decisión nestes casos será sometida a posterior ratificación da Xunta de Goberno.

Artigo 11. Suspensión da condición de colexiado

1. A condición de colexiado e o exercicio dos dereitos inherentes a esta condición quedarán en suspenso por algunha das seguintes causas:

a) Inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional decretada por resolución xudicial firme.

b) Suspensión no exercicio da profesión imposta por sanción disciplinaria colexial que deveu firme.

c) Falta de pagamento das contribucións colexiais por importe mínimo equivalente á metade das que correspondan a unha anualidade e previo, en todo caso, o requirimento fidedigno de pagamento con advertencia de suspensión, sen prexuízo de reclamarlle o cumprimento das súas obrigas económicas polos procedementos de que se dispoña.

2. A situación de suspenso manterase en tanto subsista a causa que a determina.

Artigo 12. Perda da condición de colexiado

1. A condición de colexiado perderase por algunha das seguintes causas:

a) Baixa voluntaria, solicitada por escrito con manifestación de que non se exerce a profesión no territorio de Galicia nin se teñen compromisos profesionais pendentes de cumprimento, ou acreditando, noutro caso, a renuncia correspondente.

b) Perda por resolución xudicial ou administrativa firme, ou inexactitude comprobada dalgunha das condicións exixibles para o exercicio da profesión en España.

c) Expulsión do COAG, decretada como resolución de expediente disciplinario e devida firme.

d) Condena firme coa pena accesoria de privación a perpetuidade do exercicio da profesión.

e) Suspensión durante tres meses consecutivos por incumprimento das obrigas económicas co Colexio decretada segundo o procedemento do artigo 11.1.c). A reincorporación ao COAG quedará neste caso condicionada ao pagamento das cotas debidas, e dos seus xuros de demora, sempre que o crédito non prescribise, dacordo coa lexislación vixente.

2. A perda da condición de colexiado será sen prexuízo do dereito do COAG de perseguir, nos ámbitos colexial e extracolexial os actos realizados durante a adscrición ao Colexio.

3. A situación de exercente no ámbito dun colexio distinto ao de colexiación cesa coa terminación do traballo ou traballos profesionais que a determinaron, sen prexuízo da persistencia da competencia do Colexio para coñecer das situacións e cuestións pendentes ata a súa extinción, liquidación ou resolucións definitivas.

Artigo 13. Rexistro xeral

O COAG, para constancia no Rexistro Xeral de Arquitectos, dará conta inmediata ao Consello Superior dos Colexios das resolucións adoptadas sobre incorporacións, suspensións, baixas, así como das alteracións dos datos sobre domiciliación profesional e de residencia dos arquitectos.

Artigo 14. Colexiados de honra

A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, e logo de conformidade dos interesados, poderá nomear discrecionalmente colexiados de honra todas aquelas persoas que acrediten méritos ou servizos relevantes prestados a favor da profesión ou da arquitectura en xeral.

CAPÍTULO IV
Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 15. Dereitos dos colexiados

1. O arquitecto colexiado no COAG ten dereito:

a) A todas as consideracións debidas á profesión.

b) Á protección e defensa do COAG no exercicio recto e lexítimo da profesión.

c) Á igualdade de trato respecto dos demais colexiados en canto ao exercicio dos seus dereitos e deberes.

d) Ao recoñecemento dos seus traballos como propios e á protección da propiedade intelectual.

2. Con respecto ao Colexio, o arquitecto colexiado no COAG ten dereito:

a) A participar no goberno do Colexio, formando parte da Xunta Xeral.

b) A dirixirse aos órganos do Colexio formulando peticións e queixas.

c) A exercer o dereito de recurso contra os acordos e resolucións dos órganos colexiais.

d) A pedir e obter información sobre a profesión en xeral e sobre a actividade colexial, e a examinar os documentos en que se reflicte a actividade económica do Colexio.

e) A pedir e obter os datos que posúa o COAG nos cales teña interese lexítimo, persoal e directo.

f) A usar os servizos que preste o COAG na forma e condicións que se determinen para cada un deles.

g) A ser asesorado ou defendido polo Colexio nas cuestións que se susciten relativas aos seus dereitos e intereses lexítimos de carácter profesional, na forma e condicións fixadas para o efecto.

h) A ser mantido no pleno uso dos seus dereitos en tanto non se produza a súa suspensión ou baixa conforme estes estatutos.

i) A formar parte das agrupacións colexiais sen máis exixencia que o cumprimento dos requisitos establecidos polos respectivos regulamentos.

3. Os arquitectos colexiados residentes en Galicia terán dereito de sufraxio activo e pasivo.

4. Os arquitectos colexiados non residentes en Galicia terán dereito de sufraxio activo pero non pasivo.

5. Os arquitectos colexiados noutros colexios de arquitectos de España exercentes no ámbito do COAG terán os mesmos dereitos que os colexiados excepto os seguintes:

– Dereito de participar na Xunta Xeral.

– Dereito de sufraxio, nin activo nin pasivo.

– Dereito de pedir e obter información sobre a profesión en xeral e sobre a actividade colexial.

– Dereito de examinar os documentos en que se reflicte a actividade económica do Colexio.

Artigo 16. Deberes dos colexiados

1. A observancia dos deberes dos arquitectos colexiados constitúe o obxecto propio das potestades colexiais de control e disciplina reguladas polos presentes estatutos.

2. Con carácter xeral, o arquitecto incorporado ao COAG como colexiado deberá:

a) Exercer a profesión con liberdade e independencia de criterio, cumprindo o ordenamento xurídico e as súas obrigas profesionais e deontolóxicas.

b) Actuar con plena competencia profesional e dedicación ao traballo e non asumir tarefas que non poida atender debidamente.

c) Gardar os segredos que coñeza por razón do exercicio profesional, salvo que estea obrigado pola lexislación a revelalos.

d) Observar as incompatibilidades profesionais e as causas de abstención legal ou deontoloxicamente establecidas. En todo caso, os requisitos que obriguen a exercer de forma exclusiva unha profesión ou que limiten o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións serán só os que se establezan por lei.

3. Con respecto ao Colexio e aos demais arquitectos, o arquitecto incorporado ao COAG como colexiado deberá:

a) Cumprir estes estatutos e as normas e resolucións ditadas polos órganos colexiais, sen prexuízo do dereito de formular queixas e recursos.

b) Ter para cos compañeiros de profesión as atencións derivadas do mellor espíritu de irmandade.

c) Prestar o debido respecto aos compañeiros que exerzan cargos colexiais.

d) Actuar con fidelidade e dilixencia no exercicio dos cargos para os que for elixido ou nomeado.

e) Asistir ás asembleas, xuntas ou comisións para as que for elixido ou nomeado e representar o COAG en organismos, comisións, tribunais, xurados e outros, unha vez aceptado o encargo, se este non for obrigatorio.

f) Contribuír puntualmente ao levantamento das cargas colexiais de toda clase conforme estes estatutos e os acordos adoptados polos órganos colexiais para a súa aplicación.

g) Comunicar ao COAG calquera acto de intrusión ou actuación profesional irregular de que tiver coñecemento.

h) Comunicar ao COAG o seu modo ou modos de exercicio profesional no momento de solicitar a súa incorporación ao Colexio, as variacións que nestes modos se produciren posteriormente, os cambios de domicilio profesional e particular, e demais circunstancias e datos que lle sexan pedidos e sexan necesarios para o cumprimento das funcións colexiais.

i) Actuar en todo momento de acordo coa normativa ordenadora da competencia leal entre arquitectos.

j) Presentar a visado colexial os documentos profesionais que autorice coa súa sinatura cando sexa preceptivo de acordo co establecido no Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado colexial obrigatorio, ou polas regulacións normativas autonómicas dentro do seu ámbito competencial ou, noutro caso, cando o soliciten expresamente os clientes, incluídas as administracións públicas cando actúen como tales.

k) Poñer en coñecemento inmediato do COAG o seu cesamento en calquera traballo profesional en curso de realización.

l) Cumprir os requisitos estatutarios para aceptar a continuación dun traballo profesional en substitución doutro arquitecto.

m) Non aceptar o encargo de traballos profesionais que non poida atender debidamente.

n) Non aceptar cargos nin postos de traballo que non se adecuen ás condicións do exercicio da profesión. Someterá á Xunta de Goberno as dúbidas que teña ao respecto.

ñ) Cumprir, como membro das agrupacións, coas obrigas establecidas nos respectivos regulamentos.

4. En relación cos seus clientes, o arquitecto incorporado ao COAG como colexiado deberá:

a) Fixar con precisión, e por escrito se lle for solicitado, o contido do traballo profesional a realizar e a previsión da correspondente remuneración.

b) Protexer os intereses do seu cliente mentres non se opoñan ao ordenamento xurídico nin á normativa colexial.

c) Coidar o desenvolvemento do seu traballo, singularmente nas obras de edificación, tanto no ámbito da responsabilidade profesional canto na adecuación ao proxecto aprobado.

CAPÍTULO V
Ordenación do exercicio profesional

Artigo 17. Funcións de ordenación

1. As competencias relativas a funcións colexiais que impliquen ou consistan en actos de control sobre a actividade profesional dos arquitectos son de natureza regulada conforme o disposto nestes estatutos e terán como único fin lexítimo mirar polo cumprimento da normativa legal, estatutaria e deontolóxica da profesión e defender a lexítima actuación do arquitecto, sen prexuízo dos dereitos de quen contrata os seus servizos.

2. O control colexial sobre a actividade profesional dos arquitectos exércese a través do visado dos traballos profesionais segundo apareza regulado no correspondente regulamento deste servizo.

3. A Xunta de Goberno é a titular das funcións de control. As xuntas directivas das delegacións exercerán estas funcións por delegación da Xunta de Goberno, retendo esta as facultades de inspección e coordinación que resulten precisas para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e colexiais de aplicación.

Artigo 18. Comunicación dos encargos

1. Todo arquitecto comunicará ao Colexio os encargos dos traballos profesionais que reciba, declarando as súas características técnicas e legais e demais circunstancias obxectivas de identificación e localización da misión encomendada que sexan precisas para o seu rexistro colexial. A comunicación do encargo será requisito necesario para o visado do traballo.

2. Recibida a comunicación de encargo polo Colexio, este poderá, conforme a normativa, formular observacións ou reparos se observa circunstancias que poderían condicionar no seu momento o outorgamento do visado correspondente.

Artigo 19. Visado

1. Son obxecto de visado os traballos profesionais do arquitecto cando así se solicite por petición expresa dos clientes, incluídas as administracións públicas cando actúen como tales, e aqueles traballos determinados no Real decreto 1000/2010, do 5 agosto, de visado colexial obrigatorio.

2. O obxecto do visado é comprobar, ao menos:

a) A identidade e habilitación profesional do autor do traballo, utilizando para isto os rexistros de colexiados previstos nos presentes estatutos.

b) A corrección e a integridade formal da documentación do traballo profesional de acordo coa normativa aplicable ao traballo de que se trate.

c) A realización das demais constatacións que lle sexan encomendadas ao colexio polas leis, regulamentos e demais normas legais.

En todo caso, o visado expresará claramente cal é o seu obxecto, detallando que aspectos son sometidos a control e informará sobre a responsabilidade que, de acordo co previsto no número 4 do presente artigo, asume o Colexio. En ningún caso comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación queda suxeita ao libre acordo entre as partes, nin tampouco comprenderá o control técnico dos elementos facultativos do traballo profesional.

3. O procedemento de visado será regulado por regulamento aprobado pola Xunta Xeral. En todo caso, o prazo para resolver non excederá vinte días hábiles contados desde a presentación do traballo, salvo suspensións do prazo para emendar deficiencias documentais. Cando a resolución for denegatoria, deberá ser motivada e notificada en debida forma. O visado dos traballos poderá tramitarse por vía telemática.

4. En caso de danos derivados dun traballo profesional que teña visado o Colexio no que resulte responsable o autor, o Colexio responderá subsidiariamente dos danos que teñan a súa orixe en defectos que deberían ter sido postos de manifesto polo Colexio ao visar o traballo profesional e que garden relación directa cos elementos que se visasen nese traballo concreto.

5. Cando o visado colexial sexa preceptivo, o seu prezo será razoable, non abusivo nin discriminatorio. O Colexio fará públicos os prezos dos visados dos traballos.

6. O visado poderá expedirse tamén a favor dunha sociedade profesional debidamente inscrita no Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais.

Artigo 20. Control técnico de proxectos

Con independencia do contido específico do visado colexial, o COAG poderá establecer un servizo técnico de carácter voluntario á disposición dos arquitectos para o control de calidade dos traballos profesionais, de acordo coas normativas de homologación e demais condicións que se determinen nas normas de funcionamento e utilización do servizo.

Artigo 21. Substitución de arquitectos

A substitución dun arquitecto por outro na realización dun mesmo traballo profesional require a comunicación previa ao Colexio. Cando o sexa na dirección facultativa dunha obra en curso de execución, a comunicación do arquitecto cesante deberá acompañarse de certificación que reflicta o estado das obras realizadas baixo a súa dirección e a documentación técnica correspondente.

Artigo 22. Incompatibilidades

O exercicio da profesión de arquitecto está sometido ás incompatibilidades que establece o ordenamento xurídico. En todo caso, os requisitos que obriguen a exercer de forma exclusiva unha profesión ou que limiten o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións serán só os que se establezan por lei.

Artigo 23. Exercicio profesional baixo forma societaria

1. Os arquitectos incorporados ao COAG poderán exercer a súa profesión conxuntamente con outros colexiados, baixo calquera forma lícita recoñecida en dereito. Tamén poderán, se for o caso, exercer conxuntamente a súa profesión con profesionais doutras disciplinas sempre que o su desempeño non se teña declarado incompatible por norma de rango legal. Se a actividade profesional se desenvolve baixo forma societaria, estará suxeita aos termos establecidos na vixente Lei de sociedades profesionais e no resto da lexislación societaria mercantil.

2. As sociedades profesionais inscribiranse obrigatoriamente no Rexistro de Sociedades Profesionais do COAG cando teñan o seu domicilio social no seu ámbito territorial e ao cal deberá pertencer como colexiado polo menos un dos seus socios profesionais. Sen o requisito da inscrición non poderán realizar actividade profesional ningunha baixo a razón ou denominación social.

O COAG comunicará ao Consello Superior todas as inscricións practicadas para os efectos da súa anotación no Rexistro Central de Sociedades Profesionais.

3. A inscrición da sociedade profesional no rexistro colexial correspondente supón a incorporación da sociedade ao COAG e a súa suxeición ás competencias que a Lei de colexios profesionais e os presentes estatutos lle atribúen sobre os profesionais a el incorporados.

A sociedade profesional debidamente inscrita no Rexistro de Sociedades Profesionais será titular dos dereitos e obrigas que recoñece o capítulo IV destes estatutos, con excepción dos dereitos electorais e de participación en órganos colexiais, que se reservan exclusivamente aos colexiados persoas físicas.

4. O Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais rexerase polas previsións contidas na Lei de sociedades profesionais, os estatutos xerais e, en desenvolvemento deles, pola normativa común aprobada polo Consello Superior de Colexios.

5. A sociedade profesional unicamente poderá exercer as actividades profesionais de arquitectura a través dun arquitecto colexiado.

6. Tanto os impresos de nota-encargo e orzamento como a solicitude de visado e presentación da documentación que se presente a visado colexial deberán ser subscritos sempre polo profesional ou profesionais colexiados que se responsabilicen do traballo profesional obxecto do encargo.

7. Cando a sociedade profesional actúa a través dun arquitecto colexiado que non teña a condición de socio profesional, deberá consignase na nota de encargo e o orzamento a relación profesional que os vincula.

8. O acto público do visado poderá practicarse a nome do profesional colexiado ou da sociedade profesional; neste último suposto deberase acreditar o profesional que se responsabilice do traballo, e consignarase a súa relación coa sociedade profesional.

9. Na documentación dos traballos profesionais sometidos a visado podrá figurar a denominación ou logotipo da entidade, pero deberá aparecer necesariamente a sinatura do arquitecto ou dos arquitectos responsables deles.

10. As sociedades profesionais constituídas como tales de conformidade coa lexislación dun Estado membro da Unión Europea serán recoñecidas en España nos termos e para os efectos previstos na disposición adicional sétima da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

Artigo 23 bis. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. O Colexio atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, o colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presentase calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

CAPÍTULO VI
Organización colexial e órganos de goberno

Sección 1ª. Estrutura da organización colexial

Artigo 24. Estrutura

1. O COAG, para cumprir os seus fins e funcións, adopta a seguinte estrutura:

a) Unha organización central ou xeral que garante a unidade de expresión externa e a homoxeneidade de funcionamento interno do COAG.

b) Unha organización territorial que garante a proximidade da súa presenza ante os colexiados e ante a sociedade.

Artigo 25. Organización central

1. A organización central ou xeral está materializada en tres órganos de goberno, a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e o decano, estende a súa xurisdición a toda Galicia, exerce a alta representación do COAG, asume a titularidade patrimonial, mira polo control da legalidade, tanto normativa como de actuacións, e resolve en materia disciplinaria.

2. A organización central garantirá:

a) A equidade no trato a todos os arquitectos incorporados ao COAG.

b) A liberdade de inscrición en calquera delegación, sen ningunha limitación por razón de domicilio ou residencia habitual do arquitecto.

c) A coordinación xerárquica da normativa colexial.

Artigo 26. Organización territorial

1. A organización territorial, está materializada en dous tipos de órganos de goberno, as xuntas de delegación e as xuntas directivas de delegación, responde ao modo de asentamento dos arquitectos no ámbito colexial e representa os intereses colexiais tanto ante os arquitectos que están inscritos nela como ante as persoas, entidades, corporacións e organismos de toda clase dentro do ámbito de actuación da delegación.

2. Cada arquitecto colexiado só poderá inscribirse nunha delegación colexial.

3. Serán de responsabilidade directa das delegacións:

a) A proxección da cultura arquitectónica no seu ámbito de actuación.

b) As relacións coa Administración local.

c) As actividades de formación dos seus colexiados.

Sección 2ª. A Xunta Xeral

Artigo 27. A Xunta Xeral: definición

A Xunta Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade colexial e está composta pola totalidade dos arquitectos colexiados, que poderán asistir a ela con voz e voto, xa sexa presencialmente, a través de medios telemáticos ou por representación mediante a delegación do voto nos termos previstos nos presentes estatutos.

Artigo 28. Reunións e competencias da Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces no ano, unha no mes de maio e outra no mes de decembro. A data deberá ser anunciada pola Xunta de Goberno polo menos cun mes de anticipación.

2. Corresponde á Xunta Xeral ordinaria do mes de maio:

a) Coñecer e sancionar a memoria, que lle debe someter a Xunta de Goberno resumindo a súa actuación durante o ano anterior, así como a xestión dos demais organismos e comisións do COAG e os acontecementos de maior relevo na vida profesional que tivesen lugar nese prazo, que conterá, como mínimo, a información legalmente exixida a que fai referencia o artigo 67 bis destes estatutos.

b) Aprobar as contas anuais, a liquidación do orzamento e as contas de gastos e ingresos do exercicio anterior.

c) Discutir e votar os demais temas que figuren na orde do día.

3. Corresponde á Xunta Xeral ordinaria do mes de decembro:

a) Ler e aprobar o orzamento dos órganos centrais formulado pola Xunta de Goberno para o exercicio seguinte e reunir nun único orzamento xeral do COAG, mediante consolidación, os orzamentos aprobados polas xuntas de delegación.

b) Determinar as cantidades que debe satisfacer cada colexiado por dereitos de incorporación, cotas e por calquera outro concepto.

c) Discutir e votar os demais temas que figuren na orde do día.

4. Na orde do día das xuntas xerais ordinarias figurarán tamén, polo menos, os puntos destinados á aprobación de actas anteriores, información sobre a xestión do decano e da Xunta de Goberno e rogos, preguntas e proposicións.

5. Celebraranse, ademais, xuntas xerais extraordinarias cando sexa considerado necesario pola Xunta de Goberno, cando o pida coas súas sinaturas a décima parte dos colexiados ou cando sexa oficialmente solicitado por tres delegacións colexiais por acordo das súas xuntas directivas. En particular, deberán ser obxecto de Xunta Xeral extraordinaria:

a) A autorización dos actos de disposición dos bens inmobles do COAG e dereitos reais sobre eles, así como dos restantes bens patrimoniais que figuren inventariados como de considerable valor.

b) A resolución de mocións de censura que se presenten contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros.

c) A determinación das cantidades que, en concepto de achegas de carácter extraordinario, deban satisfacer os colexiados.

d) A aprobación e modificación dos estatutos colexiais e dos regulamentos orgánicos e as súas modificacións, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para ditar as correspondentes normativas de desenvolvemento.

6. As xuntas xerais extraordinarias ocuparanse unicamente do asunto ou asuntos obxecto da convocatoria.

7. As xuntas xerais extraordinarias convocaranse cunha anticipación mínima de dez días. Nos casos de urxencia, o decano poderá reducir este prazo.

8. As convocatorias da Xunta Xeral, ordinarias ou extraordinarias, serán dadas a coñecer aos colexiados a través dos medios de difusión usuais do COAG con sinalamento dunha orde do día provisional.

9. Os colexiados poderán consultar nas secretarías das delegacións, e durante as horas de oficina, os antecedentes dos asuntos que se vaian tratar. Os colexiados que asistiran á anterior xunta xeral recibirán con anticipación unha copia do borrador da correspondente acta.

10. Ata vinte días antes da celebración dunha xunta xeral ordinaria os colexiados poderán presentar propostas que desexen someter a deliberación e acordo.

Artigo 29. Constitución da Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral celebrarase no día e hora sinalados en primeira ou, se procede, segunda convocatoria.

2. Se a unha Xunta Xeral non asistir a metade máis un dos colexiados, ben presencialmente, ben a través de medios telemáticos ou representación mediante a delegación do voto, celebrarase media hora máis tarde co número de colexiados que concorreren.

3. A mesa da Xunta Xeral estará constituída polo decano, o secretario e outros tres membros da Xunta de Goberno designados por esta.

4. Estará presidida a mesa e dirixido o debate polo decano ou, en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou imposibilidade xustificada, polo membro da Xunta de Goberno que o substitúa.

5. Actuará como secretario o da Xunta de Goberno ou, en iguais circunstancias, o membro da Xunta de Goberno que o substitúa.

Artigo 30. Procedemento dos debates na Xunta Xeral

O procedemento dos debates na Xunta Xeral será o establecido no regulamento que se aprobe para o efecto.

Artigo 31. Votacións

1. Todos os colexiados non suspendidos nos seus dereitos terán voz e voto na Xunta Xeral cando asistan a ela. A asistencia poderá ser presencial, en remoto por vía telemática ou por representación mediante a delegación do voto nos termos previstos no número 3 deste artigo.

2. A asistencia e participación mediante conexión telemática axustarase ás exixencias técnicas que garantan a validez do voto, o seu control e o seu carácter secreto, nos casos en que este sexa exixido. Establecerase, regulamentariamente, o procedemento de voto telemático que garanta os requisitos de confidencialidade e seguridade na identificación.

3. Todos os colexiados poderán delegar o seu voto en calquera compañeiro igualmente colexiado que asista á Xunta, xa sexa presencialmente ou mediante conexión telemática. A delegación de voto deberá facerse por escrito en modelo oficial e será comprobada e verificada pola mesa antes das votacións; deberá consignar coa debida claridade se está feita para todos os puntos da orde do día ou só para algún ou algúns deles. Entenderase que o delegado recibiu facultades para votar segundo a súa vontade en relación con aquel ou aqueles puntos da orde do día que veñan comprendidos na delegación de voto, e teranse por nulas as delegacións que restrinxan ou condicionen esta liberdade. O máximo número de votos delegados nun mesmo colexiado será de dez.

4. As votacións serán públicas e a man alzada. Cando o solicite polo menos o dez por cento dos colexiados asistentes, a votación será nominal ou secreta. En todo caso será secreta a votación nas mocións de censura e cando a cuestión afecte a dignidade persoal ou profesional de algún colexiado. A votación telemática axustarase ás exixencias técnicas que garantan a validez do voto, o seu control e o seu carácter segredo, nos casos en que este sexa exixido.

Artigo 32. Acordos

1. Os acordos serán aprobados, como norma xeral, por maioría dos votos emitidos, pero nos casos de modificación destes estatutos, para a disolución do Colexio nos termos previstos no artigo 78 e nas mocións de censura, será precisa a maioría dos colexiados con dereito a voto, xa sexan presenciais, mediante conexión telemática ou por representación mediante a delegación do voto.

2. Os acordos aprobados pola Xunta Xeral obrigarán a todos os colexiados, presentes, ausentes, disidentes e abstidos, sen prexuízo de que poidan utilizar os recursos que procedan.

3. Os acordos serán publicados nas circulares do COAG e deberán ser comunicados directamente aos interesados a que afecten persoalmente; todo isto no prazo máis breve posible e sempre antes da seguinte reunión ordinaria da Xunta Xeral. A notificación dos acordos aos interesados deberá ser cursada no prazo de 10 días a partir da data en que o acto for ditado.

4. Non se poderán aprobar acordos sobre asuntos que non figuren expresamente na orde do día.

Sección 3ª. A Xunta de Goberno

Artigo 33. A Xunta de Goberno: composición

1. A Xunta de Goberno é o órgano que garante a coordinación e cohesión do resto dos órganos corporativos e que mira en todo momento pola boa marcha da actividade colexial. Correspóndelle a xestión directiva do COAG e está composta por:

a) O decano-presidente.

b) O tesoureiro-contador.

c) O secretario.

d) Os presidentes das xuntas directivas das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol, que terán a condición de vogais da Xunta de Goberno.

e) Outros tres vocais.

f) Un vogal máis por cada delegación con máis de 400 colexiados.

2. Os representantes que correspondan ao COAG na Asemblea do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos designaranse segundo determinan os estatutos xerais dos colexios oficiais de arquitectos e do seu Consello Superior.

Artigo 34. Competencias da Xunta de Goberno

Son competencias exclusivas da Xunta de Goberno:

1. Con relación aos colexiados:

a) Resolver sobre a admisión dos arquitectos e sociedades que desexen incorporarse ao COAG como colexiados.

b) Mirar pola igualdade no trato de todos os arquitectos incorporados ao COAG, pola solidariedade e axuda mutua entre os colexiados e pola correcta conduta social e profesional dos colexiados entre si, en relación cos seus clientes e en relación co Colexio.

c) Visar os traballos profesionais dos arquitectos co alcance disposto polas normas estatutarias, as corporativas e as leis. O visado en ningún caso comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais de prestación dos servizos profesionais convidos polos arquitectos cos seus clientes, así como proceder a selaxe ou recoñecemento de sinatura dos traballos profesionais que deberán quedar rexistrados no Colexio.

d) Repartir equitativamente as cargas colexiais.

e) Aprobar normas para o desenvolvemento e aplicación destes estatutos e dos regulamentos orgánicos e demais acordos aprobados pola Xunta Xeral.

f) Convocar eleccións para a provisión de todos os cargos colexiais e proclamar e publicar as candidaturas.

g) Coordinar e inspeccionar o funcionamento de todos os órganos colexiais e mirar para que todos eles cumpran a normativa aplicable e os acordos colexiais, así como arbitrar as controversias que puideren xurdir entre eles.

h) Resolver os recursos que lle sexan presentados.

i) Acordar a convocatoria das xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e fixar o correspondente orde do día.

j) Elaborar e dar a coñecer á Xunta Xeral a memoria anual de actividades que recolla a xestión de todos os organismos e comisións do COAG e os acontecementos de maior relevo na vida profesional, que conterá, como mínimo, a información legalmente exixida a que fai referencia o artigo 67 bis destes estatutos.

k) Executar ou facer executar os acordos da Xunta Xeral.

l) Exercer as facultades disciplinarias.

2. Con relación ao exterior:

a) Defender os colexiados nas cuestións relativas ao correcto exercicio da profesión.

b) Promover ante toda clase de organismos públicos o que considere proveitoso para o exercicio e a dignidade da profesión.

c) Denunciar ás autoridades e perseguir ante os tribunais de xustiza a intrusión e os casos de exercicio profesional en que non se cumpran as vixentes disposicións legais.

d) Emitir os ditames, informes e consultas que lle sexan pedidos ou encomendados polas administracións públicas, corporacións, institucións, entidades e particulares, ou polos seus mesmos colexiados.

e) Proceder á designación de peritos por requirimento dos órganos xurisdicionais e das administracións públicas, dacordo co procedemento establecido para o efecto polo Regulamento da agrupación de arquitectos peritos e forenses.

f) Designar os representantes do COAG nos consellos, xurados, tribunais das oposicións, tanto oficiais como particulares, padroados ou órganos consultivos ou executivos das administracións públicas, corporacións e entidades privadas.

g) Exercer as funcións de arbitraxe de equidade nas cuestións que sexan sometidas á súa consideración, así como o impulso da mediación.

3. Con relación á vida económica do COAG:

a) Recadar, distribuír e administrar os fondos do COAG.

b) Redactar os orzamentos, propoñendo ao mesmo tempo os recursos económicos que terán que financialos, para o seu sometemento á Xunta Xeral.

c) Cerrar e someter á Xunta Xeral as contas anuais, a liquidación dos orzamentos vencidos e as contas de ingresos e gastos.

d) Autorizar, en execución dos acordos da Xunta Xeral, todos os actos que supoñan modificación do patrimonio do COAG.

4. Resolver sobre as queixas presentadas polos colexiados ou consumidores e usuarios ante o servizo de atención a colexiados e a consumidores e usuarios.

Artigo 35. Delegación de competencias da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno poderá delegar nas xuntas directivas das delegacións as competencias descritas nos puntos 1.b); 1.c) ; 1.j); 2.a); 2.b); 2.c); 2.e), 2.g) e 4 do artigo anterior.

2. A resolución dos asuntos de trámite poderá delegalos a Xunta de Goberno nunha comisión executiva, creada para estes efectos, que estará formada polo decano, o tesoureiro-contador, o secretario e os vogais da Xunta de Goberno que esta considere oportuno. Un, polo menos, destes vocais será un dos presidentes de xuntas directivas de delegación.

Artigo 36. Reunións da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase obrigadamente unha vez por trimestre e cantas veces sexa preciso para o exercicio das súas funcións, por iniciativa do decano ou por petición por escrito dun terzo dos seus membros, que deberá atender o decano no prazo de seis días.

2. A convocatoria será cursada por escrito a través da Secretaría por mandato do decano, con suficiente anticipación e acompañada da orde do día e documentación complementaria.

3. Para que poida adoptar validamente acordos será indispensable que concorra a maioría dos membros que a integran. Os debates rexeranse pola normativa das xuntas xerais no que sexa de aplicación. As votacións serán sempre nominais. Os acordos aprobaranse por maioría de votos dos membros presentes e, no caso de empate, o voto do decano será de calidade. Os acordos aprobados pola Xunta de Goberno obrigarán todos os colexiados, sen prexuízo de que se poidan utilizar os recursos que procedan.

4. Os acordos da Xunta de Goberno que sexan de interés xeral serán publicados na circular do COAG e deberán ser comunicados directamente aos interesados os que os afecten persoalmente; todo isto no prazo máis breve posible, e sempre antes da seguinte reunión ordinaria da Xunta de Goberno. A notificación dos acordos aos interesados deberá ser cursada no prazo de 10 días a partir da data en que o acto fose ditado.

5. A asistencia será obrigatoria. Os membros da Xunta de Goberno percibirán a retribución e axudas de custo que se aprobaren na Xunta Xeral.

Artigo 37. Mocións de censura contra a Xunta de Goberno

1. A moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en Xunta Xeral extraordinaria convocada para este efecto.

2. Terán lexitimación para propoñer mocións de censura:

a) A Xunta de Goberno, respecto dalgún ou algúns dos seus membros.

b) Tres xuntas directivas de delegación conxuntamente.

c) A décima parte dos colexiados.

3. Os que presentaren unha moción de censura, e se esta non prosperar, non poderán formular ningunha outra contra a mesma Xunta de Goberno ou membro dela no prazo dun ano.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros determinados da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato dos afectados e a posterior convocatoria de eleccións para cubrir as vacantes.

5. A aprobación dunha moción de censura contra a totalidade da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato de toda ela. A mesma Xunta Xeral que a aprobase nomeará unha Xunta de Goberno provisional formada por un ex-decano e seis colexiados, dous por cada terzo de antigüidade de colexiación, que deberá convocar eleccións no prazo de trinta días para cubrir os cargos vacantes.

6. En ningún caso poderá presentarse moción de censura na Xunta Xeral contra un vogal da Xunta de Goberno na súa calidade de presidente de xunta directiva de delegación.

7. Caso de aprobarse unha moción de censura contra un presidente de xunta directiva de delegación por razón de funcións que tivera asignadas na Xunta de Goberno, cesará só no exercicio das citadas funcións, e non no cargo de presidente da xunta directiva da delegación.

Artigo 38. O decano

Corresponde ao decano:

a) Ostentar a representación legal do COAG en todas as relacións cos tribunais de xustiza, administracións públicas, entidades e corporacións de toda clase e particulares, e outorgar os poderes necesarios.

b) Representar o COAG ante o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España, como membro do seu Pleno de Conselleiros.

c) Convocar a Xunta Xeral e a Xunta de Goberno.

d) Presidir e dirixir as discusións e deliberacións da Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e as reunións doutros órganos colexiais a que asista. Excepto nas reunións da Xunta Xeral, o seu voto será dirimente en caso de empate.

e) Conformar, co seu visto e prace, as actas e certificacións expedidas polo secretario da Xunta de Goberno.

f) Expedir os libramentos para a disposición dos fondos do COAG.

g) Designar un dos membros da Xunta de Goberno como vicedecano para os efectos de representación e delegación.

h) Representar o COAG nos actos oficiais.

Artigo 39. O tesoureiro-contador

Corresponde ao tesoureiro-contador:

a) Recadar e custodiar os fondos do COAG.

b) Tomar razón e pagar os libramentos ordenados polo decano.

c) Informar periodicamente o decano e a Xunta de Goberno sobre a execución do orzamento e a situación de tesouraría.

d) Formar as contas anuais do exercicio económico vencido e a liquidación do orzamento.

e) Elaborar o proxecto de orzamento do exercicio seguinte.

f) Levar os rexistros contables que sexan necesarios de acordo co ordenamento xurídico aplicable.

g) Ingresar e retirar fondos dos establecementos de crédito conxuntamente co decano.

h) Custodiar e levar un inventario actualizado dos bens do COAG.

i) Dirixir toda a contabilidade do COAG e verificar a caixa.

j) Efectuar a anotación interventora de todos os documentos que reflictan movementos de fondos.

k) Coordinar as actividades económicas das delegacións.

Artigo 40. O secretario

Corresponde ao secretario:

a) Tramitar as citacións e convocatorias para todos os actos dos órganos centrais do COAG, coa anticipación necesaria e de conformidade coas indicacións do decano.

b) Redactar as actas das xuntas xerais e das xuntas de goberno.

c) Cumprir ou facer cumprir os acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno.

d) Levar os rexistros necesarios para o servizo: actas, altas e baixas colexiais, correccións disciplinarias, etc.

e) Dar conta ao decano de todas as solicitudes, comunicacións e escritos que se reciban nos órganos colexiais e dispoñer o seu rexistro.

f) Librar, co visto e prace do decano, os certificados que sexa necesario despachar de acordo coa normativa aplicable e estes estatutos.

g) Organizar e dirixir a actividade administrativa dos órganos centrais do COAG e coordinar a das delegacións, e exercer a xefatura de todo o persoal do COAG.

h) Levar o rexistro de colexiados co seu historial no COAG.

i) Revisar e establecer, ao final do ano, a lista de arquitectos colexiados e sociedades, con indicación da data do título, domicilios particular e profesional, teléfonos, cargos oficiais, modalidade de exercicio da profesión e posto de traballo en calquera Administración pública.

j) Ter ao seu cargo a custodia dos arquivos e selos do COAG.

k) Redactar a memoria anual de actividades do COAG.

Artigo 41. Os vogais

Corresponde aos vogais a substitución nos casos de vacantes, ausencias ou enfermidades dos anteriores cargos nominativos. Un dos vogais poderá, a elección do decano, desempeñar o cargo de vicedecano e substituir o decano nos casos regulamentarios.

Sección 4ª. As delegacións

Artigo 42. As xuntas de delegación: definición

As xuntas de delegación son órganos de expresión da vontade colexial compostos pola totalidade dos arquitectos colexiados inscritos en cada delegación colexial, que poderán asistir a ela con voz e voto.

Artigo 43. Reunións e competencias das xuntas de delegación

1. As xuntas de delegación reuniranse con carácter ordinario polo menos catro veces no ano, dúas delas, nos meses de abril e novembro, preparatorias das xuntas xerais ordinarias. A data deberá ser anunciada pola xunta directiva cunha semana de anticipación. A mesa da xunta de delegación estará constituída polos membros da xunta directiva.

2. Corresponde á xunta de delegación do mes de abril:

a) Coñecer e sancionar a memoria que lle debe someter a xunta directiva resumindo a súa actuación durante o ano anterior, así como a xestión das comisións da delegación e os acontecementos de relevo na vida profesional que tivesen lugar nese prazo.

b) Liquidar o orzamento e aprobar as contas anuais e as contas de gastos e ingresos da delegación no exercicio anterior.

c) Discutir e votar os temas que figuren na orde do día.

3. Corresponde á xunta de delegación do mes de novembro:

a) Ler e aprobar o orzamento da delegación formulado pola xunta directiva para o exercicio seguinte.

b) Discutir e votar os temas que figuren na orde do día.

4. As outras dúas xuntas ordinarias de delegación ocuparanse do exame, debate e votación dos temas que figuren na orde do día.

5. Na orde do día das xuntas de delegación figurarán, ademais, os puntos destinados á aprobación de actas anteriores, información da xestión da xunta directiva e rogos, preguntas e proposicións.

6. Celebraranse xuntas extraordinarias de delegación para debater e votar os temas que figuren na orde do día, cando sexa considerado necesario pola xunta directiva e cando o pida coas súas sinaturas a décima parte dos colexiados adscritos á delegación. En particular, deberá ser obxecto de xunta extraordinaria o debate e a resolución de mocións de censura que se presenten contra a xunta directiva da delegación ou algún dos seus membros.

7. As xuntas extraordinarias de delegación ocuparanse unicamente do asunto ou asuntos obxecto da convocatoria.

8. Con carácter xeral, será aplicable ás xuntas de delegación a normativa colexial referente á Xunta Xeral do COAG.

9. No caso de aprobación dunha moción de censura contra a totalidade da xunta directiva, a mesma xunta de delegación que a aprobase nomeará unha xunta directiva provisional formada por un expresidente e dous colexiados do terzo de maior antigüidade de colexiación, que actuará en tanto non se cubren por elección os cargos.

Artigo 44. As xuntas directivas de delegación: definición e composición

1. As xuntas directivas de delegación son os órganos colexiais que teñen a representación corporativa nos seus respectivos ámbitos de actuación, onde asumen a xestión ordinaria das misións asignadas ao COAG, organízanse funcional e economicamente con plena autonomía e responsabilidade a fin de atender as obrigacións colexiais e servizos de atención aos arquitectos e custodian e conservan os bens patrimoniais do COAG que teñen adscritos.

2. As xuntas directivas de delegación están compostas por tres colexiados que exercerán os cargos de presidente, tesoureiro e secretario da xunta directiva.

Artigo 45. Competencias das xuntas directivas

1. As xuntas directivas de delegación asumirán estas competencias:

a) Desenvolver no ámbito de actuación da respectiva delegación as actividades correspondentes aos fins e funcións do COAG, de acordo coas leis, este estatuto e os regulamentos e acordos aprobados polos órganos centrais e territoriais do COAG.

b) Exercer, por delegación da Xunta de Goberno, a intervención colexial dos traballos profesionais.

c) Acordar a convocatoria das xuntas de delegación, fixando a correspondente orde do día.

d) Executar ou facer executar os acordos da respectiva xunta de delegación.

e) Elaborar a memoria anual de xestión da respectiva delegación e propoñer a liquidación do orzamento e a conta de ingresos e gastos do exercicio precedente para presentalo na xunta de delegación ordinaria do mes de abril, así como o orzamento do exercicio seguinte que debe ser presentado na xunta de delegación ordinaria do mes de novembro.

f) Organizar e xestionar o servizo voluntario de cobramento de honorarios profesionais.

g) Recadar cotas, administrar os recursos propios da delegación e custodiar e conservar os bens patrimoniais do COAG adscritos á delegación.

h) Instar á Xunta de Goberno o inicio de expedientes en materia disciplinaria.

i) Emitir os ditames, informes e consultas que lle sexan pedidos ou encomendados polas administracións públicas, corporacións, institucións, entidades e particulares, ou polos colexiados, dando coñecemento á Xunta de Goberno.

j) Defender, no seu ámbito de actuación, os colexiados nas cuestións relativas ao correcto exercicio da profesión.

k) Informar os seus colexiados inscritos sobre materias que poidan afectalos profesionalmente.

l) Proceder á designación de peritos, por requirimento dos órganos xurisdicionais e das administracións públicas, de acordo co establecido para efecto no Regulamento da agrupación de arquitectos peritos e forenses.

m) Decidir sobre a aplicación da normativa dos servizos que se presten na delegación e mirar polo seu correcto funcionamento.

n) Propoñer á xunta de delegación, con detalle dos custos, a creación de servizos ou a concertación ou prestación conxunta destes, por interese mutuo, con outra delegación, así como a supresión dos existentes ou a cancelación dos concertados.

ñ) Recibir as solicitudes de incorporación de colexiados e de inscrición das sociedades de arquitectos e enviar as á Secretaría da Xunta de Goberno do COAG.

o) Comunicar á Xunta de Goberno o orzamento do exercicio seguinte, a liquidación do orzamento e contas do exercicio vencido e a memoria de xestión do anterior, para os efectos materiais de control da legalidade e consolidación do orzamento e contas colexiais nos primeiros casos e de recompilación no segundo.

p) Acordar sobre as materias delegadas pola Xunta de Goberno e a Xunta Xeral.

q) Determinar a contía dos recursos ordinarios correspondentes á delegación, excepto as cotas que deban pagar os colexiados e as percepcións polo uso individualizado dos servizos que sexan de uso obrigado en virtude dos estatutos e regulamentos.

r) Denunciar ante as autoridades do seu ámbito de actuación os casos de exercicio profesional nos cales non se cumpran as vixentes disposicións legais.

s) Elevar propostas á Xunta de Goberno.

2. As xuntas directivas trasladarán á Xunta de Goberno no prazo de dez días os acordos das correspondentes xuntas de delegación.

Artigo 46. Reunións das xuntas directivas

1. As xuntas directivas reuniranse obrigadamente unha vez por mes e cantas veces sexa preciso para o exercicio das súas funcións, logo de convocatoria cursada pola secretaría por orde do presidente.

2. Para que poida adoptar validamente acordos será indispensable que concorran polo menos dous dos membros que a integran. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, o tesoureiro sustituirá o presidente ou o secretario e este último o tesoureiro. Os acordos tomaranse por maioría de votos dos asistentes.

3. A asistencia será obrigatoria. Os membros das xuntas directivas percibirán a retribución e axudas de custo que se aprobaren na xunta de delegación.

Artigo 47. O presidente

Correspondelle ao presidente:

a) Exercer a representación do COAG no ámbito de actuación da respectiva delegación.

b) Exercer a representación permanente da delegación no ámbito colexial.

c) Convocar e presidir a xunta de delegación, a xunta directiva e as comisións da delegación de que forme parte, e dirixir as deliberacións. Nas reunións que presida, excepto nas xuntas de delegación, o seu voto será dirimente en caso de empate.

d) Mirar polo debido cumprimento dos acordos da Xunta Xeral, Xunta de Goberno, xunta de delegación e xunta directiva.

e) Conformar, co seu visto e prace, as actas e certificacións expedidas polo secretario da xunta directiva.

f) Expedir os libramentos para a disposición dos fondos da caixa da delegación.

g) Representar á delegación e á súa xunta directiva ante a Xunta de Goberno do COAG co carácter de vogal nato e designar outro membro da xunta directiva para que o substitúa en caso de imposibilidade de asistencia.

Artigo 48. O tesoureiro

Correspondelle ao tesoureiro:

a) Recadar os fondos colexiais producidos na delegación, custodiar e remitir as achegas e cotas correspondentes ás diversas caixas colexiais e administrar os fondos da delegación.

b) Tomar razón e pagar os libramentos ordenados polo presidente.

c) Informar periodicamente o presidente e o secretario da execución do orzamento da delegación e da situación da tesouraría.

d) Formar as contas anuais do exercicio económico vencido e a liquidación do orzamento.

e) Elaborar o proxecto de orzamento da delegación para o exercicio seguinte.

f) Levar os rexistros contables que sexan precisos de acordo co ordenamento xurídico aplicable.

g) Ingresar e retirar fondos dos establecementos de crédito conxuntamente co presidente ou persoa delegada pola xunta directiva.

h) Dirixir a contabilidade da delegación, segundo as directrices colexiais comúns, e verificar a caixa.

i) Efectuar a anotación interventora de todos os documentos que reflictan movementos de fondos da delegación.

Artigo 49. O secretario

Corresponde ao secretario:

a) Escribir e enviar as citacións e convocatorias para as xuntas de delegación, coa anticipación necesaria e de conformidade coas indicacións do presidente.

b) Redactar as actas das xuntas de delegación e das xuntas directivas.

c) Cumprir ou facer cumprir os acordos da xunta de delegación e da xunta directiva.

d) Levar os rexistros necesarios para o servizo.

e) Dar conta ao presidente de todas as solicitudes, comunicacións e escritos que se reciban na delegación e dispoñer o seu rexistro.

f) Librar, co visto e prace do presidente, os certificados que sexa necesario despachar de acordo coa normativa aplicable e estes estatutos.

g) Organizar e dirixir a oficina da delegación.

h) Ter ao seu cargo a custodia dos arquivos e selos da delegación.

i) Redactar a memoria anual de actividades da delegación.

Artigo 50. Comisións e servizos

1. A Xunta Xeral e a Xunta de Goberno para a totalidade do ámbito colexial, e as xuntas de delegación e as súas xuntas directivas para o seu ámbito respectivo, poderán crear, modificar e suprimir todas aquelas comisións e servizos permanentes e temporais que sexan precisas para o mellor desenvolvemento da actividade colexial e do servizo prestado aos colexiados, e á sociedade en xeral, como as xa existentes de Cultura, Planeamento, e Asesoramento Tecnolóxico.

2. As funcións e o réxime destas comisións e servizos serán determinados polo seu acordo de creación ou polo correspondente regulamento aprobado polo mesmo órgano que as crear.

Sección 5ª. Outras organizacións colexiais

Artigo 51. Agrupacións

1. Poderanse formar agrupacións de arquitectos vinculadas ao COAG que reúnan colectivos de colexiados por razón de formas de exercicio ou de especialidades profesionais, sempre que sexa necesario para unha mellor defensa e representación dos intereses destes colectivos.

2. A regulamentación e funcionamento das agrupacións deberá aterse aos seguintes principios:

a) Os fins e funcións das agrupacións estarán dentro dos que son propios do COAG.

b) A adscrición dos colexiados a cada agrupación será voluntaria. A pertenza a unha agrupación non será o medio obrigado para acceder a determinados traballos ou a determinadas formas de exercicio profesional amparadas pola titulación única de arquitecto, nin tampouco limitará a competencia de quen forme parte dela.

c) As agrupacións non terán persoalidade xurídica independente da do COAG. O seu domicilio legal será o mesmo do COAG.

d) Cada agrupación levará na súa denominación referencia á especialidade ou modalidade de exercicio profesional de que se trate, seguida do nome do COAG.

e) O ámbito de actuación das agrupacións será coincidente co do COAG.

f) Os órganos de goberno de cada agrupación serán unha asemblea xeral e unha xunta directiva; os cargos desta última serán gratuítos, aínda que terán dereito a percibir as axudas de custo que se aprobaren na Xunta Xeral do COAG por asistencia ás reunións desta.

g) A coordinación entre cada agrupación e a Xunta de Goberno establecerase a través dun membro da Xunta de Goberno, nomeado por esta, que terá a condición de vogal delegado dela na agrupación e participará nas reunións da súa xunta directiva.

h) Os orzamentos de ingresos e gastos das agrupacións incorporaranse ao orzamento dos órganos centrais do COAG.

i) Salvo o que se acorde transitoriamente para o período de inicio das súas actividades, os orzamentos de cada agrupación deberán ser autosuficientes e as achegas que cada unha perciba dos ingresos xerais do Colexio non serán superiores ao importe dos servizos que ela preste ao COAG.

j) A función disciplinaria corresponderá en exclusiva ao COAG.

k) O funcionamento administrativo e o réxime de oficinas e de persoal das agrupacións dependerá da Xunta de Goberno.

l) Non existirá no COAG máis dunha agrupación da mesma ou similar forma de exercicio profesional ou especialidade.

m) As agrupacións recoñecidas poderán unirse federativamente coas similares doutros colexios de arquitectos, baixo homologación do Consello Superior dos Colexios, nas condicións establecidas polos estatutos xerais dos colexios de arquitectos e do seu Consello Superior.

3. A iniciativa de creación dunha agrupación poderá partir da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno ou dun grupo non menor de 50 colexiados.

4. Feita a proposta de creación dunha agrupación, a Xunta de Goberno nomeará unha comisión xestora, presidida por un dos vogais da Xunta, para que prepare o correspondente proxecto de regulamento, que deberá conter:

a) A denominación, fins e funcións da agrupación.

b) Os requisitos para formar parte dela.

c) A composición da xunta directiva e o modo de elección desta.

d) Os recursos económicos e o réxime orzamentario.

5. O proxecto de regulamento será sometido á Xunta de Goberno do COAG para a súa aprobación provisional e posteriormente elevado á Xunta Xeral para a aprobación definitiva. A aprobación definitiva determinará a constitución da agrupación. As posteriores modificacións do regulamento seguirán o mesmo procedemento.

CAPÍTULO VII
Réxime electoral

Artigo 52. Eleccións

1. Todos os membros da Xunta de Goberno e das xuntas directivas de delegación serán elixidos por sufraxio dos colexiados entre os candidatos legalmente proclamados.

2. Para a renovación da Xunta de Goberno e das xuntas directivas das delegacións celebraranse eleccións cada catro anos nun mesmo día da segunda decena de maio.

3. A Xunta de Goberno convocará as eleccións para a provisión de todos os cargos colexiais electivos cunha anticipación mínima de 60 días, e dará publicidade á convocatoria mediante comunicación a todos os colexiados, con sinalamento do prazo de presentación de candidaturas, data de proclamación destas, período de campaña electoral e data das votacións.

4. Os aspirantes aos cargos deberán presentar as súas candidaturas ante a Xunta de Goberno e, de cumpriren os requisitos de elixibilidade, serán proclamados candidatos.

5. Os candidatos proclamados terán dereito a utilizaren en pe de igualdade os medios de difusión colexiais para dar a coñecer o seu programa electoral a todos os colexiados.

Artigo 53. Requisitos de elixibilidade

1. Para que un colexiado poida formar parte da Xunta de Goberno será necesario:

a) Estar incorporado ao COAG como colexiado residente.

b) Non estar sancionado disciplinariamente e ter canceladas as correccións que lle fosen impostas.

c) Non estar en situación de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio profesional.

d) Ser elixido mediante votación segundo o procedemento establecido nestes estatutos.

2. Para que un colexiado poida formar parte da xunta directiva dunha delegación será necesario, ademais, estar adscrito a esa delegación colexial.

3. Se resultar elixido para calquera cargo un colexiado que preste servizos no COAG como contratado ou asalariado, deberá pasar á situación de excedencia obrigatoria, se tiver este dereito, ou rescindir o seu contrato antes da súa toma de posesión.

4. Os mandatos durarán catro anos. Os que cesen nos seus cargos poderán ser reelixidos unha soa vez. A cualidade de elixible recupérase cada vez que o colexiado cese por un mandato.

Artigo 54. Procedemento electoral

1. Son electores todos os colexiados inscritos no COAG na data da convocatoria e non suspendidos nos seus dereitos. Son electores nas votacións para a elección da xunta directiva dunha delegación os colexiados adscritos a esa delegación na data da convocatoria e non suspendidos nos seus dereitos.

2. Convocada unha elección, as listas de electores poñeranse de manifesto, a disposición de todos os colexiados, para a formulación de reclamacións sobre inclusións ou exclusións, para o cal haberá un prazo de oito días, que serán resoltas pola Xunta de Goberno na mesma sesión en que se acorde a admisión de candidaturas e, en todo caso, no prazo de trinta días. As listas definitivas de electores poñeranse á disposición das candidaturas proclamadas.

3. O voto exercerase en persoa ou por correo.

4. A votación por correo require que quede constancia do envío, que se acredite a identidade do votante, que se garanta o segredo do voto e que este sexa recibido pola mesa electoral antes de finalizar a votación. O procedemento axustarase aos seguintes requisitos:

a) O colexiado que desexe utilizar este procedemento deberá comunicar á Secretaría do Colexio ou da delegación correspondente cunha antelación mínima de cinco días á data da votación. A comunicación poderá facerse por escrito ou por comparecencia persoal e quedará anotada nas listas electorais.

b) A Secretaría expedirá ao colexiado unha acreditación persoal e facilitaralle as papeletas de votación e os sobres para o seu envío. O sobre exterior deberá ser identificado co selo colexial e numeración ou clave coincidente coa da acreditación. O colexiado recollerá persoalmente este material ou poderá solicitar o envío a domicilio por medio que deixe constancia da súa recepción.

c) O colexiado introducirá a papeleta de voto elixida dentro do correspondente sobre anónimo, e este sobre ou sobres, xunto coa acreditación persoal, dentro do sobre exterior que remitirá á secretaría colexial correspondente á súa mesa de votación, ben por correo certificado ben por servizo de mensaxaría.

d) O colexiado pode revogar o seu voto por correo comparecendo a votar en persoa. Nese caso o sobre do voto por correo será destruído no mesmo acto e na súa presenza.

5. A elección de todos os cargos terá lugar simultaneamente nun mesmo día.

6. Haberá unha mesa electoral en cada delegación. Formarán as mesas electorais tres colexiados por mesa designados por sorteo entre os adscritos á delegación que non sexan candidatos. O de colexiación mais antiga será presidente da mesa e os outros dous terán a condición de secretarios escrutadores.

7. Cada colexiado votará na mesa da súa delegación. Os colexiados non adscritos a ningunha delegación votarán na mesa de Santiago, en urna separada da dos colexiados desta delegación. Os membros das mesas levarán unha relación dos colexiados que emitan o seu voto.

8. Haberá urnas diferentes para a elección dos membros da Xunta de Goberno elixidos por todos os colexiados e para a elección da xunta directiva da delegación.

9. Os sobres interiores dos votos emitidos por correo, logo de comprobación da autenticidade do sobre exterior e da acreditación do colexiado votante, serán introducidos nas urnas, finalizado o tempo de votación e antes de dar comezo ao escrutinio.

10. O escrutinio terá lugar inmediatamente despois de rematada a votación. Unha vez comezado, o acto do escrutinio non poderá ser interrompido. Rematado o escrutinio levantaranse actas separadas da elección dos membros da Xunta de Goberno elixidos por todos os colexiados e da elección da xunta directiva da delegación. Autenticaranse e remitiranse por telefacsímil, ou por outro medio de igual rapidez, á sede central do COAG, sen prexuízo da remisión inmediata das actas orixinais acompañadas das listas de votantes. Acto seguido, a mesa de cada delegación proclamará os resultados da elección da respectiva xunta directiva. Os interesados dispoñerán de dous días de prazo para presentar as reclamacións e protestas que consideren convenientes.

11. No prazo máis breve posible, e en todo caso no de quince días, a comisión electoral, formada por todos os presidentes das mesas e presidida polo colexiado máis antigo dos que a compoñan, verificará as actas orixinais, dirimirá os incidentes e reclamacións que se produzan e fará a proclamación definitiva dos resultados, sen prexuízo da pendencia das impugnacións que houber.

12. As impugnacións e recursos contra as resolucións e decisións das mesas electorais interpoñeranse ante a comisión electoral. As resolucións da comisión electoral son impugnables na vía xudicial ordinaria mediante recurso contencioso-administrativo.

13. As papeletas conservaranse na oficina onde estiver cada mesa electoral, baixo a custodia do secretario da dependencia respectiva, polo tempo necesario, a fin de poder poñelas á disposición do órgano competente, se foren por este reclamadas, para resolver nos casos de impugnacións.

14. Os colexiados electos tomarán posesión dos seus cargos na Xunta Xeral ordinaria de maio, ou nunha Xunta Xeral extraordinaria, se se celebrar algunha antes daquela.

Artigo 55. Cesamentos e provisión de vacantes

1. Os membros da Xunta de Goberno e das xuntas directivas cesarán polas seguintes causas:

a) Expiración do prazo para o cal fosen elixidos.

b) Renuncia dos interesados.

c) Aprobación de moción de censura que os afecte.

d) Perda dalgunha condición necesaria para formar parte das ditas xuntas.

2. Nos casos de cesamentos antes da expiración do prazo convocaranse eleccións parciais para a cobertura das vacantes polo período que restase do dito prazo.

CAPÍTULO VIII
Réxime xurídico

Artigo 56. Normativa aplicable

A actuación do COAG rexerase pola seguinte normativa:

a) A lexislación sobre colexios profesionais.

b) Outras disposicións do Estado e da Xunta de Galicia que sexan de aplicación.

c) Os estatutos xerais dos colexios de arquitectos e do seu Consello Superior.

d) Estes estatutos.

e) Os acordos do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España que obriguen o COAG.

f) As regulamentacións sobre materias específicas que aprobe a Xunta Xeral do COAG para o desenvolvemento e aplicación dos presentes estatutos.

g) Os acordos dos órganos de goberno do COAG, adoptados dentro do ámbito das súas respectivas competencias.

h) En materia de procedemento, rexerá supletoriamente a lexislación vixente sobre procedemento administrativo común.

i) Salvo exención legal, os acordos decisións ou recomendacións do COAG deberán observar os límites establecidos no artigo 1 da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 57. Eficacia dos acordos

1. Excepto no relativo á imposición de sancións disciplinarias que se aterán ao previsto no artigo 70.5 destes estatutos, todos os acordos adoptados polos órganos de goberno do COAG no exercicio das potestades públicas suxeitas a dereito administrativo serán executivos e producirán efectos desde a data en que se diten, salvo que se dispoña outra cousa.

2. A eficacia producirase coa publicación da referencia do acordo nas circulares informativas do COAG nos casos en que tiveren interese xeral, ou coa notificación ao interesado se se tratar de acordos de interese particular, e con independencia da interposición de recursos ou impugnacións contra a súa aprobación.

3. Os regulamentos colexiais e as súas modificacións, así como os restantes acordos de alcance xeneral asimilables a aqueles polo seu contido e a extensión dos seus efectos, entrarán en vigor aos vinte días naturais da súa publicación na circular colexial, salvo que expresamente se estableza naqueles outro termo.

4. As resolucións ou acordos particulares, ou que afecten de xeito especial e inmediato os dereitos ou intereses de colexiados determinados, deberán ser notificados a estes incluíndo motivación suficiente e indicación dos recursos que procedan e dos prazos para os interpoñer.

5. Logo de solicitude razoada de calquera colexiado formulada no prazo de quince días a partir da súa publicación ou notificación, os mesmos órganos de goberno que adoptaron un acordo poderán acordar a suspensión da súa execución polo tempo que sexa necesario.

Artigo 58. Nulidade de acordos e actos

Son nulos de pleno dereito, conforme o artigo 8 da Lei de colexios profesionais, os actos ou acordos dos órganos de goberno do COAG nos seguintes supostos:

Os manifestamente contrarios á lei; os adoptados con notoria incompetencia; aqueles que sexan de contido imposible ou constitutivos de delito; os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido para iso ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiais.

Tamén o son os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional e os demais que enumera o artigo 62 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas ou poida establecerse expresamente nunha disposición de rango legal.

Son anulables os actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso por simple desviación de poder.

Aínda así, o defecto de forma soamente determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para acadar o seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados.

A realización de actuacións administrativas fóra do tempo establecido para elas soamente implicará a anulabilidade do acto cando así o impoña a natureza do término ou prazo.

Artigo 59. Impugnación de acordos

1. Todos os acordos e resolucións dos órganos de goberno do COAG no exercicio das potestades públicas e suxeitos a dereito administrativo, incluso os actos de trámite se impiden a continuación dun procedemento ou producen indefensión, son impugnables mediante os recursos correspondentes.

2. Os recursos posibles contra os acordos e resolucións dos órganos colexiais son os seguintes:

a) Recurso de alzada ante a Xunta de Goberno do COAG, se o acordo é dunha xunta directiva ou dunha xunta de delegación.

b) Recurso contencioso-administrativo, se o acordo é da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno ou da Comisión Electoral do COAG e o acto está suxeito a dereito administrativo.

3. Con carácter potestativo e non preceptivo poderá interpoñerse recurso de reposición contra calquera acordo da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno ou da Comisión Electoral do COAG, e ante o mesmo órgano que aprobou o acordo, nun prazo dun mes a partir da súa publicación ou notificación. Se o recurso potestativo de reposición está dirixido contra un acordo da Xunta Xeral, será sometido á primeira Xunta Xeral que se celebre, a non ser que a Xunta de Goberno acorde convocar unha Xunta Xeral extraordinaria.

4. Os recursos ante a Xunta de Goberno resolveranse no prazo máximo de tres meses, no caso de recurso de alzada, e dun mes, no caso de recurso potestativo de reposición, salvo as dilacións causadas polos trámites de audiencia ou dilixencias probatorias que se requiran. Transcorrido o prazo sen que se produza resolución, os interesados poderán entender desestimados os seus recursos.

5. Antes de resolver os recursos sobre os cales se deba pronunciar, a Xunta de Goberno poderá, con suspensión de prazo e notificación aos interesados, solicitar informe non vinculante ao Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

6. Contra a denegación expresa ou tácita dos recursos de alzada e reposición que versen sobre materias suxeitas ao dereito administrativo poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo.

7. O procedemento para a interposición de recursos rexerase supletoriamente polo que dispón a normativa vixente sobre procedemento administrativo común.

Artigo 60. Recursos ante o Consello Superior de Colexios

Poderá interpoñerse recurso de alzada ante o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos, contra os regulamentos ou acordos colexiais xerais que teñan por obxecto o desenvolvemento e aplicación no ámbito colexial das normas deontolóxicas da profesión ou das normativas básicas acordadas polo Consello Superior de Colexios no exercicio das funcións que estatutariamente teña asignadas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos contra os actos ou normas acordados polo propio Consello Superior en única instancia.

CAPÍTULO IX
Réxime económico

Artigo 61. Recursos económicos: definición e asignación

1. Os recursos ou ingresos do COAG son ordinarios e extraordinarios.

2. Son recursos ou ingresos ordinarios correspondentes aos órganos centrais do COAG:

a) Os rendementos económicos que produzan os bens e dereitos e obrigas do patrimonio do COAG.

b) Os dereitos de colexiación por razón da incorporación ao COAG.

c) Os honorarios pola elaboración remunerada de informes, ditames e estudos realizados polos órganos centrais.

d) As percepcións pola expedición de certificados emitidos pola Secretaría da sede central ou copias de datos ou documentos que consten nos seus arquivos.

e) Os ingresos que se obteñan polas publicacións do COAG ou polo uso individualizado doutros servizos ou actividades remuneradas que o Colexio realice. O cobramento por servizos que sexan de uso obrigado en virtude dos estatutos e regulamentos deberá facerse segundo as condicións aprobadas pola Xunta Xeral.

f) Os ingresos por prestacións derivados do exercicio do visado e outras tramitacións de traballos profesionais, na porcentaxe que se determine nas partidas do orzamento colexial relativas a órganos centrais do COAG.

g) A cota fixa, que terá que cubrir co seu produto, como máximo, o cincuenta por cento (50 %) do orzamento dos órganos centrais. Esta cota fixa será igual para todos os arquitectos incorporados ao COAG como colexiados, sen prexuízo das reducións que a Xunta Xeral poida acordar para colexiados durante os primeiros anos de exercicio profesional.

h) A cota variable en razón de criterios obxectivos determinados regulamentariamente con suxeición aos principios de xeneralidade, equidade e proporcionalidade, no suposto de que os demais recursos enunciados nos parágrafos anteriores fosen insuficientes para cubrir os orzamentos dos órganos centrais, na porcentaxe que se determina nas partidas do orzamento colexial relativas aos órganos centrais do COAG.

i) As cantidades que por calquera outro concepto corresponda percibir ao Colexio.

3. Son recursos ou ingresos ordinarios correspondentes ás delegacións:

a) Os rendementos financeiros que produzan os fondos propios e alleos que administren.

b) Os honorarios pola elaboración remunerada de informes, ditames e estudos realizados polas delegacións.

c) As percepcións pola expedición de certificados emitidos pola secretaría da delegación ou copias de datos ou documentos que constan nos seus arquivos.

d) Os ingresos que se obteñan polas publicacións da delegación ou polo uso individualizado dos servizos ou actividades remuneradas que realicen as delegacións. O cobramento por servizos que sexan de uso obrigado en virtude dos estatutos e regulamentos deberá facerse segundo as condicións aprobadas pola Xunta Xeral.

e) Unha porcentaxe dos ingresos por prestacións derivadas do visado e outras tramitacións de traballos profesionais que se determine nas partidas do orzamento colexial relativas ás delegacións.

f) Unha porcentaxe dos ingresos pola cota variable prevista na alínea 2.h) que se determine nas partidas do orzamento colexial relativas ás delegacións.

g) As cantidades que por calquera outro concepto corresponda percibir ás delegacións.

4. Son recursos ou ingresos extraordinarios que corresponderán aos órganos centrais do COAG:

a) As subvencións e os donativos, herdanzas e legados en efectivo metálico de que poida o COAG ser beneficiario.

b) As cantidades que por calquera concepto corresponda percibir ao COAG pola administración de bens alleos, salvo que esta sexa delegada nas delegacións.

c) O produto da venda de bens do patrimonio do COAG.

d) Os ingresos derivados do endebedamento do COAG e destinados a investimentos.

e) As cantidades que por calquera concepto corresponda percibir ao Colexio.

5. Son recursos extraordinarios que corresponderán ás delegacións as cantidades que, a cargo do orzamento da sede central, sexan transferidas ás delegacións que corresponda para lles garantir un nivel mínimo de servizos que non poidan acadar cos seus restantes recursos propios. O nivel mínimo de servizos será determinado pola Xunta Xeral.

Artigo 62. Orzamento

1. O orzamento do COAG é a expresión cifrada, conxunta e sistemática dos gastos e investimentos que se prevé que serán realizados e dos ingresos que se prevé que serán percibidos durante o exercicio correspondente pola súa sede central e polas delegacións colexiais, todo isto entendido baixo o principio da devindicación no sentido que dispón o Plan xeral de contabilidade na súa primeira parte (principios contables).

2. O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural.

Artigo 63. Liquidación, aplicación de superávit e cobertura de déficit

1. Orzamento de cada exercicio liquidarase o último día do ano na dita liquidación recolleranse os ingresos e gastos efectivamente realizados, así como os investimentos efectuados e o seu financiamento, respectando sempre o principio da devindicación.

2. No caso de que a liquidación do orzamento produza superávit, este poderá destinarse a incrementar o fondo social e/ou constituír unha reserva ou provisión para o destino que o COAG considere conveniente.

3. No caso de que a liquidación do orzamento produza déficit, este deberá ser absorbido polo fondo social.

Artigo 64. Operacións de crédito

A Xunta de Goberno e as xuntas directivas poderán concertar créditos de tesouraría para equilibrar transitoriamente os respectivos orzamentos, de acordo coas seguintes condicións:

a) Sen limitación de cantidade, e por convenio entre as xuntas, se o crédito é concertado entre a Xunta de Goberno e unha xunta directiva ou entre xuntas directivas.

b) Coa limitación do 12 por 100 dos gastos correntes dos respectivos orzamentos se o crédito é concertado cunha entidade de crédito ou de aforro.

Artigo 65. Auditorías

O COAG deberá ser auditado cando se produza a renovación total ou parcial dos seus órganos directivos.

Así mesmo, a Xunta de Goberno, por propio acordo, por requirimento da Xunta Xeral ou logo de solicitude de dúas delegacións, poderá encargar a persoas físicas ou xurídicas a realización de auditorías sobre determinadas actividades ou servizos.

Artigo 66. Administración do patrimonio

1. O patrimonio do COAG será administrado pola Xunta de Goberno, que poderá delegar nas xuntas directivas a administración dos bens adscritos á respectiva delegación.

2. As xuntas directivas no seu ámbito respectivo e a Xunta de Goberno no que lle corresponda acordarán sobre o depósito e custodia dos correspondentes fondos.

Artigo 67. Inventario do patrimonio

1. Os bens integrantes do patrimonio do COAG serán rexistrados nun inventario que estará ao coidado do tesoureiro contador da Xunta de Goberno.

2. A estrutura do inventario e os datos que deba conter serán determinados pola Xunta de Goberno.

3. Os tesoureiros das xuntas directivas enviarán ao tesoureiro contador da Xunta de Goberno a información precisa sobre as delegacións para a elaboración do inventario.

Artigo 67 bis. Memoria anual

1. O COAG está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión e para tal efecto elaborará unha memoria anual que conterá como mínimo a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou firmes, con indicación da infracción a que se refiran, da súa tramitación e, se for o caso, a sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas asociacións representativas, a su tramitación e, se for o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos códigos deontolóxicos en caso de dispor desles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situación de conflito de intereses das xuntas de goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual farase pública na páxina web do COAG.

CAPÍTULO X
Réxime disciplinario

Artigo 68. Responsabilidade disciplinaria, órganos e competencias

1. Os arquitectos e as sociedades profesionais incorporadas ao COAG como colexiados quedan sometidos á responsabilidade disciplinaria polo incumprimento dos seus deberes legais, profesionais e deontolóxicos. Igualmente, quedan suxeitos á potestade disciplinaria do COAG, como colexio de destino, os arquitectos e sociedades profesionais colexiados e rexistradas noutros colexios profesionais cando a infracción sexa cometida ou produza o seu efecto no ámbito territorial do COAG. Para tales efectos, en toda referencia que neste capítulo X se faga aos arquitectos, deben entenderse comprendidas nela as sociedades profesionais.

2. A Xunta de Goberno é o órgano colexial competente para o exercicio da función disciplinaria.

3. É competencia exclusiva do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España a cualificación das infraccións e a imposición das correccións que corresponderen se o arquitecto encausado for membro da Xunta de Goberno do COAG e mentres permaneza no exercicio do seu cargo. É tamén competencia do Consello a resolución de expedientes que se incoaren ou tiveren de ser resoltos unha vez expirado o mandato, sempre que teñan por obxecto actuacións relacionadas directamente co exercicio das respectivas funcións.

4. En materia disciplinaria, a Xunta de Goberno decidirá en pleno e non en comisión.

5. A apertura de información previa ou reservada é competencia da Xunta de Goberno.

Artigo 69. Infraccións

1. Constitúe infracción suxeita a responsabilidade disciplinaria calquera acción ou omisión que vulnere as disposicións reguladoras da profesión de arquitecto, os estatutos, os regulamentos, normas e acordos colexiais e as normas deontolóxicas de actuación profesional.

2. As infraccións serán cualificadas como leves, graves ou moi graves.

3. Terán a cualificación de graves as que correspondan a algún dos casos seguintes:

a) Exercicio da profesión sen cumprir os requisitos para realizar actuacións profesionais no ámbito do Colexio ou atopándose inhabilitado ou suspendido no devandito exercicio.

b) Realización de actividades profesionais que incorran en incompatibilidade legal por razón do cargo ou función desempeñados.

c) Realización de actividades profesionais en asociación ou colaboración con quen se encontre afectado por incompatibilidade legal prevista na letra b).

d) Colaboración ao exercicio de actividades propias da profesión de arquitecto por parte de quen non reúna os requisitos establecidos para iso.

e) Actuación con infracción da normativa legal ordenadora da competencia leal entre os profesionais.

f) Substitución doutro arquitecto en traballos profesionais sen efectuar a comunicación previa ao Colexio.

g) Usurpación da autoría de traballos profesionais alleos.

h) Incumprimento dos deberes profesionais do arquitecto con dano do prestixio da profesión ou dos lexítimos intereses de terceiros.

i) Falseamento ou grave inexactitude da documentación profesional.

j) Ocultación ou simulación de datos que o Colexio deba coñecer no exercicio das súas funcións relativas á actividade profesional e de fixación e recadación das contribucións dos arquitectos.

k) Actuacións públicas en notorio desprestixio da profesión ou doutros profesionais, ou con menosprezo da autoridade lexítima do Colexio.

l) Exercicio dos cargos colexiais con infidelidade ou con reiterada neglixencia dos deberes correspondentes.

m) Incumprimento reiterado das obrigas económicas colexiais.

n) Desenvolvemento por arquitectos de actividades profesionais con carácter colectivo, sexa este desempeño profesional colectivo baixo forma societaria ou non, sen adecuarse ás previsións da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, a súa normativa de desenvolvemento e complementaria.

ñ) Incumprimento da obriga de poñer á disposición dos destinatarios do servizo profesional a información exixida no artigo 22.2 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

4. Son leves as infraccións que non están comprendidas no número anterior e as que, aínda estando, revistan menor importancia por concorrer conxuntamente falta de intencionalidade, escasa importancia do dano causado e ánimo dilixente de correxir a falta ou remediar os seus efectos.

5. As infraccións graves serán cualificadas como moi graves e as infraccións leves serán calificadas como graves cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Manifesta intencionalidade na conduta.

b) Neglixencia profesional inescusable.

c) Desobediencia reiterada a acordos ou requirimentos colexiais.

d) Dano ou prexuízo grave do cliente, doutros arquitectos, do COAG ou de terceiras persoas.

e) Existencia dun lucro ilexítimo, propio ou alleo, posibilitado pola actuación irregular do arquitecto.

f) Abuso da confianza depositada polo cliente, en especial se concorren as circunstancias de cargo público ou de actuación simultánea como promotor ou construtor.

g) Estar no exercicio dun cargo colexial ou público ao cometer a infracción, sempre que iso derive nun maior desprestixio para a imaxe e a dignidade da profesión ou ben cando a infracción se cometese prevalecéndose do cargo.

h) Ser sancionado anteriormente por resolución firme a causa de calquera infracción grave non cancelada.

Artigo 70. Sancións

1. As correccións ou sancións que poderán ser impostas serán:

1.-Apercibimento por escrito.

2.-Reprensión pública.

3.-Suspensión no exercicio profesional por un prazo de ata seis meses.

4.-Suspensión no exercicio profesional por un prazo de entre seis meses e un día e un ano.

5.-Suspensión no exercicio profesional por un prazo de entre un ano e un día e dous anos.

6.-Suspensión no exercicio profesional por un prazo de entre dous anos e un día e catro anos.

7.-Expulsión do COAG.

As correccións 3 a 7 levarán como accesorias a suspensión dos dereitos electorais polo tempo da súa duración e o cesamento nos cargos colexiais que se exercesen.

Así mesmo, cando as infraccións sexan cometidas por unha sociedade profesional, aplicaranse as mesmas sancións descritas neste artigo, coas seguintes especialidades: primeira, as sancións 3 a 6 levarán consigo simultaneamente a baixa da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais polo mesmo período da súa duración; segunda, a 7 das sancións consistirá na baixa definitiva do Rexistro de Sociedades profesionais con prohibición indefinida de exercicio profesional; e terceira; non resultarán de aplicación as sancións accesorias descritas no parágrafo segundo do número 1 deste artigo.

2. Pola comisión de infraccións leves impoñeranse as correccións 1 e 2. As correccións que poderán ser impostas pola comisión de infraccións graves son a 3, a 4 e a 5. As correccións que corresponden ás infraccións moi graves son a 6 e a 7.

3. As circunstancias de agravación e atenuación das infraccións a que se refiren os números 4 e 5 do artigo 69 actuarán, ademais de como determinantes nun primeiro momento para a cualificación da infracción como moi grave, grave ou leve, tamén como determinantes para precisar a corrección aplicable segundo as seguintes regras:

a) A concorrencia dunha soa circunstancia de agravación determinará que se impoña pola infracción agravada a corrección menos gravosa de entre as previstas para a dita cualificación.

b) A concorrencia dunha soa circunstancia de atenuación determinará que se impoña pola infracción atenuada a corrección máis gravosa de entre as previstas para a dita cualificación.

c) A concorrencia de dúas ou máis circunstancias de agravación e, en todo caso, a reiteración determinarán que se impoña pola infracción agravada a corrección máis gravosa de entre as previstas para a dita cualificación.

d) A concorrencia de dúas ou máis circunstancias de atenuación determinará que se impoña pola infracción atenuada a corrección menos gravosa de entre as previstas para a dita cualificación.

4. Cando conforme as regras precedentes non for posible precisar a sanción concreta aplicable, esta será determinada pola Xunta de Goberno segundo o seu prudente arbitrio e valorando as circunstancias de toda orde presentes no suposto considerado de acordo coas regras da sa crítica.

5. As sancións non se executarán nin se farán públicas na circular colexial mentres non sexan firmes. A sanción 1 non será publicada en ningún caso. Todas as correccións impostas, excepto a 1, cando sexan firmes, serán anotadas no correspondente expediente persoal, rexistradas no libro de correccións disciplinarias, publicadas na circular informativa do COAG e comunicadas ao Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

Artigo 71. Prescrición

1. As infraccións e as correccións disciplinarias correspondentes prescribirán:

a) Se son leves, aos seis meses.

b) Se son graves, aos dous anos.

c) Se son moi graves, aos catro anos.

2. Os prazos de prescrición da infracción contaranse desde o día en que se cometese e o prazo de prescrición da sanción comeza a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

3. A prescrición interromperase por calquera acto colexial documentado dirixido a investigar a presunta infracción ou a executar a sanción con coñecemento do interesado.

Artigo 72. Cancelación e rehabilitación

1. As correccións cancélanse:

a) Se fosen por infracción leve, aos seis meses.

b) Se fosen por infracción grave, aos dous anos.

c) Se fosen por infracción moi grave, aos catro anos.

d) Se fosen por expulsión, aos seis anos.

2. Os prazos anteriores contaranse desde o día seguinte a aquel en que a corrección for executada ou rematar o seu cumprimento, ou prescribir.

3. A cancelación da corrección produce a anulación do antecedente para todos os efectos e, en particular, os seguintes:

a) Borrar a anotación no correspondente expediente persoal.

b) Rexistrar a cancelación no libro de correccións disciplinarias.

c) Rehabilitar o sancionado, quen, no caso de expulsión, poderá pedir o seu reingreso no COAG.

d) Comunicar a rehabilitación ao Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

Artigo 73. Procedemento disciplinario

1. A imposición de corrección disciplinaria debe facerse obrigadamente a través da incoación, instrución e resolución dun expediente disciplinario estritamente axustado ao disposto nestes estatutos.

2. En materia de procedemento disciplinario rexerán supletoriamente a Guía de procedemento para a tramitación dos expedientes disciplinarios nos colexios de arquitectos, aprobada pola Asemblea Xeral de Xuntas de Goberno do 30 de novembro de 2001, coas modificación aprobadas pola Asemblea Xeral Ordinaria do Consello Superior do 27 de novembro de 2009 e, no non previsto por estas, o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora das administracións públicas.

Artigo 74. Incoación, instrución e resolución

1. O procedemento disciplinario será incoado por un acordo da Xunta de Goberno, de oficio ou ben por instancia do decano, de xunta directiva de delegación ou como consecuencia de denuncia formulada por calquera órgano de goberno do COAG, arquitecto colexiado ou persoa física ou xurídica que teña interese lexítimo no asunto. Non serán atendidas como denuncia as comunicacións anónimas, calquera que for a forma en que se produzan.

2. Iniciado o procedemento, a Xunta de Goberno poderá acordar a instrución de información reservada, co carácter de dilixencias previas, co fin de determinar se hai mérito suficiente para a incoación do expediente disciplinario propiamente dito. Para este labor non será preceptivo o nomeamento de instrutor.

3. Practicada a información reservada, se for feita, e, en calquera caso, dentro dos dous meses seguintes á iniciación, acordarase o arquivamento do expediente se non aparecen indicios suficientes de infracción. No suposto contrario, acordará a Xunta de Goberno a incoación formal de expediente disciplinario.

4. A Xunta de Goberno procederá ao nomeamento de instrutor. O instrutor deberá ser un colexiado con dez anos de antigüidade, como mínimo.

5. A incoación do expediente e o nomeamento de instrutor serán comunicados ao interesado para efectos de posible recusación. O instrutor nomeado poderá ser recusado por causa xustificada ante a Xunta de Goberno.

6. Transcorrido o prazo legal para a recusación ou substanciado o incidente verbo desta materia, o instrutor practicará, no prazo de dous meses, as dilixencias encamiñadas á comprobación dos feitos e logo propoñerá á Xunta de Goberno, como órgano competente, o sobresemento e arquivamento do expediente, ou ben formulará o prego de cargos no que se precisen, separados e numerados, os feitos imputados e os deberes que se presumen infrinxidos, mais as sancións que puideren ser procedentes, con referencia aos artigos 69 e 70.

7. En calquera caso, as resolucións da Xunta de Goberno que acorden o arquivamento dun expediente deberán expresar as causas que as motivaren e dispoñer, se procede, o que se entenda pertinente verbo do denunciante. De non ser conforme a Xunta de Goberno co sobresemento, designará do seu seo un relator para a formulación do prego de cargos.

8. O prego de cargos será trasladado ao interesado, que dispoñerá do prazo dun mes para presentar o seu descargo e propoñer as probas que lle conveñan. Son utilizables todos os medios de proba admisibles en dereito.

9. O instrutor, no prazo de dous meses, admitirá e fará practicar as probas propostas que considerar pertinentes e mais aquelas que considere oportuno para mellor prover, e, realizado isto, trasladará e elevará a súa proposta de resolución no prazo común de quince días ao expedientado e máis á Xunta de Goberno, ante a cal será concedido ao interesado trámite de audiencia oral, a fin de que, salvo renuncia expresa pola súa parte, poida alegar canto conveña ao seu dereito, por si ou por medio doutro colexiado, ou asistido de letrado.

Se o expedientado renuncia á audiencia oral, poderá presentar escrito de alegacións no prazo de quince días, contados desde que lle fose conferido o dito trámite. Das probas practicadas quedará debida constancia no expediente e do resultado da audiencia levantarase acta sucinta.

10. O instrutor non poderá intervir nas deliberacións da Xunta de Goberno sobre o expediente.

11. Para o cumprimento da súa misión o instrutor dispoñerá dos servizos do COAG que precise e actuará en todo momento asesorado por letrado.

12. A Xunta de Goberno, no termo doutro mes contado desde a data da audiencia oral ou da recepción do escrito de alegacións do interesado, resolverá en primeira instancia.

13. A tramitación do expediente disciplinario non poderá demorar máis de doce meses, incluíndo a resolución e os tempos que medien entre a aprobación de cada actuación e a súa recepción por quen corresponda, agás causa xustificada que apreciará a Xunta de Goberno, por si ou, se for o caso, por proposta do instrutor.

Artigo 75. Garantías

1. A Xunta de Goberno resolverá os expedientes disciplinarios en conciencia, con apreciación global da proba segundo as regras da sa crítica e dilucidando todas as cuestións propostas.

2. As resolucións condenatorias da Xunta de Goberno serán acordadas por maioría absoluta; as resolucións absolutorias precisarán unicamente maioría simple. Todas as resolucións nesta materia deberán estar motivadas e conter a relación dos feitos probados en congruencia co prego de cargos, a valoración das probas practicadas, a determinación da infracción ou infraccións e a súa fundamentación, con cualificación da súa gravidade.

3. A decisión final poderá ser de imposición dunha corrección, de absolución por falla de probas, de absolución por inexistencia de conduta sancionable ou de sobresemento por prescrición das infraccións.

4. A resolución aprobada será notificada integramente pola Secretaría do COAG ao interesado, na forma prevista na lexislación do procedemento administrativo común, con expresión dos recursos que procedan contra a tal resolución e prazos para interpoñelos. A notificación dos expedientes disciplinarios, cando non for posible por outros medios, poderá realizarse a través do portelo único do Colexio. Notificarase igualmente ao arquitecto ou arquitectos que proceda, se directa ou indirectamente resultaren afectados pola resolución.

5. A firmeza da resolución de imposición dunha corrección producirase:

a) Pola non interposición de recurso contra ela en tempo e forma.

b) Pola súa confirmación, unha vez esgotados todos os recursos na vía xudicial.

6. En tanto un expediente non estiver concluso e a imposición dunha corrección non for firme, deberán ser respectados todos os dereitos do colexiado interesado, incluso o da non difusión, nin accidental nin intencionada, da corrección imposta, nin sequera do feito de estar sometido a expediente disciplinario.

Artigo 76. Recursos en materia disciplinaria

1. Contra o acordo da Xunta de Goberno en materia disciplinaria o interesado e, se for o caso, os arquitectos que directa ou indirectamente resultaren afectados pola resolución poderán interpor, no prazo dun mes, recurso de reposición potestativo e non preceptivo. O recurso deberá ser resolto pola Xunta de Goberno no prazo de 1 mes desde a súa interposición.

2. Contra a desestimación expresa ou tácita do recurso potestativo de reposición, ou directamente contra a resolución de instancia da Xunta de Goberno, poderase recorrer en vía contencioso-administrativa, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde a notificación.

CAPÍTULO XI
Transparencia

Artigo 77. Portelo único

1. O COAG disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a baixa no colexio, a través dun punto único, por vía electrónica e a distancia.

2. A través deste portelo único, os profesionais poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluída a de colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña a condición de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución deles polo colexio profesional, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio.

3. A través do referido portelo único, para mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o COAG ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) Os medios e condicións de acceso aos rexistros públicos de profesionais colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, ao menos, os datos seguintes: o nome e apelidos dos profesionais colexiados, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, a dirección profesional e a situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito na Lei de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de conflito entre un colexiado e un destinatario do servizo profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios a que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

e) O contido do código deontolóxico.

CAPÍTULO XII
Disolución e liquidación

Artigo 78. Disolución e liquidación

1. Se unha lei autoriza a disolución dos colexios profesionais sen impoñela necesariamente, para que poida procederse á dita disolución será necesaria a celebración dunha Xunta Xeral extraordinaria especialmente convocada para tratar este asunto e que o acordo de disolución se adopte co voto favorable da maioría dos colexiados con dereito a voto, xa sexan presenciais, mediante conexión telemática ou por representación mediante a delegación do voto. O acordo de disolución significa que a Xunta de Goberno se constitúe en Xunta de Goberno liquidadora, prorrogándose o seu mandato ata a liquidación total do patrimonio colexial. Así mesmo, o acordo de disolución deberá determinar o destino ou fin que deberá darse ao remanente patrimonial sobrante despois da liquidación, se o houber.

2. Corresponde á Xunta de Goberno liquidadora:

a) Velar pola integridade do patrimonio colexial.

b) Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.

c) Cobrar os créditos do Colexio e pagar os acredores.

d) Aplicar o remanente patrimonial sobrante, se for o caso, ao destino ou fin determinado pola Xunta Xeral no acordo de disolución.