Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2016 Páx. 56341

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2017.

Galicia conta cunha moi ampla oferta gastronómica, de excepcional calidade, froito da transmisión de xeración en xeración do saber facer tradicional e da existencia dunhas materias primas de gran valor culinario.

Para a protección destes produtos típicos dun territorio e a súa promoción foron creadas as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas. Este sistema de protección, que en principio foi creado para os viños, tivo nas últimas dúas décadas un importante desenvolvemento en toda a Unión Europea e actualmente acolle un gran repertorio de produtos de todo o ámbito alimentario.

Estes indicativos de calidade constitúen unha importante ferramenta no desenvolvemento rural por múltiples razóns. Por unha parte, delimitan unha zona concreta do territorio onde se pode producir e elaborar o produto acollido, coincidindo coa zona en que tradicionalmente se viña facendo, o que favorece que todo o valor engadido e a riqueza xerada quede nesa zona. Por outra parte, o seu recoñecemento impide que a denominación poida ser empregada por aqueles operadores que non teñen dereito ao seu uso, ademais de prestixiar e dar a coñecer a zona de produción, potenciando outras actividades económicas que se desenvolvan nese territorio.

Socialmente, as denominacións de calidade obrigan a ter unha organización de produtores e industrias que favorece o dinamismo da zona e potencia o traballo integrador de todo o sector. Por último, hai que sinalar que a través da elaboración destes produtos diferenciados e do uso dunha marca ou contramarca conxunta, pódense facer viables producións que, polo seu escaso volume, doutro xeito terían moito máis difícil o acceso aos mercados.

En resumo, o establecemento dunha denominación de calidade nunha zona pode considerarse como unha oportunidade que se abre para dar viabilidade a certos tipos de producións agroalimentarias, permitindo o desenvolvemento ou a consolidación da agricultura e a agroindustria da zona e facilitando a xeración de riqueza e dinamismo social nela.

En Galicia existen actualmente 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no ámbito agroalimentario, ás cales habería que engadir, como outro distintivo máis da produción agroalimentaria de calidade, as producións ecolóxicas certificadas na nosa comunidade autónoma. A importancia económica e social destas denominacións de calidade queda de manifesto tanto polo valor total da produción certificada, superior aos 300 millóns de euros, como polo número de produtores implicados, preto de 30.000, e o de industrias, arredor de 900.

A política da Comunidade Autónoma respecto destes indicativos de calidade foi sempre de claro apoio, xa que son o baluarte da produción alimentaria galega. Por iso, no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144 do 18 de novembro de 2015, recolleuse unha submedida, a submedida 3.20, destinada a financiar as actuacións de difusión do coñecemento destes produtos entre os consumidores que foi posta en marcha a través da Orde do 18 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2016.

Ao estar próximo o inicio do exercicio orzamentario 2017, procede facer algunhas modificacións puntuais nas ditas bases reguladoras, en particular as relativas ás adaptacións necesarias consecuencia da entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e realizar a convocatoria correspondente ao dito ano. Para unha maior seguranza xurídica e para facilitar o manexo da norma aos interesados, óptase pola publicación, xunto coa convocatoria, dunhas novas bases reguladoras que recollan estes cambios.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2017 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior cofinanciadas co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020

Artigo 2. Definicións

1. Para os efectos desta orde, consideraranse agrupacións de produtores os consellos reguladores e as entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores –entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación– implicados nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos. No caso das ditas entidades asociativas, os seus asociados terán que ser maioritariamente produtores vinculados ao programa de calidade de que se trate e o obxecto social da entidade terá que incluír a realización de actividades relacionadas directamente coa información aos consumidores ou a promoción do produto de calidade ao que se refira o programa.

2. Para os efectos desta orde, considerarase programa de calidade diferenciada dos alimentos aquel que se atope nalgún dos seguintes casos:

a) Programas comunitarios de calidade de produtos galegos establecidos en virtude dos seguintes regulamentos e disposicións:

1º. Produción agrícola ecolóxica, regulada polo Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos.

2º. Denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e especialidades tradicionais garantidas (ETG) reguladas polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

3º. Viños de calidade con denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida, regulados polo Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007.

4º. As bebidas espirituosas con indicación xeográfica, de acordo co Regulamento (CE) nº 110/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xaneiro, relativo á definición, designación, presentación, etiquetaxe e protección da indicación xeográfica de bebidas espirituosas e polo que se derroga o regulamento (CEE) nº 1576/89 do Consello, e a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de produtores, conforme a definición do artigo 2.1, que participen nalgún programa de calidade diferenciada de alimentos dos que se recollen no artigo 2.2 desta orde e que se refiren a produtos cubertos por un réxime de calidade dos apoiados na submedida 3.10 do PDR de Galicia 2014-2020.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables as actividades das agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción en que o fin sexa inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos.

2. As actividades a que se refire o parágrafo 1 anterior resaltarán as características ou as vantaxes específicas dos produtos en cuestión, especialmente a calidade, os métodos de produción específicos ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade de que se trate, e poderán incluír a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos. Poderán consistir, en particular, na organización de feiras e exposicións e a participación nelas, así como actividades similares de relacións públicas e publicidade nos diversos medios de comunicación ou nos puntos de venda, de acordo co establecido no artigo seguinte.

No caso dos viños e bebidas espirituosas, nas actividades de información e promoción deberá facerse sempre clara referencia ás exixencias legais e regulamentarias aplicables ao consumo responsable destas bebidas alcohólicas e ao risco que supón o abuso do consumo de alcohol.

3. Quedan excluídas da axuda as seguintes actuacións:

a) A promoción de marcas comerciais.

b) A promoción e publicidade fóra do mercado interior.

c) Aquelas actividades que induzan o consumidor a comprar un produto pola súa orixe particular, excepto nos casos dos produtos regulados polo réxime de calidade establecido polo título II do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios; os regulados na parte II, título II, capítulo I, sección 2, do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007, e os regulados polo capítulo III do Regulamento (CE) 110/2008 do Parlamento Europeo e do Consello. Non obstante, poderá indicarse a orixe dun produto sempre que tal indicación quede subordinada á mensaxe principal.

d) As actividades de información e promoción subvencionadas ao abeiro do Regulamento (CE) nº 2826/2000 do Consello, do 19 de decembro, sobre accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

4. Como requisito previo á realización das actividades que se pretende que sexan subvencionadas, o material piloto informativo, promocional e publicitario que se utilice, tanto nas accións promocionais recollidas na letra a) do artigo 5.1 como o que eventualmente se utilice nas restantes actividades que se recollen no dito artigo 5.1, deberá ser remitido á Consellería do Medio Rural para verificar a súa adecuación á normativa comunitaria.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Considéranse subvencionables os gastos realizados nas seguintes actividades:

a) Promoción.

Serán subvencionables os gastos relativos á realización e execución de campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación e outras accións de promoción, como misións comerciais, misións comerciais inversas, catas comentadas, degustacións, presentacións públicas ou accións publicitarias nos puntos de venda.

Cando as actividades teñan por obxecto a promoción dos produtos procedentes da agricultura ecolóxica ou de produtos amparados conforme o R (UE) 1151/2012 por unha denominación de orixe protexida (DOP), indicación xeográfica protexida (IXP) ou especialidade tradicional garantida (ETG), aparecerá en todo o material informativo, promocional ou publicitario o logotipo comunitario identificador destes.

Nas actuacións realizadas, os produtos alimenticios elaborados polos integrantes da agrupación empregados nas campañas de promoción poderán ser considerados como parte da achega ao gasto correspondente ao solicitante, valorándose a prezos de orixe, cos límites máximos que se establecen no anexo III. En todo caso, nestes produtos non se empregarán marcas comerciais.

b) Feiras e exposicións.

1º. Poderá subvencionarse a participación en feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario.

Cando un beneficiario pretenda solicitar axuda para asistir a distintos eventos poderá acumulalos todos nun único expediente, pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou exposicións a que se refire o expediente. Terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de instalación do posto (alugamento de espazo e mobiliario, decoración, seguros, etc.), traslado de produtos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante. No caso de accións desenvolvidas no estranxeiro poderá admitirse adicionalmente o gasto relativo a unha persoa de atención ao público que poida actuar de intérprete.

2º. Organización.

Será tamén subvencionable a organización de feiras e exposicións relativas a produtos incluídos nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos.

c) Estudos e outras accións de divulgación.

Serán subvencionables os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do impacto destas sobre os consumidores e sobre a comercialización dos produtos incluídos en programas de calidade diferenciada dos alimentos.

Poderase subvencionar tamén a organización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan por obxectivo a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos co fin de chamar a atención das persoas consumidoras sobre as súas características ou vantaxes específicas para inducir a estas a adquirilos.

2. Para os efectos da moderación de custos, no anexo III recóllense importes máximos de gasto subvencionable para determinadas actuacións relacionadas coas actividades que poden beneficiarse das axudas reguladas nesta orde. Así mesmo, e con ese mesmo obxectivo, en concepto de prestación de servizos de coordinación e organización, para cada acción non se admitirán gastos por riba do 10 % do seu custo total.

3. Poderán ter a consideración de subvencionables aqueles gastos anteriores á solicitude que se fixesen en concepto de adianto ou reserva para a participación nunha determinada feira ou exposición, sempre que a efectiva participación sexa obxecto de axuda e se produza con posterioridade á solicitude desta.

4. Segundo o disposto no artigo 69.3 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, o imposto sobre o valor engadido, excepto cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE, non será subvencionable.

Artigo 6. Contía das axudas

1. As axudas poderán chegar ata o 70 % do gasto subvencionable.

2. Sen prexuízo do cumprimento da intensidade máxima da axuda que se recolle no número anterior, as axudas máximas serán as seguintes:

a) Para o conxunto das accións encadradas na letra a) do artigo 5.1 (Promoción), a axuda máxima será de 400.000 euros por beneficiario e ano. Este límite poderá ampliarse ata 800.000 euros se, unha vez valorados todos os expedientes e asignada a subvención correspondente, hai un remanente de crédito dispoñible. A asignación desta cantidade adicional, respectando sempre a intensidade máxima de axuda que se recolle no número 1 deste artigo, farase de acordo coa baremación que se obteña dos expedientes logo de aplicar os criterios de valoración que se indican no artigo 7.

b) Para cada unha das accións encadradas na letra b), ordinal 1º, do artigo 5.1 (Asistencia a feiras), a axuda máxima será de 15.000 euros cando se trate dun evento realizado no territorio da comunidade autónoma, de 20.000 euros no resto do territorio peninsular e de 30.000 euros no caso de ser fóra do territorio peninsular.

No caso de asistencia a feiras de dous ou máis consellos reguladores de forma conxunta baixo un pavillón común da Comunidade Autónoma de Galicia, non se terán en conta os límites establecidos no parágrafo anterior. Nese caso, o gasto para o deseño e construción do posto poderá superar os custos de referencia indicados, pero non será superior a 250 euros por metro cadrado ocupado no caso de feiras celebradas en España, e de 550 euros por metro cadrado en feiras celebradas no resto do territorio da Unión Europea.

c) Para as accións encadradas na letra b), ordinal 2º, do artigo 5.1 (Organización de feiras), a axuda non superará os 30.000 euros por acción.

d) Para as accións encadradas na letra c) do artigo 5.1 (Estudos e outras accións divulgativas), a axuda non superará os 18.000 euros por acción.

Artigo 7. Criterios de valoración

1. Para a selección dos proxectos que se aproben e para establecer a axuda que conceda, utilizaranse os seguintes criterios de valoración:

a) Peso relativo da agrupación solicitante no sector do produto de calidade de que se trate (20 puntos).

A puntuación obtida segundo este criterio será a resultante de aplicar sobre a puntuación máxima a porcentaxe que represente a produción da agrupación sobre o total da produción do programa de calidade de que se trate no último exercicio pechado.

b) Novidade do programa (5 puntos).

Con este criterio valórase a menor antigüidade do programa, de xeito que reciben máis puntos as accións desenvolvidas en relación con programas de calidade que comezaron a súa actividade máis recentemente. Os puntos concederanse de acordo coa seguinte escala:

Antigüidade (anos)

Puntuación

0 - 10

5

11 - 15

3

16 - 20

1

> 20

0

Para o cálculo da antigüidade do programa terase en conta a data de constitución do correspondente consello regulador nos programas de calidade para os que exista. Para os programas para os cales non exista un consello regulador tomarase a data de inscrición do programa nos diferentes rexistros europeos de denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e especialidades tradicionais garantidas.

c) Cooperación (5 puntos).

Este criterio serve para valorar as accións realizadas en colaboración por dúas ou máis agrupacións e que afecten dous ou máis programas de calidade. Outorgaranse tantos puntos como agrupacións e programas diferentes colaboren na acción, cun máximo de 5 puntos. A puntuación máxima outorgaríase, polo tanto, ás solicitudes nas cales se prevexan accións nas cales participen cinco ou máis agrupacións e cinco ou máis programas de calidade diferentes.

d) Tipoloxía do programa de calidade (5 puntos).

Mediante este criterio valorarase o tipo de programa de calidade en que se enmarquen as accións para as que se solicita axuda, de acordo coa seguinte táboa:

Tipo de programa

Puntuación

Agricultura ecolóxica

5

Denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP)

3

Resto de programas

1

e) Desenvolvemento das zonas desfavorecidas e de montaña (5 puntos).

Con este criterio valórase en que medida o ámbito xeográfico que afecta o programa de calidade e de actuación da agrupación se corresponde con territorios definidos como zonas desfavorecidas ou de montaña. Para estes efectos, calcularase a relación porcentual que, do total dos concellos que abrangue o programa e a agrupación, representan os que están clasificados como zona desfavorecida ou de montaña. Para a asignación da puntuación utilizarase a seguinte táboa:

Porcentaxe

Puntuación

% > 80

5

80 > % > 60

4

60 > % > 40

3

40 > % > 20

2

20 > % > 0

1

f) Relación custo das accións/valor da produción da agrupación (5 puntos).

Para o cálculo da puntuación de acordo con este criterio, obterase a suma do gasto subvencionable no conxunto de expedientes de cada beneficiario para a convocatoria anual e calcularase que porcentaxe representa esta cifra en relación co valor da produción acollida ao programa de calidade no último exercicio pechado. Unha vez obtido o valor porcentual, aplicarase a seguinte escala:

Porcentaxe

Puntuación

< 2,50

5

2,51 - 5,00

4

5,01 - 7,50

3

7,51 - 10,00

2

10,01 - 12,50

1

> 12,50

0

g) Ámbito territorial das actuacións (5 puntos).

Segundo este criterio, valorarase o ámbito territorial en que se vai producir a acción que se vai subvencionar, e outorgarase a maior puntuación ás accións realizadas fóra do ámbito territorial do Estado e a menor puntuación ás accións realizadas en Galicia. No caso de expedientes que prevexan actuacións en diferentes ámbitos territoriais, terase en conta a porcentaxe do orzamento que se pretenda empregar en cada ámbito territorial. A puntuación outorgarase conforme a seguinte escala:

Ámbito territorial

Puntuación

Galicia > 50 % gasto

1

Galicia < 50 % gasto

España > 25 % gasto

UE < 25 % gasto

3

Galicia < 50 % gasto

UE > 25 % gasto

5

Para os efectos dos cálculos necesarios para a baremación deste requisito, os gastos relativos a misións comerciais inversas ou visitas a Galicia de axentes de promoción foráneos computarán como accións realizadas en Galicia. Os gastos de persoal que realice accións de promoción tamén terán esa consideración se o dito persoal ten a súa residencia en Galicia. Así mesmo, os gastos relacionados con páxinas web e redes sociais terán esa consideración.

2. A porcentaxe máxima de axuda que se concederá a cada expediente en función dos puntos obtidos na valoración é a que se recolle na seguinte táboa:

Equivalencia % axuda coa puntuación de acordo cos criterios de valoración do artigo 6:

Puntos

% axuda

< 10

0

10 - 14

30

15 - 19

40

20 - 24

50

25 - 29

60

> 30

70

3. Se, aplicados os criterios do número 1, existise empate, resolverase atendendo as solicitudes que obteñan maior puntuación no criterio de valoración a) e, de persistir o empate, teranse en conta as puntuacións dos criterios b), c), d), e), f) e g), sucesivamente.

Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse en formulario dirixido á Consellería do Medio Rural, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde, acompañado da documentación complementaria que se indica no artigo 9. Deberase presentar un formulario de solicitude por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción prevista no artigo 5.1, alínea b).1º, desta orde, relativa á participación en feiras e exposicións.

No caso de solicitudes presentadas por asociacións sen ánimo de lucro, quen asine a petición deberá acreditar a súa condición de representante de xeito fidedigno por calquera medio válido en dereito.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Como documentación complementaria ao formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do obxecto do investimento que recolla os seguintes aspectos:

1º. Descrición detallada das actuacións que se van desenvolver: descrición de cada unha das actividades previstas que vai realizar o solicitante. Detallaranse e describiranse ao máximo todas e cada unha das actividades.

2º. Avaliación económica das súas vantaxes.

3º. Relación de efectivos humanos e medios materiais de que se dispón.

4º. Plan cronolóxico dos traballos.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos, no cal se detallará especificamente o ámbito territorial (Galicia, España, Unión Europea) a que corresponde o gasto de cada partida, de non corresponder todas a un mesmo ámbito xeográfico.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, con excepción dos relativos a aloxamento, manutención e desprazamento con vehículo propio, deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

c) Copia do NIF do solicitante e do DNI do representante, no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

d) No caso de entidades para as que o imposto do valor engadido non é recuperable, documentación acreditativa desta circunstancia.

e) No caso de entidades asociativas, copia dos estatutos e documentación acreditativa de non ter ánimo de lucro.

f) No caso das entidades asociativas, listaxe de inscritos e certificado emitido polo secretario en que se indique que estes participan nalgún dos programas de calidade diferenciada dos alimentos enumerados no artigo 2 desta orde.

g) No caso das entidades asociativas, certificación do/a secretario/a do consello regulador correspondente relativo ao volume de produción certificado dentro do programa de calidade no ano anterior ao da solicitude.

h) No caso das entidades asociativas, documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.

Non será necesaria a documentación que se indica nos puntos c), d), e) e f), se se xustifica que está en poder da Administración.

2. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas realicen durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://notifica.xunta.gal. De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, seguindo o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 11. Obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa Facenda autonómica e outros requisitos para ter a condición de beneficiario

Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que non cumpran os requisitos que se establecen para eles no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia. En particular, non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Artigo 12. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias a instrución do procedemento, para o que poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O exame e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Vogais: dous funcionarios/as do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

Secretario/a: un/unha funcionario/a do dito servizo, que actuará con voz e voto.

3. A comisión de valoración, aplicando os criterios establecidos no artigo 6 desta orde, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe que concretará o resultado da avaliación efectuada. De acordo co dito informe, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao órgano competente para resolver. A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

4. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de solicitude. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos efectuados, que será polo menos posterior en dez días á finalización da realización da actividade subvencionada segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 10 de setembro no que se refire á anualidade do ano corrente e do 28 de febreiro para a anualidade seguinte.

Artigo 13. Tramitación do pagamento das axudas

1. Executados os investimentos, o beneficiario presentará a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos gastos efectuados: facturas, cunha relación numerada delas, así como a documentación orixinal que acredite o seu pagamento. As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando neste último caso a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, conforme o modelo do anexo II desta orde.

c) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nas anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

1º. No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, anuncios, etc.) así como unha memoria explicativa do seu desenvolvemento, na cal se indiquen cales foron os medios finalmente empregados. Deberá achegarse un exemplar orixinal do medio de comunicación escrito ou un documento de audio ou vídeo cando corresponda. No caso de insercións repetitivas bastará con achegar un só documento orixinal e unha relación dos días de emisión ou publicación da campaña.

2º. No caso de participación en feiras ou exposicións ou da súa organización: unha memoria explicativa en que se indiquen os medios materiais e humanos empregados e a especificación dos gastos realizados e a súa vinculación co evento, así como unha valoración do seu desenvolvemento.

3º. No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria en que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

As memorias a que se refiren os ordinais 1º, 2º e 3º anteriores deberán incluír unha reportaxe gráfica ou proba similar, para un mellor coñecemento da acción desenvolvida.

4º. No caso de estudos: unha copia destes.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, só se admitirá, con carácter excepcional, a xustificación do pagamento das facturas en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, sexa inferior a 1.000 euros, IVE incluído; neste caso o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, en que se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación acompañará a factura preceptiva. Porén, para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

3. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas. Segundo o indicado no número 3 do dito artigo, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida á subscrición por escrito dun contrato, que deberá ser autorizado previamente pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Para eses efectos, o interesado fará chegar á dita dirección xeral unha solicitude de autorización xunto co borrador do contrato.

No caso de subcontratación, cumpriranse ademais os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e en particular o relativo ás prohibicións establecidas no número 7.

4. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida. Ademais, de acordo co recollido no número 4 do artigo 67 do citado decreto, exonéranse os beneficiarios da constitución de garantía logo da autorización do Consello da Xunta.

Sen prexuízo do anterior, de acordo co establecido na epígrafe b).1º do número 1 do artigo 5, relativa á participación en feiras e exposicións, os interesados poderán incluír nun único expediente de solicitude de axuda as accións correspondentes a varios eventos diferentes. Neste caso, na resolución de concesión poderase indicar que se trata de accións independentes, polo que a tramitación do seu pagamento poderá facerse tamén de xeito independente, sen que os pagamentos teñan a consideración de pagamentos á conta.

Artigo 14. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido sempre e cando non se alteren esencialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada e non se produzan danos en dereitos de terceiros.

A dita solicitude de modificación deberá ser presentada, como mínimo, sete días antes da realización da actividade.

3. No caso de que na xustificación dos gastos realizados o importe xustificado sexa inferior ao aprobado, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente, sempre que non se alteren os obxectivos iniciais.

4. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

5. De acordo co establecido no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, os beneficiarios destas axudas quedan obrigados a proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

6. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido a controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, así como o réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

7. Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 15. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, en que se aplicarán os seguintes criterios:

a) Cando o beneficiario non realice nin xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

b) Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas, sen prexuízo da aplicación do establecido no artigo 63 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse de acordo co establecido no artigo 7.2 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas

As axudas reguladas por esta orde ampáranse no disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello; no Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello; no Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias; no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013, no Regulamento de execución 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Artigo 17. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles ata unha intensidade do 70 % do gasto subvencionable con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea. Non son compatibles, porén, coas axudas reguladas polo Regulamento (CE) nº 2826/2000 do Consello, do 19 de decembro, sobre accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

2. O beneficiario ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

Artigo 18. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

1. As axudas que recolle esta orde están cofinanciadas con fondos da Unión Europea, a través do Feader, cunha participación do 75 %, así como con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e da Xunta de Galicia, cunha participación do 7,50 % e do 17,50 %, respectivamente. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, o beneficiario estará obrigado a dar a axeitada publicidade desta circunstancia, para o que adoptará as medidas que, en cumprimento da normativa comunitaria de acordo co que se indica no número 4, se especificarán na resolución de concesión.

3. Na resolución da concesión da axuda relacionaranse, de ser o caso, as obrigas de difusión e publicidade que asume o beneficiario ao ser receptor da subvención e, en particular:

a) A procedencia do financiamento dos fondos, indicando que as accións se subvencionan en virtude dun programa cofinanciado polo Feader incluído dentro da medida 3 «réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios» do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020 e que esta medida é especialmente relevante aos intereses da área focal 3A «Mellora da competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de sistemas de calidade, valor engadido aos produtos agrícolas, a promoción en mercados locais e circuítos de distribución curtos, as agrupacións de produtores e as organizacións interprofesionais» e contribúe ao cumprimento dos obxectivos transversais de innovación e ambiente.

b) A advertencia de que os seus datos persoais serán obxecto das publicacións legalmente establecidas.

c) Os medios publicitarios que cabe adoptar, de ser o caso, para facer visible ante o público a procedencia do financiamento da axuda, de acordo co establecido no número 4 seguinte.

4. Os beneficiarios destas axudas son responsables de aplicar as medidas de información e publicidade delas que se establecen na parte 1, punto 2, do anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo. En particular quedan obrigados a:

a) Recoñecer o apoio do Feader en todas as actividades de información e comunicación que leve a cabo mostrando o emblema da Unión e unha referencia á axuda do Feader.

b) Informar o público durante a realización das accións apoiadas da axuda obtida, mediante carteis, paneis, placas ou sitios web, de acordo coa forma que proceda en cada caso segundo o recollido no dito anexo.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver non lle fose notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor o recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 20. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma. Porén, os interesados non están obrigados a achegar documentos que fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como a obter os datos dos que dispoñan estas administracións relativas ás obrigas de información que se recollen no número 5 do artigo 14. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións e a restante información nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

CAPÍTULO II
Convocatoria 2017

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo primeiro desta orde, as axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020, correspondentes ao exercicio orzamentario 2017. Nesta convocatoria poderanse atender accións de información e promoción que se realicen durante o ano 2017 e tamén aquelas que se inicien no dito ano e que finalicen, como máis tarde, o 31 de xaneiro de 2018. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 23. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 24. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 13.03.713D.781.0, código de proxecto 2016.00194, por un importe de dous millóns seiscentos oitenta e sete mil euros (2.687.000 €) para a anualidade 2017 e un millón douscentos mil euros (1.200.000 €) para a anualidade 2018.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2017 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello; no Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello; no Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias; no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013; e no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para aprobar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Efectos

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO III
Custos de referencia por tipo de gasto

Tipo de gasto

Unidade

Importe unitario

máximo (€)

Persoal de apoio en feira nacional

Persoa e día

150,00

Persoal de apoio en feira internacional

Persoa e día

180,00

Queixo DOP fresco ou pasta branda

kg

10,50 

Queixo DOP curado

kg

12,50 

Viño DO sen elaboración especial

botella 0,75 l

8,50

Viño DO de elaboración especial (crianza, ecolóxico, escumoso)

botella 0,75 l

12,00

Copas serigrafadas degustación viño

copa

2,00

Augardentes/licores con indicación xeográfica

botella 0,35 l

14,00

Pemento Herbón ou O Couto

kg

6,00

Pemento Arnoia ou Oímbra

kg

4,00

Tarta de Santiago

kg

13,50

Lacón Gallego

kg

8,00

Faba de Lourenzá

kg

11,50

Grelos de Galicia frescos

kg

2,00

Grelos de Galicia procesados

kg

3,50

Ternera Gallega pezas selectas

kg

29,00

Ternera Gallega pezas medias

kg

20,00

Ternera Gallega pezas menores

kg

10,00

Deseño e construción de posto conxunto en feiras en España

m2

250,00

Deseño e construción de posto conxunto en feiras na Unión Europea, agás España

m2

550,00

Manutención media xornada España

1/2 día

37,50

Manutención xornada enteira España

día

75,00

Manutención media xornada fóra de España

1/2 día

45,00

Manutención xornada enteira fóra de España

día

90,00

Aloxamento España

noite

120,00

Aloxamento estranxeiro

noite

180,00

Desprazamentos coche

km

0,24

Coche alugamento

día

80

missing image file
missing image file
missing image file