Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2017 Páx. 865

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agrofoestal e agroalimentario, e de intercambios e visitas a explotacións agrícolas e forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 327683.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades públicas ou privadas, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia (entre elas, cooperativas ou outras entidades asociativas agrarias), que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector agrario, gandeiro, forestal e agroaliementario, e que teñan acreditada experiencia dun ano na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas con estes sectores, e/ou na organización de visitas a explotacións agrícolas ou forestais ou programas de intercambio de breve duración, ou outras actividades similares que fomenten a transferencia de coñecementos ao sector.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2017 de subvencións destinadas a financiar actividades de demostración e accións de información orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, á mocidade e ás mulleres do medio rural, e tamén a financiar intercambios de breve duración referentes á xestión das explotacións agrícolas e silvícolas, así como visitas a explotacións agrícolas e silvícolas, orientadas a persoas en idade laboral, en activo ou con expectativa de incorporación en sectores produtivos relacionados coa agricultura e a silvicultura.

2. Para o apoio a estas actividades de demostración, accións de información, intercambios e visitas preveranse dúas modalidades de axudas:

a) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2.

b) Axudas para intercambios e visitas a explotacións agrarias e forestais baixo a submedida 1.3.

3. Non se financiará ningunha actividade de investigación nin campos de ensaio.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agrofoestal e agroalimentario, e de intercambios e visitas a explotacións agrícolas e forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Orzamento

1. As axudas económicas para actividades de demostración e información faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.422L.770.0, código de proxecto 201600214, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. A contía total máxima para esta liña de axuda alcanza o total de 273.111,43 euros, que se repartirá en dúas anualidades: no ano 2017 o crédito destinado á subvención é de cento sesenta mil seiscentos cincuenta e tres euros con setenta e oito céntimos (160.653,78 euros), e para o ano 2018 é de cento doce mil catrocentos cincuenta e sete euros con sesenta e cinco céntimos (112.457,65 euros).

2. As axudas económicas para intercambios e visitas a explotacións agrícolas e forestais faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.422L.770.0, código de proxecto 201600215, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. A contía total máxima para esta liña de axuda alcanza o total de 613.229,10 euros, que se repartirán en dúas anualidades: no ano 2017 o crédito destinado á subvención é de trescentos sesenta mil setecentos vinte e tres euros (360.723,00 euros) e para o ano 2018 é de douscentos cincuenta e dous mil cincocentos seis euros con dez céntimos (252.506,10 euros).

3. Poderanse utilizar outros remanentes que poidan existir na mesma aplicación dos

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da

Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

5. As retribucións por tipoloxía de accións ofertadas será a seguinte:

5.1. As actividades de demostración e accións de información terán unha duración mínima de 5 horas e unha duración máxima de 20 horas. Ademais, será necesario un número mínimo de 10 participantes (e en casos excepcionais, de 7 participantes, debidamente xustificado) para a aprobación destas accións e actividades. O cálculo das axudas efectuarase en función destes parámetros: número de horas e número de participantes.

Concederase unha axuda de ata un máximo de 8.000 euros por entidade e ano para actividades de demostración e accións de información.

A prima básica máxima será de 1.000 euros por organización da actividade para un máximo de 20 horas (se a duración é menor aplicarase a redución correspondente). Por cada participante suplementario concederase un máximo de 50 euros. O máximo da axuda será de 2.150 euros para unha actividade de 20 horas (1.000 euros de prima básica á cal se poderá sumar ata un máximo de 1.150 euros no caso da admisión de participantes suplementarios).

No suposto de organización de visitas para as actividades de demostración e accións de información, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo; estas visitas terán unha duración máxima de 2 días, a razón de máximo un día por cada dez horas de actividade, e deberá xustificarse a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

5.2. Os intercambios e as visitas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais:

5.2.1. Gastos por organización:

As visitas terán unha duración máxima de 5 días, mentres que a duración máxima das actividades de intercambio será de 1 mes.

O importe básico máximo para a prima única será de 1.000 euros para a organización da actividade.

Para as actividades de visitas contarase cun número mínimo de 10 participantes e un máximo de 30.

5.2.2. Gastos de aloxamento e manutención:

No caso das visitas, a manutención será dun máximo de 40 euros por axuda de custo completa e de 20 euros por media axuda de custo, segundo proceda, e o aloxamento terá un importe máximo de 60 euros por pernoita.

Polo que respecta aos intercambios en explotacións, o beneficiario recibe unha axuda en concepto de aloxamento e manutención para completar os gastos que tería en destino; as dotacións económicas da axuda por país (en euros) detállanse na táboa que aparece no anexo X desta orde.

5.2.3. Gastos por desprazamento: no suposto de organización de visitas a explotacións, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, debidamente xustificada a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

No caso dos intercambios, debido á variabilidade dos prezos segundo a época do ano e o lugar de destino, non se fixa un máximo para os gastos de desprazamento, que serán financiados ao 100 %, sempre e cando sexan debidamente xustificados; deberá ser xustificada a elección do medio de transporte tendo en conta os prezos do mercado máis vantaxosos. Establécese a seguinte orde de prioridade do uso dos distintos medios de transporte:

– Tipo 1. Transportes colectivos con tarifas públicas.

– Tipo 2. Transportes colectivos sen tarifas públicas: neste caso deberase asegurar a moderación de gasto escollendo o prezo de mercado máis vantaxoso (deberanse presentar, como mínimo, tres orzamentos).

– Tipo 3. Transporte particular.

O uso dun medio de transporte comprendido no tipo 2 implica a xustificación de non dispoñibilidade dun transporte do tipo 1 ou a presentación dun orzamento máis vantaxoso. Así mesmo, o uso dun transporte de tipo 3 implicará a xustificación da non dispoñibilidade dun transporte dos tipos 1 e 2, ou a presentación dun orzamento máis vantaxoso. De non seren xustificados nestes termos os gastos de desprazamentos non se considerarán elixibles.

A contía máxima subvencionada para intercambios e visitas a explotacións será de 12.000 euros por entidade e ano.

5.3. Seguro:

5.3.1. No caso de actividades de demostración e accións de información, o beneficiario deberá contratar unha póliza de seguro que cubra os accidentes dos asistentes e, de ser o caso, unha póliza de responsabilidade civil para afrontar os riscos que para os bens ou persoas poidan derivar da realización das ditas actividades. Así mesmo, poderán incluírse como subvencionables os seguros que sexan necesarios para cubrir posibles continxencias derivadas das actividades didácticas dos docentes/relatores, para o suposto de que tales continxencias non estean recollidas por ningunha relación de aseguramento.

5.3.2. No caso de intercambios e visitas a explotacións, o beneficiario deberá estar dado de alta nunha póliza de seguros que cubra o seguro sanitario, de accidentes, responsabilidade civil e asistencia en viaxes dos participantes, e estará contratada antes do inicio da visita. Independentemente da subscrición da dita póliza, para as estadías na Unión Europea (fóra de España), cada participante da visita solicitará a tarxeta sanitaria europea, sempre que saia do territorio español. O importe destes seguros deberá estar xustificado dentro da prima da organización da actividade.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes remata nun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2016

Tomás Fernández-Couto Juanas
Director xeral de Ordenación Forestal