Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2017 Páx. 2152

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

CORRECCIÓN de erros. Orde do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agroforestal e agroalimentario, e de intercambios e visitas a explotacións agrícolas e forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

Advertidos erros na devandita orde publicada no Diario Oficial de Galicia número 5, do 9 de xaneiro de 2017, cómpre facer modificacións nalgúns puntos.

Primeiro. Modificacións

1. Na páxina 825 no título da orde onde di «sector agrofoestal» debe dicir «sector agroforestal.»

2. Na páxina 827, no artigo 1.2.a), onde di:

«a) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2 (anexo I).»

Debe dicir:

«a) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2 (anexo 1).»

3. Na páxina 827, no artigo 1.2.b), onde di:

«b) Axudas para intercambios e visitas a explotacións agrarias e forestais baixo a submedida 1.3 (anexo II).»

Debe dicir:

«b) Axudas para intercambios e visitas a explotacións agrarias e forestais baixo a submedida 1.3 (anexo 2).»

4. Na páxina 838, no artigo 9.3.a), onde di:

«a) Xustificantes detallados do gasto segundo se indica nos puntos 10 dos anexos I e II.»

Debe dicir:

«a) Xustificantes detallados do gasto segundo se indica nos puntos 10 dos anexos 1 e 2.»

5. Na páxina 844, posteriormente ao pé de sinatura da conselleira do Medio Rural deben engadirse as seguintes bases reguladoras:

«Anexo 1

Bases reguladoras das axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agroforestal e agroalimentario.

1. Obxecto das axudas.

Financiar as actividades de demostración e accións de información orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, á mocidade e mulleres do medio rural.

O obxecto da subvención que aquí se convoca é facilitar a innovación e a incorporación de novas tecnoloxías e coñecementos aos sectores agrario, forestal e agroalimentario, coa finalidade de procurar un aumento da produtividade e eficiencia das explotacións agrarias e forestais e das empresas agroalimentarias.

2. Beneficiarios das axudas.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as entidades públicas ou privadas, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia (entre elas, cooperativas ou outras entidades asociativas agrarias) que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector, que teñan acreditada experiencia de dous anos na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

Disporán dos medios axeitados e do persoal cualificado para a execución das actividades obxecto da subvención. Titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias ou afíns requiridas, segundo se especifica no punto 6 de requisitos do beneficiario.

Deberán acreditar experiencia concreta no ámbito da actividade que se vai desenvolver segundo se especifica no punto 6 de requisitos do beneficiario:

– Acreditar experiencia de, polo menos, dous anos na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

– Acreditar experiencia de, polo menos, cinco anos nunha actividade produtiva ou profesional nalgún dos sectores, agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

3. Actividades subvencionables.

1º. Actividades de demostración: sesión práctica para ilustrar unha tecnoloxía, o uso de maquinaria nova ou significativamente mellorada, un novo método de protección dos cultivos ou dunha técnica específica de produción. Estas actividades poden tomar a forma, por exemplo, de campos de demostración. A actividade levarase a cabo nas explotacións ou noutros lugares, como centros públicos e privados onde se leven a cabo actividades relacionadas coa agricultura, gandaría, o sector forestal e agroalimentario.

2º. Accións de información: actividades de difusión de información de interese para os sectores da agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e silvicultura. Poden tomar a forma de accións de divulgación, congresos, feiras, xornadas de portas abertas, información en medios impresos e electrónicos ou sesións informativas.

3º. A temática das actividades subvencionables versará sobre as seguintes materias:

– Accións dirixidas á incorporación das TIC aos procesos produtivos e/ou de xestión e/ou información.

– Actividades formativas de innovación en procesos agrarios.

– Xestión empresarial. Emprendemento. Xestión comercial. Comercio exterior.

– Reestruturación de explotacións.

– Seguridade alimentaria, calidade, prevención de riscos e ambiente na industria alimentaria.

– Agricultura ecolóxica.

– Control integrado de pragas.

– Eficiencia na xestión e uso dos recursos naturais.

– Restauración, preservación e mellora de ecosistemas.

– Uso eficiente de maquinaria agrícola.

– Enerxías renovables.

– Medidas agroambientais.

– Biodiversidade: Rede Natura 2000.

4. Gastos subvencionables.

1º. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa organización, realización e impartición das actividades de demostración e accións de información e, en particular, os seguintes conceptos, que se deberán xustificar logo de realizar a actividade (ata unha prima máxima que marcou o artigo 3.1).

a) Custos directos de persoal: gastos de profesorado.

b) Gastos en medios e material didáctico, textos e materiais dun só uso para os asistentes, así como o material funxible empregado durante as actividades.

c) Gastos de alugamento de aulas, instalacións e de maquinaria requiridos polo desenvolvemento da actividade.

d) Gastos de transporte e aloxamento motivados pola realización de viaxes didácticas previstas nas actividades.

e) Custos de investimento directamente vinculados coa actividade de demostración e información, para o cal se terá en conta o artigo 45 do Regulamento (UE) 1305/2013. Neste caso, unicamente se considerarán subvencionables os custos de amortización correspondentes á duración do proxecto de demostración e durante o período de demostración, calculados de acordo cos principios contables xeralmente aceptados e ata un máximo de 20.000 €.

f) Gastos derivados do pagamento de entradas, guía e intérprete no caso de que a visita orixinase ese tipo de gasto.

g) Gasto de publicidade da actividade.

h) O IVE non será subvencionable.

2º. Serán gastos subvencionables os que se executen con posterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e sexan xustificados no prazo sinalado para iso.

3º. As accións de demostración e información que se integren nos cursos previstos na submedida 1.1, Formación profesional e adquisición de competencias, valoraranse de xeito independente e complementario, evitando duplicidade de pagamentos. Todos os custos se aboarán na entidade beneficiaria que presta o servizo, de tal xeito que os custos imputados a participantes serán aboados previamente por ela aos interesados.

5. Solicitudes.

1º. As entidades que, reunindo os requisitos sinalados nesta orde, desexen realizar as actividades descritas no punto 3 deste anexo deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I. Os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta orde, poden atoparse na Guía de procedementos e servizos do enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos e na web institucional da Consellería do Medio Rural (www.mediorural.xunta.gal), na epígrafe axudas.

2º. Só poderá presentarse para esta convocatoria unha solicitude por NIF, que poderá ter unha ou máis actividades.

3º. A solicitude será subscrita polo representante das entidades e xuntaráselle a seguinte documentación complementaria:

a) Ficha de cada actividade solicitada, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

b) Historial profesional da persoa designada como responsable da acción que se vai realizar que conteña: titulación, profesión, experiencia e vinculación coa actividade que cómpre desenvolver. Ademais, cadro de profesorado ou relatores que as vaian impartir, acompañado de copia compulsada do título académico só no caso de denegar expresamente a súa consulta, curriculum vitae e relación das materias que vai impartir cada un.

c) Memoria explicativa da acción para a cal se solicita a axuda, que deberá desenvolver os seguintes contidos: antecedentes, obxectivos, contidos, duración, medios propios da entidade que se empregarán na súa realización, beneficios da actividade, persoas a que vai dirixida, experiencia da entidade neste tipo de actividades, calendario detallado da actividade, orzamento desagregado das actuacións para as cales solicita a subvención, especificando, para cada actividade, os distintos conceptos de gasto e datas estimadas en que se producirán as xustificacións de gasto, de ser e o caso, medios didácticos e humanos que se empregarán e lugar e calendario detallado da actividade.

d) Memoria explicativa das características da entidade solicitante, e medios persoais e materiais de que dispón para o desenvolvemento de actividades.

e) Copia dos estatutos fundacionais ou constitutivo da entidade beneficiaria, nos cales aparezan recollidos os seus obxectos sociais. Documento acreditativo da personalidade da entidade solicitante e certificación da inscrición no rexistro correspondente.

f) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

g) Fotocopia do NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

h) Copia cotexada da póliza de seguro de responsabilidade civil referente ás dependencias onde se realizarán as actividades, se é o caso, ou, na súa falta, compromiso de subscribir unha póliza de seguro de accidentes persoais que cubra a totalidade dos asistentes.

Deberá incluírse, se é o caso, documentación acreditativa da relación de aseguramento do profesorado.

Aquelas solicitudes en que falte a documentación solicitada, requirirase o solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles achegue a documentación que falte.

6. Requisitos dos beneficiarios.

6.1. As entidades beneficiarias das actividades de demostración e accións de información deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) O beneficiario deberá ter unha sede no territorio autónomo de Galicia.

b) A documentación de constitución da entidade debe ter como obxecto ou finalidade a formación ou o desenvolvemento do medio rural galego.

c) Contar coas licencias e autorizacións administrativas correspondentes.

d) Cumprir coas súas obrigacións tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

e) Contar cun responsable de formación, cun nivel de titulación universitaria de grao medio ou superior, ou con experiencia profesional acreditada no ámbito da actividade que desenvolva a entidade.

O persoal docente de prácticas deberá contar como mínimo, coa titulación de formación profesional dos ciclos medio ou superior da familia agraria ou asimilados.

Poderán ser docentes/relatores de accións de demostración os titulares de explotacións agrarias, titulares forestais ou dunha empresa agroalimentaria que acrediten unha experiencia no sector mínima de 5 anos.

f) Acreditar experiencia de, polo menos, 2 anos na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios, ou acreditar unha actividade produtiva ou profesional en algún dos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios de, polo menos, 5 anos.

g) Dispor dunha póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente ou relator e dos asistentes.

h) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

i) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6.2. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan acadada personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberán reunir os requisitos establecidos no PDR de Galicia 2014-2020, o cal recolle que poderán ser beneficiarios da medida a Administración autonómica, polas actividades que organice baixo a súa propia iniciativa, e as entidades públicas ou privadas que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector e teñan acreditada experiencia na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

7. Información aos/ás interesados/as.

1º. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Ordenación Forestal, presencialmente ou a través dos seguintes medios:

a) Na epígrafe de axudas da páxina web da Consellería do Medio Rural: www.mediorural.xunta.gal

b) Nos seguintes teléfonos da Dirección Xeral de Ordenación Forestal: 981 54 66 62 e 981 54 66 93.

2º. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902  12 00 12 (desde o resto do Estado).

8. Comisión de valoración.

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de avaliación. A dita comisión de avaliación estará presidida pola subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal e dela tamén formarán parte, como secretario, un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, nomeado polo director xeral e, como vogais, a xefa de Servizo de Formación Agroforestal, o xefe do Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatística e Publicacións, e un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Forestal. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puider asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Ordenación Forestal.

9. Criterios obxectivos de concesión.

1º. A comisión de avaliación valorará as solicitudes de acordo cos seguintes criterios:

I. Calidade técnica da proposta (máximo 50 puntos).

a) Programación da actividade. Este criterio fundaméntase na importancia que teñen as actividades prácticas á hora de realizar accións de transferencia de coñecementos:

– Ata 25 % horas prácticas: 12 puntos.

– Entre 26 % e 50 % horas prácticas: 14 puntos.

– Entre 51 % e 75 % horas prácticas: 16 puntos.

– Máis de 75 % horas prácticas: 20 puntos.

b) Contido da actividade. Este criterio ten especial incidencia na área focal 2A (mellorar os resultados económicos das explotacións facilitando a reestruturación e modernización destas):

– Novas alternativas produtivas: 10 puntos.

– Desenvolvemento de novos procesos: 10 puntos.

– Desenvolvemento de novas tecnoloxías: 10 puntos.

II. Temática da proposta (máximo 50 puntos):

a) Actividades de demostración de proxectos innovadores. Con este criterio preténdese incentivar e fomentar a innovación aplicada a distintas e diversas actividades no ámbito rural:

– Incorporación de TIC aos procesos produtivos e/ou de xestión e/ou a accións de información: 10 puntos.

– Actividades formativas de innovación en procesos agrarios: 5 puntos.

– Xestión empresarial. Emprendemento. Xestión comercial. Comercio exterior: 5 puntos.

– Reestruturación de explotacións: 5 puntos.

– Seguridade alimentaria, calidade, prevención de riscos e ambiente na industria alimentaria: 5 puntos.

– Agricultura ecolóxica: 5 puntos.

– Control integrado de pragas: 5 puntos.

– Eficiencia na xestión e uso dos recursos naturais: 5 puntos.

– Restauración, preservación e mellora de ecosistemas: 5 puntos.

– Uso eficiente de maquinaria agrícola: 5 puntos.

– Enerxías renovables: 5 puntos.

– Medidas agroambientais: 5 puntos.

– Biodiversidade: Rede Natura 2000: 5 puntos.

b) Accións que proveñan de iniciativas de cooperación. Este criterio aplícase en concreto baseándose na área focal 1A (fomentar a innovación, cooperación e desenvolvemento da base de coñecemento nas zonas rurais):

– Por cada explotación colaboradora: 2 puntos.

– Por cada empresa colaboradora: 3 puntos.

– Por cada entidade asociativa colaboradora: 5 puntos.

III. Desenvolvemento de accións en zonas de montaña ou desfavorecidas (máximo 10 puntos), en aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013.

a) Accións que se desenvolvan en zonas de montaña: 10 puntos.

b) Accións que se desenvolvan en zonas desfavorecidas: 5 puntos.

IV. Actividades dirixidas preferentemente a mozos/as agricultores/as e/ou mulleres do medio rural (máximo 20 puntos). Este criterio fundaméntase na área focal 2B (facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados e en particular para a remuda xeracional). Na aplicación do artigo 7 do Regulamento 8 (UE) 1305/2013, así como as restantes directivas europeas de aplicación para a igualdade de xénero:

– Mozos/as agricultores/as (menores de 41 anos): 20 puntos.

– Mulleres agricultoras (maiores de 41 anos): 20 puntos.

– Persoas que se incorporen ao sector primario maiores de 41 anos: 10 puntos.

– Agricultor activo: 10 puntos.

– Persoas con situación acreditada de estar en risco de pobreza e/ou exclusión social: 20 puntos.

V. Experiencia da entidade solicitante (máximo 20 puntos):

a) Acreditar experiencia de máis de dous anos na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios. Este criterio fundaméntase na necesidade de asegurar a calidade en todos os procesos de aprendizaxe, para o cal se lle valora á entidade solicitante unha solvencia técnica demostrable:

– 2 anos e un día ata 4 anos: 5 puntos.

– De 4 anos e un día a 6 anos: 10 puntos.

– Máis de 6 anos e un día: 20 puntos.

b) Acreditar unha actividade produtiva ou profesional nalgún dos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios de, polo menos, 5 anos. Este criterio fundaméntase na necesidade de asegurar a calidade en todos os procesos de aprendizaxe, para o cal se valora á entidade solicitante unha solvencia técnica demostrable, este criterio no caso de que sexa unha entidade sen experiencia no ámbito de formación e/ou actividades de transferencia será máis exixente:

– 5 anos e un día ata 7 anos: 5 puntos.

– De 7 anos e un día a 9 anos: 10 puntos.

– Máis de 9 anos e un día: 20 puntos.

2º. A solicitude de axuda deberá acadar un limiar mínimo de puntuación que se corresponderá co 30 % da puntuación máxima total que se poida acadar no procedemento de selección en función dos criterios de selección aplicados. A puntuación máxima e mínima que pode acadar unha solicitude é de 130 e 39 respectivamente, no caso de que sexan accións a través de unidades da propia Administración, e de 150 e 45, respectivamente, no caso de accións subvencionadas por convocatoria pública aberta en réxime de concorrencia competitiva.

A selección das solicitudes en función dos criterios establecidos nesta submedida será realizada a través dunha comisión de valoración, nomeada para os efectos polo órgano competente. A actuación da dita comisión como órgano colexiado estará suxeita ao establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Seleccionaranse aquelas actuacións que obteñan unha maior puntuación como resultado de aplicar os criterios de selección. No caso de empate resolverase segundo as solicitudes obtivesen maior puntuación nos criterios e na orde seguintes:

1. Actividades dirixidas preferentemente a mozo/as e mulleres do medio rural.

2. Actividades para a xestión sustentable dos recursos naturais.

3. Actividades de demostración de proxectos innovadores.

10. Xustificación e pagamento das subvencións.

1º. Para a xustificación e pagamento das subvencións procederase conforme o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2º. Con carácter xeral, a xustificación da axuda de cada unha das actividades realizarase dentro dos quince días seguintes á súa finalización e coa data límite do 31 de outubro de 2017 na anualidade 2017 e do 31 de outubro de 2018 na anualidade 2018.

3º. A xustificación da axuda para cada tipo de gasto subvencionable realizarase de acordo coas seguintes normas:

a) Presentación dos recibos ou facturas orixinais correspondentes aos gastos de profesorado ou relatores, acompañados da fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Ao confeccionar o recibo terase en conta a retención aplicable no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

b) Presentación das facturas orixinais xustificativas dos gastos realizados. Xunto coas facturas, presentaranse os seus correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Con carácter xeral, os gastos xustificaranse mediante recibo, factura ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xunto coa fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Non se admitirán os pagamentos en metálico.

Documentos exixidos para xustificar o pagamento de facturas:

Realizarase mediante a achega orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a continuación:

– Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (extractos ou certificacións bancarios) debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No xustificante de pagamento constará o número de factura obxecto de pago, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

d) As facturas orixinais deberán ter os distintos conceptos que inclúa e o IVE desagregados, ademais de reunir o resto dos requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación.

e) Remitirán unha memoria final en que resuman, de forma detallada, as actividades desenvolvidas.

4º. De acordo co establecido no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas axudas ao desenvolvemento rural, os controis administrativos das solicitudes de axuda incluirán, entre outras cousas, a moderación dos custos propostos, que se avaliará mediante un sistema adecuado de avaliación. O sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polos beneficiarios na xustificación da axuda será:

a) Para os gastos de formadores ou relatores, estes non superarán a contía de 60 €/hora.

b) Para o resto dos gastos realizados, a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os beneficiarios das axudas deberán achegar coa xustificación:

b.1. Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

b.2. Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Naqueles casos de custos de pouca contía (máximo de 300 euros), poderase substituír o sistema de comparación de ofertas diferentes pola referencia a prezos de mercado ou a bases de datos de prezos. Cómpre recordar que os custos, con independencia da súa contía, deberán analizarse mediante un sistema de avaliación axeitado como custos de referencia, facendo unha actualización periódica de bases de datos, un comité de expertos ou a comparación de ofertas diferentes. Neste último caso, deberá comprobarse que as ofertas son auténticas e non de compracencia (contido idéntico, erros idénticos, aparencia sinxela, etc.), de provedores reais e independentes, que estean o suficientemente detalladas e inclúan os mesmos elementos para ser comparables.

Malia o anterior, segundo o recollido no artigo 24.2 do Regulamento 65/2011 e o artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano xestor poderá comprobar en calquera dos tres sistemas de moderación o valor de mercado dos gastos.

5º. No momento da xustificación final do gasto o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas nesta orde.

6º. O persoal da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal marcará cun selo os recibos e as facturas orixinais presentadas na xustificación, indicando o financiamento con fondos Feader e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, sinalando neste último caso a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Anexo 2

Bases reguladoras das axudas para o financiamento de intercambios e visitas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.

1. Obxecto das axudas.

Financiar intercambios de breve duración referentes á xestión das explotacións agrícolas e silvícolas, así como visitas a explotacións agrícolas e silvícolas, orientadas a persoas en idade laboral, en activo ou con expectativa de incorporación en sectores produtivos relacionados coa agricultura e a silvicultura.

2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as entidades públicas ou privadas, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia (entre elas, cooperativas ou outras entidades asociativas agrarias), que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector agrario, gandeiro, forestal e agroalimentario, e teñan acreditada experiencia de seis meses na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas con estes sectores, e/ou na organización de visitas a explotacións agrícolas ou forestais ou programas de intercambio de breve duración, ou outras actividades similares que fomenten a transferencia de coñecementos ao sector, ou experiencia nunha actividade produtiva ou profesional nalgún dos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

3. Actividades subvencionables.

a) Intercambios de xestión agrícola e forestal a curto prazo: esquema de intercambio que permita aos agricultores, gandeiros e silvicultores permanecer noutra explotación da UE co fin de aprender doutro agricultor, gandeiro ou silvicultor. O propósito é mellorar o intercambio de coñecementos e boas prácticas e descubrir outras formas de facer as cousas. O contido e os obxectivos do intercambio axustaranse ás indicacións establecidas. A duración do intercambio poderá ser de ata 1 mes (contando neste período os días de desprazamento).

b) Visitas a explotacións ou instalacións: visita a unha granxa ou unha instalación co fin de aprender sobre un tema concreto ou unha práctica específica (por exemplo, aprender a usar unha máquina específica, a conversión para agricultura ecolóxica, etc.). A diferenza co programa de intercambio de granxas radica na duración da visita e no seu obxecto; as visitas ás leiras ou instalacións son máis curtas e centran a súa atención nunha cuestión temática, seguindo un enfoque de ensino-aprendizaxe (un agricultor sabe unha técnica e outro quere aprendela), como máximo 5 días contando os días de desprazamento.

c) As actividades solicitadas estarán incluídas nunha programación de visitas e intercambios onde se especificará para cada unha das actividades que forman parte desta programación os destinatarios de todas e cada unha das actividades, o obxecto de cada actividade proposta na solicitude, especificarase se teñen relación e de ser así, cal é esa relación con outras actividades de demostración, información ou transferencia de coñecementos que se realizasen ou se vaian realizar, cales son os resultados que se pretenden acadar, a duración, o cronograma e a secuenciación das distintas actividades e demais contidos segundo se especifica no anexo IV desta orde.

d) Estas actividades están dirixidas preferentemente a mozos e mozas agricultores (que non fixesen os 41 anos), a mozas e mozos con expectativas de incorporarse ao sector, así como a mulleres maiores de 41 anos con expectativas de incorporarse ao sector.

e) A temática das actividades subvencionables versará sobre as seguintes materias:

– Accións dirixidas á incorporación das TIC aos procesos produtivos e/ou de xestión e/ou información.

– Actividades formativas de innovación en procesos agrarios.

– Xestión empresarial. Emprendemento. Xestión comercial. Comercio exterior.

– Reestruturación de explotacións.

– Seguridade alimentaria, calidade, prevención de riscos e ambiente na industria alimentaria.

– Agricultura ecolóxica.

– Control integrado de pragas.

– Eficiencia na xestión e uso dos recursos naturais.

– Restauración, preservación e mellora de ecosistemas.

– Uso eficiente de maquinaria agrícola.

– Enerxías renovables.

– Medidas agroambientais.

– Biodiversidade: Rede Natura 2000.

4. Gastos subvencionables.

a) Serán subvencionables os custos de organización do intercambio ou visita, incluíndo os gastos de desprazamento, aloxamento, manutención e custo de substitución de participantes, cos límites que se definen nesta convocatoria (ata unha prima máxima que marca o artigo 3.b).

b) Todos os custos se aboarán na entidade beneficiaria, de tal xeito que, os custos imputados a participantes serán aboados previamente por ela aos interesados.

c) As visitas e intercambios que se integren nos cursos ou accións previstas nas submedidas 1.1, Formación profesional e adquisición de competencias, e 1.2, Actividades de demostración e accións de información, valoraranse de xeito independente e complementaria, evitando duplicidade de pagamentos.

d) Serán subvencionables os custos posteriores á solicitude de axuda ou á acta de non inicio se esta é anterior a aquela.

5. Solicitudes.

1º. As entidades que, reunindo os requisitos sinalados nesta orde, desexen realizar as actividades descritas no punto 3 deste anexo deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo III.

Os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta orde, poden atoparse na Guía de procedementos e servizos do enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos e na web institucional da Consellería do Medio Rural (www.mediorural.xunta.gal), na epígrafe axudas.

2º. A solicitude será subscrita polo representante da entidade solicitante e xuntaráselle a seguinte documentación complementaria:

a) Ficha de cada actividade solicitada, segundo o modelo que figura no anexo IV desta orde, debidamente cuberta.

b) Historial profesional da persoa designada como responsable da acción que se vai realizar que conteña: titulación, profesión, experiencia e vinculación coa actividade que cómpre desenvolver. Ademais, cadro de profesorado ou relatores que as vaian impartir, acompañado de copia compulsada do título académico só no caso de denegar expresamente a súa consulta, curriculum vitae e relación das materias que vai impartir cada un.

c) Memoria explicativa da acción para a cal se solicita a axuda, que deberá desenvolver os seguintes contidos: antecedentes, obxectivos, beneficios da actividade, persoas ás que vai dirixida, experiencia da entidade neste tipo de actividades, contidos da actividade reflectidos no programa, número de horas e número de días que dura a actividade, cronograma da actividade, orzamento desagregado, medios didácticos e humanos que se empregarán e lugar de realización da actividade.

d) Memoria explicativa das características da entidade solicitante.

e) Copia dos estatutos fundacionais ou constitutivos da entidade beneficiaria, nos cales aparezan recollidos os seus obxectos sociais. Documento acreditativo da personalidade da entidade solicitante e certificación da inscrición no rexistro correspondente.

f) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

g) Fotocopia do NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

h) Póliza de seguros, que cubra seguro sanitario, de accidentes, responsabilidade civil e asistencia en viaxe.

i) Copia cotexada da póliza de seguro de responsabilidade civil referente ás dependencias onde se realizarán as actividades, se é o caso, ou, na súa falta, compromiso de subscribir unha póliza de seguro de accidentes persoais que cubra a totalidade dos asistentes.

Deberá incluírse, se é o caso, documentación acreditativa da relación de aseguramento do profesorado.

Aquelas solicitudes en que falte a documentación solicitada, requirirase ao solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles achegue a documentación que falte.

6. Requisitos dos beneficiarios.

6.1. As entidades beneficiarias dos intercambios breves e visitas a explotacións deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) O beneficiario deberá ter unha sede no territorio autónomo de Galicia.

b) A documentación de constitución da entidade debe ter como obxecto ou finalidade a formación ou o desenvolvemento do medio rural galego.

c) Contar coas licenzas e autorizacións administrativas correspondentes.

d) Cumprir coas súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

e) Contar cun responsable como titor da actividade cun nivel de titulación universitaria de grao medio ou superior, no ámbito da actividade que desenvolva a entidade.

f) Dispor dos recursos pedagóxicos, instalacións e medios técnicos de apoio axeitados para a correcta execución das actividades de formación e transferencia tecnolóxica.

g) Dispor dunha póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente ou relator e dos asistentes.

h) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

i) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6.2. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan acadada personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberán reunir os requisitos establecidos no PDR de Galicia 2014-2020, o cal recolle que poderán ser beneficiarios da medida a Administración autonómica, polas actividades que organice baixo a súa propia iniciativa, e as entidades públicas ou privadas que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector e teñan acreditada experiencia na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

7. Información aos/ás interesados/as.

1º. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Ordenación Forestal, de xeito presencial ou a través dos seguintes medios:

a) Na epígrafe de axudas da páxina web da Consellería do Medio Rural: www.mediorural.xunta.gal

b) Nos seguintes teléfonos da Dirección Xeral de Ordenación Forestal: 981 54 66 62 e 981 54 66 93.

2º. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902  12 00 12 (desde o resto do Estado).

8. Comisión de valoración.

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de avaliación. A dita comisión de avaliación estará presidida pola subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal e dela tamén formarán parte, como secretario, un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, nomeado polo director xeral e, como vogais, a xefa de Servizo de Formación Agroforestal, o xefe do Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatística e Publicacións e un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Forestal. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puider asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Ordenación Forestal.

A comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración de avaliadores externos, de recoñecida experiencia nas áreas correspondentes ás propostas presentadas, co fin de emitir informe sobre as accións solicitadas.

9. Criterios obxectivos de concesión.

I. Actividades complementarias a outras submedidas (máximo 30 puntos):

a) Intercambios ou estadías ligadas a accións financiadas a través da submedida 1.1 Accións de transferencia de coñecementos e información. Con este criterio preténdese impulsar a complementariedade entre as accións formativas e as de observación «doutros xeitos de facer» e o intercambio de boas prácticas entre agricultores, entendendo que a sinerxía dos distintos enfoques pode mellorar o perfil profesional e facilitar unha formación integrada (máximo 10 puntos).

b) Accións que proveñan de iniciativas de cooperación. Este criterio aplícase baseándose nos obxectivos na área focal 1A (fomentar a innovación, cooperación e desenvolvemento da base de coñecemento nas zonas rurais) (máximo 20 puntos).

II. Novas alternativas (máximo 30 puntos):

a) Novas alternativas produtivas. Criterio que trata de impulsar a adquisición de novas competencias en procesos agrarios e industria agroalimentaria como alternativa aos xa establecidos, está relacionado directamente coa área focal 2A (mellorar os resultados económicos das explotacións e facilitar a reestruturación e modernización destas) (10 puntos).

b) Desenvolvemento de novos procesos e novas tecnoloxías. Este criterio fundaméntase na valoración da adquisición de novas competencias en procesos agrarios e industria agroalimentaria. E está directamente relacionado coa área focal 2A (mellorar os resultados económicos das explotacións e facilitar a reestruturación e modernización destas):

– Novos procesos (10 puntos).

– Novas tecnoloxías (10 puntos).

III. Desenvolvemento de accións en zonas de montaña. En aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013 (definidas na medida 13 do PDR de Galicia 2014-2020) (10 puntos).

IV. Temática das actividades. Con este criterio preténdese incentivar e fomentar a innovación aplicada a distintas e diversas actividades no ámbito rural. Este criterio aplícase fundamentalmente no ámbito de actuación da área focal 1A (fomentar a innovación, cooperación e o desenvolvemento da base de coñecemento nas zonas rurais) e a área focal 2A (mellor os resultados económicos das explotacións e facilitar a reestruturación e modernización destas co obxecto de incrementar a súa orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola) (máximo 100 puntos):

– Incorporación das TIC aos procesos produtivos e/ou de xestión e/ou a accións de información: 20 puntos.

– Actividades formativas de innovación en procesos agrarios: 10 puntos.

– Xestión empresarial. Emprendemento. Xestión comercial. Comercio exterior: 10 puntos.

– Reestruturación de explotacións: 5 puntos.

– Seguridade alimentaria, calidade, prevención de riscos e ambiente na industria alimentaria: 5 puntos.

– Mantemento e loxística na industria agroalimentaria: 5 puntos.

– Sistemas de calidade: 5 puntos.

– Actividades formativas de innovación en tecnoloxías: 10 puntos.

– Actividades formativas de innovación en novos produtos: 10 puntos.

– Agricultura ecolóxica: 10 puntos.

– Control integrado de pragas: 10 puntos.

– Eficiencia na xestión e uso dos recursos naturais: 10 puntos.

– Restauración, preservación e mellora de ecosistemas: 10 puntos.

– Xestión do solo. Conservación do solo: 10 puntos.

– Uso eficiente da auga na agricultura: 10 puntos.

– Enerxías renovables: 10 puntos.

– Medidas agroambientais: 10 puntos.

– Biodiversidade: Rede Natura 2000: 10 puntos.

V. Destinatarios das accións. Este criterio fundaméntase na área focal 2B (facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados e en particular para o relevo xeracional), en aplicación do artigo 7 do Regulamento 8 (UE) 1305/2013, así como as demais directivas europeas de aplicación para a igualdade de xénero (máximo 20 puntos):

– Mozos/as agricultores/as: 20 puntos.

– Mulleres agricultoras: 20 puntos.

– Persoas que se incorporen ao sector primario maiores de 41 anos: 10 puntos.

– Agricultor activo: 10 puntos.

VI. Experiencia da entidade solicitante. Este criterio establécese en base á necesidade de asegurar a calidade en todos os procesos de aprendizaxe, para o cal valorarase á entidade solicitante unha solvencia técnica demostrable (máximo 15 puntos):

a) Acreditar experiencia na organización de formación, información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios:

– De seis meses e un día ata 2 anos: 5 puntos.

– De 2 anos e un día a 4 anos: 10 puntos.

– Máis de 4 anos e un día: 15 puntos.

b) Acreditar experiencia nunha actividade produtiva ou profesional nalgún dos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios. Experiencia da entidade solicitante:

– De seis meses e un día ata 2 anos: 5 puntos.

– De 2 anos e un día a 4 anos: 10 puntos.

– Máis de 4 anos e un día: 15 puntos.

A solicitude de axuda deberá acadar unha puntuación mínima exixible que se corresponderá co 30 % da puntuación máxima total que se pode acadar no procedemento de valoración. A puntuación máxima e mínima que pode acadar unha solicitude é de 205 e 62 puntos respectivamente.

A axuda poderá adoptar a forma de subvención anual, convocada en réxime de concorrencia competitiva, segundo as bases reguladoras establecidas para o efecto.

A selección das solicitudes en función dos criterios establecidos nesta submedida será realizada a través dunha comisión de valoración, nomeada para os efectos polo órgano competente. A actuación da dita comisión como órgano colexiado estará suxeita ao establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do Sector público.

Seleccionaranse aquelas actuacións que obteñan unha maior puntuación como resultado de aplicar a matriz de criterios de selección.

En caso de empate resolverase segundo as solicitudes que obtivesen maior puntuación nos criterios e na orde seguinte:

1. Actividades dirixidas preferentemente a mozos/as e mulleres do medio rural.

2. Actividades para a xestión sustentable dos recursos naturais.

3. Actividades de demostración de proxectos innovadores.

10. Xustificación e pagamento das subvencións.

10.1. Para a xustificación e pagamento das subvencións procederase conforme o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10.2. Con carácter xeral, a xustificación da axuda de cada unha das actividades realizarase dentro dos quince días seguintes á súa finalización e coa data límite do 31 de outubro de 2017 na anualidade 2017 e do 31 de outubro de 2018 na anualidade 2018.

10.3. A xustificación da axuda para cada tipo de gasto subvencionable realizarase de acordo coas seguintes normas:

a) Presentación dos recibos ou facturas orixinais correspondentes aos gastos de profesorado ou relatores, acompañados da fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Ao confeccionar o recibo terase en conta a retención aplicable no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

b) Presentación das facturas orixinais xustificativas dos gastos realizados. Xunto coas facturas presentaranse os seus correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Con carácter xeral, os gastos xustificaranse mediante recibo, factura ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xunto coa fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Non se admitirán os pagamentos en metálico.

Documentos exixidos para xustificar o pagamento de facturas:

Realizarase mediante a achega orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a continuación:

– Como regra xeral, presentaranse a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (extractos ou certificacións bancarios) debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No xustificante de pagamento constará o número de factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

d) As facturas orixinais deberán ter os distintos conceptos que inclúa e o IVE desagregados, ademais de reunir o resto dos requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación.

e) Remitirán unha memoria final en que resuman, de forma detallada as actividades desenvolvidas.

10.4. De acordo co establecido no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas axudas ao desenvolvemento rural, os controis administrativos das solicitudes de axuda incluirán, entre outras cousas, a moderación dos custos propostos, que se avaliará mediante un sistema adecuado de avaliación. O sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polos beneficiarios na xustificación da axuda será:

Para o resto dos gastos realizados, a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os beneficiarios das axudas deberán achegar coa xustificación:

1º. Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

2º. Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Naqueles casos de custos de pouca contía (máximo de 300 euros), poderase substituír o sistema de comparación de ofertas diferentes pola referencia a prezos de mercado ou a bases de datos de prezos. Cómpre recordar que os custos, con independencia da súa contía, deberán analizarse mediante un sistema de avaliación axeitado como custos de referencia, facendo unha actualización periódica de bases de datos, un comité de expertos ou a comparación de ofertas diferentes. Neste último caso, deberá comprobarse que as ofertas son auténticas e non de compracencia (contido idéntico, erros idénticos, aparencia sinxela, etc.), de provedores reais e independentes, que estean o suficientemente detalladas e inclúan os mesmos elementos para ser comparables.

Malia o anterior, segundo o recollido no artigo 24.2 do Regulamento 65/2011 e o artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano xestor poderá comprobar en calquera dos tres sistemas de moderación o valor de mercado dos gastos.

10.5. No momento da xustificación final do gasto o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas nesta orde.

10.6. O persoal da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal marcará cun selo os recibos e as facturas orixinais presentados na xustificación, indicando o financiamento con fondos Feader e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, sinalando neste último caso a contía exacta que resulte afectada pola subvención.»

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

Esta corrección de erros non modifica o prazo de presentación de solicitudes.