Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42164

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2016 pola que se convoca un curso de avaliación e intervención en situacións de acoso laboral.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 5 de xaneiro de 2016, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e Mugatra Sociedade de Prevención, S.L.U. para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de avaliación e intervención en situacións de acoso laboral (CV16037).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de avaliación e intervención en situacións de acoso laboral (CV16037) que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Obxectivos

Formar aos integrantes do comité de intervención do protocolo de acoso laboral co fin de poder achegar os coñecementos e ferramentas para acometer o estudo das queixas nesta materia.

Segunda. Contido

– Coñecer o risco e as consecuencias do acoso laboral.

– Definir operativamente o acoso.

– Identificar o acoso.

– Aprender formas de avaliar o acoso.

– Coñecer formas de abordar a investigación do acoso.

– Coñecer a elaboración de informes e recomendacións.

Terceira. Destinatarios

Persoal integrante do comité de intervención do protocolo de acoso laboral, persoal designado polas organizacións sindicais e pola Administración.

Cuarta. Desenvolvemento

Número de edicións: unha.

Duración: 8 horas.

Prazas: 25.

Lugar: aula 5 da EGAP.

Datas: 27 de setembro.

Horario: das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 19.00 horas.

Quinta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Mugatra, S.L.U. poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Mugatra, S.L.U. reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Mugatra, S.L.U. garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Oitava. Certificados

Ao remate do curso terán dereito á expedición dun certificado de asistencia aqueles alumnos inscritos que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.