Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2017 Páx. 2077

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 22 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código do procedemento IN414A).

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia no seu artigo 28.3 o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación estatal respecto do réxime enerxético.

O artigo 1 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dispón que esta é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións no ámbito, entre outros, da enerxía, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

O acceso á enerxía eléctrica é unha necesidade básica. O importe da factura eléctrica incrementouse considerablemente nos últimos anos debido principalmente ao aumento dos custos fixos derivados do déficit de tarifa que se inclúen na factura eléctrica e que non se poden reducir mediante un menor consumo enerxético. Este feito, unido ao contexto económico actual, dá lugar a que moitas familias non teñan posibilidades económicas para o pagamento da cantidade de enerxía suficiente para cubrir as súas necesidades básicas, e máis concretamente, aquelas que teñen menores ingresos e maiores cargas familiares.

Resulta conveniente, por tanto, realizar algunha actuación co obxectivo de paliar estas dificultades, polo que se tramita esta orde de axudas para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia ás unidades de convivencia con menores de 18 anos ou discapacitados, e que teñan uns ingresos totais da unidade de convivencia non superiores a 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

O tícket eléctrico social de Galicia vén completar o bono social que establece a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, que se aplica aos consumidores vulnerables, definidos no artigo 45 desta lei como aqueles consumidores de electricidade que cumpran coas características sociais, de consumo e de poder adquisitivo que se determinen.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2017.

Artigo 2. Solicitudes, lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde (só para efectos informativos), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou desde a ligazón https://ticketelectrico.xunta.gal, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou os certificados emitidos polas autoridades de certificación Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) e certificados camerales (Camerfirma).

3. No suposto de que o peticionario non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por un empregado público, mediante o uso do sistema de sinatura electrónica de que estea dotado, segundo dispón o artigo 14 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para estes efectos, o peticionario poderá dirixirse ás oficinas de calquera das catro xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, así como á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para que lle fagan a solicitude.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición dos persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta Orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de xullo de 2017.

7. No entanto, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

8. A presentación fóra de prazo da solicitude, así como a presentación de máis dunha solicitude por unidade de convivencia, implicará a súa inadmisión.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 4. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN414A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas e nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es.

b) Os seguintes teléfonos:

A Coruña: 981 18 49 95 e 981 18 49 36.

Santiago: 981 95 70 24, 981 54 55 87 e 981 54 55 74.

Lugo: 982 29 49 75 e 982 29 46 70.

Ourense: 988 38 67 10.

Pontevedra: 986 80 52 13 e 986 80 52 22.

Vigo: 986 81 75 61, 986 81 78 22 e 986 81 77 64.

c) O enderezo de correo electrónico cei.dxiem.axudasenerxia@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do ticket eléctrico social de Galicia (código do procedemento IN414A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

Os gastos subvencionables serán as facturas de electricidade (IVE incluído) cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo 2016 e o 30 de xuño do 2017. No caso de que unha factura abranga un período que saia en parte do período subvencionable, considerarase subvencionable o custo rateado dos días incluídos nel.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei dos orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 2 de decembro de 2016.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Asemade, segundo o establecido no artigo 5 da antedita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con esta finalidade, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 está consignado crédito por importe de 793.115,00 € na aplicación orzamentaria 09.20.733A.480.0 (tícket eléctrico social) para atender as axudas da presente orde.

2. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. A contía da subvención será unha cantidade fixa de 180 € ao ano para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos e de 300 € ao ano para as que acrediten ser, ademais, familia numerosa.

5. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do gasto subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que convivan con menores de 18 anos ou discapacitados e teñan un gasto derivado da subministración de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual.

2. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:

a) Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que na unidade de convivencia haxa menores de idade ou discapacitados cun grao de discapacidade igual ou maior do 33 %.

c) Ser o pagador da correspondente factura de enerxía eléctrica.

d) Que os ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano). Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude. A renda da unidade de convivencia obterase por agregación das rendas do exercicio fiscal 2015 de cada un dos membros que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade de convivencia que presentasen declaración do imposto sobre a renda no 2015, para os efectos do cálculo da renda sumarán os cadros 380 (base impoñible xeral) e 395 (base impoñible do aforro) da declaración. No caso de non presentaren declaración, teranse en conta os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2015.

e) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.

f) Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica no artigo 2 da convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar copia dixitalizada da seguinte documentación:

a) DNI/NIE do solicitante e de todos os membros da unidade de conviviencia maiores de 14 anos (só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo II ou anexo III). No caso de menores que non teñan documento de identidade, documento acreditativo da súa idade (libro de familia, certificado de nacemento ou documento en que figure a data de nacemento).

b) Declaración do IRPF ou certificado de renda emitido pola Axencia Tributaria relativos ao ano 2015, do solicitante e do resto dos membros da unidade de conviviencia (só no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo II ou anexo III).

c) De ser o caso, autorización aos funcionarios correspondentes para a presentación electrónica da solicitude e da documentación relativa ao tícket eléctrico social de Galicia (anexo IV).

d) Facturas de electricidade da vivenda que é residencia habitual do solicitante da axuda e xustificantes de pagamento.

e) Certificado ou volante de convivencia/empadroamento onde figuren todas as persoas que conviven no mesmo domicilio.

f) Título de familia numerosa no caso de que o dito título non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia ou no caso de que si fose expedido pola Xunta de Galicia e o solicitante denegue expresamente a súa consulta no anexo II.

g) De selo caso, certificado de discapacidade dalgún membro da unidade de convivencia con grao de discapacidade maior ou igual ao 33 %, no caso de que o dito certificado non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia ou no caso de que si fose expedido pola Xunta de Galicia e se denegue expresamente a súa consulta no anexo II ou anexo III.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 8. Órganos competentes

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas serán os órganos competentes para a instrución do procedemento de concesión das subvencións.

2. Segundo o establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o expediente de concesión de subvencións conterá o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para accederen a elas.

3. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para formular a proposta de resolución e corresponde ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. De acordo co establecido no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a instrución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, sempre que exista consignación orzamentaria.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.2 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notific@, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante poderá interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá rectificar de oficio a resolución cando exista un erro material, de feito ou aritmético, tal e como se recolle no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:

a) Seguir as directrices que marca a resolución de convocatoria.

b) Cooperar coa Administración en cantas actividades de inspección e verificación se leven a cabo para asegurar o correcto destino da axuda.

c) As establecidas para os beneficiarios no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xustificación e pagamento das axudas

1. As axudas concedidas en concepto de tícket eléctrico non requirirán outra xustificación que a acreditación da condición de beneficiario, segundo o previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tal condición debe acreditarse co cumprimento do estipulado no artigo 4 desta orde mediante a presentación da documentación estipulada no artigo 5. Logo da comprobación de que a dita documentación é correcta e de que o solicitante cumpre todos os requisitos exixidos para ter a condición de beneficiario, procederase ao pagamento segundo o establecido no artigo 60.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento da axuda establecida nesta resolución farase unicamente na conta que os solicitantes fagan constar na solicitude, que deberá permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 19. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. Por outra banda, de acordo co establecido no artigo 15.2.d) da Lei de subvencións de Galicia, tampouco será necesaria a publicación dos datos do beneficiario en razón do obxecto da subvención cando poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file