Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2017 Páx. 5707

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2017 pola que se convoca un posto de persoal directivo.

En virtude do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Aprobar as bases polas cales se rexerá o proceso de selección, que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. A presente convocatoria e as distintas resolucións que se diten ao longo do proceso de selección serán publicadas na páxina web gain.xunta.gal, no punto de procesos selectivos.

Cuarto. Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada perante o presidente da Axencia Galega de Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2017

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Código: IN.A11.00.004.15770.001.

Denominación do posto: director/a da Área de Centros.

Dependencia: Axencia Galega de Innovación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro).

Directivo do grupo III, nivel 2.

Tipo de persoal: alta dirección/funcionario (subgrupo A1).

ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto
de director/a da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación

1. Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de director/a da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación.

2. Vínculo.

O vínculo coa persoa seleccionada formalizarase mediante un contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, excepto no suposto de que a persoa seleccionada sexa funcionaria de carreira pertencente ao grupo A, subgrupo A1, en que o vínculo se formalizará mediante libre designación.

O/a director/a estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

O/a director/a, entre outros:

• Non poderá compatibilizar a súa actividade pública co desenvolvemento, por si mesmo ou mediante substitución de persoa interposta, de calquera outro posto, profesión ou actividade, públicos ou privados, por conta propia ou allea.

• Durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento, non poderá realizar actividades privadas relacionadas con expedientes sobre os que tivese ditado resolución no exercicio do cargo nin asinar contratos de asistencia técnica, de servizos ou similares coas administracións públicas. A aplicación deste pacto de non concorrencia (regulado no artigo 8 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto) xustifícase en termos de confidencialidade e implicará unha compensación económica axeitada ao/á director/a seleccionado/a.

3. Requisitos dos/das aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectada por limitacións físicas ou psíquicas incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter feitos os dezaseis anos.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral, no que fora separado ou inhabilitado.

f) Estar en posesión dunha titulación universitaria na área de enxeñaría.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.

4. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (praza de Europa, nº 10-A/6º B, Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso deberá remitirse por fax ao seguinte número: 981 95 73 80, e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Na solicitude os/as aspirantes deberán presentar declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Innovación para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Así mesmo, deberá presentar copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizados os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

Coa solicitude tamén deberá relacionar de xeito individualizado cada un dos méritos que alegue e xuntar a documentación acreditativa deles para a súa valoración, ben orixinal ben fotocopia cotexada.

Asemade, coa solicitude terá que achegarse o plan de actuación (recollido no punto 8 das presentes bases) en soporte papel e en formato electrónico.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións, sendo de responsabilidade do/da aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o décimo quinto día natural, contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Admisión de aspirantes.

Despois da finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia Galega de Innovación ditará resolución pola que se aproben as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

A lista publicarase na páxina web da Axencia Galega de Innovación e as persoas interesadas dispoñerán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución polo que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

6. Tribunal de selección.

O tribunal de selección será nomeado por resolución da directora da Axencia Galega de Innovación e será constituído unha vez publicada na web da Axencia Galega de Innovación a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

7. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso. A puntuación máxima do proceso de selección é de 100 puntos.

1. Primeira fase, eliminatoria: baremación de méritos alegados e valoración dun plan de actuación da Área de Centros. A puntuación máxima desta primeira fase é de 90 puntos, conforme a seguinte distribución:

1.1. Valoración dos méritos, cunha puntuación máxima de 60 puntos, na cal se terán en conta os seguintes aspectos:

1.1.1. Formación (máximo 18 puntos).

– Por dispor doutra titulación universitaria (a considerar: especializacións universitarias, doutorados, másters) e por formación en posgraos, todos eles impartidos por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologadas: 4 puntos por posuír, cando menos, dúas especializacións (especializacións universitarias, posgrao e doutorados) e 2 puntos por cada máster ata un máximo de 8.

– Por asistencia a cursos impartidos por organismos oficiais cunha duración igual ou superior a 20 horas lectivas no ámbito da investigación, innovación e transferencia tecnolóxica, 0,04 puntos por cada hora ata un máximo de 10.

1.1.2. Experiencia (máximo 42 puntos).

– Por experiencia laboral de, cando menos, 4 anos en tarefas de deseño, control, planificación, coordinación e xestión enfocada a sectores industriais, entre os cales se atopan dous ou máis que son considerados na RIS 3 de Galicia como sectores de impacto e de alta especialización en Galicia: tecnoloxías facilitadoras TEF, téxtil e confección, automoción, construción naval, madeireiro, pesqueiro, enerxético, sociosanitario e biotecnolóxico: 1 punto por cada ano ata un máximo de 8.

– Por experiencia laboral de, cando menos, 4 anos no deseño metodolóxico ou na avaliación de proxectos de I+D+i: 1 punto por ano ata un máximo de 8.

– Por experiencia laboral de, cando menos, 4 anos no desenvolvemento de actividades de transferencia tecnolóxica: 1 punto por ano ata un máximo de 8.

– Por experiencia laboral de, cando menos, 4 anos na definición e desenvolvemento de proxectos colaborativos no ámbito da tecnoloxía e a innovación: 1 punto por ano ata un máximo de 8.

– Por experiencia laboral de, cando menos, 4 anos no desenvolvemento de actividades de difusión e dinamización da I+D+i: 1 punto por ano ata un máximo de 7.

– Por experiencia na realización de actividades de formación e divulgación no ámbito da tecnoloxía e a innovación: 1 punto por cada actividade (relatorio/curso impartido) realizada ata un máximo de 3.

1.2. Plan de actuación da Área de Centros, cunha puntuación máxima de 30 puntos.

As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación en que se recolla a estratexia que se desenvolverá na Área de Centros da Axencia Galega de Innovación a medio prazo. Este plan deberá conter as principais accións que se porían en marcha, indicando unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se vai aplicar.

O plan non poderá superar os 50 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da Gain.

• Viabilidade, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se estiman para acadalos.

• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sostidos no tempo.

• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto.

• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

• Contido innovador do plan proposto, valorando a novidade do proxecto e a súa potencial achega inspiradora para futuras iniciativas.

Para proceder á valoración do plan de actuación (número 1.2), o/a candidato/a deberá obter, cando menos, 35 puntos na epígrafe de méritos (1.1).

Para acceder á segunda fase do procedemento selectivo, o/a candidato/a deberá obter, cando menos, unha puntuación total de 55 puntos na primeira fase. Calquera candidato/a cunha puntuación inferior á sinalada será excluído/a do procedemento de selección.

O tribunal de selección disporá da facultade de non convocar á defensa do plan de actuación (segunda fase) aqueles/as candidatos/as que, aínda superando os 55 puntos exixidos na primeira fase, dispoñan dunha puntuación cuxo valor numérico imposibilite matematicamente ser seleccionado/a en relación co resto dos/das candidatos/as.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega de Innovación e as persoas interesadas dispoñerán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola que se aprobe a lista coas puntuacións definitivas da primeira fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Os/as candidatos/as que superen a 1ª fase do procedemento selectivo serán convocados/as nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas baremacións definitivas para a defensa dos plans de actuacións.

2. Segunda fase: defensa do plan de actuación da Área de Centros.

A puntuación máxima correspondente á segunda fase é de 10 puntos.

A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuación serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Axencia Galega de Innovación con corenta oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberan presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

8. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obtivese maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º baremación de méritos e valoración do plan de actuación; 2º defensa do plan de actuación).

De persistir o empate, resolverase a favor do/da aspirante que teña a maior puntuación no apartado de experiencia laboral. Se aínda así persiste o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Innovación as puntuacións obtidas polos aspirantes con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará ao director da Axencia Galega de Innovación a proposta a favor do aspirante que teña obtido a maior puntuación.

O nomeamento corresponde ao Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación, por proposta motivada da Dirección.

Se non se presentaren solicitudes, se ningunha das rexistradas cumprir os requisitos exixidos ou se se considera que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da directora da Axencia Galega de Innovación.

A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Forma de acreditación e valoración dos méritos.

A formación acreditarase mediante a presentación de fotocopia cotexada dos títulos ou certificados correspondentes á especialización, doutoramento, máster ou posgrao nos ámbitos establecidos, así como ás actividades formativas.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de aboamento de cotas ao réxime de autónomos se se alegan servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público, se é o caso. Ademais, o/a aspirante deberá anexar un certificado de tarefas, así como calquera outro documento que permita acreditar o cumprimento dos méritos asociados á experiencia laboral.

O tribunal non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2017

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO III
Modelo de solicitude

DATOS PERSOAIS

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data nacemento

Domicilio, rúa e nº

Provincia

Localidade

Teléfono

Correo electrónico

NO CASO DE PRESTAR SERVIZOS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA:

Vínculo xurídico

Categoría profesional

Situación administrativa

Destino actual

Dependencia

Localidade

SOLICITO: ser admitido/a na convocatoria para prover o posto de persoal directivo denominado director/a da Área de Centros, con código IN.A11.00.004.15770.001, anunciada pola Resolución ............................................................................, ao considerar que reúno os requisitos exixidos.

(Lugar, data e sinatura)

Axencia Galega de Innovación

Praza de Europa 10-A, 6º andar, As Fontiñas

15707 Santiago de Compostela