Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 10 de outubro de 2016 Páx. 46354

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inscrición da denominada Batería do Soberano ou do Castelo no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que, na súa disposición adicional primeira, establece que: «Todos aqueles bens mobles e inmobles sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que tivesen a condición de bens de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes segundo esta lei».

A denominada Batería do Soberano ou O Castelo ten a consideración de ben de interese cultural, en virtude na disposición adicional segunda da Lei 16/1985, do 25 de xuño, de patrimonio histórico español, que considera ben de interese cultural os bens referidos no Decreto do 22 de abril de 1949, sobre protección dos castelos españois (Boletín Oficial del Estado, núm. 125, do 5 de maio). Posteriormente, a Dirección Xeral de Belas Artes e Arquivos do Ministerio de Cultura ditou a Resolución do 17 de outubro de 1994, na cal se acordaba a inscrición no Rexistro Xeral de Bens de Interese do Patrimonio Histórico Español dos monumentos de arquitectura militar da Comunidade Autónoma de Galicia. Na relación de bens que se xunta a tal resolución non se encontra recollida a batería do Soberano ou O Castelo.

A disposición adicional segunda da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, establece que se consideran de interese cultural e quedan sometidos ao réxime previsto nela os bens a que se contraen os decretos 51/1963 e 499/1973, e o do 22 de abril de 1949. Pola súa parte, a disposición adicional primeira da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, dispón que todos aqueles ben mobles e inmobles sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que tivesen a condición de bens de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes.

Ademais, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Camariñas, aprobado mediante a Orde do 26 de decembro de 2012, publicado no Diario Oficial de Galicia do 10 de xaneiro de 2013, no seu Catálogo de patrimonio cultural inclúe a Batería do Soberano/Castelo como un xacemento arqueolóxico con tipoloxía militar na súa ficha X_006, cun nivel de protección I-1; I-2.

En consecuencia, visto o informe técnico do Servizo de Planeamento e Inventario, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 23, Rexistro de Bens de Interese Cultural, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural como ben inmoble, coa categoría de monumento, da batería do Soberano/O Castelo, sita na parroquia de San Xurxo de Camariñas no concello de Camariñas (A Coruña).

Segundo. Publicar o presente acordo no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento, notificalo ao seu titular e ao Concello de Camariñas e ordenar a súa inclusión definitiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2016

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural