Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2017 Páx. 5348

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 23 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

A Constitución española no seu artigo 129.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando neste sentido, considerou adecuado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

O Consello Galego de Cooperativas emitiu informe sobre as bases reguladoras dos premios á cooperación, así como sobre a súa convocatoria para el año 2017.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras dos premios á cooperación

Artigo 1. Finalidade

Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Destinatarios

1. Poderán optar a estes premios as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo.

2. Será requisito necesario para participar estar ao día nas obrigas rexistrais co Rexistro de Cooperativas de Galicia.

3. Non poderán resultar premiadas aquelas cooperativas que resultasen premiadas en anos anteriores nos premios á cooperación cando os méritos alegados sexan substancialmente os mesmos.

4. Tampouco poderán resultar premiadas as cooperativas nas cales concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Premios

Outorgaranse os seguintes premios:

– Premio aos valores cooperativos.

– Premio ao mellor proxecto cooperativo novo.

– Premio á traxectoria cooperativa.

Artigo 5. Premio aos valores cooperativos

1. Outorgarase á cooperativa galega que máis destacase no impulso dos valores e principios cooperativos.

2. O tribunal valorará a traxectoria das candidatas, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos valores e principios cooperativos, a súa comunicación e difusión así como a súa adecuación ao marco socioeconómico galego. Os principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional son:

a) Adhesión voluntaria e aberta.

b) Xestión democrática por parte dos socios.

c) Participación económica dos socios.

d) Autonomía e independencia.

e) Educación, formación e información.

f) Cooperación entre as cooperativas.

g) Interese pola comunidade.

Os valores cooperativos son:

a) Axuda mutua.

b) Responsabilidade.

c) Democracia.

d) Igualdade.

e) Equidade.

f) Solidariedade.

g) Transparencia.

Artigo 6. Premio ao mellor proxecto cooperativo novo

1. Outorgarase á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade igual ou menor a corenta e dous meses, e que destaque nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

2. O tribunal terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada, entre outros, polo seu carácter innovador, a súa sustentabilidade, a súa repercusión positiva no seu contorno especialmente nos eidos económico, social, cultural e laboral.

Artigo 7. Premio á mellor traxectoria cooperativa

1. Outorgarase á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade maior de corenta e dous meses, e que destacase pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

2. O tribunal terá en conta especialmente a solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

Artigo 8. Candidaturas e documentación

1. A solicitude de participación deberá presentarse no modelo que figura como anexo I, no prazo indicado na convocatoria, e dirixirase á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

2. A solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) Datos identificadores da cooperativa: data de constitución, número e clase de socios, número de traballadores, actividade e volume de negocio anual.

b) Memoria explicativa dos méritos que distinguen a candidatura que permitan apreciar os criterios de valoración correspondentes á modalidade ou modalidades ás cales se presente. Esta memoria non poderá exceder as 20 páxinas e deberá incluír un índice e unha ficha resumo.

c) Documentación xustificativa dos méritos alegados en formato texto, vídeo, fotografía, etc., de modo que o xurado poida obter unha visión o máis completa posible.

d) Copia do DNI da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

3. A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinaturas admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 9. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás entidades interesadas aviso da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

5. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da entidade destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

6. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polo medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 10. Tribunal

1. Para a concesión dos premios á cooperación actuará como tribunal a comisión permanente do Consello Galego de Cooperativas, que emitirá proposta razoada sobre as candidaturas segundo os criterios sinalados nos artigos 5, 6 ou 6 segundo corresponda.

2. O tribunal poderá propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Artigo 11. Resolución e recursos

1. O tribunal fará pública a relación provisional dos premiados propostos na web http://emprego.ceei.xunta.gal/

2. Contra ela poderase presentar reclamación dirixido á presidencia do tribunal, presentándoa na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación. A dita presentación deberá facerse unicamente por medios electrónicos.

3. Transcorrido o prazo e de non existir reclamacións a proposta converterase en definitiva. De existir reclamacións o tribunal resolveraas, e emitirá a proposta definitiva de adxudicación dos premios.

4. A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a concesión dos premios que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. O prazo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

6. Unha vez publicada a resolución definitiva, as entidades premiadas dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais que se faciliten neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxa finalidade e usos é a xestión das relacións administrativas cos cidadáns, entre elas, procedementos administrativos, rexistros, portelo electrónico 24×7, axudas, subvencións e a xestión das relacións administrativas con entidades sen ánimo de lucro que manteñan relación coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 12. Aceptación e pagamento

1. A entrega das distincións aos gañadores terá lugar no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do Día do Cooperativismo Galego.

2. O pagamento ás cooperativas gañadoras será realizado de oficio pola Secretaría Xeral de Emprego.

3. A devandita documentación deberá presentarse na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), antes do 30 de setembro de 2017.

Artigo 13. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Emprego, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 14. Condicións xerais de participación

A participación nos premios supón a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e na súa falta pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administración públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán ir acompañadas dos documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que fosen elaborados por calquera Administración ou fosen achegados anteriormente pola persoa interesada, de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de participación pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro

1. As entidades beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II
Convocatoria dos premios á cooperación para o ano 2017

Artigo 17. Convocatoria

Convócanse os premios á cooperación para o ano 2017.

Artigo 18. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes remata o 30 de abril de 2017. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Contía dos premios

Outórganse os seguintes premios:

– Premio aos valores cooperativos, cunha dotación económica de 5.000 euros.

– Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, cunha dotación económica de 5.000 euros.

– Premio á traxectoria cooperativa, cunha dotación económica de 5.000 euros.

Artigo 20. Financiamento

A concesión das axudas económicas e premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324C.472.1 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega para o ano 2017, ata un importe máximo de 15.000 euros.

Artigo 21. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vai imputar o correspondente gasto.

Desta forma a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2017.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file