Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 45199

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2016 pola que se modifica a Resolución do 30 de novembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Mediante a Resolución do 30 de novembro de 2015 (DOG núm. 243, do 22 de xaneiro), establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme e procédese á súa convocatoria para o ano 2016.

O artigo 33.4 da devandita resolución establece que, para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, se poderá solicitar unha redistribución das anualidades concedidas, cun límite do vinte por cento do custo concedido para cada anualidade, aumentando proporcionalmente o resto das anualidades orzadas. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 1 de outubro da primeira anualidade afectada.

Debido ao elevado volume de solicitudes presentadas e á complexidade técnica que implica a súa avaliación estase a producir unha demora na resolución desta convocatoria sobre os prazos inicialmente previstos, polo que se considera necesario modificar a data de remate do período en que se poden solicitar redistribucións de anualidades, tendo en conta que con esta modificación non se causa prexuízo a terceiros.

En consecuencia, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

RESOLVO:

Artigo único

Modificación do artigo 33.4 da Resolución do 30 de novembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O artigo 33.4 da referida resolución queda redactado nos seguintes termos:

«Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado poderase solicitar unha redistribución das anualidades concedidas, cun límite do vinte por cento do custo concedido para cada anualidade, aumentando proporcionalmente o resto das anualidades orzadas. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 1 de outubro da primeira anualidade afectada. Para o ano 2016 a redistribución poderá ser solicitada antes do 1 de novembro».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2016

O director da Axencia Galega de Innovación
P.S. (Orde do 8.7.2016; DOG núm. 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria