Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 9 de febreiro de 2017 Páx. 6347

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2017, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se publican as subvencións anuais da Comunidade Autónoma de Galicia para atender os gastos de funcionamento, aboadas ás diferentes formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia durante o ano 2016.

A Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, establece no seu artigo 31 que a Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos orzamentos xerais do exercicio correspondente, outorgará ás formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia e que así o soliciten en cada exercicio, subvencións para atender os gastos de funcionamento en que as ditas formacións incorran no territorio da Comunidade Autónoma. Estas subvencións recóllense expresamente no artigo 2 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, dentro da relación de recursos económicos das formacións políticas.

O artigo 33 da citada Lei 9/2015 establece como criterios de repartición o número de escanos e o número de votos obtidos por cada formación. A Resolución da Consellería de Facenda do 7 de abril de 2016, modificada pola do 22 de xullo do mesmo ano, procedeu a fixar a contía da subvención correspondente a cada unha das formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia para o exercicio 2016, de conformidade coas regras de repartición establecidas na lei. Non obstante, tras as eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o 25 de setembro de 2016, a Consellería de Facenda ditou novas resolucións no mes de decembro, realizando unha nova repartición da cantidade global pendente de aboar ás formacións políticas que obtiveron representación parlamentaria, correspondente ao período comprendido entre o 25 de setembro e o 31 de decembro de 2016.

Tendo en conta o anterior, as cantidades totais aboadas no ano 2016 a cada formación política con representación no Parlamento de Galicia foron as seguintes:

Formación

política

Importe

subvención

PP

1.046.930,56 €

PSdG-PSOE

443.033,78 €

BNG

199.048,12 €

Anova

103.264,49 €

Izquierda-Unida

103.264,47 €

En Marea

104.458,54 €

O que se fai público de conformidade co previsto no artigo 44 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, coa súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2017

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda