Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 22 de novembro de 2016 Páx. 52064

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2016, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da Dirección Xeral da Función Pública e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF e UGT, para o recoñecemento do tempo do servizo militar para o cómputo dos trienios do persoal laboral do V convenio colectivo da Xunta de Galicia.

Con data do 19 de xullo de 2016, os representantes da Administración da Xunta de Galicia e os representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF e UGT asinaron o acordo para o recoñecemento do tempo do servizo militar para o cómputo dos trienios do persoal laboral do V convenio colectivo da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral de Emprego

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2016

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo da Dirección Xeral da Función Pública e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF e UGT para o recoñecemento do tempo do servizo militar para o cómputo dos trienios do persoal laboral do V convenio colectivo da Xunta de Galicia.

O artigo 26 do V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia establece:

«Para o cómputo de trienios..., teranse en conta os servizos prestados durante o tempo de duración do servizo militar ou equivalente».

O Tribunal Supremo non ten emitido un pronunciamento xudicial sobre o fondo do asunto xa que nos recursos de casación interpostos se vén utilizando a sentenza de contraste STSXG do 16 de xuño de 2001, que é a única sentenza firme desfavorable ao recoñecemento dos trienios de que se dispón.

Analizado polo miúdo o contido das sentenzas ditadas pódese concluír que na práctica totalidade delas se recoñece ao persoal laboral da Xunta de Galicia o dereito a que se contabilice, para os efectos de antigüidade, o período en que os demandantes realizaron o servizo militar para o cómputo dos trienios.

En vista do anterior, coa finalidade de evitar a presentación de máis demandas dos traballadores e para unha solución dos conflitos vixentes,

As partes acordan:

Primeiro. Recoñecer, para o persoal laboral do V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, segundo a interpretación literal do seu artigo 26, os servizos prestados durante o tempo de duración do servizo militar ou equivalente para o cómputo dos trienios.

Segundo. O dito recoñecemento terá efectos económicos desde a reclamación administrativa previa desestimada pola administración para aqueles traballadores que non o teñan recoñecido xudicialmente mediante sentenza definitiva e firme, e que o soliciten expresamente.

Terceiro. As novas solicitudes resolveranse aplicando o criterio da literalidade da norma citada con efectos desde a data da súa solicitude.

Cuarto. A sinatura do presente documento non implica para as organizacións sindicais asinantes a renuncia ás demais reivindicacións que poidan formularse ante a Xunta de Galicia.

Quinto. Autorízase o persoal que determine a Dirección Xeral da Función Pública para a tramitación, rexistro e publicación do presente documento.