Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2017 Páx. 2590

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 29 de decembro de 2016 pola que se anuncia a convocatoria de subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2016/17 (ED101A).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2 e 148.1.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantiren o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, o artigo 14 da citada lei establece expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo encoméndaselles ás autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que, ao remate dos ciclos educativos en que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado coñeza esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Nesta mesma liña, tamén se pronuncian a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias de 1992 (ratificada polo Goberno español en 2001), o Plan xeral de normalización da lingua galega (aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro de 2004) e a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

Deste obxectivo nace a necesidade de adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, afastado de usos sexistas e respectuoso coa situación sociolingüística en que se enmarca cada centro. Con este obxectivo, a consellería competente en materia de educación establecerá un programa de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

O devandito decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o seu uso nos centros educativos sostidos con fondos públicos, así como a coordinación destes a través das respectivas comisións que se constituirán en cada xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Estes equipos terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos e contarán co apoio técnico necesario. Ademais, os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos e pedagóxicos e de material en galego.

Polo tanto, e co fin de valorar e apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino, considérase necesario, ao igual ca en exercicios anteriores, convocar axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privado. A achega económica que se lle asigne a cada proxecto determinarase segundo os criterios establecidos na convocatoria.

Neste caso, segundo o establecido no artigo 2.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se lles asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria terán carácter de subvención e estarán destinadas á execución dos proxectos de fomento do uso do galego polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino privado. É por isto que as bases que rexen esta convocatoria seguen o estipulado polo artigo 14 da devandita lei.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Anunciar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privado de Galicia para o curso escolar 2016/17, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

O establecemento de subvencións para a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de ensino de Galicia, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega e polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino que conten con menos de seis unidades, durante o curso escolar 2016/17. As subvencións reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados. En todo caso, a suma das contías recibidas non pode superar o 100 % do custo total das actividades do proxecto.

2. Persoas beneficiarias.

Os centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario, sexan persoas físicas ou xurídicas, que cumpran os requisitos e as condicións que se establecen nesta orde.

As persoas beneficiarias deberán cumprir os requisitos e as obrigas sinalados nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Requisitos.

3.1. Os proxectos e as actividades desenvolvidos ao abeiro desta convocatoria deberanse presentar e desenvolver de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.

3.2. Para cumprir coa obriga da axeitada publicidade que impón o artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os centros que reciban subvencións para elaborar os proxectos de fomento do uso do galego ao abeiro desta convocatoria están obrigados a integrar o logotipo oficial dos equipos de dinamización da lingua galega tanto nos seus espazos web como nos documentos que difundan as actividades destes equipos. Para poder facelo, a coordinación territorial dos equipos de dinamización da lingua galega remitiralles aos centros o correspondente arquivo. Da mesma forma, a páxina web do centro deberá incluír, entre a información das súas instalacións, imaxes e unha descrición mínima do equipo de dinamización da lingua galega, así como dos seus principais recursos e servizos á comunidade educativa.

4. Dotación orzamentaria.

O crédito destinado ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados ascende á cantidade de 22.600 euros, salvo que se produza un incremento do crédito de acordo co previsto no artigo 31, número 2, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este crédito financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.151A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2017.

En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 e ao disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

5.1. Os centros de ensino privado de Galicia que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I desta orde.

5.2. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED101A, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e na páxina web http://www.lingua.gal, que permiten cubrir e editar a solicitude.

5.3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para as persoas que as representen.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5.4. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

6. Documentación que se achegará coa solicitude.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

6.1. Copia do proxecto, asinado pola persoa coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá analizar a realidade concreta do centro e, a partir dela, establecer os obxectivos e deseñar as actividades que permitan modificar a situación de partida. Desenvolverá os seguintes puntos:

a) Breve estudo sociolingüístico actualizado en que se tocarán os puntos que se indican a continuación:

– A contorna sociolingüística do centro.

– A situación do profesorado.

– A situación do alumnado.

– A situación lingüística do centro.

b) Descrición dos obxectivos adecuados a cada un dos catro puntos anteriores.

c) Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

6.2. Cadro resumo das actividades asinado polo director ou directora do centro. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporización, o nome da actividade, a persoa ou persoas responsables e o departamento ou departamentos correspondentes, os destinatarios e destinatarias, así como o orzamento previsto e o material necesario para a realización das actividades. O modelo deste cadro resumo figura no anexo II desta orde.

6.3. Copia cotexada do NIF do centro, se é unha persoa xurídica, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Copia cotexada do DNI ou NIE do seu titular, se é unha persoa física, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

6.4. O centro deberá acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión da subvención, e con carácter previo ao seu pagamento, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

A documentación complementaria presentarana por vía electrónica aquelas persoas obrigadas a esta. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A documentación complementaria, e só para o caso daquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, tamén poderá presentarse por vía electrónica ou en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que os documentos presentados de forma electrónica pola persoa solicitante ou o seu representante superen os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, os protocolos e o tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

7. Procedemento.

7.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, os gabinetes provinciais de normalización lingüística revisarán as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de que as solicitudes estean incompletas, de que conteñan erros ou de que non se achegue toda a documentación acreditativa dos requisitos exixidos nesta convocatoria, requiriranse as persoas solicitantes para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, coa indicación de que, de non o faceren, se considerará que desisten da súa petición e arquivarase o seu expediente na forma e nos termos indicados no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e consonte o artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, os requirimentos faranse mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

7.2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisións de cualificación.

Unha vez que se completen os expedientes administrativos, cualificaranse os proxectos que resulten admitidos por seren presentados no tempo e na forma que correspondan. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial de normalización lingüística unha comisión provincial de cualificación, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos na sección terceira do capítulo II, título preliminar, artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección terceira do capítulo I, título I, da Lei 16/2012, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Cada comisión provincial estará integrada por:

Presidencia:

– O xefe ou xefa do gabinete provincial de normalización lingüística.

Vogais:

– O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega.

– Un ou unha representante da Inspección Educativa, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Unha persoa especialista en planificación lingüística, designada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle, poderán designarse ata tres especialistas máis por comisión.

– Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de dinamización da lingua galega, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Secretaría:

Desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete provincial de normalización lingüística ou xefatura territorial, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No seo das comisións provinciais, poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise polo miúdo dos proxectos.

9. Criterios para a cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

9.1. A calidade do proxecto terá un peso do 80 %. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A porcentaxe do 80 %, correspondente á calidade, será puntuada de 0 a 24 puntos. As variables que se avaliarán coas respectivas puntuacións, repartidas de xeito proporcional, serán as seguintes:

a) Grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado dos distintos departamentos, alumnado dos distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos): de 0 a 4 puntos. Esta puntuación distribúese proporcionalmente en función do número de membros da comunidade que participen no proxecto.

– A participación dos membros da comunidade educativa: ata 3 puntos.

– A participación de membros alleos á comunidade educativa: ata 4 puntos.

b) Nivel de utilización das novas tecnoloxías: de 0 a 4 puntos.

– Creación de páxinas web e de blogs, intercambio de mensaxes na rede entre as persoas coordinadoras dos equipos de dinamización da lingua galega ou, de non haber equipo, da persoa coordinadora desta materia: ata 1 punto, que se repartirá proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas empregadas.

– Mantemento de páxinas web, de blogs e de contas nas redes sociais (Facebook, Tuenti...), realización de videoconferencias, intercambio de mensaxes de correo entre o alumnado, traballos con códigos QR: ata 2 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

– Aplicacións para móbiles, radio ou TV con emisións de maneira puntual, revista dixital e obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías...: ata 3 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

– Audiovisuais (curtas, documentais...), radio diaria ou semanal na aula, TV, musicais...: ata 4 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

c) Grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro: de 0 a 4 puntos.

– Colaborar cunha institución, entidade ou asociación, asistindo ás actividades que organiza: ata 2 puntos, ponderados proporcionalmente ao número de actividades.

– Colaborar cunha ou varias institucións, entidades ou asociacións, de maneira que sexa o centro o que organice de xeito puntual as actividades: ata 3 puntos, ponderados proporcionalmente ao número de actividades.

– Colaborar de xeito permanente –é dicir, ao longo do curso escolar– cunha ou varias institucións, entidades ou asociacións, na organización de actividades: ata 4 puntos.

d) Grao de colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou na realización de actividades dinamizadoras: de 0 a 4 puntos.

– Colaborar na realización de actividades habituais entre centros da mesma localidade, cos mesmos ou similares niveis educativos: ata 1 punto.

– Colaborar na realización de actividades habituais entre centros da mesma localidade ou de localidades próximas, con diferentes niveis educativos, ou na realización de actividades excepcionais (xornadas de portas abertas...), sen ter en conta o ámbito xeográfico: ata 2 puntos.

– Colaborar na realización de ata tres actividades con outros centros da comarca ou de comarcas próximas: ata 3 puntos.

– Colaborar na realización de máis de tres actividades con centros de ámbitos xeográficos distintos ou realizar unha iniciativa con carácter anual (ao longo de todo o curso escolar): ata 4 puntos.

e) Realización de actividades plurianuais: de 0 a 4 puntos.

f) Tipoloxía de actividades organizadas ao longo do curso: de 0 a 4 puntos.

Esta tipoloxía de actividades abrangue celebracións e festas tradicionais, promoción da lingua oral, promoción da lingua escrita, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), dinamización do centro, dinamización da contorna, intercambios e posta en valor da lingua mediante a cultura e a etnografía.

Establécese a puntuación do seguinte xeito:

– Ata dous tipos de actividades: 1 punto.

– De tres a catro tipos de actividades: 2 puntos.

– De cinco a seis tipos de actividades: 3 puntos.

– Máis de seis tipos de actividades: 4 puntos.

9.2. O número de estudantes terá un peso do 20 %. A cada centro concederánselle 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.

10. Contías máximas por proxecto.

a) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula superior a 50 alumnos e alumnas é de 800 euros.

b) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros cunha matrícula comprendida entre 25 e 50 alumnos e alumnas é de 300 euros.

c) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros cunha matrícula inferior a 25 alumnos e alumnas é de 150 euros.

11. Criterios para a repartición das axudas concedidas.

Unha vez que as comisións provinciais avalíen e fixen a puntuación que ten cada proxecto, establécense os seguintes criterios para a repartición das axudas:

11.1. Distribuiranse 19.000 € da seguinte maneira: fixarase un valor económico por cada punto obtido nos proxectos e a multiplicación dese valor polo total dos puntos acadados por cada proxecto dará como resultado a contía económica da axuda que recibirá cada un.

11.2. A maiores, distribuiranse 3.600 € entre os proxectos dos centros cunha matrícula superior a 50 alumnos e alumnas que acaden 22 ou máis puntos na epígrafe 9.1, Calidade do proxecto. Ningún centro poderá recibir máis de 300 € nesta distribución.

En caso de que non se reparta a totalidade desta contía, o remanente sumaráselle á cantidade prevista no punto anterior.

11.3. En todo caso, ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda as máximas establecidas na epígrafe 10, nin o custo total do proxecto.

11.4. Tanto o establecemento do valor económico por cada punto obtido (11.1) como a distribución da cantidade prevista na epígrafe 11.2 fixaranse na Secretaría Xeral de Política Lingüística, nunha sesión conxunta, en que participarán o presidente ou presidenta de cada comisión provincial e un técnico ou técnica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

12. Proposta de resolución.

Unha vez rematadas as sesións, as comisións provinciais elaborarán un informe onde se concrete o resultado da avaliación efectuada e unha listaxe coa puntuación outorgada a cada solicitante admitido. Este informe trasladaráselle á xefatura do gabinete de normalización lingüística da provincia que corresponda, quen formulará unha proposta provisional de resolución de adxudicación en que conste a puntuación acadada para cada centro admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Estas propostas faranse públicas na web http://www.lingua.gal

Os centros interesados disporán de dez días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta de resolución provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a xefatura do gabinete de normalización lingüística, nos lugares e na forma indicados na base quinta da convocatoria. En todo caso, os centros que presenten alegacións enviaranlles un correo electrónico aos gabinetes de normalización lingüística da súa provincia, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Logo de examinar as alegacións achegadas, se é o caso, e de realizar a sesión de valoración económica por cada punto obtido de acordo co disposto na base 11.4, a xefatura do gabinete de normalización lingüística de cada provincia formulará a proposta de resolución definitiva ante o respectivo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta proposta constará a puntuación do proxecto, o valor económico por punto e a contía da axuda.

13. Resolución.

Ao abeiro da disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro), delégase nos respectivos xefes e xefas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a competencia para resolver a convocatoria, asignarlle o financiamento definitivo a cada proxecto e pagarlle os importes correspondentes a cada centro de ensino adxudicatario da súa provincia. A resolución definitiva do procedemento de concesión farase no prazo de quince días desde a data de traslado da proposta de resolución e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web http://www.lingua.gal, logo da súa fiscalización por parte das intervencións territoriais, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os centros de ensino interesados.

Contra a resolución de concesión, os centros interesados poderán interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o órgano que a ditou (é dicir, a xefatura territorial correspondente), no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, quen resolverá por delegación de acordo co disposto na disposición adicional da referida Orde do 25 de xaneiro de 2012, ou ben poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

As solicitudes entenderanse desestimadas se non se dita resolución expresa no prazo de catro meses, que se contarán a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

14. Xustificación do gasto.

14.1. A data límite para presentar a xustificación dos gastos correspondentes aos centros que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria para o curso 2016/17 é o 30 de xuño de 2017. Deberá presentarse ante os gabinetes provinciais de normalización lingüística da mesma forma que a sinalada no punto 5 desta orde.

Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

14.2. A xustificación incluirá a seguinte documentación:

a) Relación numerada das actividades desenvolvidas no proxecto, co importe do gasto asociado e o material empregado, segundo o modelo do anexo IV desta orde.

b) Memoria descritiva e gráfica asinada pola persoa coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega, co visto e prace do director ou directora do centro. Nela aparecerán todas as actividades realizadas, detallaranse aquelas para as que se concedeu a asignación económica e relacionarase cada gasto en que se incorreu coa actividade do proxecto a que vai imputado.

Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e proporanse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

c) Facturas orixinais correspondentes ao ano 2017, comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño e expedidas a nome do centro, e xustificación acreditativa do seu pagamento. Tamén se poderán presentar copias compulsadas segundo o establecido nas disposicións vixentes. Tanto nunhas coma noutras deberase expresar, de xeito explícito, o concepto e a súa relación coas actividades programadas.

Para a súa consideración como subvencionable, entenderase como efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase achegar unha relación delas en que se especifique o emisor, o número de factura e o importe.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, coa indicación do importe concedido e da súa procedencia, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo III desta orde.

e) Poderase pedir calquera outra documentación complementaria que se considere necesaria para a xustificación.

14.3. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

15. Pagamento.

O aboamento da subvención asignada realizarase logo de que cada centro privado beneficiario da subvención xustifique o gasto, de acordo co previsto na base anterior.

O pagamento non poderá ser superior á contía concedida na resolución da convocatoria, nin aos gastos realmente realizados, de seren estes inferiores ao importe concedido. No caso de que ao centro se lle conceda outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto, o importe da axuda concedida con cargo a esta convocatoria minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo das actividades do proxecto.

Os pagamentos serán efectuados a través das respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

16. Perda do dereito ao cobramento da subvención.

O centro perderá o dereito ao cobramento da subvención concedida polas seguintes causas:

– Xustificacións presentadas fóra do prazo (con posterioridade ao 30 de xuño de 2017).

– Non realización das actividades e/ou incumprimento dos fins, obxectivos ou variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

– Incumprimento na execución do proxecto no tocante ao punto 3 da convocatoria.

17. Perda ou modificación da subvención.

Estarase obrigado ao reintegro –total ou parcial– da subvención no suposto de que non se cumpran as condicións establecidas para a súa concesión e á modificación da subvención como consecuencia da alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

18. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos serán realizados polos coordinadores e coordinadoras provinciais dos equipos de dinamización da lingua galega sobre a base das memorias de xustificación.

19. Desconcentración de créditos.

Para unha xestión máis eficaz, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria nas correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en que teñen establecida a súa sede os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia.

20. Consentimentos e autorizacións.

20.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

20.2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponden.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou a quen a represente a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

20.3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou por quen a represente comportará a autorización ao órgano xestor para que solicite as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou o seu representante poderán denegar expresamente o consentimento, caso en que deberán presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

20.4. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

20.5. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

21. Notificación electrónica.

21.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

21.2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notific@ dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

21.3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

21.4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

22. Datos de carácter persoal.

De acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, sempre que as persoas interesadas autoricen o seu tratamento e publicación mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico dirixido a: sxt.cultura.educacion@xunta.gal

23. Normativa aplicable.

A esta orde seranlle de aplicación as normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), e o seu desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

24. Réxime de recursos.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante a interposición dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para que adopte todos os actos e medidas necesarios para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file