Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2016 Páx. 48255

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANUNCIO do 19 de outubro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se comunica a ampliación de titulacións e se abre un novo prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de ensino secundario, especialidade 590107-Informática, e no corpo de profesores técnicos de formación profesional na especialidade 591227-Sistemas e aplicacións informáticas.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos abriu un prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de ensino secundario, especialidade 590107-Informática, entre outras, e no corpo de profesores técnicos de formación profesional na especialidade 591227-Sistemas e aplicacións informáticas, entre outras, publicado no Diario Oficial de Galicia número 193, do 10 de outubro de 2016, e cómpre ampliar as titulacións xa publicadas que se especificaban no punto primeiro dese anuncio.

Esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro

Abrir un prazo para solicitar prazas de posibles interinidades ou substitucións para o corpo de profesores de ensino secundario (590) e para profesores técnicos de formación profesional (591), nas especialidades que se indican a seguir:

– Profesores de ensino secundario:

Disciplina

Titulacións requiridas*

590107-Informática

– Licenciado en:

• Informática.

• Ciencias e técnicas estatísticas.

• Matemáticas.

• Física.

– Enxeñeiro en:

• Informática.

• De telecomunicación.

• Electrónica.

– Diplomado en estatística.

– Enxeñeiro técnico en:

• Informática de xestión.

• Informática de sistemas.

• De telecomunicación, especialidade en telemática.

– Os correspondentes graos das titulacións anteriores adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior.

– Profesores técnicos de formación profesional:

Disciplina

Titulacións requiridas*

591227-Sistemas e aplicacións informáticas

– Licenciado en:

• Informática.

• Matemáticas.

• Física.

– Enxeñeiro en:

• Informática.

• De telecomunicación.

– Diplomado en informática.

– Enxeñeiro técnico en:

• Informática de xestión.

• Informática de sistemas.

• De telecomunicación.

– Os correspondentes graos das titulacións anteriores adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior.

* Nota. As titulacións indicadas corresponden ao Catálogo de títulos universitarios oficiais e ás sucesivas incorporacións a este. Tamén son equivalentes, para os efectos de docencia, as titulacións homólogas ás especificadas, segundo o Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro (BOE do 17 de novembro).

Segundo. Requisitos

1. Ser español ou ter a nacionalidade doutro país membro da Unión Europea ou de calquera outro dos Estados a que, en virtude dos tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras.

Tamén poderán participar o cónxuxe, os descendentes e os descendentes do cónxuxe, tanto dos cidadáns españois como dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea ou de Estados en que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados polo Estado español, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores cando así o prevexa o correspondente tratado, sexa cal sexa a súa nacionalidade, sempre que os cónxuxes non estean separados de dereito e, con respecto aos descendentes, sexan menores de vinte e un anos ou maiores desta idade pero vivan a cargo dos seus proxenitores.

2. Ter feitos os dezaseis anos e non ter alcanzado a idade establecida, con carácter xeral, para a xubilación.

3. Estar en posesión das titulacións que se especifican no punto primeiro deste anuncio. No caso de que as ditas titulacións se obtivesen no estranxeiro, deberá terse concedida a correspondente credencial de homologación, segundo o Real decreto 967/2014, do 21 de novembro (Boletín Oficial del Estado do 22 de novembro), e o Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais, ben como a determinados aspectos da profesión de avogado (Boletín Oficial del Estado do 20 de novembro).

4. Ademais do requisito de titulación, deberá acreditarse a formación pedagóxica e didáctica establecida no artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e, polo tanto, estar en posesión do correspondente título de máster regulado pola Orde ECI/3858/2007, do 27 de decembro, pola que se establecen os requisitos de verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas.

5. Non será necesaria a posesión do citado título oficial de máster antes mencionado para o solicitante que acredite estar en posesión, con anterioridade ao 1 de outubro de 2009, dalgún dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título profesional de especialización didáctica, do certificado de cualificación pedagóxica ou do certificado de aptitude pedagóxica.

b) Estar en posesión dun título universitario oficial que habilite para o exercicio da profesión de mestre, ou dun título de licenciado en Pedagoxía ou Psicopedagoxía, así como calquera outro título de licenciado ou outra titulación declarada equivalente que inclúa formación pedagóxica e didáctica.

c) Ter impartido docencia durante un mínimo de 12 meses en centros públicos ou privados de ensino regrado, debidamente autorizados, nos niveis e ensinanzas cuxas especialidades docentes se regulan no Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro. Esta experiencia docente acreditarase mediante certificación da dirección do centro, co visto e prace da inspección educativa.

6. No caso de presentarse cunha titulación de técnico superior ou técnico especialista, deberá estar en posesión e presentar a certificación oficial do título de formación pedagóxica e didáctica equivalente ou acreditar que, con anterioridade ao 1 de setembro de 2014, impartiu docencia durante dous cursos académicos completos ou, na súa falta, doce meses en períodos continuos ou descontinuos, en centros públicos ou privados de ensino regrado debidamente autorizados, nos niveis e ensinanzas correspondentes reguladas na Orde EDU 2645/2011, do 23 de setembro, modificada pola Orde ECD/1058/2013, do 7 de xuño.

7. Ter superado o curso Celga 4 de lingua galega ou ter a validación equivalente.

Terceiro. Prazo de solicitude

O prazo para presentar a instancia de solicitude, así como a documentación xustificativa dos requisitos mínimos exixidos e dos méritos alegados para a súa baremación, será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e poderanse presentar en calquera rexistro oficial ou en calquera das dependencias a que alude o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se opte por presentar a solicitude nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario antes de ser certificada.

Cuarto. Importe e pagamento dos dereitos de inscrición nas listas (código 30.03.01)

Os dereitos de inscrición nas listas serán de 16,98 euros.

Estarán exentos do pagamento, logo de xustificación documental:

a) Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada por:

a) Persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

b) Persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria de probas selectivas nas cales soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O pagamento da taxa poderase efectuar de dous xeitos diferentes:

– A través do impreso de autoliquidación –A ou AI–, en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

– De forma telemática, no enderezo http://www.atriga.gal/web/atriga/a-axencia-tributaria-de-galicia/servizos/oficina-virtual-tributaria/servizos-sen-certificado, podendo optar por:

• Un pagamento telemático puro que xeraría un modelo 730 directamente (neste caso é obrigatorio enviar o xustificante que se imprime ao efectuar o pagamento).

• Un pagamento telemático presencial que xeraría un modelo 739; neste caso, habería que ir ao banco, e logo, teríase que retomar a operación na oficina tributaria virtual (OTV) para xerar o modelo 730.

Os modelos válidos que se deberán presentar como xustificante de pagamento de taxas nas fases correspondentes son os modelos A, AI e 730.

A non presentación deste anexo, dentro de prazo, en que figure o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso a presentación deste anexo suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Quinto. Modelo de solicitude

O modelo de solicitude está á disposición das persoas interesadas na páxina web da consellería, no enderezo http://www.edu.xunta.es (profesorado-xestión de profesorado).

Sexto. Comisión baremadora

A asignación da puntuación que lles corresponde aos concursantes será levada a cabo por unha comisión constituída por funcionarios destinados na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión estará cualificada na categoría primeira para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (Diario Oficial de Galicia do 25 de xuño).

Poderá asistir ás reunións da comisión, con voz e sen voto, un representante por cada unha das organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

Sétimo

Os candidatos seleccionados terán un número de orde posterior ao do persoal interino/substituto da mesma especialidade que foi seleccionado en convocatorias anteriores.

Oitavo

O baremo, de acordo coa addenda asinada cos sindicatos da mesa sectorial docente o 11 de xullo de 2006 (texto refundido publicado na Resolución do 31 de xullo de 2013, Diario Oficial de Galicia do 12 de agosto), será o publicado na fase de concurso da Orde do 4 de abril de 2016 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de inspectores de Educación, ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 19 de abril).

Disposición adicional primeira

As persoas que xa presentasen a solicitude dentro do prazo establecido no Anuncio do 27 de setembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia do 10 de outubro) non terán que volver formular a solicitude.

Disposición adicional segunda

Os méritos alegados por todos os participantes serán referenciados ao 20 de outubro de 2016, data de remate do prazo de presentación de solicitudes do Anuncio do 27 de setembro de 2016.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2016

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos