Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2017 Páx. 4558

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O Decreto 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que imparten ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, foi desenvolto, no relativo ao procedemento de admisión, pola Orde do 12 de marzo de 2013.

Logo da aprobación de novas disposicións normativas como a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que reforma os artigos 84.2 e 87.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, é oportuno realizar varias adaptacións.

A través da presente modificación do procedemento de admisión do alumnado trátase de dar o soporte xurídico necesario para implementar a aplicación informática «admisionalumnado» a partir do curso escolar 2017/18. Esta aplicación permitirá presentar as solicitudes e a documentación e tramitar o procedemento de forma electrónica, garantindo a tutela deste dereito da cidadanía, facilitando e axilizando a xestión por parte dos centros docentes.

Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no uso das facultades conferidas na disposición derradeira primeira do Decreto 254/2012, do 13 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 12 de marzo de 2013 do procedemento de admisión de alumnado

A Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modifícase nos termos sinalados nos números seguintes.

Un. O número 2 do artigo 10 (Prioridade do alumnado procedente de centros adscritos) queda coa seguinte redacción:

«2. O alumnado que pretenda continuar estudos nun centro de adscrición, para os efectos de reserva de praza neste, deberá presentar no centro de orixe ou a través da aplicación «admisionalumnado» (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) o formulario normalizado (ED550A) que se publica como anexo I desta orde. O prazo de presentación estará comprendido entre os días 1 e 15 de febreiro de cada ano.

O formulario normalizado será facilitado gratuitamente nos correspondentes centros docentes e tamén estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, na aplicación «admisionalumnado» e na páxina web da consellería competente en materia de educación».

Dous. Introdúcense os números 3 e 4 no artigo 13 (Información ao alumnado e ás familias) coa seguinte redacción:

«3. Así mesmo, o alumnado e as familias poderán consultar o estado de tramitación das súas solicitudes a través da aplicación informática «admisionalumnado» (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) utilizando o código de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante».

«4. A notificación electrónica a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notific@ (https://notifica.xunta.gal) realizarase con respecto aos trámites e actos propios da competencia das xefaturas territoriais, sempre que a persoa elixira esta modalidade como medio de notificación preferente».

Tres. Modifícanse os números 3, 5 e 8 do artigo 14 (Solicitude de admisión) e introdúcese o número 9 no mesmo artigo coa seguinte redacción:

«3. O formulario normalizado (ED550B) será facilitado gratuitamente nos correspondentes centros docentes e tamén estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, na aplicación «admisionalumnado» (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) e na páxina web da consellería competente en materia de educación.

«5. As solicitudes de admisión, dirixidas á dirección dos centros públicos e á titularidade dos centros privados presentaranse mediante o formulario normalizado a través da aplicación de xestión do proceso «admisionalumnado» (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado).

Tamén se poderán presentar de forma presencial no centro docente indicado como primeira opción e, ademais, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado.

Sen prexuízo do anterior, a persoa titular da xefatura territorial poderá dispoñer que en determinadas localidades as solicitudes poidan presentarse nun único centro ou dependencia».

«8. O centro educativo deberá rexistrar a solicitude na aplicación informática de xestión do proceso, «admisionalumnado», no prazo dos tres días hábiles seguintes ao da súa presentación».

«9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Catro. Introdúcese o artigo 14 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 14 bis. Consulta automática de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante e dos membros computables da unidade familiar.

b) Domicilio fiscal.

c) Renda anual per cápita da unidade familiar.

d) Condición de familia numerosa.

e) Discapacidade do alumnado, do/da proxenitor/a, do/da titor/a ou dos/das irmáns/ás recoñecida pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos que acrediten calquera destas circunstancias.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos pola Administración ou polo centro docente, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes».

Cinco. O artigo 16 (Documentación) queda coa seguinte redacción:

«O/a proxenitor/a ou representante do alumnado deberá achegar coa solicitude de admisión a seguinte documentación:

a) Copia do DNI da persoa solicitante e dos membros computables da unidade familiar, cando denegue a súa consulta.

b) Documento acreditativo do requisito de idade do/da alumno/a.

c) Documento acreditativo de estar en disposición de reunir os requisitos académicos exixidos en cada nivel educativo ou etapa nos termos do anexo II.

d) Convenio regulador ou resolución xudicial de separación xudicial ou divorcio, se é o caso».

Seis. O número 1 do artigo 17 (Documentación cando a demanda de prazas escolares sexa superior á oferta) queda coa seguinte redacción:

«1. Logo de determinar que o número de solicitudes é superior ao de prazas ofertadas, o centro abrirá un prazo de 10 días hábiles, contados a partir dos 2 días seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes de admisión, para presentar, de forma presencial no centro, a documentación xustificativa dos criterios de baremo sinalada nos artigos 20 e seguintes desta orde.

Non obstante, só será necesario presentar a documentación relativa aos criterios de domicilio fiscal, renda per cápita da unidade familiar, condición de familia numerosa e de discapacidade do alumnado, do/da proxenitor/a, do/da titor/a ou dos/das irmáns/ás recoñecida pola Xunta de Galicia, cando a persoa interesada denegue expresamente a consulta automática segundo establece o artigo 14 bis desta orde».

Sete. Suprímese o número 5 do artigo 23 (Acreditación e valoración do criterio da renda anual per cápita da unidade familiar) e os números 6, 7 e 8 do mesmo artigo pasan a ser 5, 6 e 7, respectivamente.

Oito. O artigo 44 queda coa seguinte redacción:

«Artigo 44. Escolarización de alumnado por traslado de domicilio, ou por incorporación ao sistema educativo ou acollemento familiar

Nos supostos de escolarización de alumnado unha vez iniciado o curso escolar, por traslado do domicilio da unidade familiar que implique cambio de localidade, ou por incorporación ao sistema educativo, previstos no artigo 12 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro, a persoa titular da xefatura territorial poderá autorizar un incremento de ata o dez por cento do número máximo de alumnos e alumnas por unidade nos centros públicos e privados concertados dunha mesma área de influencia, para atender as necesidades que se produzan.

Así mesmo, poderá autorizar o devandito incremento de alumnado por unidade para atender situacións de acollemento familiar do alumno ou alumna, nos centros situados na área de influencia do domicilio familiar ou naquel en que estean escolarizados outros membros da familia».

Nove. Introdúcese a disposición adicional terceira, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional terceira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da dita consellería, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal».

Dez. Introdúcese a disposición adicional cuarta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional cuarta. Obriga dos centros de conservar as solicitudes e a documentación

Os centros docentes arquivarán, nun lugar seguro que garanta a imposibilidade de acceso, as solicitudes e documentación que conteñan datos de carácter persoal, agás a documentación relativa o alumnado non admitido no procedemento ordinario que se remitirá á xefatura territorial correspondente.

A documentación que non se incorpore ao expediente do alumnado deberá conservarse, como mínimo, ata que finalice o curso escolar a que corresponda a solicitude e, en caso de interposición de recursos en vía administrativa ou contencioso-administrativa, ata a súa resolución definitiva».

Disposición derradeira primeira. Formularios

Publícanse os novos anexos I e II da Orde do 12 de marzo de 2013 do procedemento de admisión de alumnado.

Disposición derradeira segunda. Autorizacións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarias para a aplicación do previsto nesta orde.

En particular, autorízase para modificar os anexos I, II e III coa finalidade da súa adaptación ao previsto na normativa vixente.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file