Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2017 Páx. 917

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 327882.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán acceder á condición de beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas tales como: agricultores, gandeiros, silvicultores e as organizacións representativas destes; investigadores, persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural; empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas; cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para o apoio á creación de grupos operativos (GO) da Asociación Europea de Innovación conforme o artigo 35.1.c) e os artigos 56 e 57 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda para o desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). E, así mesmo, convocar, para o ano 2017, as axudas á iniciativa de creación de grupos operativos para gastos destinados á definición, elaboración e busca de socios para proxectos innovadores, de acordo coas bases reguladores sinaladas no punto anterior.

Terceiro. Importe

O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 13.02.561A.770, código de proxecto 2016-00216, por un valor total de 412.253,00 euros. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2016

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural