Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2016 Páx. 43064

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 125/2016, do 1 de setembro, polo que se modifica o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.

No ano 2012 aprobouse o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.

En virtude do Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, modifícanse os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, co cal a estrutura organizativa da Axencia queda dividida nas seguintes catro unidades orgánicas, dependentes directamente da Dirección da Axencia:

a) Área de Xestión.

b) Área de Programas.

c) Área de Servizos.

d) Área de Centros.

As funcións correspondentes á Área de Programas están relacionadas co deseño e planificación estratéxica en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, así como a avaliación das convocatorias de axudas impulsadas pola Axencia no ámbito da I+D+i, polo que poden ser cualificadas como atribucións propias do persoal funcionario do corpo superior da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 41 e 42 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación dos estatutos da Axencia Galega de Innovación, aprobados polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro

Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 22.1 dos estatutos da Axencia Galega de Innovación, que queda redactado como segue:

«Correspóndelle á Área de Programas, con nivel orgánico de subdirección xeral, o deseño e planificación estratéxica en materia de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico, así como a avaliación das convocatorias de axudas impulsadas pola Axencia no ámbito da I+D+i, e terán as seguintes funcións:»

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria