Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 15 de decembro de 2016 Páx. 54648

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2016 pola que se convoca un curso monográfico sobre a planificación estratéxica como método de xestión pública.

Conforme os fins que lle encomenda a Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, a EGAP convoca un curso monográfico sobre A planificación estratéxica como método de xestión pública, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Os obxectivos fundamentais do curso son:

• Analizar os aspectos máis destacados da planificación estratéxica e dirección por obxectivos: conceptos fundamentais e principios.

• Motivar os participantes na reflexión estratéxica para facer fronte aos desafíos do sector público.

• Afondar no coñecemento e manexo das principais ferramentas necesarias para formular e implementar a planificación estratéxica como método de traballo nas organizacións públicas.

• Coñecer algunhas experiencias de planificación estratéxica levadas a cabo na Administración pública.

• Aplicar os coñecementos adquiridos mediante a elaboración dun plan estratéxico.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Consideracións sobre a planificación estratéxica na Administración pública.

• O proceso de elaboración dun Plan estratéxico xeral.

• O proceso de elaboración dun Plan operativo anual.

• O sistema de seguimento e avaliación dun Plan operativo anual.

• Experiencias de planificación estratéxica na Administración española.

3. Destinatarios.

O curso diríxese aos empregados das administracións públicas de Galicia, autonómica e local, que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

1. Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

2. Grupos I e II do persoal laboral.

4. Desenvolvemento.

O curso terá unha duración de 14 horas lectivas, en horario de mañá e tarde, os días 19 e 20 de xaneiro de 2017.

As clases desenvolveranse na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

5. Número de prazas: 50.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/.

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 12 de xaneiro de 2017.

Os/as solicitantes que pertenzan á Administración local deberán enviar un correo a novas.egap@xunta.gal, adxuntando a certificación acreditativa da súa condición de empregado público da Administración local e do grupo ao que pertence.

Serán excluídas aquelas solicitudes de empregados da Administración local que non acompañen a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 12 de xaneiro de 2017.

Non é necesario que acheguen a devandita certificación os/as solicitantes que pertenzan á Administración autonómica.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de admitidos.

A listaxe de seleccionados publicarase na páxina web da EGAP, no punto correspondente a este curso (http://egap.xunta.gal/).

9. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública