O 30 de decembro de 2015 publicáronse no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocaron para o ano 2016. Estas axudas tiñan como finalidade aplicar as medidas 8.3 (axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes) e 8.5 (investimentos para incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais) que figuran no PDR de Galicia 2014-2020.
Estas axudas están recollidas no Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, foron comunicadas por España á Comisión Europea e publicadas na páxina web da Comisión (http://ec.europa.eu/competition/elojade/isef/case_details.cfm?proc_code=3_SA_43021 ) o 20 de outubro de 2015, coa clave SA.43021 (2015/XA).
A experiencia na xestión desas novas axudas, que supón modificar certos procedementos na súa tramitación, e as novas exixencias que supoñen modificar diversos aspectos como consecuencia de modificacións lexislativas relevantes, como é a entrada en vigor da nova Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, xustifican a elaboración dunhas novas bases reguladoras.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, en réxime de concorrencia competitiva, a través de dúas liñas de axuda.
2. As dúas liñas de axuda obxecto de subvención, que se corresponden co procedemento MR605A, son as seguintes:
a) Liña I: axudas para realizar tratamentos silvícolas (prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, desmestas, rareos e podas) coa finalidade de prevención de incendios.
b) Liña II: axudas para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.
3. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.c), 21.1.d), 24 e 25 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:
a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.
b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.
Artigo 3. Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC).
2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
3. Unha mesma persoa poderá solicitar unha ou varias liñas de axuda se non coinciden na mesma superficie.
4. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda. Así mesmo, deberán ter presentadas as comunicacións dos ingresos e reinvestimentos no prazo establecido no capítulo III do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria, e comprobarase a veracidade desta declaración nos controis sobre o terreo que se realicen.
7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Artigo 4. Intensidade da axuda
A intensidade da axuda para estas actuacións será do 100 %, calculándose a axuda sobre o custo real do investimento determinado no correspondente proxecto técnico e tendo en conta o anexo VIII en que figura o cadro de importes máximos subvencionables por cada tipo de actuación.
Artigo 5. Actuacións obxecto de axuda
1. Os tipos de actuacións subvencionables son os seguintes:
a) Liña I (axudas para realización de tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais):
1º. Rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa antes da actuación inferior a 15 cm e cunha densidade inicial de 2.000 pés/ha ou superior:
– Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa antes da actuación inferior a 15 cm, acadando unha densidade final entre 800 e 1.200 pés/ha. No caso das masas de Pinus sylvestris L., as densidades máximas desta epígrafe poderanse incrementar nun 20 %.
– Trituración dos restos, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa; porén, non se poderá solicitar a trituración dos restos, a picadura nin a extracción para o seu aproveitamento como biomasa no caso de que o rareo se realice totalmente de forma sistemática e mecanizada, salvo que os restos que se obteñan despois do tratamento permitan o seu aproveitamento como biomasa.
2º. Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas, dirixidas á creación de descontinuidade tanto horizontal como vertical en masas de coníferas:
– Roza de penetración, en masas de coníferas, previa á realización de podas (roza a media altura en liña de planta para poder chegar á árbore e realizar a poda), ou roza mecanizada en rúas.
– Podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2 metros e máxima 4 metros e cunha densidade final máxima da masa despois de realizar os traballos de 1.200 pés/ha. Esta actuación é compatible con podas naturais e podas realizadas con anterioridade en masas onde se tivese realizado un realce co obxectivo de guiar o desenvolvemento normal da árbore e limitada aos primeiros verticilos. No caso das masas de Pinus sylvestris L., as densidades máximas desta epígrafe poderanse incrementar nun 20 %.
– Trituración de restos de poda, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa.
– Dentro desta epígrafe terá que solicitarse obrigatoriamente a poda, e poderanse solicitar sobre a mesma superficie as rozas previas á realización de podas.
b) Liña II (axudas para tratamentos silvícolas –rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.– e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques). Ao ser esta liña de axudas unha medida con obxectivos ambientais e non produtivos, as actuacións elixibles que se detallan a continuación non conducirán a un aumento significativo no valor ou rendibilidade da explotación forestal:
1º. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 20 cm, considerando como tales aquelas cun mínimo dun 80 % de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha e altura media superior a 1,5 m:
– Roza de penetración, en masas de frondosas, previa á realización de podas (roza a media altura en liña de planta para poder chegar á árbore e realizar a poda), ou roza mecanizada en rúas.
– Formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo.
– Selección de abrochos.
– Rareos.
– Dentro desta epígrafe poderanse solicitar e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.212 €.
2º. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha:
– Rozas.
– Podas.
– Tratamentos fitosanitarios para a conservación e mellora dos soutos.
– Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiro resistente á tinta.
– Dentro deste punto, poderán solicitarse e acumularse diferentes actuacións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 1.544 €.
2. As actuacións indicadas nas liñas I e II non poderán obter axuda sobre unha mesma superficie.
3. Poderanse subvencionar os honorarios de redacción de proxecto, logo de solicitude, segundo o tope por hectárea indicado no anexo VIII de traballos, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.
4. Non serán elixibles as mesmas actuacións realizadas en superficies sobre as cales se concedeu subvención de calquera destas dúas liñas de axuda nos 5 anos anteriores a esta convocatoria, agás no caso de traballos de roza, que se limitará aos 3 anos anteriores.
5. O IVE non é subvencionable.
6. Non se actuará en hábitats definidos como prioritarios pola Directiva 92/43/CEE.
Artigo 6. Superficies forestais mínimas e máximas para solicitar axudas, e superficies excluídas
1. Superficie mínima:
a) Para todos os solicitantes, con excepción das Sofor e os propietarios particulares de xeito individual, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas en couto redondo en que a súa continuidade superficial non se interrompa pola existencia de barreiras naturais ou artificiais. Admitirase máis dun couto redondo.
b) Para propietarios particulares de xeito individual a superficie de actuación mínima por solicitude será de 1 hectárea nun único couto redondo en que a súa continuidade superficial non se interrompa pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.
c) No caso das Sofor, a superficie mínima de actuación será de 3 hectáreas.
2. Superficie máxima:
a) Para todos os solicitantes, con excepción das Sofor e dos propietarios particulares de xeito individual, a superficie máxima de actuación por solicitude será de 50 hectáreas nun ou varios coutos redondos en que a súa continuidade superficial non se interrompa pola existencia de barreiras naturais ou artificiais, e sempre e cando a superficie mínima de cada couto sexa de 3 hectáreas.
b) Para propietarios particulares de xeito individual, a superficie de actuación máxima por solicitude será de 15 hectáreas nun ou varios coutos redondos en que a súa continuidade superficial non se interrompa pola existencia de barreiras naturais ou artificiais e sempre e cando a superficie mínima de cada couto sexa de 3 hectáreas.
c) No caso das Sofor, a superficie máxima de actuación será de 50 hectáreas.
3. Superficies excluídas:
a) Excluiranse da superficie de actuación os encravados de extensión igual ou superior a 100 m2, pistas, estradas, etc.
b) En superficies en concentración parcelaria en execución soamente poden ser aprobadas as axudas solicitadas en superficies en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme antes do remate do prazo de solicitude destas axudas. Non obstante, poderanse aprobar as axudas nos casos en que, non sendo firme o acordo, o Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias emita un certificado en que indique o nome do propietario e a manifestación de que o dito predio non vai cambiar.
c) As superficies incluídas nun proceso iniciado de expropiación forzosa non se poderán beneficiar destas axudas.
d) No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico, literario e paisaxístico, delimitarase a súa localización e zona de influencia e excluiranse da superficie de actuación.
Artigo 7. Condicións técnicas xerais
1. No anexo IX figuran as instrucións técnicas que deben cumprir as actuacións polas cales se solicita axuda.
2. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberá cumprirse, en todo caso, o disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos artigos 12 número 1.e), 15 números 2 ao 8 e 17 do Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, e o disposto na Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa forestal. Ademais, as actuacións elixibles deberán ter compatibilidade co Plan de protección forestal englobado dentro do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).
3. Poderanse tramitar peticións de axuda co obxecto de realizar traballos forestais en montes que teñan subscrito un convenio coa Xunta de Galicia, logo de informe de viabilidade do servizo provincial de montes correspondente. Os montes consorciados coa Administración non poden solicitar as axudas dentro da superficie consorciada, salvo se fose solicitada a rescisión do consorcio antes do remate do prazo de solicitude destas axudas.
4. Todos os solicitantes destas axudas deberán presentar xunto coa solicitude de axuda unha copia da súa adhesión aos modelos silvícolas, segundo a Orde de 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia. Malia o anterior, no caso de montes con superficies superiores a 25 hectáreas en couto redondo, deben contar cun plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión en que se considere a realización dos traballos solicitados ao abeiro da presente orde. O dito plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión deberá ter sido presentado con anterioridade á finalización do prazo de solicitude da axuda e aprobado con anterioridade ao comezo dos investimentos forestais.
5. A planta empregada na rexeneración de soutos deberá cumprir o Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución e supletoriamente cos requisitos de procedencia e calidade exterior exixidos polo Real decreto 289/2003, e a súa modificación recollida no Real decreto 1220/2011, do 5 de setembro, e sanitarios regulados polo Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, no xeito en que sexan exixibles pola autoridade competente. Ademais, empregarase castiñeiro do país a altitudes superiores a 550 m e os clons híbridos resistentes a tinta a altitude inferior, salvo xustificación expresa na memoria ou no proxecto.
6. En cumprimento do establecido no artigo 45 do Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, as operacións de investimento Feader irán precedidas dunha avaliación de impacto ambiental, cando poida ter efectos negativos para o ambiente. Neste suposto, no caso de que o investimento requira unha avaliación de impacto ambiental, esta realizarase conforme o establecido na Lei 21/2013 de avaliación ambiental. O solicitante deberá acreditar a súa dispoñibilidade en sentido favorable, especialmente no caso de terreos en Rede Natura 2000. Ademais, o solicitante deberá cumprir a normativa en materia de avaliación de impacto ambiental, en aplicación da Directiva 2011/92/UE e conforme o disposto na normativa de axudas de estado, en concreto na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, se fose de aplicación, e no seu defecto o Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.
Artigo 8. Condicións técnicas para a redacción do proxecto das actuacións
1. No anexo X figuran as instrucións do formato da información do proxecto en soporte dixital e vectorial, que se debe presentar xunto coa solicitude de axuda e demais documentos.
2. No proxecto, coas actuacións, deberá figurar como mínimo o seguinte:
a) Estado legal do predio obxecto de solicitude de axuda: superficie, localización, estremeiros, accesos...
b) Descrición das actuacións para levar a cabo coa desagregación dos traballos a nivel de parcela Sixpac e recinto.
c) Especies, densidade final, quenda da especie...
d) Indicación de se os terreos se encontran en Rede Natura 2000, en zonas de protección lateral do camiño de Santiago ou se existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia que regula o Decreto 232/2008, do 2 de outubro.
e) Orzamento, de acordo coas normas de redacción de proxectos.
f) Cartografía: planos sobre mapas oficiais e fichas Sixpac das parcelas para as cales solicita a axuda. A planimetría do proxecto presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ao datum ETRS89, e terá que ser achegada en soporte dixital en formato vectorial, en formato shape (shp), obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. Os MVMC deberán presentar a maiores os planos a escala 1:25.000.
As agrupacións de propietarios terán que incluír nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie con que participa cada membro da agrupación.
Nos planos presentados deberá reflectirse indubidablemente onde se localizan os distintos tratamentos que se van efectuar na mesma parcela, tendo que aparecer na correspondente táboa de atributos os datos de tipo e superficie de actuación de cada recinto, segundo a táboa número 1 do anexo X.
g) Estudo básico de seguridade e saúde.
h) Prego de condicións técnicas: de acordo coas normas de redacción de proxectos.
Artigo 9. Compromisos
1. Os beneficiarios das axudas comprométense expresamente ao cumprimento das condicións previstas nesta orde.
2. Respecto do mantemento e conservación das masas sobre as cales se realizaron as actuacións:
a) O beneficiario da axuda comprométese a manter a masa, incluído o cartel identificativo, conforme as condicións de aprobación da axuda e a conservala durante cinco anos, contados a partir da de pagamento da axuda, e proceder á devolución do diñeiro percibido e dos seus xuros legais se o bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte do solicitante. Tamén se compromete nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda a manter as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes.
b) No caso de agrupacións de propietarios:
– A responsabilidade do bo fin da actuación será exixible a cada propietario membro da agrupación.
– Os integrantes da agrupación comprométense a levar unha xestión conxunta da masa durante cinco anos, contados a partir da data de pagamento da axuda.
3. Se unha vez efectuada a solicitude e antes da aprobación, o terreo fose obxecto dun incendio forestal ou queima do mato, o beneficiario deberá comunicalo inmediatamente, por escrito, ao Servizo de Provincial de Montes, co obxecto de adecuar a memoria descritiva das actuacións á nova realidade física do terreo antes do inicio dos traballos.
4. No caso de abandono ou destrución da masa por calquera causa, agás forza maior allea ao beneficiario, suspenderanse todas as axudas pendentes ata que sexa restaurada a superficie abandonada ou destruída, total ou parcialmente, sen prexuízo dos compromisos adquiridos e das responsabilidades que deriven. O solicitante estará obrigado a comunicar no prazo máximo dun mes os feitos e circunstancias que provocaron a destrución da totalidade ou de parte da masa.
5. O beneficiario comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural nas materias relacionadas nesta orde.
6. Nas superficies de actuación todos os beneficiarios comprométense a cumprir co establecido no manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable. Este aspecto verificarase na comprobación final e o seu incumprimento pode dar a revogación da axuda concedida segundo se resolva o correspondente acordo de inicio de perda de dereito. Así mesmo, nos montes conveniados que formen parte do Sistema de xestión forestal sustentable da Xunta de Galicia, os beneficiarios das axudas comprométense a cumprir co establecido no manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable.
Artigo 10. Solicitudes
1. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as súas persoas representantes.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria presentarase por vía electrónica por aquelas persoas obrigadas a ela. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A documentación complementaria, e só para o caso daquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, tamén poderá presentarse por vía electrónica ou en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
2. De acordo co artigo 14.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas físicas poderán elixir en todo momento se se comunican coas administracións públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non, salvo que estean obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas. O medio elixido polas persoas físicas para comunicarse poderá ser modificado por aquela en calquera momento.
No caso das persoas xurídicas, a presentación das solicitudes e calquera documento vinculado a estas axudas realizarase unicamente por medios electrónicos.
3. O solicitante fará constar na solicitude de axuda (anexo I) se a superficie de actuación comprende zonas incluídas na Rede Natura 2000, zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se está afectada pola normativa de patrimonio cultural de Galicia, conforme o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, así como calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal.
Nestes casos, solicitarase de forma interna informe ao órgano competente por razón da materia e a aprobación da axuda será condicionada ao contido do informe da autoridade competente nesa materia, polo que os traballos non poderán comezar ata o seu pronunciamento e deberán ser levados a cabo nas condicións que determine. O prazo de xustificación dos traballos que se estableza na resolución de cada expediente pendente dos ditos informes será de 9 meses desde a data de emisión do último informe vinculante.
No caso de que o dito informe sexa desfavorable non se poderá optar á axuda, agás no caso de que a superficie dispoña dun plan de xestión forestal aprobado e co informe favorable do departamento competente na materia.
4. Deberán presentar a solicitude correctamente cuberta conforme o anexo I, xunto co resto de anexos se fose necesario. Os datos da solicitude que se citan a seguir considéranse o mínimo imprescindible para a súa tramitación, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedesen. Estes datos son:
– Datos da persoa solicitante (nome, apelidos, NIF e enderezo completo).
– No caso das persoas xurídicas, correo electrónico ou teléfono móbil.
– Datos do tipo de solicitante.
– Tipo de actuación e datos do investimento.
– Datos Sixpac.
5. Para cada liña de axuda soamente se poderá presentar unha solicitude por titular e ano e para os terreos que se encontren nun mesmo concello, agás no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais, nas cales o 50 % dos seus membros deberá ser distinto. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberase empregar un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos. En cada impreso de solicitude unicamente se poderá solicitar axuda para un só tipo de actuación dos contidos no artigo 5.
6. Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos. Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible no enderezo http://emediorural.xunta.es/oav.
7. A presentación da solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.
Artigo 11. Prazos
1. O prazo de presentación de solicitudes será corenta e cinco días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.
2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 17 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda. Para a realización da inspección previa, o solicitante da axuda deberá pedir ao Servizo Provincial de Montes da provincia que se realice a dita inspección previa.
Artigo 12. Documentación
1. Documentación que se deberá presentar xunto coa solicitude (anexo I):
a) Documentación xeral:
a.1) Copia do DNI da persoa solicitante, no caso de ser unha persoa física, ou dos membros que constitúen os proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío ou fabeo ou comunidades de bens, no caso de denegar expresamente a súa verificación.
a.2) Copia do NIF da entidade solicitante no caso de denegar expresamente a súa consulta.
a.3) No caso do representante, e de acordo co artigo 5 da Lei Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:
A. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna:
1. Poder notarial.
2. Representación legal:
– Autorización asinada.
– Copia do DNI da persoa que autoriza, só no caso de denegar expresamente a súa verificación.
– Copia do DNI da persoa autorizada comprobado co orixinal por un funcionario público, só no caso de denegar expresamente a súa verificación.
Polas persoas xurídicas actuarán as persoas que teñan, no momento en que se produzan as actuacións correspondentes, a titularidade dos órganos a quen corresponda a súa representación, por disposición de lei ou por acordo validamente adoptado, e deberán acreditar a dita representación cos seguintes documentos:
1. Copia do DNI do representante legal da entidade, só no caso de denegar expresamente a súa verificación.
2. Copia de escrituras ou poderes onde se acredite a representación legal.
3. Copia do DNI da persoa autorizada comprobado co orixinal por un funcionario público, só no caso de denegar expresamente a súa verificación.
B. Mediante declaración en comparecencia persoal do interesado (poder apud acta):
Realizará o levantamento de acta un funcionario público, e deixará constancia de que a partir dese momento un suxeito actuará como representante doutro, apartarase desde ese momento a persoa representada do procedemento e dirixiranse as seguintes actuacións ao representante.
a.4) Anexo VII. Datos de titularidade no Sixpac.
a.5) As CMVMC, as sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, cooperativas agrícolas, proindivisos, de varas, abertais, de voces, de vocerío, de fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e os propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas deberán presentar o proxecto (en papel e en formato PDF ou similar, e coa cartografía en soporte dixital en formato vectorial), de acordo co establecido no artigo 8, asinado por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal, e co nomeamento do director de obra.
a.6) Unha copia compulsada do documento que acredite a propiedade dos terreos e, no caso de titulares non propietarios do terreo, copia compulsada do contrato de arrendamento ou de xestión cunha duración equivalente, polo menos, ao período de compromiso da axuda.
a.7) En todos os casos o solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas a diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable, e non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Así mesmo, as empresas e persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán exercer a súa actividade vinculada á silvicultura.
a.8) Copia da adhesión aos modelos silvícolas, no caso de que non fose presentada con anterioridade.
b) Documentación específica:
b.1) Para asociacións ou agrupacións formalmente constituídas inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentarán debidamente asinado por todos e cada un dos compoñentes da agrupación o anexo II ou acordo de cesión.
A asociación ou agrupación deberá estar inscrita no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia na data do remate do prazo da solicitude de axuda.
b.2) Para proindiviso, de varas, fabeo, de vocerío, de voces, abertais e comunidade de bens, presentarán debidamente asinado por todos e cada un dos seus compoñentes o anexo III «Acordo de compromisos e obrigas» e deberán presentar a acreditación da persoa física que as representa.
b.3) No caso de propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación inferior a 10 hectáreas, documento descritivo das actuacións ou anexo V.
c) Documentación complementaria:
c.1) No caso de CMVMC: certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan que o presidente da CMVMC solicite axudas á Consellería do Medio Rural para a execución das accións obxecto da solicitude.
c.2) No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos e anexo VI debidamente cuberto.
c.3) No caso doutras entidades xurídicas (asociacións, agrupacións, etc.): copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa e anexo VI debidamente cuberto.
c.4) No caso de entidades locais: certificado do secretario municipal conforme foi informada a comisión de goberno da solicitude de axuda.
c.5) No caso de propietarios particulares, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou de comunidade de bens que teñan parcelas inscritas no rexistro da propiedade, e unicamente para os efectos de desempate na puntuación da orde de prioridade, deberán presentar copia de documento que acredite as parcelas dadas de alta no Rexistro da Propiedade.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Consentimentos e autorizacións
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.
2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/das beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e a referida publicidade.
4. A presentación da solicitude de concesión de axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente. Estas comprobacións realizaranse con anterioridade á aprobación e ao pagamento da axuda, respectivamente.
5. A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión do PDR para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.
Artigo 14. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relaciones administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.
Artigo 15. Tramitación
1. O órgano competente para tramitar esta orde de axudas é a Dirección Xeral de Ordenación Forestal.
2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.
3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. As solicitudes presentadas enviarase, revisaranse e codificaranse nos servizos provincias de Montes. As solicitudes en que non se completasen os campos obrigatorios establecidos no artigo 10.5 desta orde non serán admitidas a trámite.
7. Os servizos provinciais de Montes examinarán as solicitudes presentadas e requiriranlles aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, as emenden, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Neste requirimento indicarase ademais que, se non se fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
8. Os servizos provinciais de Montes analizarán a documentación presentada coa solicitude. No caso de discrepancia entre a solicitude/declaración xurada e a documentación acreditativa dos criterios obxecto da priorización na axuda, dado que se trata dun procedemento por concorrencia competitiva que afecta terceiros, a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.
En caso de que o proxecto sexa de cantidade económica superior ao estimado na solicitude, prevalecerá a contía reflectida na solicitude.
En caso de que no proxecto a superficie total das parcelas sobre as cales se solicita a axuda non coincida coa superficie total indicada na solicitude, considerarase como unha discrepancia e a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.
9. Unha vez tramitadas as solicitudes, o xefe territorial de cada provincia proporá a relación de solicitudes que cumpren os requisitos da convocatoria e as que non os cumpren ou non se axustan, indicará a súa causa de incumprimento e remitiralla á Subdirección Xeral de Recursos Forestais.
10. Posteriormente, a Subdirección Xeral de Recursos Forestais emitirá un informe onde se reflictan os criterios de priorización, as solicitudes que, de acordo coa clasificación realizada atendendo a estes criterios, cubrisen a dispoñibilidade orzamentaria, e formulará a proposta de resolución que, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, elevará ao director xeral de Ordenación Forestal para que, pola súa vez, a eleve á conselleira do Medio Rural para a súa aprobación e posterior execución das actuacións.
11. A aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.
12. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da mesma lei.
13. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
De conformidade co establecido no artigo 41 da indicada Lei 39/2015, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpolos.
14. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.
b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.
Artigo 16. Distribución do crédito e prioridades
1. Distribución do crédito.
a) Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 22, segundo o tipo de beneficiario:
a.1. Propietarios particulares de xeito individual: 10 %.
a.2. Asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, Sofor e outras persoas xurídicas: 45 %.
a.3. CMVMC: 45 %.
b) Dentro de cada tipo de beneficiario segundo o tipo de traballo, distribúese o crédito do seguinte xeito:
b.1. Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).1º (rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 15 cm): 2.500.000 €.
b.2. Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).2º (rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas): 2.500.000 €.
b.3. Actuacións incluídas no artigo 5.1.b).1º (tratamentos silvícolas de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio inferior a 20 cm): 1.250.000 €.
b.4. Actuacións incluídas no artigo 5.1.b).2º (rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros): 1.250.000 €.
2. Establecerase unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación e liña de axuda (I ou II), tendo en conta que a data de referencia á hora de computar os méritos será a correspondente ao derradeiro día de presentación de solicitudes. As solicitudes presentadas ordenaranse, segundo a liña de axuda, de acordo cos criterios de prioridade indicados na seguinte epígrafe, e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible:
a) CMVMC con investimentos de máis dun 40 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 10 puntos.
b) CMVMC con investimentos dun 50 % a un 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 20 puntos.
c) CMVMC con investimentos de máis do 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 30 puntos.
d) Posta en valor de CMVMC: 10 puntos.
e) Por cada membro de CMVMC, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, cooperativa agrícola, proindiviso (copropietarios), de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou de comunidade de bens: 1 punto, ata un máximo de 10 puntos.
f) No caso dunha sociedade ou agrupación de propietarios legalmente constituída con xestión conxunta: 10 puntos.
g) Sociedade de fomento forestal rexistrada (Sofor): 50 puntos.
h) Monte con proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados (artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e segundo o Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia): 10 puntos.
i) Montes con certificación forestal co sistema PEFC ou FSC: 20 puntos.
j) Sociedade ou agrupación de propietarios en zonas de concentración parcelaria forestal: 10 puntos.
k) CMVMC sen convenio ou consorcio en toda a superficie clasificada da comunidade de montes: 30 puntos.
l) Actuacións en zonas desfavorecidas: 10 puntos.
m) Zonas de alto risco de incendio forestal (Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal): 10 puntos.
n) Actuación en zona clasificada como Rede Natura 2000: 10 puntos.
ñ) Rareos en masas estables de coníferas (para solicitantes da liña I): 1 punto por hectárea de actuación, ata un máximo de 40 puntos.
o) Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas, e primeiras podas en masas de coníferas (para solicitantes da liña I): 1 punto por hectárea de actuación, ata un máximo de 40 puntos.
p) Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras (para solicitantes da liña II): 6 puntos por hectárea de actuación ata un máximo de 40 puntos.
q) Rexeneración e/ou mellora de masas de soutos de castiñeiros (para solicitantes da liña II): 4 puntos por hectárea de actuación ata un máximo de 40 puntos.
r) Por solicitude de propietario particular, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou de comunidade de bens: 15 puntos.
s) Por cada parcela para a cal se solicitou axuda que estea dada de alta no Rexistro da Propiedade, no caso de propietario particular, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou de comunidade de bens: 1 punto por cada parcela, ata un máximo de 10 puntos.
3. A puntuación máxima será de 65 puntos, mentres que a mínima será de 20 puntos. En caso de empate, desempatarase polos seguintes criterios, segundo sexa o tipo de beneficiario, e na orde que se establece:
a) Situación da actuación en zonas desfavorecidas.
b) Situación da actuación en Rede Natura 2000.
c) Monte con proxecto de ordenación rexistrado.
d) Maior superficie de actuación.
e) Maior importe de subvención.
4. No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se consuma a totalidade do importe establecido polas distintas porcentaxes de cada tipo de beneficiario e tipo de traballo na distribución do crédito detallado no punto 1, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.
Artigo 17. Inspeccións previas
Dous funcionarios técnicos da Consellería do Medio Rural realizarán unha inspección no campo para verificar as superficies, comprobar os datos da solicitude e comprobar a viabilidade dos traballos. Esta inspección poderase realizar antes da resolución de aprobación. Unha diferenza superior ao 30 % entre os datos achegados coa solicitude/documentación acreditativa e as comprobacións que resulten na inspección de campo implicará a denegación da axuda ou a revogación no caso de que xa estivese concedida. Os resultados das comprobacións feitas nas inspeccións previas serán comunicadas aos beneficiarios das axudas polos servizos provinciais de Montes.
Artigo 18. Execución dos traballos
1. O prazo para executar e xustificar as axudas concedidas nesta orde é de 9 meses desde a data de notificación da resolución aprobatoria, agás no caso de solicitudes pendentes da emisión de informe sectorial, que será de 9 meses desde a data de emisión do último informe vinculante.
2. O custo de execución dos traballos subvencionados non pode ser superior ao valor de mercado.
3. O beneficiario poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada, conforme o previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os contratistas quedarán obrigados só fronte ao beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Consellería do Medio Rural.
4. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, un deles distinto dos que realizaron a inspección en campo.
Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas sempre que se acade o mínimo de actuación exixible para obter a axuda.
5. De acordo co artigo 48 do Regulamento de execución 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) no 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante os controis administrativos realizados por persoal da Consellería do Medio Rural, que examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:
a) O importe que deberá pagar ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión.
b) O importe que deberá pagar ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.
Se o importe fixado segundo a letra a) supera o importe fixado segundo a letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción administrativa ao importe fixado segundo a letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.
Porén, non se aplicarán sancións cando o beneficiario poida demostrar a satisfacción da autoridade competente, que non é responsable da inclusión do importe non admisible, ou cando a autoridade competente adquira doutro modo a convicción de que o beneficiario non é responsable diso.
6. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder a ampliación do prazo de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, dous meses antes de que acabe o prazo de execución. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso. Os servizos provinciais de Montes proporán as ditas ampliacións ao subdirector xeral de Recursos Forestais, quen elevará a proposta ao director xeral de Ordenación Forestal para a súa aprobación con base nas funcións delegadas pola conselleira do Medio Rural para resolver.
7. Transcorrido o prazo establecido de execución sen ter presentado a xustificación dos traballos subvencionados a que se fai referencia no artigo 19, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.
8. Nos casos de anulación ou minoración na execución das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e coa orde establecida, sempre que sexa no exercicio contable da primeira anualidade.
Artigo 19. Xustificación dos traballos subvencionables
1. A data límite de xustificación dos traballos é a establecida no artigo 18.1, e só serán subvencionables os investimentos que se realicen e dos cales se xustifique o seu gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) con posterioridade á data da inspección previa, a que se refire o artigo 17, e como límite na data de comunicación do remate dos traballos. Polo tanto, as facturas e os xustificantes de pagamento deberán ter datas entre o día seguinte ao da inspección previa e como límite o da data de notificación de remate dos traballos, sempre que se presentasen en prazo.
2. Malia o anterior, no caso de que a persoa beneficiaria da axuda se acolla á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 3 do artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias, presentada de acordo coa letra h) do punto 3 deste artigo.
3. Xunto coa notificación de remate dos traballos (solicitude de pagamento), achegarase a seguinte documentación:
a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:
– Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas. No caso dos propietarios particulares de xeito individual cuxa superficie de actuación sexa igual ou superior a 10 hectáreas, das CMVMC, das sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, das cooperativas agrícolas, dos proindivisos, dos de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío, de fabeo, das comunidades de bens, das entidades locais, e doutras persoas xurídicas, a acreditación deberá estar asinada por un enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal.
– Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos no anexo VIII.
– Un detalle doutros ingresos ou axudas que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia e co balance final do proxecto (ingresos e gastos).
c) Arquivo gráfico (medición con GPS) en formato dixital DXF ou similar coa superficie afectada polos traballos subvencionados, coas mesmas características que o ficheiro que figura no artigo 7.1.f).
d) De ser o caso, documentación da planta empregada de todas as especies incluídas no anexo I e XII Real decreto 289/2003: pasaporte fitosanitario, etiquetas e documentos do provedor consonte os modelos especificados no anexo IX do Real decreto 289/2003, e dos requisitos de calidade exterior no xeito en que sexan exixibles pola autoridade competente as especificacións recollidas no Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución.
e) Certificado final de obra emitido polo director de obra, excepto no caso de superficie inferior a 10 hectáreas, no cal figure unha relación valorada dos traballos executados.
f) Só no caso de CMVMC, xustificación do cumprimento da obriga de comunicación establecida no artigo 125.7 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, tendo en conta que as cotas mínimas de reinvestimento das CMVMC serán do 40 % de todos os ingresos xerados.
g) As instrucións para a presentación dos xustificantes de gasto e de pagamento indícanse no anexo XI.
h) No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda cun terceiro:
– Comunicación do dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo IV desta orde.
– Documento público ou privado orixinal polo cal se formalizou a cesión.
– Copia do DNI/NIF/NIE en vigor da persoa cesionaria, só no caso de denegar expresamente a súa verificación.
– Copia do NIF en vigor da entidade cesionaria, agás autorización para a súa obtención á Administración.
Artigo 20. Revogacións e reintegros
1. A axuda revogarase ou reintegrarase, se fose o caso, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:
En xeral:
a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.
b) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as axudas a fins distintos aos sinalados na solicitude.
c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, segundo o establecido nesta orde, na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na Lei 14/2006.
e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais
f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.
h) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.
i) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
E, en particular:
j) Execución de menos do 80 % das accións previstas sen autorización previa ou causa xustificada excepcional ou de forza maior. Para estes efectos considéranse causas excepcionais ou de forza maior as seguintes:
– Falecemento da persoa beneficiaria.
– Incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria.
– Catástrofe grave que afectase gravemente a explotación forestal.
– Enfermidade vexetal que afectase unha parte ou a totalidade da masa arbórea da persoa beneficiaria.
– Expropiación da totalidade ou dunha parte importante da explotación forestal, se esta expropiación non era previsible o día en que se presentou a solicitude.
k) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga concedida.
l) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.
m) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta orde que implique obrigas por parte do beneficiario.
Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora que se calcularán conforme a normativa vixente, en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución, sen prexuízo das responsabilidades que procedesen.
Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recupéranse todos os importes que fosen aboados polo dito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.
n) Así mesmo, se no caso de que nos controis administrativos sobre a solicitude de pagamento, controis sobre o terreo e a posteriori nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda se verifica que non se cumpren as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes e non se acada a puntuación mínima exixida para esa aprobación, suporá un incumprimento dos compromisos da aprobación e igualmente levará como consecuencia a perda do dereito ou ao reintegro da axuda.
2. Naqueles supostos en que o importe das subvencións recibidas polo beneficiario exceda os custos da actividade, solicitarase a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.
3. No caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, de ser o caso, os xuros conforme o disposto no artigo 2 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014. Os xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario, indicado na orde de recuperación, que non poderá superar os 60 días, e a data de reembolso ou dedución.
Artigo 21. Controis
1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.
2. O beneficiario e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se fose o caso, comprométense a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a Consellería do Medio Rural, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvenciones e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás instancias comunitarias de control derivadas da aplicación dos regulamentos de execución (UE) nº 808/2014 e 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.
3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen que antes se realizasen os controis establecidos no punto 4 deste artigo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.
4. A Consellería do Medio Rural, ao abeiro do establecido no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, realizará controis administrativos de todas as solicitudes de axuda e de pagamento con respecto a todos os aspectos que sexa posible controlar en relación coa admisibilidade da solicitude, así como controis sobre o terreo antes do pagamento final dunha mostra que represente polo menos o 5 % do gasto público de cada ano civil, así como a posibilidade, de ser o caso, de sometemento a controis a posteriori dada a posibilidade de realizar actividades de investimento.
5. Respecto das ofertas presentadas a que se fai referencia no artigo 17.2, e de acordo co artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os provedores desas ofertas estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar canta documentación lle sexa requirida, e sobre todo a necesaria para verificar a posible vinculación entre eses provedores.
Artigo 22. Financiamento
1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2017 e 2018, con cargo aos seguintes códigos de proxecto:
– 13.02.713B.770.0.2016 00209 por un importe de 5.000.000 € distribuídos do seguinte xeito:
– 1.000.000 € ano 2017.
– 4.000.000 € ano 2018.
– 13.02.713B.770.0.2016 00210 por un importe de 2.500.000 € distribuídos do seguinte xeito:
– 500.000 € ano 2017.
– 2.000.000 € ano 2018.
2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2017, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.
3. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A Consellería do Medio Rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.
4. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.
Artigo 23. Infraccións e sancións
En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.
Artigo 24. Alteración de condicións
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 25. Obrigas
1. O beneficiario da axuda e o solicitante está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos de control da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e as instancias de control comunitarias no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, e a levar un sistema de contabilidade separado, ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta orde, onde se constatará o investimento efectivamente pagado antes do remate do prazo de execución.
2. O beneficiario está obrigado a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.
3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicarllo inmediatamente á Consellería de Cultura e Turismo de conformidade coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.
4. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago seranlle comunicadas polo solicitante á Consellería de Cultura e Turismo, co obxecto de contar coa súa autorización previa de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago.
Artigo 26. Medidas informativas e publicitarias
1. Conforme o establecido no anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, do 17 de xullo, modificado polo Regulamento de execución (UE) nº 669/2016, do 28 de abril, os beneficiarios das axudas deberán cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader. En particular, no caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, deberán colocar polo menos un cartel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, co deseño que figura no anexo V desta orde, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión e o lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.
2. No caso de que na realización dun control a posteriori, que se efectuará nos cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda concedida, se verifique o incumprimento do establecido no punto 1 deste artigo, solicitarase o reintegro da subvención concedida.
3. Ademais, cando o beneficiario dispoña dun sitio web para uso profesional, deberá incluír nun lugar visible deste unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada á operación, cos seus obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión.
Disposición adicional primeira
As axudas concedidas nesta orde son incompatibles coas axudas para o cesamento anticipado da actividade agraria e con calquera outro réxime de axuda comunitaria sobre a mesma superficie, coa excepción dos investimentos para incremento da capacidade de adaptación e valor ambiental dos ecosistemas forestais ou para restaurar o potencial forestal danado por pragas, enfermidades, desastres naturais, catástrofes ou sucesos derivados do cambio climático.
Disposición adicional segunda
No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013, no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, no Regulamento de execución (UE) nº 809/20014, no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, teranse en conta as circulares de coordinación ditadas polo Fondo Español de Garantía Agraria 22/2015, relativas ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado de xestión e control (http://www.fega.es/es/PwfGcp/es/_includes/_tcmLinkFilterdotjspyiquesttcmUriyequal51626), e 23/2015, que establece os criterios xerais para a aplicación de reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado de xestión e control do período 2014-2020 (http://www.fega.es/es/PwfGcp/es/_includes/_tcmLinkFilterdotjspyiquesttcmUriyequal51628).
Disposición adicional terceira
De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.
Disposición adicional cuarta
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2016
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural