Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 28 de novembro de 2016 Páx. 52792

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2016 pola que se convocan cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, establece os requisitos que deben reunir os socorristas acuáticos para exerceren a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, para o que é requisito indispensable a inscrición no mencionado rexistro.

O artigo 10 do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, dispón que as persoas que se inscriban no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia deben renovar a inscrición cada catro anos actualizando a formación adquirida, mediante a acreditación da realización de cursos de formación continua dunha duración mínima de catro horas sobre cada un dos módulos teórico-prácticos asociados ás unidades de competencia da cualificación profesional correspondente.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme ao establecido na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria de cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Curso

Denominación

Reciclaxe de socorrismo acuático

Modalidade

Presencial

Edicións

2

Horas lectivas

16

Prazas por edición

10

Segunda. Obxectivos e contido

– Obxectivos:

Adquirir a formación necesaria para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia creado polo Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

– Contido:

1ª edición. Reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas.

Módulo MF0269_2. Natación (4 horas).

Módulo MF0270_2. Prevención de accidentes en instalacións acuáticas (4 horas).

Módulo MF0271_2. Rescate de accidentados/as no medio acuático (4 horas).

Módulo MF0272_2. Primeiros auxilios (4 horas).

2ª edición. Reciclaxe de socorrismo en espazos acuáticos naturais.

Módulo MF0269_2. Natación (4 horas).

Módulo MF1082_2. Prevención de accidentes en espazos acuáticos naturais (4 horas).

Módulo MF1083_2. Rescate de accidentados/as en espazos acuáticos naturais (4 horas).

Módulo MF0272_2. Primeiros auxilios (4 horas).

Terceira. Destinatarios/as

Persoas inscritas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia creado polo Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

Cuarta. Exclusións

Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que obtiveron a inscrición de forma provisional no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia a través do establecido na disposición transitoria única do mencionado Decreto 104/2012, do 16 de marzo.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Horario: mañá e tarde.

Datas: ambas as edicións do curso se realizarán os días 20 e 21 de decembro de 2016.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp
(htpp://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de sete días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios de selección

Nas dúas edicións do curso a selección realizarase tendo en conta a data de renovación da inscrición na correspondente sección do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia de xeito que terán prioridade as persoas que deben realizar a renovación nunha data máis próxima. En caso de empate terase en conta a orde de presentación das solicitudes.

No caso de que non haxa suficientes solicitantes que cumpran os requisitos para cubrir as prazas nunha das edicións do curso, esas prazas vacantes poderán engadirse á outra edición.

Novena. Aloxamento

A Agasp proporcionaralles sempre que sexa posible aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

Todo isto condicionado ás dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Agasp.

Décima. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo segunda. Faltas de asistencia

A asistencia á parte presencial do curso é obrigatoria, tal e como está regulado no artigo 16 do Regulamento de réxime interior da Agasp:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que superen a totalidade do curso e a proba presencial final.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar, sen necesidade de nova publicación, o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se é o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 21 de novembro de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública