Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2016 Páx. 53954

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2016 do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 15 de xuño de 2015, modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015, pola que se lles dá publicidade a diversos acordos.

Na sesión que tivo lugar o día 28 de novembro de 2016, o tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 15 de xuño de 2015 (DOG núm. 114, do 18 de xuño) modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015 (DOG núm. 220, do 18 de novembro), e de conformidade co disposto nas bases da convocatoria, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Realizar os trámites oportunos para publicar as cualificacións obtidas polos aspirantes que se presentaron ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Rexistro Xeral e Información á Cidadanía da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Segundo. Que, de acordo co establecido na base II.1.2 da orde da convocatoria, superaron o segundo exercicio os aspirantes que obtiveron unha cualificación mínima de dez puntos (10 puntos).

Terceiro. Que de acordo co disposto na base II.2.7 da orde da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas cualificacións no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Que, de acordo co disposto na base II.1.4 da orde da convocatoria, corrixida no DOG núm. 137, do 22 de xullo de 2015, os aspirantes que superaron este exercicio disporán dun prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG núm. 146, de 30 de xullo de 2007), para os efectos da exención prevista no cuarto exercicio. Esta documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e deberá dirixirse, de acordo co disposto na base III.14, á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra este acordo poderá interpoñerse recurso de alzada nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2016

Paula Oliete Trillo
Presidenta do tribunal