Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2017 Páx. 4132

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2017, co obxecto de coñecer a lingua dese país.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

As liñas de axuda deseñadas pola Consellería pretenden cubrir, na medida do posible, as necesidades do alumnado universitario, liñas que, para a súa eficacia e eficiencia, deben adaptarse, entre outras, ás necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior que exixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional.

Neste marco, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera prioritario seguir coa súa política de apoiar economicamente as iniciativas do alumnado do Sistema universitario de Galicia que poidan contribuír a enriquecer os seus coñecementos lingüísticos e a súa cualificación.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, 150 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2017 do alumnado universitario matriculado no curso 2016/17 nalgunha das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2017, cunha contía global de 135.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da Consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Período e dotación da axuda

1. As actividades para as cales se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2017, ambos os dous inclusive.

2. A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será dun máximo de 900 euros.

Artigo 4. Requisitos dos/das solicitantes

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2016/17, como mínimo en 50 créditos, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica, e ter superado 60 créditos con anterioridade á data de publicación da orde na titulación que está a realizar.

O alumnado que estea matriculado no traballo fin de grao poderá incluír os créditos que lle correspondan dentro do mínimo dos 50 créditos exixidos.

b) O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

2. Queda excluído desta convocatoria:

a) O alumnado que xa resultase beneficiario desta axuda en anteriores convocatorias.

b) O alumnado que durante o curso 2016/17 sexa adxudicatario dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+, sempre e cando a estadía que pretenda realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país en que se está a desenvolver o devandito programa.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED416A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 14 de marzo de 2017.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial completa emitida pola universidade correspondente, nun período non anterior a un mes á data de presentación da solicitude, na cal se farán constar as materias ou créditos en que está matriculado/a no curso académico 2016/17, así como a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

O alumnado que estea cursando estudos de 2º ciclo (licenciatura, arquitectura e enxeñaría), por acceder desde unha titulación de 1º ciclo ou desde o 1º ciclo doutra titulación, deberá enviar ademais unha copia da certificación académica oficial relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, o alumnado que cursase estudos oficiais de grao, por acceder desde unha titulación de primeiro ciclo ou primeiro e segundo ciclo, deberá presentar unha copia da certificación académica oficial completa na cal se inclúa o recoñecemento dos créditos das materias cursadas neles.

b) Programa do curso de idiomas para o cal se solicita a axuda, no cal deberán figurar o centro e lugar de destino, o período de duración, as datas de realización do curso e o número de horas lectivas semanais.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos de todas as persoas solicitantes en poder das administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez examinadas estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, e sinalará os motivos de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.gal/, na epígrafe de ensinanza/universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días e, durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e nas condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretaria: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 11. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria realizaraa a Comisión Avaliadora e dará prioridade a aquelas que no expediente académico teñan unha cualificación da nota media máis alta.

2. A nota media calcularase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

3. No caso de empate na nota media do expediente académico, terá preferencia para a concesión da axuda aquel alumnado que teña superado un maior número de créditos.

4. Así mesmo, a Comisión elaborará unha listaxe de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na cal figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria, non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios/as da axuda.

Artigo 12. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

2. A Secretaría Xeral de Universidades comunicará a proposta de resolución ás persoas seleccionadas como beneficiarias. A comunicación realizase por algún dos medios indicados na solicitude (teléfono móbil ou correo electrónico).

No caso de rexeitar a bolsa, deberán renunciar nun prazo de cinco días contados desde a data da recepción da comunicación, a través do modelo normalizado de renuncia dispoñible na carpeta do cidadán da persoa interesada.

3. No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, tendo en conta o remanente de crédito, a Secretaría Xeral de Universidades comunicará a proposta ás persoas que figuren na listaxe de suplentes pola orde que nela aparecen.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notific@ dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe de beneficiarios/as das axudas.

b) Listaxe de suplentes en que figurarán os/as alumnos/as que, reunindo os requisitos exixidos, non acadaron un número de orde que lles permita seren adxudicatarios/as da axuda.

c) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
http://www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As persoas solicitantes ás cales lles sexa denegada a axuda, poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 16. Xustificación e prazo de xustificación

1. As persoas que figuran na listaxe de concedidos, así como as da listaxe de suplentes, se as houber, presentarán na Secretaría Xeral de Universidades os seguintes documentos xustificativos:

a) Orixinal ou copia cotexada do certificado de asistencia ao curso para o cal lle foi concedida a axuda. O certificado deberá especificar o lugar, as datas de realización, a duración do curso (mínimo tres semanas) e o número de horas lectivas semanais (mínimo 15 horas semanais). No caso de estar en lingua estranxeira, deberá traducirse para algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma.

b) Orixinal ou copia da documentación acreditativa dos gastos derivados do desprazamento de ida e volta do país de orixe ao país de destino.

2. A dita documentación poderase presentar desde a finalización do curso ata o día 12 de setembro de 2017.

Artigo 17. Obrigas dos/das beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades, unha vez finalizada a actividade, a documentación que se solicita no artigo 16.

b) Comunicar por escrito a renuncia á axuda, no caso de producirse, e a causa que determine a dita renuncia.

c) Informar o órgano que concede a axuda da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo desta orde, segundo se regula no artigo 11 do regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 18. Incompatibilidade, alteración, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que as conceda.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Así mesmo, procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxu@edu.xunta.es

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file