Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 23 de decembro de 2016 Páx. 55694

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 16 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 326047

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán optar ás subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C os directores residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, establecidas cando menos por un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Segundo. Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:

Modalidade A. Subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.

Modalidade B. Subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.

Modalidade C. Subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non teña dirixido ou codirixido máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.

2. Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

2. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 145.000 euros, correspondentes ás aplicacións seguintes dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais: 55.000 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.480.0 e 90.000 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, distribuídos en dúas anualidades: 21.000 euros da anualidade 2017 e 69.000 euros da anualidade 2018.

O crédito distribuirase do seguinte xeito entre as distintas modalidades: 5 proxectos da modalidade A (25.000 euros), 5 proxectos para da modalidade B (30.000 euros) e 3 proxectos da modalidade C (90.000 euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais