1. Mediante a Resolución do 10 de maio desta dirección citada no encabezamento, publicada no Diario Oficial de Galicia número 93, do 18 de maio de 2016, acordouse a aprobación das bases reguladoras xunto coa convocatoria de subvencións, cuxo procedemento administrativo de concesión se tramitará en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora e ampliación de pequenas infraestruturas, mediante proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos concellos de Galicia, baseadas en tecnoloxías obsoletas por outras máis eficientes, co conseguinte aforro enerxético.
2. Tal e como consta na parte expositiva da citada resolución, o financiamento desta convocatoria faise con cargo aos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia para o ano 2016. A procedencia dos fondos é de diversa natureza: fondos da Comunidade Autónoma, fondos comunitarios derivados do programa operativo Feader Galicia 2014-2020 e fondos dos orzamentos xerais do Estado.
No transcurso do procedemento administrativo de concesión das axudas, cando xa rematou o prazo de presentación de solicitudes (18.6.2016), nalgunha das epígrafes o número de solicitantes é inferior ao agardado, mentres que noutras o volume de axuda solicitada superou a dispoñibilidade orzamentaria, cómpre facer unha redistribución de fondos entre as distintas epígrafes e ampliar o crédito orzamentario.
O artigo 2 da resolución, relativo ao financiamento, prevé unha dotación inicial de 3.490.791,87 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.A2.733A.760.4 e no parágrafo segundo dese mesmo artigo establécese que o crédito máximo poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles ou a calidade dos proxectos solicitados non alcanzan a puntuación mínima exixida.
Nese mesmo artigo establécese a posibilidade de incrementar o crédito coa condición dunha maior dispoñibilidade derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
3. De acordo co disposto no artigo 3 da resolución das axudas, o período de presentación das solicitudes estará comprendido entre o día 19 de maio e o 18 de xuño de 2016 e, segundo o disposto no artigo 19.1 das bases reguladoras, o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos, por parte das entidades locais beneficiarias, rematará o 15 de outubro de 2016.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 285, do 27 de novembro. A ampliación poderase acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte das entidades locais solicitantes, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referidas datas límite, por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.
Por todo o anterior, coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recursos públicos, maximizando o impulso de proxectos de aforro e eficiencia enerxética atendendo á totalidade das solicitudes en cada unha das epígrafes da convocatoria,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliar a dotación de fondos inicialmente prevista para esta convocatoria na contía de 128.564,52 euros, polo que o importe total asignado para estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.A2.733A.760.4 tras esta ampliación ascende a 3.619.356,39 euros.
Segundo. Ampliados os fondos, estes redistribúense do seguinte xeito:
Medida 7.2 Creación, mellora e expansión de infraestruturas a pequena escala, incluíndo enerxía renovable e aforro enerxético |
Importe inicial |
Modificación |
Importe final |
Proxectos para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións térmicas dos edificios municipais |
500.000,00 € |
-395.000,00 € |
105.000,00 € |
Proxectos para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación dos edificios municipais |
500.000,00 € |
|
500.000,00 € |
Proxectos de aforro e eficiencia enerxética referidos ás instalacións de iluminación pública exterior dependentes dos concellos |
2.490.791,87 € |
523.564,52 € |
3.014.356,39 € |
Total |
3.490.791,87 € |
128.564,52 € |
3.619.356,39 € |
Terceiro. Modificar as datas límite que figuran nos artigos 5 da resolución e 19.1 das bases reguladoras previstas, respectivamente, para a execución das actuacións e a xustificación dos investimentos. Amplíase o período de execución das actuacións que se subvencionan ata o 15 de novembro de 2016 e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 15 de novembro de 2016.
Cuarto. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), para os efectos previstos no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
A eficacia desta resolución producirase coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De acordo co disposto no artigo 49.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016
Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia