Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2017 Páx. 521

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorecer o enriquecemento cultural na sociedade galega e poñer á súa disposición materiais para o seu desenvolvemento persoal do campo da creación, do pensamento, da técnica, do lecer ou de calquera outro en que as persoas poidan expresarse, formarse ou transformar a súa percepción esencial do mundo en que habitan.

Así mesmo, é competencia desta consellería favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutras linguas e territorios, co fin de contribuír ao intercambio cultural e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria establece as correspondentes liñas de subvención para a versión en galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas e para a versión noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, de maneira que se poidan encontrar na nosa comunidade e na nosa lingua os textos significativos producidos no exterior, ao mesmo tempo que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente e adecuado previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2017.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto

1. Convócanse axudas á produción editorial para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección terceira da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

3. As axudas establecidas nesta orde para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, por un importe de 90.000 euros e, con cargo aos orzamentos de 2018, a cantidade de 110.000 euros.

2. A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000 euros), do seguinte modo:

a) Para a tradución desde outras linguas para o galego destínase o 60 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 120.000 euros.

b) Para a tradución desde o galego para outras linguas destínase o 40 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 80.000 euros.

c) Quedarán excluídos destas axudas aqueles proxectos que, logo de aplicado o baremo previsto nesta orde, acaden unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total.

d) A contía fíxase en 20 euros por páxina, como máximo.

e) O cómputo e a determinación da contía realizarase sobre unha páxina estándar de 30 liñas por 60 caracteres, para un total de 1.800 caracteres.

f) A axuda non pode superar, en ningún caso, os 6.000 euros.

O importe final adxudicado a cada proxecto determinarase proporcionalmente ao resultado da valoración resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 7.3 desta orde, coas limitacións establecidas neste artigo.

3. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que perciba o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

4. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

6. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2017.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, por tanto, a concesión das subvencións quedan sometidos á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o exercicio 2017 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes

1. Poderán optar a estas axudas todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editoras, de acordo co establecido no artigo 4.2.d) desta orde.

En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https:// sede.xunta.gal/chave365).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes das anteriores.

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria será presentada electronicamente polas persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

As persoas non obrigadas á presentación electrónica, ademais de electronicamente tamén poderán presentar a documentación complementaria en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

As solicitudes para a concesión das axudas, independentemente da forma de presentación irán acompañadas da seguinte documentación xeral, que só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editorial, en orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada:

a) Fotocopia do DNI, NIE da persoa solicitante, cando se trate dunha persoa física, debidamente compulsada ou cotexada só no caso de denegar expresamente a súa consulta. Se é unha editorial estranxeira, deberá enviar a documentación identificativa propia do seu país.

b) Fotocopia do DNI, NIE da persoa representante da entidade editora, debidamente compulsada ou cotexada, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Fotocopia do NIF da entidade solicitante, se é unha persoa xurídica, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Acreditación da personalidade del solicitante e da súa representación, mediante fotocopia da escritura pública de constitución ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente, ambos os dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

Deberá acreditarse o obxecto social do solicitante mediante documento de alta na epígrafe correspondente á edición de libros do IAE, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Os solicitantes estranxeiros deberán achegar a documentación equivalente que acredite a condición de editor conforme as exixencias da lexislación vixente no país do solicitante.

e) Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

f) O catálogo actualizado da produción realizada pola editorial ou indicación da páxina web onde se poida consultar, e declaración do número de obras en galego que figuran no catálogo da editorial.

3. Polo que se refire especificamente ás obras que se proxecte traducir, é preciso achegar a seguinte documentación:

a) Calendario de investimentos para desenvolver cada proxecto editorial.

b) Modelo de contrato que a editorial asinaría co/coa tradutor/a da obra, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal debe constar o importe da tradución.

c) Un exemplar completo da obra para a que se solicite a axuda e declaración do número de edicións en calquera lingua en que fose editada nos últimos vinte e cinco anos.

d) Xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra. No caso de ser de dominio público a obra, farase constar este aspecto, indicando a data de falecemento do/da autor/a, se é o caso.

e) Plan de distribución previsto, baseado na realidade da editorial ou, se for o caso, con xustificación das expectativas.

f) Currículo do/da tradutor/a, con indicación dos proxectos en que acredita a participación, número de obras traducidas, premios...

g) Breve referencia do interese do proxecto para a oferta bibliográfica actual.

h) ISBN da primeira edición da obra, certificado de tiraxe ou declaración de ter unha tiraxe mínima de 500 exemplares.

4. As solicitudes das persoas interesadas deberán xuntar os documentos e informacións previstos nesta norma. Non será necesario xuntar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. A documentación relacionada nas alíneas a) e b) do número 2 deste artigo poderá substituírse por unha declaración do/da presidente/a ou director/a da editorial, no caso de editoriais estranxeiras non procede a documentación da alínea c) do citado parágrafo e artigo.

6. A Secretaría Xeral de Cultura poderá pedirlles ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesarios para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, certificados de tirada e de distribución, etc.

7. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

8. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada polo solicitante, que será responsable da veracidade da tradución.

Artigo 5. Autorización

A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 6. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada está incompleta ou presenta erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Instrución do procedemento e selección das solicitudes

1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión avaliadora a que fai referencia o punto 2 do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas, nomeado/a pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

– Vogais:

• A persoa titular da xefatura do Servizo do Sistema de Bibliotecas e a persoa titular da xefatura do Servizo do Libro e Publicacións.

• Unha persoa experta, por proposta do Consello da Cultura Galega.

• Dúas persoas expertas, por proposta das asociacións de tradutores ou de institucións relacionadas co mundo da tradución.

• Unha persoa experta, designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, en literatura, ensaio, pensamento e ciencia.

• Unha persoa funcionaria de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

3. Esta comisión valorará os expedientes conforme os seguintes criterios, por orde decrecente de prioridade e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

1º. Número de edicións da obra que se vai traducir en calquera lingua editada nos últimos vinte e cinco anos:

a) Entre 2 e 5 edicións: 10 puntos.

b) Entre 6 e 8 edicións: 13 puntos.

c) Entre 9 e 12 edicións: 15 puntos.

d) A partir de 13 edicións: 1 punto máis por cada 5 edicións, ata un máximo de 20 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 20 puntos.

2º. Actualidade da obra.

Para obras editadas orixinariamente nos últimos 10 anos: 10 puntos. Acreditarase unha tiraxe mínima de 500 exemplares.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 10 puntos.

3º. Para obras con dereitos de propiedade intelectual vixente: 5 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 5 puntos.

4º. Para a tradución de obras redactadas orixinariamente en galego:

Presenza de obras galegas no catálogo editorial: 5 puntos cando apareza un mínimo de 10 títulos, e 0,25 puntos máis por cada título a maiores do mínimo de 10, ata un máximo de 10 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 10 puntos.

5º. Currículo da persoa responsable da tradución e estimación da calidade previsible no seu labor, consonte a calidade e a solvencia estimadas polas persoas expertas:

a) Proxectos editoriais en que estea acreditada a súa participación: ata 10 puntos.

b) Calidade estimada da súa traxectoria como tradutor ou tradutora: ata 10 puntos.

c) Premios, distincións e recoñecementos obtidos no ámbito específico da tradución: ata 5 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 25 puntos.

6º. Plan de distribución declarado e ponderación da súa viabilidade:

a) Impacto previsible no mercado: ata 5 puntos.

b) Distribución en librarías ou distribuidoras de toda Galicia ou outra comunidade autónoma: 4 puntos.

c) Distribución en librarías de todo o Estado español: 4 puntos.

d) Distribución en librarías doutro país: 3 puntos.

e) Distribución en formato electrónico: 3 puntos.

f) Outro tipo de canle de distribución ou áreas de interese: 1 punto.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 20 puntos.

7º. Interese do proxecto para a cultura galega.

Nesta epígrafe as persoas expertas terán en conta a contribución do proxecto aos seguintes aspectos:

a) Difusión do patrimonio cultural galego, nas súas diversas manifestacións, referidos á persoa do autor ou autora da obra, a súa vixencia e a súa influencia sociocultural: ata 10 puntos.

b) Contribución da obra á difusión da imaxe de Galicia como sociedade avanzada: ata 10 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 20 puntos.

As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios antes detallados e a repartición económica realizarase proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites establecidos no artigo 2.

Realizada a avaliación, a comisión redactará un informe co resultado desta e será elevado ao órgano instrutor. Este elevará o dito informe xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non alcanzasen axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 8. Resolución

A persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

Artigo 9. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notific@ dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco (5) meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6. O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 10. Aceptación, xustificación e pagamento

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

2. A contía correspondente á primeira anualidade (45 % do orzamento total) librarase antes do 1 de novembro de 2017, tras a aceptación da axuda por parte do beneficiario e da entrega dunha fotocopia compulsada do contrato asinado co tradutor, que terá data posterior á publicación desta orde no DOG. Para o pagamento da segunda anualidade (55 % do orzamento total) debe presentarse, antes do 1 de novembro de 2018, a factura xunto co xustificante do pagamento realizado ao tradutor, e 5 exemplares da tradución editada, a factura e o xustificante de pagamento á imprenta, onde quede acreditado que a tiraxe se corresponde co manifestado na solicitude.

No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, acreditará que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda.

– Identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

4. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que figure a expresión «recibín en metálico».

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a comunicación e publicidade xerada o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2017», e cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Os beneficiarios desta axuda deberán presentar a documentación xustificativa de que a obra subvencionada foi editada, onde conste expresamente o número de exemplares editados. O órgano instrutor poderá comprobar, a través das canles habituais de distribución, que as obras se encontren realmente inseridas no mercado editorial galego ou dos ámbitos para os que estiver destinado o proxecto subvencionado, e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa deste aspecto.

5. Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 12. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 13. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 14. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, creado polo artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

4. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico: sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file