Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Luns, 26 de setembro de 2016 Páx. 44063

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2016 pola que se aproba a convocatoria de consultas preliminares do mercado para proxectos de innovación tecnolóxica no sector primario.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega), de conformidade co disposto na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, é unha axencia pública autonómica adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia.

A Amtega, segundo o artigo 6 do seu estatuto, aprobado polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, ten entre as súas competencias a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e o deseño e liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, garantindo os dereitos dos cidadáns e eliminando as barreiras que se opoñan á expansión e ao uso das novas tecnoloxías, así como o fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións en colaboración cos organismos e institucións competentes na materia.

Así mesmo, aglutina as competencias e os recursos humanos, materiais e orzamentarios asociados ás anteriores estruturas TIC dispersas no sector público autonómico. Polo tanto, ten entre as súas competencias o deseño e execución, en todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta, dos proxectos de sistemas e tecnoloxías da información que dan soporte á súa operativa, entre eles os incluídos no anexo á presente resolución.

En execución desas competencias, entre as actuacións previstas está o desenvolvemento de actuacións de fomento da innovación, potenciando novos mercados innovadores desde o lado da demanda, a través do emprego da contratación pública de innovación, como instrumento de política de innovación cuxo obxectivo final é dinamizar a innovación e a internacionalización mediante a articulación e fortalecemento da demanda tecnolóxica a través da combinación de actuacións de fomento á I+D con actuacións de contratación pública de bens e/ou servizos.

Como paso previo á definición dos modelos de contratación pública de innovación que poida aplicar a Amtega, considérase de interese promover unha convocatoria de consultas preliminares do mercado, como medio para identificar tecnoloxías e solucións de interese para os retos tecnolóxicos que se propoñen no anexo á presente resolución.

A Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública –pendente de transposición ao ordenamento xurídico español–, recoñece de maneira explícita no seu artigo 40 a figura da consulta preliminar do mercado. Esta permite aos poderes adxudicadores a realización de consultas do mercado, con vistas a preparar a contratación e informar os operadores económicos acerca dos seus plans e dos requisitos de contratación, con anterioridade ao comezo do procedemento.

A presente convocatoria encádrase nas recomendacións da Guía de boas prácticas para favorecer a contratación pública de innovación en Galicia, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 10 de setembro de 2015. Esta guía que está dirixida a Administración xeral da Comunidade Autónoma e o seu sector público, establécese como referencia para a mellor e máis adecuada aplicación dos procedementos de contratación pública de innovación.

Tendo en conta o anterior, en virtude das facultades que a lexislación me confire,

ACORDO:

Primeiro. Convocatoria

Convócase a consulta preliminar do mercado, para a procura de solucións innovadoras en proxectos de innovación relacionados cos ámbitos indicados no anexo á presente resolución.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é promover a participación das persoas, físicas ou xurídicas, para a identificación de propostas innovadoras que contribuirán ao proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos que se relacionan no anexo á presente resolución. Concretamente, preténdese que, a partir dos resultados da consulta preliminar do mercado, a Amtega teña coñecemento suficiente das solucións máis novas e óptimas existentes no mercado para o lanzamento dunha eventual contratación pública de innovación ou outro procedemento de licitación posterior.

Terceiro. Participantes

A convocatoria é aberta e diríxese a persoas físicas ou xurídicas que teñan vontade de participación e de colaboración coa Amtega para o desenvolvemento destes proxectos, tanto na súa definición e alcance como no desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

Admitirase a presentación de varias propostas por unha mesma persoa física ou xurídica, xa sexa individualmente ou en forma conxunta con outros. Cando unha proposta se presente de forma conxunta por un grupo de persoas ou entidades deberá identificarse aquela que as represente, para efectos de interlocución coa Administración.

A participación na convocatoria non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados da participación na convocatoria serán por conta dos interesados.

A Administración dará aos participantes un tratamento igualitario e non discriminatorio, e axustará a súa participación ao principio de transparencia.

Cuarto. Aplicación dos principios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación

Así mesmo, a participación ou non participación na convocatoria, o diálogo ou contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de igualdade de trato, non discriminación e transparencia, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes desleais ou dereitos exclusivos non eventuais nos procedementos de contratación que se poidan ulteriormente convocar. A participación na consulta preliminar do mercado non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto da adxudicación dos contratos que poidan celebrarse con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Para estes efectos, a Amtega tomará as medidas adecuadas para garantir o mantemento dos indicados principios tanto no desenvolvemento desta convocatoria como en calquera procedemento ulterior de contratación.

En particular, en aplicación dos principios de igualdade de trato e transparencia, comunicarase aos demais participantes, candidatos ou licitadores calquera información pertinente intercambiada no marco desta convocatoria ou como resultado dela, coidarase que as especificacións técnicas ou funcionais se definan respectando o disposto na lexislación de contratos do sector público e procederase ao establecemento de prazos adecuados para a recepción das ofertas e solicitudes de participación tendo en conta o tempo que razoablemente poida ser necesario para preparar aquelas, atendida a complexidade do contrato.

Quinto. Presentación das propostas

A presentación das propostas suxeitarase ás seguintes regras básicas:

1. A Amtega establecerá os requisitos e especificacións funcionais relativos aos proxectos a través das fichas de proxectos que estarán dispoñibles e serán accesibles a través da páxina web http://amtega.xunta.gal/cpti

2. As persoas, físicas ou xurídicas, interesadas en participar deberán enviar as súas propostas en lingua galega ou en castelán segundo as fichas que se atopan dispoñibles na páxina web http://amtega.xunta.gal/cpti. Opcionalmente, poderase acompañar ás fichas a documentación complementaria que xulguen pertinente onde se desenvolva a proposta con maior detalle. No caso de que unha proposta se presente de forma conxunta por un grupo de persoas ou entidades, deberá identificarse aquela que as represente, para os efectos de interlocución coa Administración.

En todo caso, cada un dos interesados deberá asumir os eventuais custos derivados da súa participación.

3. As propostas remitidas seguirán un modelo que estará dispoñible en formato electrónico na páxina web http://amtega.xunta.gal/cpti. Habilitarase unha ficha modelo para cada un dos proxectos, que se enviará a través do formulario dispoñible na páxina web http://amtega.xunta.gal/cpti ou por correo electrónico ao seguinte enderezo: cpti.amtega@xunta.gal. As propostas poderanse presentar en calquera momento durante o período comprendido entre a publicación deste anuncio e a data de finalización da consulta preliminar do mercado.

4. A Amtega estudará as propostas que se presenten e poderá utilizalas no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos, tanto na súa definición como alcance, así como na definición dun eventual procedemento de licitación posterior. Se se considera de interese, a Amtega poderá convocar individualmente a participantes concretos para realizar unha presentación máis detallada ou ampliar a información sobre a súa proposta, produto ou servizo. No caso de que a presentación fose pública, serán informados disto os demais participantes a través da páxina web habilitada para o efecto.

O intercambio de información derivado da presentación das propostas poderase utilizar, se é o caso, para definir, de acordo co expresado no artigo 117 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, as especificacións funcionais detalladas que se poidan empregar nos procedementos de contratación de bens ou servizos que con posterioridade se poidan convocar.

Sexto. Transparencia da consulta

Para asegurar a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente o seu consentimento para que a Amtega manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas. En caso de non dar consentimento, serán excluídas do proceso.

A Amtega resérvase para si a facultade de facer públicos os datos anuais das propostas presentadas, tendo en conta o previsto no punto seguinte, así como aqueloutras que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos. Co fin de garantir a transparencia e igualdade de oportunidades entre os participantes dos eventuais procedementos de contratación que se poidan convocar, publicitará a información relativa aos avances na definición de cada proxecto.

Así mesmo, a Amtega reserva para si a facultade de realizar unha presentación pública das propostas que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos e das achegas realizadas a estes polos distintos participantes, e a darlle a necesaria difusión para o seu público recoñecemento.

O uso do contido das propostas limítase exclusivamente á súa utilización na definición das especificacións dos eventuais procedementos de contratación que seguise á consulta preliminar do mercado. Polo tanto, a Amtega, tendo en conta as propostas e con suxeición ás normas contractuais aplicables, poderá tramitar os procedementos de contratación oportunos para a execución dos proxectos.

Sétimo. Confidencialidade

A Amtega almacenará os datos de contacto dos participantes no procedemento. Estes datos incluiranse necesariamente nas fichas de proposta, en que se fará constar, ademais, o seu consentimento expreso e a aceptación das bases da convocatoria, incluída a posibilidade da Administración de difundir a súa participación no procedemento no caso de ser relevante.

De conformidade coa Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal, a Amtega almacenará nun ficheiro que será da súa propiedade, os datos de contacto dos participantes na consulta preliminar do mercado. A estes datos terase dereito de acceso, modificación e cancelación co propósito exclusivo de facilitar o contacto durante o proceso de consulta preliminar do mercado.

Por outra banda, para asegurar a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente a súa vontade conforme para que a Amtega manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas.

Sen prexuízo da posibilidade de divulgación das solucións e da definición das especificacións dos proxectos, a Administración non poderá divulgar a información técnica ou comercial que, se é o caso, fose facilitada polos participantes e estes designasen como confidencial.

Oitavo. Patentes

As solucións e especificacións técnicas ou funcionais que se presenten para os proxectos non poderán mencionar unha fabricación ou unha procedencia determinada ou un procedemento concreto, nin facer referencia a unha marca, a unha patente ou a un tipo, a unha orixe ou a unha produción determinados.

Así mesmo, a participación na convocatoria comporta que, para os efectos de posibilitar a definición das especificacións técnicas, de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público, a súa difusión, publicación e o seu libre uso por parte da Amtega ou de empresas colaboradoras no desenvolvemento dos futuros proxectos, as propostas e solucións presentadas non poden estar suxeitas a dereitos de explotación de propiedade intelectual, sen ningunha limitación territorial ou temporal.

Noveno. Contratación de proxectos

Unha vez realizada a definición das especificacións funcionais dos proxectos co grao de concreción necesario, a Amtega poderá iniciar os correspondentes procedementos de contratación segundo o establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, que establece o texto refundido da Lei de contratos do sector público ou normativa de aplicación. Este eventual procedemento de contratación publica de innovación estará aberto a todas as propostas posibles que cumpran as condicións do procedemento, teñan ou non estado ligadas á consulta preliminar do mercado anterior. En calquera dos casos, o procedemento determinará as súas fases así como os criterios de avaliación para superar cada unha delas tendo en conta sempre neles a valoración da innovación e a incorporación de alta tecnoloxía como aspectos positivos.

Nos pregos de cláusulas administrativas e nos contratos adxudicados, nos aspectos relativos á propiedade industrial e intelectual das solucións técnicas da oferta seleccionada, deberán terse en conta os seguintes aspectos:

a) Nos contratos que teñan por obxecto o desenvolvemento e posta á disposición de produtos protexidos por un dereito de propiedade intelectual ou industrial e coa finalidade de manter as expectativas de mercados das empresas innovadoras, poderá establecerse que o adxudicatario reteña a indicada propiedade, pero comportarán como mínimo a cesión de uso á Administración contratante e a posibilidade de modificación das tecnoloxías achegadas para as súas necesidades, garantindo o acceso da Administración ao código de fonte do software, así como a posibilidade para esta de autorizar o uso e modificación do correspondente produto aos entes, organismos e entidades pertencentes ao sector público autonómico, así como as empresas de servizo que lles presten servizos a estes a través dos contratos de servizos, ou encomendas pertinentes. Poderá preverse, así mesmo, a revisión das condicións de uso e modificación se no futuro outros clientes conseguen mellores condicións ata a igualación destas.

b) Coa finalidade de facilitar o desenvolvemento rendible das solucións innovadoras para os servizos públicos, nos contratos de investigación e desenvolvemento estableceranse mecanismos acordes a condicións de mercado que permitan compartir coas empresas adxudicatarias os riscos e os beneficios da investigación científica e técnica en proporción á achega realizada pola Administración.

Décimo. Prazo de presentación e peche da convocatoria

O prazo de presentación das propostas comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O peche da convocatoria para os correspondentes proxectos producirase, unha vez que se acade o grao de definición necesario, por resolución da persoa titular da dirección da Amtega, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2016

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO
Proxectos innovadores

Solucións innovadoras para o desenvolvemento do sector primario (proxecto Primare-Inspecións intelixentes avanzadas, incluído no convenio co Ministerio de Economía e Competitividade Civil UAVs Initiative.

A información relativa ao proxecto indicado neste anexo estará ao dispor dos interesados na páxina web http://amtega.xunta.gal/cpti