Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 4 de outubro de 2016 Páx. 45697

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2016 pola que se convoca un curso monográfico denominado Atención integral ás persoas residentes en institucións sociais da Administración pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso monográfico denominado Atención integral ás persoas residentes en institucións sociais da Administración pública, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Con este curso perséguese o obxectivo de acadar ou reforzar estratexias de actuacións para a atención á persoa desde un enfoque bio-psico-social, así como estratexias de intervención integral: atención psicolóxica, física e relacional.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

O individuo desde o punto de vista bio-psico-social.

Necesidades biolóxicas da persoa.

Necesidades psicolóxicas da persoa.

Necesidades relacionais e sociais da persoa.

Estratexias de intervención.

3. Destinatarios.

O curso diríxese ao persoal das administracións públicas de Galicia que intervén na atención ás persoas maiores en centros residenciais da Administración pública, ben sexa de forma directa ou desde postos de coordinación e dirección.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 10, 11, 13 e 14 de outubro de 2016.

Horario: de tarde.

Duración: 16 horas lectivas.

5. Número de prazas: 35.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 12.00 horas do día 6 de outubro de 2016.

Unha vez formalizada a inscrición, todas as persoas deberán enviar, como data límite o día 6 de outubro, un correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, en que deberán constar o nome e os apelidos da persoa que solicita o curso e ao cal deberá achegarse copia escaneada da certificación orixinal acreditativa de ser persoal das administracións públicas de Galicia que intervén na atención directa a persoas maiores en centros residenciais da Administración pública, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que preste os seus servizos. Serán excluídas aquelas solicitudes que non xunten a dita certificación ou se esta é recibida con posterioridade ao día 6 de outubro.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da lista de admitidos e prazo de presentación de alegacións.

A listaxe de seleccionados publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/).

9. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública