Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2017 Páx. 12

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de decembro 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2016/17.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

A dita lei, na súa exposición de motivos, cualifica a mobilidade coma un dos piares en que se asenta o concepto de Espazo Europeo de Educación Superior, que leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Por iso, fomentar a mobilidade dos/das estudantes permite acadar unha dimensión internacional dos estudos e un enriquecemento dos itinerarios curriculares. Así mesmo, serve como factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e permite ao alumnado participar en sistemas académicos diferentes integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará a súa cualificación e os seus coñecementos profesionais e lingüísticos.

Mediante o Regulamento (UE) nº 1288/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro creouse o programa Erasmus+ de educación, formación, xuventude e deporte da Unión para o período 2014-2020.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, co obxecto de seguir impulsando a mobilidade do alumnado do Sistema universitario de Galicia, considera conveniente convocar esta orde de axudas que complementan o financiamento das axudas do programa Erasmus+ xestionadas polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos durante o curso 2016/17.

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2017, cunha contía global de 1.400.000 euros, sen prexuízo de poderen ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade cos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos dos/das solicitantes

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán/á da Unión Europea ou estranxeiro/a non comunitario/a con residencia legalizada no Estado español.

b) Estar matriculado/a no curso 2016/17 en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.

c) Participar no programa de mobilidade universitaria con fins de estudos con autorización da universidade de orixe e ser beneficiario/a da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

d) Non ter gozado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Artigo 4. Duración e contía das axudas

1. O programa de mobilidade para o cal se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2016/17.

2. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de tres meses.

3. As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 175 euros/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 145 euros/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 105 euros/mes para un país de destino do grupo 3.

A listaxe de países por cada un dos tres grupos é a seguinte e pódese consultar na guía do programa Erasmus+ no enlace da Comisión Europea:

http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/documents/erasmus-plus-programme-guide_es.pdf

Grupo 1

Países do programa con custos de vida superiores

Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega, Suíza

Grupo 2

Países do programa con custos de vida medios

Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia, Turquía

Grupo 3

Países do programa con custos de vida inferiores

Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Antiga República Iugoslava de Macedonia

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED417A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes para a presentación electrónica deste procedemento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.gal

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos de todas as persoas solicitantes en poder das administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Obrigas das universidades

1. As oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán á Secretaría Xeral de Universidades unha certificación en que conste:

• Unha listaxe completa dos/das estudantes que participan en Erasmus Estudos que sexan beneficiarios/as da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

• Nome e apelidos do/da estudante, número do DNI, NIE, pasaporte ou tarxeta de estranxeiría.

• País de destino, duración da estadía por meses e fin da mobilidade.

• Titulación en que está matriculado/a o/a alumno/a no curso 2016/17.

• Nota media do seu expediente académico na data do 30 de setembro de 2016, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.

2. Para os efectos desta orde, a duración das estadías que figuren nas respectivas certificacións non poderán ser ampliadas. As reducións das estadías deberán ser comunicadas á Secretaría Xeral de Universidades.

3. Así mesmo, unha vez finalizado o período de estancia, as oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán unha certificación do órgano competente onde conste unha relación de todos/as os/as alumnos/as que realizaron o programa de intercambio e a súa duración.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez examinadas estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días e, durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretaria: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 12. Criterios de avaliación

1. Todas as persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán a axuda económica establecida no artigo 4.3 desta orde.

2. Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme determinada no artigo 4.3 en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+ o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os/as solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

En caso de empate na nota media do expediente académico persoal, establecida a dous decimais, procederase ao desempate tendo en conta a nota media a catro decimais por orde de prelación de maior a menor. De persistir o empate, terase en conta o maior número de créditos cursados.

Artigo 13. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á contar, de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe de beneficiarios/as.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.gal) pola cal se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 17. Obrigas dos/das beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo desta orde, segundo se regula no artigo 11 do regulamento da Lei 9/2007.

d) Realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

e) Notificar á Secretaría Xeral de Universidades por escrito a renuncia á bolsa e a causa que determina a dita renuncia, xunto coa documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia.

Artigo 18. Compatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte do/da bolseiro/a de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxu@edu.xunta.es

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file