Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 16 de setembro de 2016 Páx. 42913

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de setembro de 2016 pola que se convoca o Premio Manuel Colmeiro, para traballos de investigación elaborados desde distintas perspectivas de estudo, que teña como obxecto a Administración pública de Galicia.

A Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, establece no seu artigo 3 os fins que se lle asignan, e recolle no seu punto g) os correspondentes á investigación, á documentación, ao estudo e á realización de traballos de divulgación no campo da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

Para a consecución de estes fins, creouse o Premio Manuel Colmeiro, que tiña, como obxectivo principal, compensar o esforzo investigador e a realización de estudos sobre a Administración da nosa comunidade, que achegase unha visión e unhas iniciativas que permitisen mellorar o seu funcionamento. O premio leva o nome dun dos máis ilustres xuristas galegos, con achegas moi importantes para o moderno dereito administrativo e para a economía política.

Transcorridas varias décadas de andadura estatutaria e de funcionamento da Administración autonómica, a reflexión sobre a análise das etapas anteriores resulta necesaria para coñecer máis profundamente os diversos períodos polos que atravesou a nosa autonomía e facilitar a iniciativa de novas propostas que permitan reflexionar sobre o futuro da Administración e de todo aquilo que poda contribuír a enriquecela.

En consecuencia, en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento na orde invocada,

DISPOÑO:

Artigo único

Convócase o Premio Manuel Colmeiro na súa décimo novena edición, para traballos de investigación e estudo sobre a Administración pública de Galicia, desde unha perspectiva xurídica, sociolóxica ou económica, e conforme as seguintes bases:

Primeira

Poderán presentarse ao premio os traballos de investigación, inéditos e escritos en lingua galega. Os traballos poderán tratar sobre a organización, estrutura, función e ámbitos competenciais da Administración pública de Galicia, e poderán abordar a investigación desde calquera perspectiva.

Os traballos terán que ser inéditos, entendo por tal que non fosen obxecto de divulgación ou publicación nos termos da lexislación de propiedade intelectual. Non se considerarán inéditos aqueles que fosen publicados, divulgados ou postos á disposición do público, mediante medios telemáticos, xa sexa internet ou outras redes.

A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda

Poderán participar nesta convocatoria tanto as persoas individuais como os grupos de traballo formados para o efecto. Neste último caso, acreditarase a persoa física responsable da dirección do grupo e a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.

En todo caso, todas as actividades desenvolvidas no marco desta convocatoria garantirán a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, eliminando calquera tipo de discriminación directa ou indirecta e fomentando a conciliación.

Non poderán acceder a estes premios os participantes que se atopen afectados por algunha das circunstancias prevista nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira

A dotación económica do premio é de 3.500 euros, que estará suxeita á correspondente retención fiscal, e se aboará con cargo á dotación prevista na partida 05.80.122B.4800 dos orzamentos da EGAP para 2016. Tamén se lle entregará á persoa ou grupo gañador un diploma acreditativo de tal condición.

Cuarta

Os traballos serán orixinais, inéditos e non premiados con anterioridade. Presentarase en formato A4, mecanografados a dobre espazo cunha extensión mínima de 100 páxinas.

Quinta

1. O prazo de presentación será o comprendido entre o 1 de outubro e o 30 de novembro de 2016.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. A solicitude (anexo I), que deberá ser asinada electronicamente pola persoa que se responsabilice da dirección do grupo, se é o caso, irá acompañada dos traballos.

Os traballos presentaranse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta

O exame dos traballos presentados e, se é o caso, a proposta de adxudicación do premio corresponderalle a un xurado especial, que estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito académico e da Administración pública, nomeados polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A composición nominal do xurado anunciarase na páxina web da EGAP.

Na avaliación dos traballos o xurado terá en conta o rigor científico e a súa calidade. Se o xurado o considera oportuno, poderá declarar o premio deserto.

Sétima

A decisión do xurado será inapelable. A adxudicación do premio realizarase mediante Resolución da directora da EGAP, de acordo coa proposta do xurado, publicándose posteriormente no Diario Oficial de Galicia.

A entrega do premio realizarase nun acto público que se celebrará na EGAP na data que se comunicará oportunamente.

Oitava

1. A presentación da solicitude e do traballo implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa ou persoas que presente o traballo consentirán expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ao premio, así como as sancións impostas, se houbese lugar, no devandito rexistro, feito que terá lugar excepto nos supostos legalmente establecidos; todo isto de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 17.2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno na Administración pública galega, a Escola Galega de Administración Pública publicará na súa páxina web oficial o texto íntegro da convocatoria e a concesión do premio, polo que a presentación leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis. A dita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade financeira en que se abone o pagamento do premio, ao Diario Oficial de Galicia e as demais cesións previstas na lei.

Novena

1. A presentación a este premio implicará, no caso de ser galardoado, a cesión polo autor dos dereitos de edición, uso e explotación en favor da EGAP durante un período de tres anos contados desde o día da publicación da decisión do xurado. A compensación económica polos dereitos de explotación que lle puidese corresponder ao autor considerarase incluída na dotación do premio.

2. Os traballos non premiados seranlle devoltos aos seus autores, logo da petición expresa deles no prazo de tres meses seguintes á data en que lles sexa notificada a decisión do xurado. Transcorrido o dito prazo sen que se solicite a devolución, poderase proceder á súa destrución.

Décima

O incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, dará lugar ao deber de devolver total ou parcialmente a cantidade recibida, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Décimo primeira

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado: solicitantes de subvencións, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Escola Galega de Administración Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: EGAP, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.egap@xunta.gal

Décimo segunda

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, cabe a interposición directa de recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous (2) meses contados tamén a partir do día seguinte ao da publicación deste acto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo terceira

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvención (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional

Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa aplicable.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza