Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2016 Páx. 48395

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, se acorda a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia correspondente a determinados grupos e categorías.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 124/2016, do 19 de setembro, establece no artigo 6, no seu punto primeiro, que «se poderán presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique a resolución de apertura de prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública» e, no punto segundo, que «en calquera momento en que a Administración considere que unha determinada lista está saturada porque non se produzan contratacións ou nomeamentos, ou ben por que haxa un excesivo número de inscritas/os, poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes ata a resolución dun novo proceso selectivo para ese grupo, escala, especialidade ou categoría, coa excepción das/os interesadas/os que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos na Xunta de Galicia para a lista correspondente a esa categoría, corpo, escala ou especialidade».

Por Resolución do 19 de febreiro de 2016 , da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), acordouse o peche e a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes, e entre as que se abriron non figuraron as listas do grupo III, categoría 014 (xefe/a de cociña), e o grupo V, categoría 001 (camareiro/a-limpiador/a, axudante cociña, pasador/a de ferro-lavandeiro/a, costureiro/a, cortador/a, pasador/a de ferro, lavandeiro/a).

Tendo en conta o número actual de integrantes das devanditas listas e as previsións de chamamentos para a cobertura de prazas nas ditas categorías, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro. Abrir o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para o desempeño transitorio de postos reservados a persoal laboral do grupo III, categoría 014 (xefe/a de cociña), e o grupo V, categoría 001 (camareiro/a-limpiador/a, axudante cociña, pasador/a de ferro-lavandeiro/a, costureiro/a, cortador/a, pasador/a de ferro, lavandeiro/a).

Segundo. Aquelas persoas interesadas en inscribirse deberán facelo de acordo co que se establece no artigo 6 do decreto e acreditar os requisitos que se especifican na Resolución do 17 de novembro de 2003 (DOG núm. 228, do 24 de novembro) pola que se abre o prazo inicial de presentación de solicitudes para a elaboración das referidas listas.

Terceiro. O modelo de solicitude de inscrición estará á disposición dos interesados no portal web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), na epígrafe de listas de contratación temporal (xeración de solicitudes).

Cuarto. O prazo para a presentación das solicitudes será ata o día 8 de novembro de 2016 e comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Contra esta resolución as/os interesadas/os, de conformidade co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2016

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Publica