Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 19 de agosto de 2016 Páx. 37001

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 4 de agosto de 2016 pola que se publican os modelos actualizados de solicitude de complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/dos pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva para a súa presentación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ao abeiro do disposto no artigo 149.1.17ª da Constitución española, o Estado ten a competencia exclusiva en materia de réxime económico da Seguridade Social. No marco da dita competencia aprobouse o Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, polo que se establecen normas para o recoñecemento do complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/os pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva.

O artigo 33.2 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que en materia de Seguridade Social lle corresponderá á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado, non sendo as normas que configuran o réxime económico desta. Correspóndelle tamén á Comunidade Autónoma a xestión do réxime económico da Seguridade Social en Galicia, sen prexuízo da Caixa Única.

O Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, polo que se establecen normas para o recoñecemento do complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/dos pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva (BOE nº 186, do 4 de agosto), regula as normas necesarias para o recoñecemento, tramitación e o pagamento do complemento anual de pensión previsto no punto IV.3 do anexo I.A do Real decreto lei 20/2011, do 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público.

O artigo 45.dous da Lei 48/2015, do 29 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para 2016, que establece para o ano 2016 un complemento de pensión, fixado en 525 euros anuais, para a/o pensionista que acredite carecer de vivenda en propiedade e ter, como residencia habitual, unha vivenda alugada á/ao pensionista da que a/o súa/seu propietaria/o non teña con ela/el unha relación de parentesco ata o terceiro grao, nin sexa cónxuxe ou persoa coa que constitúa unha unión estable e conviva con análoga relación de afectividade a conxugal. No caso de unidades familiares nas que convivan varias persoas perceptoras de pensións non contributivas, só poderá percibir o complemento a persoa titular do contrato de alugueiro, ou, de ser varias, a primeira delas.

As normas para o recoñecemento deste complemento serán as que establece o antedito Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, entendéndose que as referencias que fai ao ano 2012, se deben considerar realizadas ao ano 2016.

No dito Real decreto 1191/2012, do 3 de agosto, establece, no seu artigo 3 que a tramitación do procedemento para o recoñecemento deste complemento de pensión e a emisión da resolución que poña fin ao dito procedemento corresponde aos órganos competentes das respectivas comunidades autónomas, deputacións forais do País Vasco e Navarra, e direccións territoriais do Instituto de Maiores e Servizos Sociais de Ceuta e Melilla, que teñen atribuída a competencia para a xestión das pensións non contributivas da Seguridade Social.

Na Xunta de Galicia, a Consellería de Política Social asume, de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, o exercicio das competencias en materia de asistencia social, correspondéndolle propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais incluíndo, entre outras, as políticas de benestar social e inclusión social. Especificamente, a través do órgano de dirección competente en materia de inclusión social, lle corresponde xestionar as prestacións económicas derivadas do Real decreto lexislativo 8/2015, do 20 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, no relativo ás prestacións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

O Consello da Xunta de Galicia do 25 de abril de 2013 aprobou as «Guías para a habilitación electrónica de procedementos e formularios» que teñen o obxectivo de axudar aos órganos e unidades da Administración xeral e do sector autonómico de Galicia na elaboración de normas que regulan procedementos administrativos e facilitar o cumprimento da normativa en materia de Administración electrónica, a simplificación administrativa e a utilización de novas ferramentas de tramitación administrativa.

De acordo co anterior, procedeuse a unha revisión, de conformidade coas previsións recollidas nas guías para a habilitación electrónica, do formulario de solicitude do procedemento BS650F «complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/os pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva» e do procedemento de presentación na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto publicar os modelos actualizados de solicitude de complemento de pensión para o alugueiro de vivenda a favor das/os pensionistas da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva para a súa presentación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico das/os cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades que dela dependen.

Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes poderán presentarse até o 31 de decembro de 2016.

2. A documentación complementaria poderá presentarse de forma electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixital do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitais presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 3. Documentación

1. Xunto coa solicitude do anexo I deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do documento que acredite a representación cando a solicitude se subscriba por persoa distinta a persoa beneficiaria da pensión non contributiva.

b) Copia compulsada do contrato de arrendamento en vigor, excepto cando se presente por Sede electrónica que se achegará sen compulsar.

c) Certificación acreditativa de propiedades expedida pola Dirección Xeral do Catastro, no caso de denegar a consulta.

d) Certificado de empadroamento expedido polo concello de residencia da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a consulta.

2. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Artigo 5. Protección de datos de carácter persoal

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais que se inclúan na solicitude quedarán rexistrados no ficheiro denominado Xestión de Servizos Sociais do que é titular a Consellería de Política Social, figura inscrito na Axencia Española de Protección de Datos e regúlase pola Orde do 15 de decembro de 2011 (DOG nº 246 do 27 de decembro). A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Modificación dos anexos

Co obxectivo de manter adaptados a normativa vixente, os anexos deste procedemento poderán ser actualizados en sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file