Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 16 de setembro de 2016 Páx. 42941

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 123/2016, do 1 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun tramo da estrada provincial LU-P-2607 do Cruceiro por Portocelo á de Xove ao Portiño de Morás, a prol do Concello de Xove.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

Ao abeiro das previsións legais, o Concello de Xove solicitou á Deputación Provincial de Lugo a cesión dun tramo da estrada provincial LU-P-2607 do Cruceiro por Portocelo á de Xove ao Portiño de Morás, cunha lonxitude de 3.135 m e comprendido entre o p.q. 6.800 (intersección co acceso ao peirao de Portocelo) e o p.q. 9.935 (final actual na súa intersección coa vía provincial LU-P-2601 de Xove ao Portiño de Morás.

O Pleno da Corporación Provincial acordou, con data do 28 de abril de 2015, a aceptación do cambio de titularidade do tramo da estrada provincial LU-P-2607 que discorre polo núcleo urbano do concello de Xove.

Polo exposto, consonte o previsto no artigo 9, número 4, da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, «os cambios de titularidade de estradas ou de treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas».

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade, a prol do Concello de Xove, do tramo da estrada provincial LU-P-2607 do Cruceiro por Portocelo á de Xove ao Portiño de Morás, cunha lonxitude de 3.135 m e comprendido entre o p.q. 6.800 (intersección co acceso ao peirao de Portocelo) e o p.q. 9.935 (final actual na súa intersección coa vía provincial LU-P-2601 de Xove ao Portiño de Morás.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Xove deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Xove, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda