Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2016 Páx. 43662

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de setembro de 2016 pola que se crea e se regula a sede xudicial electrónica de Galicia.

A Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza, dedica especificamente o capítulo I do título III a definir e regular a «sede xudicial electrónica» que, de conformidade co seu artigo 9, se define como «aquel enderezo electrónico dispoñible para os cidadáns a través de redes de telecomunicacións cuxa titularidade, xestión e administración corresponden a cada unha das administracións competentes en materia de xustiza».

Segundo os reais decretos 2166/1994, do 4 novembro, sobre traspaso de funcións da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, 2397/1996, do 22 de novembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, e 233/1998, do 16 de febreiro, sobre ampliación de funcións, servizos e medios traspasados polos reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, á Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración do Estado transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia as competencias en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. En virtude destas competencias, correspóndelle polo tanto a esta comunidade autónoma a posta en funcionamento da sede xudicial electrónica de Galicia, que se creará ao abeiro desta orde.

Para acadar o total aliñamento entre as necesidades da Administración de xustiza en Galicia e a execución destas competencias a nivel autonómico, a Comisión Mixta formada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Xunta de Galicia, que opera ao abeiro do Acordo do 26 de xullo do 2000, do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, polo que se aproba o Regulamento 1/2000 dos órganos de goberno dos tribunais, participou activamente durante todo o proceso de definición e desenvolvemento da sede xudicial electrónica de Galicia e velará, tras a súa posta en marcha, pola consecución dos obxectivos que como canle de relación cos cidadáns debe cumprir segundo o descrito na Lei 18/2011, do 5 de xullo.

Coa implantación da sede xudicial electrónica de Galicia preténdese centralizar os procedementos e servizos que presta cada unha das oficinas xudiciais de Galicia, facilitando o acceso a elas e creando un espazo en que a Administración de xustiza en Galicia, os cidadáns e os profesionais se relacionen no marco da actividade xudicial coas garantías procesuais necesarias.

O citado artigo 9 do mencionado texto normativo establece que «as administracións competentes en materia de xustiza determinarán as condicións e instrumentos de creación das sedes xudiciais electrónicas» que, en todo caso, se crearán mediante disposición publicada no Boletín oficial del Estado ou da Comunidade Autónoma correspondente, neste caso o Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, a dita Lei 18/2011, do 5 de xullo, impulsa a cooperación entre as administracións en materia de Administración xudicial electrónica, e constitúese o Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica (CTEAXE), no cal Galicia participa activamente, para favorecer a compatibilidade e asegurar a interoperabilidade dos sistemas e aplicacións empregados na Administración de xustiza e converterse no foro de encontro, colexiación de esforzos e aliñamento de todas as iniciativas que xorden neste ámbito. A sede xudicial electrónica de Galicia é, polo tanto, unha actuación desenvolvida neste marco de coordinación telemática, respectando os criterios de interoperabilidade establecidos, en virtude das súas competencias, polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o CTEAXE, no test de compatibilidade e nas bases de interoperabilidade e seguridade, respectivamente.

Sobre esta orde emitiu informe favorable o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica, a Axencia Española de Protección de Datos e a Fiscalía Xeral do Estado.

De acordo co exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto a creación e regulación da sede xudicial electrónica de Galicia, co fin de dar cumprimento ao establecido na Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza.

A través da sede xudicial electrónica de Galicia realizaranse todas as actuacións, procedementos e servizos que requiran a autenticación da Administración de xustiza ou da cidadanía e profesionais por medios electrónicos, así como aqueloutras actuacións respecto das cales se decida a súa inclusión na sede xudicial electrónica de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da sede xudicial electrónica de Galicia esténdese á totalidade de oficinas xudiciais e fiscais con servizo de rexistro e repartición de Galicia e a outros servizos da Administración de xustiza en Galicia, así como á cidadanía e profesionais nas súas relacións con esta Administración por medios electrónicos.

Artigo 3. Enderezo electrónico da sede xudicial electrónica de Galicia

O enderezo de referencia da sede xudicial electrónica de Galicia será https://sede.xustiza.gal, canle principal de acceso electrónico dos cidadáns á Administración de xustiza en Galicia.

Así mesmo, o acceso á sede xudicial electrónica de Galicia tamén estará dispoñible a través doutros puntos de acceso electrónico da cidadanía a esta Administración, como son o portal de xustiza da Comunidade Autónoma (xustiza.gal), o punto de acceso xeral da Administración de xusticia, así como calquera outro punto que se considere adecuado para facilitar o acceso da cidadanía e dos profesionais que a representan aos servizos nela recollidos.

A sede xudicial electrónica de Galicia posibilitará o acceso á totalidade das sedes e subsedes xudiciais electrónicas creadas dentro do Estado, a través do punto de acceso xeral da Administración de xusticia.

Artigo 4. Titularidade e xestión da sede xudicial electrónica de Galicia

a) A titularidade da sede xudicial electrónica de Galicia corresponderá á consellería competente en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza en Galicia.

b) A xestión tecnolóxica da sede xudicial electrónica de Galicia será competencia da entidade institucional con competencia en materia de desenvolvemento tecnolóxico da Administración de xustiza en Galicia.

c) Serán responsables da xestión e dos servizos postos á disposición da cidadanía e profesionais na sede xudicial electrónica de Galicia os órganos administrativos designados para tal efecto polos departamentos da Xunta de Galicia competentes na materia. Do mesmo xeito, a responsabilidade dos contidos corresponderá ao órgano que orixine a dita información.

Artigo 5. Contidos e servizos da sede xudicial electrónica de Galicia

1. Os contidos que se prevé incorporar nesta sede xudicial electrónica de Galicia son:

a) Identificación do enderezo electrónico de referencia da sede xudicial electrónica de Galicia, así como do órgano ou órganos titulares e dos responsables da xestión, dos servizos postos á disposición da cidadanía e profesionais nela e, de ser o caso, das subsedes dela derivadas.

b) Información necesaria para a súa correcta utilización, incluíndo o mapa da sede xudicial electrónica de Galicia ou información equivalente, con especificación da estrutura de navegación e as distintas seccións dispoñibles.

c) Identificación das canles de acceso aos servizos dispoñibles na sede xudicial electrónica de Galicia, con expresión, se for o caso, dos teléfonos e oficinas a través dos cales tamén se pode acceder a elas.

d) Canles dispoñibles para a formulación de suxestións e queixas con respecto ao servizo que presta a sede xudicial electrónica de Galicia.

e) Sistema de verificación dos certificados da sede xudicial electrónica de Galicia, que estará accesible de forma directa e gratuíta.

f) Relación de sistemas de sinatura electrónica que sexan admitidos ou utilizados na sede xudicial electrónica de Galicia, segundo o establecido pola Lei 59/2003, do 19 de decembro de sinatura electrónica, a Lei 18/2011, do 5 de xullo, e o Regulamento (UE) nº 910/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, relativo á identificación electrónica e aos servizos de confianza nas transaccións electrónicas no mercado interior e polo que se derroga a Directiva 1999/93/CE.

g) Normas de creación do rexistro ou rexistros electrónicos accesibles desde a sede xudicial electrónica de Galicia.

h) Calendario de días inhábiles e data e hora oficial en que quedan rexistrados os trámites, atendendo ao ámbito territorial sobre o cal a sede xudicial electrónica de Galicia ou sede derivada correspondente exerce as súas competencias.

i) Información específica relacionada coa protección de datos de carácter persoal no ámbito da Administración de xustiza, incluíndo un enlace coa sede electrónica do Consello Xeral do Poder Xudicial e outro á sede electrónica da Axencia Española de Protección de Datos, segundo se trate de información e actuacións relacionadas con ficheiros xurisdicionais ou non xurisdicionais, respectivamente, nos termos recollidos no artigo 236 nonies da Lei orgánica do poder xudicial.

2. Os servizos que se prevé incorporar na sede xudicial electrónica de Galicia son:

a) A relación dos servizos dispoñibles na sede xudicial electrónica de Galicia.

b) A carta de servizos e a carta de servizos electrónicos.

c) A relación dos medios electrónicos que os cidadáns e profesionais poden utilizar en cada suposto no exercicio do seu dereito a comunicarse coa Administración de xustiza.

d) Un enlace para a formulación de suxestións e queixas con respecto ao servizo que presta a sede xudicial electrónica de Galicia.

e) Acceso, nos termos legalmente establecidos, ao estado de tramitación do expediente.

f) Publicación electrónica, cando proceda, de resolucións e comunicacións que deban publicarse en taboleiro de anuncios ou edictos.

g) Verificación dos selos electrónicos dos órganos ou organismos públicos que abranga a sede xudicial electrónica de Galicia.

h) Comprobación da autenticidade e integridade dos documentos emitidos polos órganos ou organismos públicos que abrangue a sede xudicial electrónica de Galicia que fosen autenticados mediante código seguro de verificación.

i) Servizos de asesoramento electrónico ás persoas usuarias para a correcta utilización da sede xudicial electrónica de Galicia.

j) A Carta de dereitos dos cidadáns ante a xustiza.

k) Presentación telemática de escritos iniciadores e de trámite por parte da cidadanía.

l) Posta á disposición das persoas interesadas dos modelos e impresos normalizados.

3. En consonancia coa evolución da Administración xudicial electrónica, desenvolveranse novos servizos que se incorporarán paulatinamente na sede xudicial electrónica de Galicia. A súa publicación irá acompañada dun aviso na propia sede xudicial electrónica de Galicia e da correspondente actualización no inventario de servizos, tanto da propia sede xudicial electrónica de Galicia como dos diferentes puntos de acceso se fose de aplicación.

4. Os contidos publicados na sede xudicial electrónica de Galicia responderán aos criterios de publicidade, responsabilidade, calidade, seguridade, dispoñibilidade, accesibilidade, neutralidade e interoperabilidade que derivan de la Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza.

5. A sede xudicial electrónica de Galicia deberá asegurar a confidencialidade, dispoñibilidade e integridade das informacións que manexa, seguindo os criterios de seguridade que derivan da Lei 18/2011, do 5 de xullo.

Serán de aplicación aos datos de carácter persoal que se recollan ou traten a través da sede xudicial electrónica de Galicia as medidas de seguridade establecidas na normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

6. Así mesmo, serán de aplicación aos datos de carácter persoal que se recollan ou traten na sede xudicial electrónica de Galicia as medidas de seguridade establecidas na normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, coas especialidades previstas na Lei orgánica do poder xudicial e na lexislación procesual para a Administración de xustiza.

7. A sede xudicial electrónica de Galicia garantirá o réxime de cooficialidade lingüística vixente en Galicia, posibilitando o acceso a todos os seus contidos e servizos tanto en galego como en castelán.

Artigo 6. Medios para a formulación de suxestión e queixas

O medio dispoñible para a formulación de suxestións e queixas con respecto á xestión e servizos que presta a sede xudicial electrónica de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9.2 de la Lei 18/2011, do 5 de xullo, será a presentación telemática a través do servizo de queixas e suxestión da sede xudicial electrónica de Galicia.

Artigo 7. Sedes xudiciais electrónicas derivadas

Crearanse as sedes xudiciais electrónicas derivadas ou subsedes que sexan necesarias para o cumprimento do recollido nos números 3, 4, 5, e 6 do artigo 10 da Lei 18/2011, do 5 xullo.

A súa creación levarase a cabo mediante resolución da consellería competente en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza en Galicia, e será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Posta en funcionamento da sede xudicial electrónica de Galicia

A sede xudicial electrónica de Galicia entrará en funcionamento nun prazo máximo de seis meses contado desde a data de entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza