A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (en diante, ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, en virtude da habilitación prevista nos artigos 40 e 41 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, é unha axencia pública autonómica pertencente ao grupo de entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
De conformidade co previsto no artigo 1.2 dos seus estatutos, aprobados polo citado Decreto 112/2015, a ACIS atópase adscrita á Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde (en diante, Sergas), e posúe personalidade xurídica propia, así como tamén patrimonio e tesouraría de seu, e autonomía na súa xestión.
A ACIS ten, consonte o disposto no artigo 5 dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, a condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden.
De conformidade co artigo 9 dos seus estatutos, a ACIS ten atribuídas entre a súas competencias a realización da xestión da formación continua dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, así como programar, executar e avaliar os programas de docencia e formación non regulada conforme a estratexia definida pola Consellería de Sanidade e o Sergas, e exercer calquera outra función técnica, material ou xurídica que, respecto das materias da súa competencia, se lle encomenden á ACIS.
O prego e as ofertas dos adxudicatarios da contratación MI-SER1-12-013 de subministración sucesiva de gases medicinais establecen diversas accións para realizar de formación na xestión e uso destes. Para conseguir que a dita formación teña carácter laboral e acreditada sanitariamente, os distintos adxudicatarios da contratación destinan fondos para que desde o Sergas se organicen e programen os correspondentes cursos de formación laboral en xestión e uso dos gases medicinais con destino aos distintos profesionais e categorías de persoal implicado.
A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico. Baixo estas premisas determina que as relacións entre os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais que integran o sector público autonómico respondan aos principios de cooperación, colaboración e asistencia recíprocas.
Para tal fin, establece no artigo 8 o principio de autoprovisión de bens e de servizos dentro do propio sector público, segundo o cal a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público realizarán as tarefas de interese público que lles corresponden cos medios de que dispoña o sector público autonómico, e deberá acudir, cando tales medios sexan insuficientes, á cooperación, colaboración e asistencia doutros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou doutras entidades do sector público autonómico que si dispoñan dos medios de que precisan.
O artigo 10 da citada Lei 14/2013 establece os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os cales se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13. No número 2 do dito artigo 13 remite aos artigos 47 e ss. da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga) a regulación das encomendas de xestión onde se lle encargue a unha entidade, que de acordo con esta lei teñan o carácter de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, a realización dunha prestación a cambio dunha tarifa.
Asimesmo, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, recolle no seu artigo 9 a figura da encomenda de xestión intersubxectiva, e un dos seus supostos é que a entidade que vaia desenvolver a actividade encomendada poida ser considerada como medio propio ou servizo técnico da entidade encomendante. Ademais, establece que, para este suposto, a encomenda se instrumentará xuridicamente por medio de resolución da consellería de adscrición da entidade á cal se lle fai esta. Por último, indica que o instrumento en que se formalice a encomenda de xestión intersubxectiva deberá ser publicado no DOG co seguinte contido mínimo: actividade o actividades a que se refira, natureza e alcance da xestión encomendada e prazo de vixencia e supostos nos cales proceda a finalización anticipada da encomenda.
Polo exposto, encoméndaselle á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a xestión e realización das actividades formativas destinadas aos profesionais do Servizo Galego de Saúde para mellorar a xestión e uso dos gases medicinais, encomenda que se rexerá polas seguintes cláusulas:
Primeira. Actividades obxecto da encomenda
Coa finalidade de mellorar a xestión e uso dos gases medicinais nos centros do Servizo Galego de Saúde (en diante, Sergas) encoméndaselle á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (en diante, ACIS) a realización e xestión dos seguintes cursos de formación que se celebrarán no ano 2016:
Título |
Persoal ao que se dirixe |
Nº de edicións |
Lugares de celebración |
Os gases medicinais no ámbito sanitario |
Persoal sanitario: enfermaría |
4 |
A Coruña, Vigo, Ourense y Lugo |
Gases medicinais: xestión, seguridade e protocolos de actuación |
Celadores e persoal de xestión e servizos de atención primaria |
6 |
A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo |
Segunda. Natureza e alcance das actividades encomendadas
As actividades encomendas abranguen a realización material dos cursos descritos na cláusula primeira e a súa xestión como formación laboral do persoal do Servizo Galego de Saúde.
A xestión das actividades formativas por parte de ACIS incluirá a xestión da acreditación dos cursos dirixidos aos profesionais sanitarios, a xestión das inscricións dos destinatarios, a planificación, programación, disposición e/ou contratación dos recursos formativos, humanos e materiais para a realización das actividades, a supervisión da execución dos cursos, a avaliación da satisfacción dos asistentes e da calidade da formación, a expedición de certificados de asistencia e de avaliación, a xestión económica das actividades formativas e a información sobre as actividades encomendadas para o seu control e verificación.
A ACIS, no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións da Consellería de Sanidade-Sergas, á cal lle corresponden os poderes de verificación e control da encomenda. O Servizo de Aprovisionamento da Subdirección Xeral de Compras e Servizos (Dirección Xeral de Recursos Económicos) como servizo promotor e responsable da execución dos contratos centralizados de gases medicinais do Sergas verificará e controlará esta encomenda.
Terceira. Financiamento das activades encomendadas
O Sergas ten previsto nos orzamentos para o ano 2016 na aplicación orzamentaria específica 5001.411A.4321 un importe 15.458,60 € destinado ás actividades formativas para mellorar a xestión e uso dos gases medicinais.
Estes fondos, unha vez formalizada a presente encomenda, serán transferidos á ACIS desde a devandita aplicación para seren empregados nas actividades de formación que se levarán a cabo na anualidade 2016 e as cales se refire a presente encomenda.
En ningún caso, os custos totais das actividades propostas superarán os fondos transferidos para este fin desde o Sergas.
Cuarta. Procedemento de execución das actividades encomendadas
A actividades formativas executaranse do seguinte xeito:
1. O Servizo de Aprovisionamento do Sergas remitirá á ACIS un documento en que consten os programadores docentes, relatores, contido, datas previstas de realización, recursos específicos necesarios, destinatarios que vaian participar nas actividades formativas, necesidade de acreditación e requisitos para a expedición de certificados de asistencia ou de superación de probas, se for o caso.
2. A ACIS, por proposta do Servizo de Aprovisionamento e co apoio do programador docente, xestionará a acreditación dos cursos dirixidos aos profesionais sanitarios.
3. A ACIS planificará e programará os recursos necesarios para que as actividades formativas se desenvolvan na forma indicada. A ACIS deberá coordinarse co programador docente.
4. Pechada a programación, a ACIS xestionará a inscrición dos destinatarios nas actividades formativas.
5. A ACIS encargarase da dispoñibilidade dos recursos formativos, da supervisión da execución e o control de asistencia e de calidade (satisfacción dos destinatarios) das actividades formativas. O programador docente designado deberá emitir un informe final avaliando o curso.
6. A ACIS expedirá os certificados aos alumnos que cumpran os criterios de asistencia e de realización da actividade aos relatores e programadores docentes.
7. A ACIS remitirá ao Servizo de Aprovisionamento, os informes de avaliación e a relación de alumnos aos cales se lle expide o certificado.
8. A ACIS levará a xestión económico-administrativa e realizará os pagamentos resultantes das actividades formativas.
En todo caso, a ACIS deberá realizar todas aquelas tarefas -non asignadas a outras unidades ou non previstas nos puntos anteriores- necesarias para levar a cabo as actividades encomendadas no prazo da encomenda, dentro do orzamento asignado e seguindo as directrices e instrucións do Servizo de Aprovisionamento do Sergas.
Quinta. Prazo da encomenda
A presente encomenda producirá efectos a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterase vixente ata o 31 de decembro de 2016; non será posible a súa prórroga.
A presente encomenda non supón cesión da titularidade de competencias, nin dos elementos substantivos do seu exercicio, e será responsabilidade do órgano encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte ou nos cales se integren as concretas actividades materiais obxecto da encomenda.
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2016
Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade