Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 28 de setembro de 2016 Páx. 44227

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de setembro de 2016 pola que se adaptan e habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O 27 de febreiro de 2014, o Consello da Xunta aprobou o Plan de axilización administrativa 2014-2016 (Plan Achega) co obxectivo de acadar unha Administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía.

Este plan recolle unha serie de medidas concretas destinadas a revisar no período 2014-2016 os procedementos administrativos que a Administración galega pon á disposición dos cidadáns na Guía de procedementos e servizos, para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica, como garantía do principio de celeridade que a Administración galega asume dentro dos seus compromisos de actuación.

Como primeira actuación contida no Plan Achega, o 2 de maio de 2014 (DOG núm. 83) publicouse o Decreto 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Neste decreto estableceuse, ademais, que mediante orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza se adaptarán os procedementos administrativos, previamente revisados e simplificados, ao disposto nas guías para a habilitación de procedementos aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia do 25 de abril de 2013, actualizadas con posterioridade e, se for o caso, habilitarase a súa presentación electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta medida foi configurada como unha liña prioritaria de actuación polo Goberno galego posto que existen procedementos administrativos que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (Orde do 15 de setembro de 2011; DOG núm. 138, do 23 de setembro), aínda recollían a presentación exclusivamente presencial por parte das súas persoas destinatarias. Ademais, tamén se requiría determinada documentación que a lexislación vixente xa non permite solicitar e á a cal a Administración galega xa pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Neste marco, e desde o inicio do Plan Achega, os traballos de revisión e habilitación na sede electrónica foron os seguintes:

– Mediante a Orde do 2 de xullo de 2014 (DOG núm. 132, do 14 de xullo), foron adaptados e incorporados á sede electrónica da Xunta de Galicia 58 procedementos de prazo aberto da Presidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de revisar un total de 99.

– A través da Orde do 22 de abril de 2015 (DOG núm. 77, do 24 de abril), 109 procedementos da Consellería do Medio Rural e do Mar habilitáronse electronicamente, logo de revisar un total de 145.

– A través da Orde do 31 de xullo de 2015 (DOG núm. 146, do 4 de agosto), 42 procedementos da Consellería de Traballo e Benestar, dun total de 88, foron incorporados para a súa presentación electrónica.

– A través da Orde do 22 de outubro de 2015 (DOG núm. 204, do 26 de outubro), 51 procedementos da Consellería de Economía, Emprego e Industria foron incorporados á sede electrónica dun total de 225.

– A través da Orde do 7 de abril de 2016 (DOG núm. 69, do 12 de abril), 48 procedementos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda foron incorporados á sede electrónica dun total de 95.

– A través da Orde do 9 de xuño de 2016 (DOG núm. 113, do 15 de xuño), 46 procedementos da Consellería de Medio Ambiente foron incorporados á sede electrónica dun total de 86.

– A través da Orde do 28 de xullo de 2016 (DOG núm. 147, do 4 de agosto), 25 procedementos da Consellería de Sanidade foron incorporados á sede electrónica dun total de 58.

A continuación, e seguindo a planificación establecida, levouse a cabo a revisión de todos os procedementos, tanto de prazo aberto como de prazo pechado correspondentes á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda non lles foron aplicadas as pautas de simplificación existentes na actualidade.

En concreto, foron revisados un total de 91 procedementos, o que deu como resultado o seguinte:

– 60 procedementos foron dados de baixa por non seren utilizados ou por estaren obsoletos. En concreto, sete corresponden a procedementos de prazo aberto e 53 a procedementos de prazo pechado.

– 21 procedementos foron preparados para admitir a súa dispoñibilidade electrónica a través da presente orde.

– 10 procedementos xa foron incorporados á sede electrónica a través da súa propia regulación normativa específica.

Así pois, a partir da entrada en vigor desta orde, un total de 21 procedementos estarán dispoñibles electronicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto dos cidadáns.

Como alternativa, e segundo o anexo da presente orde, en 15 deles tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia sen prexuízo da obrigatoriedade da utilización de medios electrónicos por parte de determinados suxeitos, de conformidade coa normativa vixente.

Así, en virtude do anterior, en seis procedementos habilitados a través da presente orde, a sede electrónica configúrase como a canle de uso obrigatorio para a presentación das solicitudes por ter como único destinatario as entidades locais ou persoas xurídicas onde a súa capacidade profesional está garantida.

Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Ademais, a Xunta de Galicia puxo recentemente á disposición das unidades tramitadoras de procedementos administrativos un sistema para realizar o envío e a xestión de notificacións electrónicas, con xeración de comprobantes da entrega por parte da persoa emisora e a recepción pola persoa destinataria, conforme a normativa vixente.

Deste xeito, nos 21 procedementos habilitados coa presente orde, as persoas interesadas poderán manifestar a súa vontade de que as notificacións que se efectúen sexan realizadas de forma electrónica.

Á vista do exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no Decreto 48/2014, do 30 de abril,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto adaptar e habilitar a presentación electrónica de solicitudes dos procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que figuran no anexo desta orde.

2. Así mesmo, para os devanditos procedementos, suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Naqueles procedementos que teñan como destinatarias as entidades locais e persoas xurídicas, a presentación de solicitudes será exclusivamente electrónica.

Artigo 3. Documentación

1. A documentación complementaria, que figura no anexo de solicitude de cada procedemento, presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Esta documentación, e só para o caso daquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia ca os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para isto, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, os protocolos e o tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 4. Información do estado da tramitación

A información personalizada sobre o estado de tramitación dos procedementos, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido, así como a data en que foron ditados, estará á disposición no cartafol do cidadán, con independencia da canle de presentación de solicitudes, en cumprimento do artigo 23 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións que se efectúen nos procedementos habilitados nesta orde deberán realizarse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá efectuada para todos os efectos legais. A Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e darase por efectuado o trámite, seguindo o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 6. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro dado de alta na Axencia de Protección de Datos, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Disposición adicional única

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios dos procedementos administrativos de prazo aberto que figuran no anexo da presente orde, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Procedementos habilitados electronicamente a través da presente orde: (21)

Código

Denominación

Presentación

CT113A

Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Presencial/ electrónica

CT114A

Autorización de saída de documentos de arquivos.

Presencial/ electrónica

CT115A

Doazón de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Presencial/ electrónica

CT116A

Autorización de reprodución de fondos de arquivos para publicación e/ou difusión.

Presencial/ electrónica

CT230A

Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

Electrónica

CT230B

Integración na Rede de bibliotecas de Galicia.

Electrónica

CT230C

Creación de novos servizos de lectura.

Electrónica

CT102A

Autorización de actuación arqueolóxica.

Presencial/ electrónica

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Electrónica

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Electrónica

CT135A

Declaración de ben de interese cultural.

Presencial/ electrónica

CT135B

Inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Presencial/ electrónica

ED116A

Rede de dinamización lingüística.

Electrónica

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias

Presencial/ electrónica

ED301B

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Presencial/ electrónica

ED301C

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Presencial/ electrónica

ED301D

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Presencial/ electrónica

ED301E

Autorización de cobramento por actividades escolares complementarias, actividades extraescolares e servizos complementarios en centros docentes privados concertados.

Presencial/ electrónica

ED301F

Autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.

Presencial/ electrónica

ED301G

Modificación da autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.

Presencial/ electrónica

ED301H

Extinción da autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.

Presencial/ electrónica