Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 13 de outubro de 2016 Páx. 46650

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural complexo de Fustáns (Gomesende).

O concello de Gomesende remite novamente o expediente de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural complexo de Fustáns (Gomesende) para a súa aprobación definitiva, conforme o establecido na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Gomesende e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O concello de Gomesende non conta actualmente con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as Normas complementarias e subsidiarias da provincia de Ourense, aprobadas definitivamente o 3 de abril de 1991. Conta unicamente cunha delimitación de solo urbano do núcleo de Sobrado (AD do 23 de xuño de 1982), e coas delimitacións de solo de núcleo rural de Paredes (AD do 12 de maio de 2014) e de Matamá (AD do 22 de xaneiro de 2015).

2. A tramitación da delimitación de solo de núcleo rural foi a seguinte:

• Constan informes municipais: técnico, do 17 de xullo de 2014, e xurídico, do 20 de agosto de 2014.

• O Pleno do Concello, en sesión do 27 de agosto de 2014, aprobou a delimitación, e someteuna a información pública durante un mes mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia, do 5 de setembro de 2014, e Faro de Vigo, do 10 de setembro; e no DOG do 23 de setembro. Non se presentou ningunha alegación.

• Constan informes da Axencia Galega de Infraestruturas da CMATI: 13 de xaneiro de 2015, desfavorable, e 1 de abril de 2015, favorable.

• Consta informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 6 de abril de 2015.

• Constan novos informes municipais técnico e xurídico, do 24 de abril de 2015.

• O Pleno do Concello, en sesión do 28 de abril de 2015, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Fustáns.

• O 6 de agosto de 2015, esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu ao Concello a emenda de deficiencias.

• Constan novos informes municipais: técnico, do 19 de maio de 2016, e xurídico, do 24 de maio de 2016.

• O Pleno do Concello, en sesión do 7 de xuño de 2016, aprobou de novo provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Fustáns coas modificacións resultantes dos informes emitidos.

II. Análise e consideracións.

1. O ámbito de actuación comprende unha zona de 30.771,33 m2, situada arredor do núcleo de Fustáns. Desta superficie, 8.131,74 m2 corresponden a solo que se cualifica como solo de núcleo rural histórico-tradicional, e o resto, 22.639,59 m2, como solo de núcleo rural común.

2. Delimítase o núcleo rural de Fustáns como núcleo rural complexo, conforme o establecido no número 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

3. Na delimitación inclúense as edificacións do núcleo situadas no extremo oeste, no límite do municipio. Ademais, xustifícase a exclusión das edificacións situadas ao sur da zona delimitada ao leste ao outro lado da estrada OU-531.

4. No solo de núcleo de rural histórico-tradicional revisáronse as aliñacións reflectidas nos planos para adaptalas ás existentes na realidade. Ademais, acoutáronse as aliñacións previstas que non coinciden coas existentes.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar o proxecto de delimitación de solo de núcleo rural complexo de Fustáns, no concello de Gomesende.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file