Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 26 de agosto de 2016 Páx. 38035

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 12 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións que desenvolverán as corporacións locais para a posta en marcha de programas de axudas económicas a familias con menores a cargo para a compensación dos seus gastos farmacéuticos, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais para Galicia, establece, no seu artigo 58, que as competencias en materia de servizos sociais lle corresponderán á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais de Galicia, así como, se é o caso, ás demais entidades públicas previstas no Estatuto de autonomía de Galicia ou establecidas nesta lei.

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), conscientes das dificultades económicas que atravesan actualmente moitas familias como consecuencia da recente crise económica, propuxeron conxuntamente unha axenda social que ten como finalidade establecer e consolidar programas que dean respostas coordinadas, efectivas e axeitadas ás novas realidades económicas e sociais das familias galegas.

A Comunidade Autónoma de Galicia e as corporacións locais galegas comparten competencias en materia de servizos sociais conforme o previsto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A coordinación e a implicación de todos os axentes implicados e, en especial, aqueles con competencias na materia, é fundamental para tecer unha rede de apoio que permita combater a exclusión social de moitos colectivos e, moi especialmente, dos máis vulnerables.

Así, unha das medidas consensuadas na axenda social consiste en apoiar a familias con menores a cargo que atravesan dificultades económicas a través de axudas para a compensación de gastos farmacéuticos non cubertas polos sistemas públicos de saúde, baixo o principio de homoxeneidade en canto aos ingresos mínimos que se considerarán.

Para este labor, considérase de vital importancia fomentar a colaboración entre a Administración autonómica e os concellos de Galicia, dado que estes se configuran como as institucións máis próximas á cidadanía e, en consecuencia, están en situación de avaliar en mellores condicións o grao e a diversidade da demanda de atención social, artellar a oferta e optimizar os recursos, aspectos todos de vital importancia para mellorar a calidade da atención prestada no ámbito dos servizos sociais e, consecuentemente, a rendibilidade social destes servizos.

Por outro lado, hai que mencionar que estas medidas están incardinadas na Estratexia galega de inclusión social (EIS Galicia 2014-2020), aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de decembro de 2014, que constitúe o marco de planificación da Xunta de Galicia de medidas de loita contra a pobreza e a exclusión na Comunidade para o período 2014-2020 e que integra prioridades de coordinación e cooperación coas corporacións locais, as entidades de iniciativa social e outros axentes que operan no territorio a favor da inclusión social das persoas.

A Consellería de Política Social, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano que ten asumidas as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social, e considera de especial interese a posta en marcha de programas dirixidos a compensar as dificultades que presentan estes colectivos.

A presente orde regula a convocatoria de subvencións ás corporacións locais de conformidade co establecido na normativa estatal básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e do regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no regulamento que a desenvolve, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e igualdade e non discriminación.

O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016 existe crédito adecuado e suficiente para o financiamento das subvencións previstas nesta orde, no estado de gasto correspondente á Dirección Xeral de Inclusión Social.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que, baixo o principio de homoxeneidade, se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás corporacións locais para o desenvolvemento de programas que teñan por finalidade a concesión de axudas económicas a familias con menores a cargo para a compensación dos seus gastos farmacéuticos, e proceder á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

O programa consistirá na xestión de axudas económicas ao cofinanciamento do 40 % dos medicamentos financiados polo Sistema nacional de saúde e prescritos a través de receita a familias con menores a cargo que atravesan dificultades económicas que estean empadroadas no seu termo municipal.

Para os efectos da presente orde terán esta condición aquelas familias das indicadas no parágrafo anterior que non superen os limiares de ingresos a que se refire o artigo 12.d) da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e que teñan menores de 16 anos ao seu cargo.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destas axudas efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.312A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 1.500.000 euros para a anualidade 2016 e 1.500.000 euros para a anualidade 2017.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades solicitantes

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou desenvolver o programa mencionado no artigo primeiro.

Enténdense incluídos no punto anterior os concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver o programa conxuntamente, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

Non obstante o anterior, e en relación con aquelas solicitudes presentadas por calquera forma de agrupación de concellos, quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes nas cales non se acredite a realización conxunta do programa. Para estes efectos, considerarase que non queda suficientemente acreditado este aspecto cando os usuarios participantes do programa estean empadroados nun único concello dos integrantes da dita agrupación.

En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual para o mesmo programa.

2. En calquera caso as corporacións locais solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e, así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que as entidades locais cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

Artigo 4. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. O importe da subvención concedida non poderá ser en ningún caso de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo do programa que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 5. Contía máxima

1. A determinación do importe das axudas para a realización deste programa establecerase en función do seguinte:

a) En primeiro lugar, e para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos ou agrupacións que poidan participar nesta convocatoria, asignarase a cada entidade unha contía inicial en función do tramo en que se atope segundo a escala e de acordo coas condicións que se establecen a continuación. Para estes efectos, empregaranse os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística na data de remate de presentación de solicitudes:

1º. Concellos ou agrupacións de menos de 5.000 habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 3.000 €, 1.500 € para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 20 %.

2º. Concellos ou agrupacións de 5.000 a 9.999 habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 9.000 €, 4.500 € para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 20 %.

3º. Concellos ou agrupacións de 10.000 a 19.999 habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 19.000 €, 9.500 € para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 20 %.

4º. Concellos ou agrupacións de 20.000 a 59.999 habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 40.000 €, 20.000 € para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 30 %.

5.º Concellos ou agrupacións de 60.000 ou máis habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 90.000 €, 45.000 € para cada anualidade, e corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 40 %.

b) Unha vez efectuadas as propostas de resolución segundo o establecido no punto anterior, no caso de non esgotamento do crédito procederase a unha segunda repartición mediante rateo entre aquelas solicitudes que non acadaron o financiamento do 80 % do custo total do programa, de acordo coa posibilidade prevista no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En todo caso, as contías máximas establecidas neste artigo nunca superarán o 80 % do orzamento presentado.

3. A contía máxima que cada entidade local poderá conceder aos destinatarios finais do programa será de 120 euros por persoa integrante da unidade familiar e anualidade.

Sen prexuízo do anterior, poderá superarse este límite nos casos en que a situación do destinatario final o faga aconsellable, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social emitido pola traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos.

4. Cada entidade poderá destinar como máximo un 5 % do importe da axuda a compensar os gastos xerais imputables ao desenvolvemento directo do programa.

5. Para os efectos da presente base reguladora, a anualidade de 2016 comprenderá aquelas actuacións do programa que realizará a entidade local entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016 e a anualidade de 2017 entre o 1 de decembro de 2016 e o 30 de novembro de 2017.

Artigo 6. Iniciación

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido na normativa reguladora da Administración electrónica. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Artigo 7. Documentación

1. A solicitude (anexo) deberá ir acompañada, ademais, pola seguinte documentación:

a) Certificación da entidade en que conste o acordo ou resolución da entidade local de solicitar a subvención e porcentaxe de cofinanciamento ao orzamento total.

b) Para o caso de xestión compartida de servizos, deberán achegar o convenio onde se faga constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada concello membro da agrupación. Tamén debe constar o representante ou apoderado único con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación.

c) Para os efectos establecidos no artigo 3, as mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, para os efectos de acreditar a realización conxunta do programa, deberá presentar unha memoria de actuación en que conste unha relación de posibles destinatarios na cal figure o seu empadroamento actual.

d) Memoria de aforro de custos presentada por calquera tipo de agrupación de concellos respecto da presentación individual.

e) Capacidade de representación legal da persoa asinante da solicitude naqueles supostos en que o asinante sexa persoa distinta daquela que teña o cargo de alcalde/sa, presidente/a da entidade local ou representante da agrupación de concellos. Neste caso unicamente se incluirá a copia do DNI ou NIE da persoa representante no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

f) Declaración responsable asinada polo/a representante legal da entidade na cal se exprese que a corporación local está ao día nas obrigas tributarias e sociais e que non concorre ningunha das restantes circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (anexo).

g) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ou, se é caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo).

h) Número previsto de persoas beneficiarias do programa e orzamento necesario para o desenvolvemento do programa (anexo).

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido na documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras e comporta a autorización da corporación local solicitante para que o órgano xestor obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social a través de certificacións telemáticas. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente. Estes certificados serán substituídos por declaración responsable do órgano competente que se presentará xunto coa solicitude (anexo).

2. De conformidade co artigo 13.4. da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como ás sancións impostas no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. Autorizarase a través do modelo de solicitude a realización das comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos de identidade da persoa solicitante. No caso de que esta non o autorice, estará obrigada a achegar copia do documento nacional de identidade.

Artigo 9. Emenda da solicitude

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as corporacións locais interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

Os citados requirimentos de emenda, de acordo cos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, faranse a través do portal de Benestar da Consellería de Política Social (http://benestar.xunta.es ou http://benestar.xunta.gal), o cal, excepcionalmente, poderá substituírse por outro medio de notificación, ben individual ou colectiva, unicamente no caso de existir imposibilidade de realizar a primeira.

Sen prexuízo do anterior, a Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social poderá comunicar os requirimentos aos enderezos que se indiquen na solicitude. Esta comunicación non afectará o prazo establecido no parágrafo primeiro.

2. As solicitudes ou actuacións que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta, e eleve a citada proposta ao órgano competente para resolver. A resolución será notificada nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Artigo 11. Réxime de concorrencia non competitiva das axudas

O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia esta circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos legalmente previstos.

Artigo 12. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta polo director xeral de Inclusión Social, actuando por delegación do conselleiro de Política Social, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola intervención delegada.

2. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse ás corporacións locais interesadas no prazo máximo de catro meses contados de data a data e a partir do día seguinte da entrada de cada unha das solicitudes no rexistro. Se vence o prazo máximo para resolver sen que ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido no punto anterior por existir fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes, ou debido a un incremento dos créditos dispoñibles, nos termos establecidos polo artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Neste caso, salvo que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás consideradas para a resolución inicial.

4. Unha vez notificada a resolución, as corporacións locais beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días para a aceptación da subvención. Se transcorrido dito prazo non se produce manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Non obstante o anterior, como regra xeral, permítese a acumulación de axudas, sempre que o importe total destas non supere o custo total do programa. Este aspecto farase constar na resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 14. Obrigas das corporacións locais subvencionadas

As corporacións locais que sexan subvencionadas deberán:

a) Acreditar a realización do programa ou acción que fundamenta a concesión da subvención, así como o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente.

b) Dar axeitada publicidade de que as actuacións obxecto desta orde están financiadas pola Xunta de Galicia, remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social, e en especial, os relativos á subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, e demais órganos implicados no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

c) Comunicar a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración pública, de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades tanto públicos como privados, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos programas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

d) Acreditar, mediante declaración responsable, atoparse ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, en virtude dos artigos 10 e 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como cumprir todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 15. Xustificación das subvencións

1. A xustificación da subvención para programas realizarase a través da modalidade de conta xustificativa.

2. As corporación locais beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente, segundo o establecido a seguir:

a) A xustificación correspondente a 2016 presentarase con data límite do 5 de decembro de 2016, mediante a presentación da solicitude de pagamento, documentación xustificativa do gasto realizado segundo o exposto no seguinte punto.

b) Para a xustificación final correspondente á anualidade 2017 e coa finalidade de acreditar a realización total das accións, así como o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar con data límite 5 de decembro de 2017 a seguinte documentación:

1º. Memoria do programa xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con cuantificación e indicación das actividades realizadas e identificación veraz dos beneficiarios.

2º. Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do alcalde/alcaldesa ou presidente/presidenta, relativo á aprobación do gasto polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na cal se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3º. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

4º. De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Declaración responsable asinada pola persoa representante da corporación local na cal se indique que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. De toda a documentación sinalada deberá enviarse un exemplar orixinal ou copia compulsada e outro en formato electrónico ao enderezo de correo que se comunique á entidade, no caso de que sexa requirido.

4. No caso de non presentarse a xustificación no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela deberase enviar ao número de fax 981 54 56 38, correspondente á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social, o oficio de presentación da documentación co seu correspondente selo de entrada.

Artigo 16. Pagamento das subvencións

1. O pagamento das subvencións realizarase segundo se establece a seguir:

a) Unha vez xustificada cada anualidade da subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

b) Na anualidade 2016 farase un pagamento á conta da liquidación definitiva en función do gasto realizado, e na anualidade 2017 farase o pagamento final, en ambos os casos enviando a documentación prevista no artigo anterior.

2. Os programas que se subvencionan deberán efectuarse entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 30 de novembro de 2017. En todo caso e, en aplicación do artigo 45.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a resolución de concesión fixará o prazo de xustificación da subvención.

Artigo 17. Incumprimentos, reintegros e sancións das subvencións concedidas

1. Serán de aplicación aos beneficiarios das subvencións recollidas na presente orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Para os efectos de reintegro das subvencións estarase ao disposto no título 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento de desenvolvemento.

Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actividade.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento total ou parcial da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das obrigas sinaladas na presente orde.

A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no titulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro.

Artigo 18. Control

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Política Social e as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, e demais órganos implicados no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. Así mesmo, autorizarán a verificación polos órganos competentes da Consellería de Política Social.

Para verificar o cumprimento do disposto na presente orde, a Consellería de Política Social aplicará un sistema de seguimento e control, que poderá incluír visitas ás corporacións locais subvencionadas aprobadas para comprobar o grao de cumprimento do destino para o que foi concedida a subvención, e emitirá o correspondente informe, que poderá dar lugar, se é o caso, á tramitación dun procedemento de reintegro de acordo co establecido no artigo anterior.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán solicitados polas corporacións locais para seren incluídos nun ficheiro denominado Xestión de servizos sociais cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Artigo 20. Réxime de recursos

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses que comezará a contar a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderá interpoñerse potestativamente o recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de tres meses, que comezará a contar a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional segunda. Comunicación de datos á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de inclusión social da Consellería de Política Social para ditar as instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file