Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 16 de decembro de 2016 Páx. 54820

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

O 14 de novembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 246/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

A optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión, a racionalización, o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas e a mellora continua son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia.

A Administración autonómica adaptou no ano 2015 a súa arquitectura organizativa ao actual contexto de recuperación económica, ao tempo que promoveu unha acción pública máis eficaz e articulada, que mantén o nivel de calidade na prestación dos servizos públicos. Tendo en conta o bo funcionamento e os resultados acadados por esa estrutura organizativa, o Decreto 246/2016, do 13 de novembro, establece un marco de estabilidade no que á estrutura da Xunta de Galicia se refire.

Non obstante, cómpre facer nun segundo nivel organizativo, en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, algunha adaptación co fin de acadar aínda un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Cómpre igualmente actualizar o decreto incorporando as novidades introducidas por diversas normas con rango de lei e decreto, como por exemplo o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Neste marco procede agora aprobar a estrutura orgánica superior da Vicepresidencia e das respectivas consellerías, e é compromiso da Xunta de Galicia afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co artigo 25.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día quince de decembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

a) A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Vicepresidencia:

1.1. Secretaría Xeral da Igualdade.

1.2. Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de dirección xeral.

2. Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:

2.1. Secretaría Xeral Técnica.

2.2. Dirección Xeral de Xustiza.

2.3. Dirección Xeral de Administración Local.

2.4. Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

2.5. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

2.6. Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

2.7. Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

b) Quedan adscritas organicamente á consellería as delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As delegacións territoriais, configuradas como órganos de dirección, terán nivel orgánico de dirección xeral.

c) Así mesmo, quedan adscritas a esta consellería as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

d) Igualmente, quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.

2. O organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública.

3. A Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 2

a) A Consellería de Facenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

2. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

5. Dirección Xeral da Función Pública.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O ente público Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.

3. A Axencia Tributaria de Galicia.

4. O Consello Económico e Social, ente institucional de dereito público, órgano consultivo, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

5. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola disposición derradeira segunda da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

Artigo 3

a) A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

3. Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

4. Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

2. A entidade pública empresarial Augas de Galicia.

3. O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Artigo 4

a) A Consellería de Infraestruturas e Vivenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Mobilidade.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega de Infraestruturas.

2. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. O Xurado de Expropiación de Galicia, sen prexuízo da súa plena autonomía funcional.

Artigo 5

a) A Consellería de Economía, Emprego e Industria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

3. Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. Secretaría Xeral de Emprego.

4.1. Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

3. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

4. A Axencia Galega de Innovación.

5. A Axencia Instituto Enerxético de Galicia.

6. O ente público Consello Galego de Relacións Laborais.

Artigo 6

a) A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Cultura.

2.1. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

3. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

4. Secretaría Xeral de Universidades.

5. Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

6. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

b) Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega das Industrias Culturais.

Artigo 7

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Saúde Pública.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Servizo Galego de Saúde.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

3. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Artigo 8

a) A Consellería de Política Social estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

3. Dirección Xeral de Inclusión Social.

4. Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

5. Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega de Servizos Sociais, creada polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo.

Artigo 9

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

3. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

4. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. O ente público Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

Artigo 10

a) A Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3. Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Portos de Galicia.

2. O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

Disposición adicional primeira. Extinción do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable

A Consellería de Facenda adoptará, no prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor do presente decreto, as medidas necesarias tendentes a extinguir o ente público Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, cuxas funcións asumirá a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, de conformidade co que se estableza nos seus estatutos.

Disposición adicional segunda. Rango orgánico da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia

O rango orgánico e nivel retributivo da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia será o equivalente ao de dirección xeral.

Disposición adicional terceira. Adscrición do Instituto de Estudos do Territorio

1. O Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, adscríbese directamente á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. O seu órgano executivo, responsable da súa dirección e xestión ordinaria, percibirá as retribucións correspondentes a unha subdirección xeral.

Disposición adicional cuarta. Presidencia do Xurado de Expropiación de Galicia

1. Para efectos administrativos, considerarase que a Presidencia do Xurado de Expropiación de Galicia ten rango orgánico e retributivo equivalente ao de subdirección xeral.

2. A persoa titular da Presidencia do Xurado de Expropiación de Galicia será nomeada e separada por orde da persoa titular da consellería de adscrición entre persoal funcionario de carreira con licenciatura ou grao en dereito, arquitectura ou enxeñaría pertencente a corpo ou escala do grupo A, subgrupo A1, e con máis de dez anos de experiencia profesional.

Disposición adicional quinta. Adscrición da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Queda adscrita á Consellería de Sanidade, a través da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ao abeiro do establecido no Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea aquela e se aproban os seus estatutos.

Disposición adicional sexta. Adscrición da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Queda adscrita á Consellería de Sanidade, a través da dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, ao abeiro do establecido no Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea aquela e se aproban os seus estatutos.

Disposición adicional sétima. Entrada en funcionamento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos, o Instituto Galego de Consumo e o Consello Galego da Competencia quedan integrados no Instituto Galego do Consumo e da Competencia que, de acordo co establecido no número 2 do artigo 38 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade corresponden ao Instituto Galego de Consumo e ao Consello Galego da Competencia, que se suprimirán no momento da súa entrada en funcionamento, sen que supoña incremento ningún de gasto público. Mentres tal supresión non se produza, ambos os organismos quedan adscritos á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional oitava. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica, denominación e/ou rango varíen como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición adicional novena. Delegación de competencias

1. As delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección afectados por este decreto continuarán vixentes ata que sexan expresamente revogadas ou novamente outorgadas.

2. Cando as delegacións de competencias que manteñan os seus efectos se outorgasen en favor de órganos suprimidos ou modificados na súa denominación polo presente decreto, as ditas delegacións entenderanse vixentes en favor dos órganos en cuxo ámbito de actuación se incardine a correspondente competencia.

3. En particular, as delegacións de competencias outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica entenderanse outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías resultantes da nova organización.

Disposición adicional décima. Referencia aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación

As referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación por este decreto entenderanse realizadas aos que os substitúen ou asumen as súas competencias.

Disposición transitoria primeira. Adscrición dos órganos das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación ou rango

Mediante as resolucións oportunas das persoas titulares das consellerías determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación ou rango como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa no presente decreto aos órganos superiores ou directivos correspondentes, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da consellería.

Disposición transitoria segunda. Subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección previstos no presente decreto

Os órganos superiores e de dirección e os seus órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións, reguladas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria terceira. Subsistencia da estrutura e das funcións dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica

1. Os órganos dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica da Xunta de Galicia dependerán das consellerías resultantes da nova organización de acordo coas súas respectivas competencias e manterán a súa estrutura e funcións, reguladas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

2. En particular, naqueles supostos en que as xefaturas territoriais, outros órganos ou servizos integrados nas delegacións territoriais teñan competencias correspondentes a máis dunha das consellerías resultantes da nova organización, o seu exercicio realizarase baixo a dependencia funcional da consellería actualmente competente en cada caso, ata o desenvolvemento da nova estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria cuarta. Aforro de custos no material impreso

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto en que se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material aplicaránselle as novas denominacións.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación á Consellería de Facenda

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

A Consellería de Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de decembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza