Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2017 Páx. 7083

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2017.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, que amplía a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realice unha política de fomento do movemento cooperativo e adopte as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas. O mesmo texto legal, na súa disposición adicional sétima, establece que a Xunta de Galicia poñerá en marcha accións de promoción, difusión, desenvolvemento, formación e fomento do cooperativismo no marco da súa acción política e como fórmula empresarial de creación e mantemento de emprego, cohesión territorial e vertebración económica e social de Galicia.

As cooperativas xunto con outras entidades (entre as que se atopan as sociedades laborais, os centros especiais de emprego, as empresas de inserción, as confrarías de pescadores e outras), forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: «o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos».

A economía social, polos seus principios, perfílase cada día máis como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. Co obxecto de promover o seu desenvolvemento creouse un instrumento de colaboración formado por entidades públicas e privadas que colaboran nun marco de actuación co mesmo obxectivo común de fomento, que presta especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. Este instrumento foi regulado mediante o Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.

De acordo co disposto no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e en aplicación do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndenlle á Secretaría Xeral de Emprego as competencias na comunidade autónoma en materia de cooperativismo e economía social.

O conxunto de axudas establecidas nesta orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e concrétanse en tres programas con entidades destinatarias diferenciadas.

A través do primeiro dos programas procúrase un axeitado desenvolvemento das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, subvencionando parcialmente os gastos de funcionamento das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, así como as actividades de promoción do cooperativismo e da economía social realizadas por estas.

O segundo programa impulsa a creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo no ámbito local, impulsadas por entidades locais de ámbito supramunicipal ou agrupacións de concellos, estimulando a participación da Administración local no labor de promoción e desenvolvemento da economía social.

Os programas anteriores son complementados por un programa que pretende incentivar a realización de actividades de promoción por parte de entidades que se incorporaron á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. Deste modo promóvese a efectiva participación nesta rede de entidades sen ánimo de lucro como asociacións e fundacións, de organizacións profesionais, empresariais e sindicais, universidades e cámaras de comercio.

Os tres programas comparten, en maior ou menor medida, o marco de actuacións que representa a Rede Eusumo, que permite a coordinación de actuacións e un maior e máis eficaz aproveitamento dos recursos dispoñibles para o labor de fomento.

Prevese o financiamento dos distintos programas con cargo a fondos propios e fondos finalistas cando se trate de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido no artigo 25 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, ao estar prevista a existencia de crédito suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para realizar actividades de impulso e fomento do cooperativismo e a economía social, a través dos seguintes programas de axudas:

Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais (procedemento TR802H).

Programa II. Oficinas locais de fomento cooperativo (procedemento TR802Z).

Programa III. Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social (procedemento TR811A).

Artigo 2. Principios de xestión

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda:

a) As asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I.

b) Os concellos de Galicia, a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios, dun consorcio local, ou dunha agrupación dun mínimo de catro concellos que pertenzan a unha mesma zona, nos termos e para as actuacións previstas no programa II.

c) As fundacións e asociacións, as cámaras de comercio, as universidades, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais e outras entidades sen ánimo de lucro, sinaladas nas alíneas d), e), f) e g) do número 1 do artigo 5 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento, que teñan formalizada a súa adhesión a esta rede por medio de convenio de colaboración, asinado con anterioridade á publicación desta orde, para as actuacións e nos termos previstos no programa III.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As asociacións de cooperativas, de sociedades laborais, as fundacións e asociacións, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais, así como outras entidades sen ánimo de lucro, deberán estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e cumprir os requisitos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

Artigo 4. Financiamento

1. A concesión das axudas previstas nos programas desta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego: 09.40.324C.481.1 para o programa I, 09.40.324C.460.0 para o programa II e 09.40.324C.481.1 para o programa III.

2. A distribución inicial de créditos fixarase para cada un dos programas recollidos no artigo 1 en cada convocatoria de axudas.

3. Os programas poderán ser atendidos con fondos propios libres e con fondos finalistas cando se trate de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

4. De producirse remanentes de crédito nalgún dos devanditos programas poderá procederse á reasignación das contías sobrantes entre os restantes.

5. Estes importes poderán verse modificados ou incrementados con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Capítulo II
Normas comúns, solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá excepcionalmente solicitar, de xeito motivado, a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Os interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 7. Emenda de solicitudes

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Subdirección Xeral de Economía Social, para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

No caso de que a solicitude sexa presentada de xeito presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, requirirase o interesado para que a corrixa a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.

2. Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Secretaría Xeral de Emprego, de ser o caso, así como as certificacións correspondentes aos datos indicados no número 1 do artigo 8.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coas solicitudes os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1, alínea d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxa finalidade é a xestión das relacións administrativas cos cidadáns, entre elas, procedementos administrativos, rexistros, portelo electrónico 24×7, axudas, subvencións, e a xestión das relacións administrativas con entidades sen ánimo de lucro que manteñan relación coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como responsable do ficheiro mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través de correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notific@, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación, que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras.

7. A comisión de avaliación das solicitudes presentadas estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Economía Social, que a presidirá, a persoa titular da xefatura do Servizo de Cooperativas e Economía Social e dúas persoas funcionarias designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, actuando unha delas como secretaria.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria.

8. A comisión de valoración levantará acta en que conste a valoración efectuada e trasladaralla ao órgano instrutor, quen formulará proposta de resolución.

Artigo 10. Criterios obxectivos de concesión

1. Os criterios de valoración das solicitudes serán os recollidos para os programas de axudas I, II e III nos artigos 29, 38 e 46, respectivamente. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas ou, de ser o caso, a cada unha das actividades para as que se solicita a subvención.

2. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtiveron a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

En caso de empate de puntos de baremación, asignarase a subvención ás entidades beneficiarias que empreguen a lingua galega na realización das actividades e, se persiste o empate, terán prioridade as solicitudes segundo a súa orde de entrada.

No suposto de ampliación do crédito, sexa por incremento da dotación ou por redistribución do crédito remanente doutros programas, e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes ou, de ser o caso, ás actividades seguintes na orde de puntuación.

Artigo 11. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses, contados desde a fin do prazo da presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Unha vez notificada a resolución, as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Execución das actividades

1. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva das entidades solicitantes, ben que a consellería debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas.

2. Con carácter previo á realización de actividades divulgativas ou formativas para as que se lle concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá poñer en coñecemento da Subdirección Xeral de Economía Social, cunha antelación mínima de cinco días ao seu inicio, os seguintes aspectos:

– Nome das actividades.

– Datas de inicio e remate e horario de impartición.

– Planificación temporal dos módulos da acción formativa.

– O enderezo completo do lugar de impartición.

– Relación nominal das persoas docentes con especificación do seu DNI.

3. De todo o material e documentación obxecto do financiamento da consellería, esta poderá facer uso coa finalidade de multiplicar o efecto promotor en toda a comunidade autónoma.

Artigo 13. Xustificación e pagamento

1. A xustificación do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención realizarase nos termos e condicións previstas nos capítulos III, IV e V desta orde.

2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo III, VI ou VIII, correspondentes aos programas I, II e III respectivamente, acompañada da documentación que se especifica nos artigos 30, 39 e 47 respectivamente.

A presentación das solicitudes de pagamento realizarase na forma sinalada no artigo 6.

3. A entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa da subvención no prazo fixado na resolución de concesión da axuda e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado de xeito extraordinario e por causas debidamente xustificadas, por un prazo que non exceda a metade daquel, sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros e que permita a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá á entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos da xustificación, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

6. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. Para estes efectos, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique mediante documentos bancarios, nos cales deberán quedar claramente identificadas as persoas ou entidades receptoras e as emisoras dos pagamentos, así como o concepto destes. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

7. A Subdirección Xeral de Economía Social analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará á Secretaría Xeral de Emprego, órgano competente para ordenar o pagamento.

8. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida como subvención.

9. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

10. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

11. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá excepcionalmente solicitar, de xeito motivado, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, xa se atope en poder da Administración actuante.

Artigo 14. Pagamento anticipado

Para os programas I e II, unha vez acreditada a aceptación da subvención e logo de solicitude, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe da subvención, sen que en ningún caso o pagamento anticipado poida superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, segundo o previsto nos artigos 63 e 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en referencia aos pagamentos anticipados e á exoneración da constitución de garantía por tratarse de entidades non lucrativas e administracións públicas.

Artigo 15. Gastos subvencionables

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, reunindo os requisitos establecidos para cada programa nos artigos 25, 33 e 42 respectivamente, de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía de 18.000 euros (IVE excluído), a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 16. Subcontratación

1. Autorízase a subcontratación con terceiros ata unha porcentaxe máxima do 50 % do custo total das actividades subvencionadas a través desta convocatoria, por cada unha das actividades, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

2. No caso de actividades consistentes en elaboración de estudos, informes, traballos de investigación e manuais divulgativos, así como dos plans estratéxicos a que se refire o parágrafo 5 do artigo 33 desta orde, o órgano concedente poderá autorizar a superación desta porcentaxe, en casos debidamente xustificados e logo de solicitude da entidade interesada.

Artigo 17. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

2. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde non poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria, no cal se incluirán todos os custos directamente derivados dela, tales como o custo total do activo e os custos de persoal calculados sobre o período que deban manterse os postos de traballo creados, de ser o caso.

3. O importe máximo das axudas para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nestas bases reguladoras para os distintos programas.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidade beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

f) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos termos establecidos na normativa vixente sobre actividades de información e publicidade. As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado tanto na súa forma coma na súa duración e deberán incluír a imaxe institucional da Xunta de Galicia e da Rede Eusumo, así como lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben mencións realizadas en medios de comunicación.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) As entidades beneficiarias do programa II deberán subscribir o convenio de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria para a realización de servizos de asesoramento, información e formación e a utilización da oficina de fomento cooperativo como punto da «Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social», nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da axuda

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 18, alíneas e) e f), dará lugar a un reintegro dun 2 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga establecida no artigo 18, alínea d), dará lugar ao seguinte reintegro da axuda concedida:

i. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, procederá ao reintegro do 5 % do importe da subvención percibida.

ii. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, procederá ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo de sancións que poidan corresponder.

d) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sobre infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións.

Artigo 21. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención, indicando expresamente a beneficiaria da subvención e o número de expediente.

2. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das persoas ou entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación das contías do principal da subvención que se devolve e dos xuros aplicados. A memoria deberase acompañar da copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

Artigo 22. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e, para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Capítulo III
Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais (procedemento TR802H)

Artigo 23. Finalidade

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas do cooperativismo e a economía social, en concreto das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e da economía social, desenvolvidas no marco da Rede Eusumo.

Artigo 24. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas con actividade acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, dependente da Secretaría Xeral de Emprego, así como as asociacións de sociedades laborais debidamente inscritas e con actividade acreditada.

2. Para seren beneficiarias das axudas para a realización das actividades a que se refire o artigo 25, parágrafo 2, as entidades deberán ter formalizada a adhesión á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social por medio de convenio de colaboración, asinado con anterioridade á publicación desta orde.

3. Para seren beneficiarias, as entidades deberán estar ao día no cumprimento das obrigas referidas a depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes, segundo o establecido na normativa de aplicación.

Artigo 25. Actividades e gastos subvencionables

1. Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a continuación:

a) Alugamentos de locais e equipamentos.

b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade, incluídas as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

c) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga.

d) Material de oficina e publicacións diversas.

e) Mantemento da páxina web da asociación.

f) Servizos profesionais independentes. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

g) Cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma galega.

h) Gastos de participación do persoal pertencente á entidade beneficiaria en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos os gastos de desprazamento e manutención. Os gastos de desprazamento e manutención serán subvencionables ata un máximo do 50 %.

2. Como actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, son subvencionables as actividades de carácter informativo, formativo ou de asesoramento para fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social, a través da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. A título orientativo, as actividades poderán consistir en:

a) Organización de cursos, xornadas, conferencias e simposios e realización de charlas divulgativas e visitas formativas.

b) Actividades organizadas e programadas para o asesoramento a entidades de economía social, emprendedores/as e público en xeral.

c) Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación ou manuais, inéditos, particularmente os que contribúan á potenciación das actividades da Rede Eusumo.

d) Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.

e) Realización de procesos formativos de persoal responsable de titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos.

f) Calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social.

Estas actividades con carácter xeral deben realizarse nas instalacións que conforman a referida rede e integrándose na súa programación nos termos previstos no Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento. Excepcionalmente, poderá autorizarse a súa realización fóra das referidas instalacións, logo de acreditación das razóns que o xustifiquen.

3. Serán subvencionables os custos directos de accións formativas e divulgativas en que se acredite a asistencia mínima de 10 alumnos/as, xustificada na forma establecida nesta orde e sempre que, polo menos, o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.

Consideraranse custos directos os seguintes:

a) As retribucións do persoal formador interno e externo, incluídos salarios, seguros sociais, axudas de custo e gastos de desprazamento, todos os custos imputables ao persoal formador no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes das accións formativas.

b) Os gastos de amortización de equipamentos didácticos e plataformas tecnolóxicas, calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade, así como o alugamento ou arrendamento financeiro destes, excluídos os xuros, soportados na execución das accións formativas e de xeito proporcional a estas.

c) Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das acción formativas, incluíndo o material de protección e seguridade. Así mesmo, no caso da teleformación, os custos imputables aos medios de comunicación utilizados entre formador e participantes.

d) Os gastos de alugamento, arrendamento financeiro, excluídos os xuros, ou amortización das aulas, talleres e demais superficies utilizadas na realización da formación.

e) Gastos de seguro de accidentes das persoas participantes.

f) Gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e xustificaranse os criterios de imputación a esta.

Así mesmo, serán subvencionables os custos indirectos e os gastos correspondentes á organización das actividades, sempre que non superen o 30 % do custo total da actividade realizada e xustificada.

Considéranse custos indirectos e gastos de organización os seguintes:

a) Os custos de persoal de apoio tanto interno como externo e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

b) Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a adecuada preparación ou execución desta. No serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

c) Outros custos: electricidade, auga, calefacción, mensaxaría, comunicacións, limpeza e vixilancia, asociados á execución da actividade formativa.

De conformidade co artigo 29, número 9, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estes custos serán imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida na que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

4. Para as actividades divulgativas e formativas, non serán subvencionables os gastos correspondentes a manutención, tales como servizos de comidas e pausa-café.

Artigo 26. Contía das axudas

1. A contía das axudas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

2. A contía máxima da subvención na modalidade de gastos de funcionamento non poderá exceder, para cada beneficiaria, a contía resultante de multiplicar a puntuación acadada, logo da aplicación dos criterios de avaliación, polo cociente entre o crédito asignado na convocatoria e a suma da puntuación acadada por todos os beneficiarios. Na modalidade de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, a contía máxima non poderá exceder cento setenta mil euros (170.000 €) por entidade beneficiaria.

3. Establécense, así mesmo, os seguintes límites de subvención para as actividades que se indican a continuación:

a) Unha cantidade máxima de 3.000 euros por actividade divulgativa e formativa, cun custo máximo de douscentos euros (200 €) por hora de duración efectiva para a primeira edición das actividades e cento cincuenta euros (150 €) por hora para as segundas e sucesivas edicións dunha mesma actividade.

Os gastos de material, papelaría e fotocopias serán elixibles ata o límite de 8€/alumno/a con asistencia acreditada de acordo co sinalado no artigo 25.3 desta orde.

b) Asesoramento a entidades de economía social, emprendedores/as e público en xeral: ata un máximo de 20 euros por hora de atención e 20.000 euros por beneficiaria.

c) Asistencia a feiras, mostras e congresos: ata un máximo de 3.000 euros por entidade beneficiaria.

Artigo 27. Incentivo adicional

1. En compensación do esforzo asociado ao labor de impulso e promoción de lanzamento de proxectos cooperativos e de economía social, concederase un incentivo adicional por cada grupo promotor creado por iniciativa da entidade beneficiaria que alcanzase a fase de constitución formal durante o ano natural inmediatamente anterior a aquel en que se presente a solicitude.

2. A entidade solicitante terá dereito a percibir un importe adicional máximo de mil euros (1.000 €), se é o caso, ao establecido no artigo 26, parágrafo 2, por cada entidade de economía social constituída ata un máximo de dez mil euros (10.000 €) adicionais por entidade beneficiaria.

De non resultar suficiente o crédito dispoñible para atender os ditos importes adicionais, as contías destes reduciranse proporcionalmente.

3. A iniciativa de creación dun grupo promotor unicamente poderá ser atribuída a unha entidade. O incumprimento desta norma dará lugar a que non se tomen en consideración os grupos promotores creados por intervención de máis dunha entidade para os efectos da obtención do devandito incentivo.

Artigo 28. Documentación

A documentación que deberá acompañar a solicitude é a seguinte:

a) Memoria asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade e que conteña:

1. Relación nominal das entidades socias (no caso de que a entidade socia sexa unha cooperativa de segundo grao, debe especificar o número das de primeiro grado integradas nela).

2. Centros de traballo, o seu domicilio e horario de apertura, así como o número de persoas traballadoras adscritas con indicación para cada unha delas do sexo, tipo de contrato e número de horas traballadas.

3. Breve descrición das actividades realizadas durante o ano 2016.

4. Descrición das actividades previstas para a súa realización no ano 2017.

b) TC1 e TC2 ou documentación equivalente do último mes relativo ao persoal adscrito aos centros de traballo declarados na memoria.

c) Documentación acreditativa do plan de acción e implantación das medidas de responsabilidade social empresarial.

d) Relación individualizada dos gastos de funcionamento para os que se solicita a axuda, cuantificados economicamente en todos os seus conceptos e co IVE desagregado.

e) Proposta das actividades para as que se solicita a axuda, especificando como mínimo para cada unha delas:

1. A súa finalidade.

2. A descrición detallada do seu contido e plan de traballo.

3. As persoas destinatarias, indicando o número previsto delas.

4. Os medios previstos para a súa realización.

5. Cronograma.

6. Informe relativo á capacidade profesional das persoas que desenvolven as actividades.

7. Orzamento detallado e individualizado por conceptos, cuantificado economicamente e co IVE desagregado, que concrete a procedencia dos recursos non achegados pola consellería e porcentaxe de actividades que se pretendan subcontratar.

8. Declaración da lingua utilizada no seu desenvolvemento.

9. De ser o caso, documentación acreditativa do acordo de colaboración entre as distintas entidades adheridas á Rede Eusumo para a programación e execución conxunta da actividade.

f) No caso de asociacións de sociedades laborais, certificación acreditativa das inscricións practicadas no rexistro público onde figure inscrita e copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso, así como relación de entidades socias debidamente certificada.

g) Certificación ou documentación análoga que acredite a integración da entidade solicitante nunha entidade de intercooperación, se é o caso.

h) De ser o caso, declaración relativa aos grupos de promotores creados por iniciativa da entidade solicitante e que formalizaron a súa constitución como entidade de economía social no ano inmediatamente anterior, con identificación das súas características, os seus integrantes e asinada de conformidade por todos eles.

i) Se é o caso, documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado.

j) Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 8.1 desta orde).

k) Copia do documento nacional de identidade da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 8.1 desta orde).

l) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

Artigo 29. Criterios de avaliación

1. A concesión e contía das axudas para os gastos de funcionamento realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas en función da representatividade que teñan as asociacións solicitantes e dos niveis de actividade que desenvolvan, de acordo co seguinte baremo:

a) Polo número de entidades asociadas:

– 1 punto por cada entidade asociada; se a cooperativa asociada é de segundo grao, computaranse as cooperativas integradas a través dela, sempre e cando non estean asociadas directamente.

b) Polo nivel de actividade da asociación outorgarase:

– Por cada local de atención ás entidades asociadas en funcionamento, cun horario mínimo de apertura de 35 horas semanais, 8 puntos. Se o horario resulta inferior reducirase proporcionalmente a puntuación.

– Por cada persoa traballadora a tempo completo, 4 puntos; no caso de traballo a tempo parcial reducirase proporcionalmente a puntuación.

– Taxa de estabilidade do cadro de persoal, é dicir, pola porcentaxe de persoas traballadoras fixas sempre que esta sexa superior ao 50 %, ata un máximo de 4 puntos. A puntuación máxima obterase cunha taxa de estabilidade superior ao 80 %.

– Pola proporción de homes e mulleres que traballan na entidade, incluído o persoal de dirección sempre que acade como mínimo un 40 % de mulleres na entidade, ata un máximo de 2 puntos. A puntuación máxima obterase cando a proporción de mulleres sexa igual ou superior ao 50%.

– Por ter definido un plan de accións e implantación de medidas de responsabilidade social empresarial na súa xestión, 2 puntos.

– 2 puntos por cada entidade de intercooperación en que estea integrada a asociación.

O crédito dispoñible na convocatoria asignarase ás entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas para seren beneficiarias, por orde de puntuación, comezando polas solicitudes que obtiveron a puntuación máis alta.

2. Para a concesión e contía das axudas por actividades de promoción do cooperativismo e a economía social desenvolvidas no marco da Rede Eusumo, realizarase unha comparación de todas as actividades propostas nas solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

a) Actividades programadas e realizadas conxuntamente con outras entidades adheridas á Rede Eusumo: 20 puntos.

b) Actividades formativas dirixidas ao fomento do emprendemento e a creación de emprego: 10 puntos se teñen unha duración igual ou superior a 15 horas, e 5 puntos se teñen duración inferior.

c) Actividades dirixidas á formación básica de persoas socias e traballadoras, á formación especializada de membros dos órganos sociais ou a fomentar a mellora da xestión empresarial e societaria das cooperativas e sociedades laborais: 10 puntos.

d) Actividades consistentes no acompañamento e titorización de proxectos ou na formación das persoas que realizarán o acompañamento e titorización: 10 puntos.

e) Actividades formativas ou divulgativas dirixidas a fomentar a incorporación das mulleres aos órganos sociais das cooperativas e sociedades laborais e postos directivos en xeral: 10 puntos.

f) Actividades formativas ou divulgativas dirixidas á inclusión social e laboral de persoas en risco de exclusión: 10 puntos.

g) Actividades de divulgación do cooperativismo e a economía social non comprendidas nas letras anteriores, así como as de asesoramento a emprendedores/as e público en xeral: 5 puntos.

h) Elaboración de proxectos de intercooperación e integración: 10 puntos.

i) Pola calidade da definición e precisión na presentación das actividades propostas: de 0 a 5 puntos.

j) Polo carácter innovador das actividades propostas en canto ao seu obxecto, finalidade ou metodoloxía, a calidade no seu deseño e descrición, así como pola relevancia dos efectos esperados: de 0 a 10 puntos.

Estes criterios aplicaranse de forma individualizada a cada unha das actividades solicitadas. O crédito dispoñible asignarase por orde de prelación ás actividades en función da puntuación acadada.

Artigo 30. Documentación xustificativa para o pagamento

As entidades beneficiarias deberán achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión, e que constará dos seguintes documentos:

a) Memoria resumo da execución do programa subvencionado, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada, así como a xustificación da porcentaxe de imputación, asinada pola persoa que desempeña a representación da entidade beneficiaria.

b) Certificación detallada expedida pola persoa que ocupe o cargo da secretaría da asociación, co visto e prace da persoa que exerza a presidencia, dos gastos realizados e do cumprimento dos fins obxecto da subvención.

c) Relación debidamente asinada pola persoa que ocupe a secretaría da asociación, das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, en que deberán constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

d) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como copia dos xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación á que se refire a letra c). Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

e) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal, a documentación xustificativa consistirá en:

– Contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións a conta do IRPF (modelo 111), así como xustificantes bancarios do seu pagamento, en que deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

– Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

f) No caso de actividades formativas (cursos, xornadas e similares) deberá achegarse, ademais, a relación de persoas asistentes, por cada unha das sesións celebradas, segundo modelo que figura como anexo IV, debidamente asinada por todas elas, así como certificación do persoal docente ou responsable da actividade onde conste a asistencia do alumnado ou participantes segundo o establecido no artigo 25.3 desta orde.

g) Copia de todos os documentos xerados durante a execución dos proxectos, como por exemplo documentos de difusión, materiais entregados, material docente, etc.

h) Documentación acreditativa da repercusión pública das accións executadas, cando proceda.

i) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo II.

j) No caso de non estar exenta da obriga de levar contabilidade, balance provisional de fondos da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención.

k) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes dos anticipos non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

Capítulo IV
Programa II. Oficinas locais de fomento cooperativo e da economía social (procedemento TR802Z)

Artigo 31. Finalidade

Este programa ten por obxecto incentivar a participación dos concellos e doutras entidades locais de Galicia no labor de promoción e fomento do cooperativismo e a economía social, subvencionando os gastos da creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo e da economía social, así como a realización de actividades.

Artigo 32. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos de Galicia a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, que agrupen un mínimo de catro concellos, poderán solicitar as subvencións que regula este programa. Neste suposto, todos os concellos quedan obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En particular, deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

Cando nestas agrupacións participen entidades resultantes de procesos de fusión municipal, computaranse en función do número de concellos fusionados.

2. Ningún concello poderá figurar en máis dunha solicitude. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude presentada en primeiro lugar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figuren o concello ou concellos incumpridores.

Non obstante, cando un concello pertenza a unha área metropolitana, unha mancomunidade de municipios ou un consorcio local, que soliciten as axudas previstas nesta orde, poderá participar na solicitude presentada por unha agrupación de concellos distinta das anteriores, sempre e cando se desvincule expresamente da solicitude presentada polos primeiros.

Artigo 33. Actividades e gastos subvencionables

1. As actividades obxecto de subvención consistirán na creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo e da economía social que realicen actividades de promoción e fomento do cooperativismo e a economía social dirixidas ao ámbito territorial dos concellos solicitantes e a súa área de influencia, en particular mediante o estímulo do autoemprego e o emprendemento colectivo e o apoio á xeración de novos proxectos de economía social.

2. Estas oficinas deberán integrarse na Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e desenvolver as súas actividades en colaboración coas entidades que forman parte dela, estean ou non radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Poderase subvencionar a contratación de persoal técnico asesor en materia de fomento cooperativo por parte da entidade beneficiaria, sempre que se dedique a tempo completo a tal fin. Igualmente, poderase subvencionar o alugamento de locais que resulten necesarios para o funcionamento das referidas oficinas.

4. Unicamente será subvencionable unha oficina de fomento cooperativo e da economía social por cada solicitude presentada, así como un único local e unha única persoa técnica, independentemente do número de concellos que agrupe.

5. Cando exista oficina de fomento cooperativo e da economía social poderán ser subvencionables as actividades de promoción e fomento do cooperativismo e da economía social que estean dirixidas ao ámbito territorial dos concellos solicitantes e a súa área de influencia. A título de exemplo, poderán consistir na elaboración de plans estratéxicos de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social no ámbito territorial de referencia, desenvolvemento de cursos, xornadas, conferencias, seminarios e simposios, celebración de feiras, mostras, congresos, así como actividades de fomento de viveiros de empresas de economía social.

6. Serán subvencionables os custos directos de calquera tipo vencellados a accións formativas e divulgativas en que se acredite a asistencia mínima de 10 alumnos/as, xustificada na forma establecida nesta orde e sempre que, polo menos, o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.

Consideraranse custos directos os seguintes:

a) As retribucións do persoal formador interno e externo, incluídos salarios, seguros sociais, axudas de custo e gastos de desprazamento, todos os custos imputables ao persoal formador no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes das accións formativas.

b) Os gastos de amortización de equipamentos didácticos e plataformas tecnolóxicas, calculados con criterios de amortización aceptados en las normas de contabilidade, así como o alugamento ou arrendamento financeiro destes, excluídos os xuros, soportados na execución das accións formativas e de xeito proporcional a estas.

c) Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas, incluíndo o material de protección e seguridade. Así mesmo, no caso da teleformación, os custos imputables aos medios de comunicación utilizados entre o persoal formador e participantes.

d) Os gastos de alugamento, arrendamento financeiro, excluídos os xuros, ou amortización das aulas, talleres e demais superficies utilizadas na realización da formación.

e) Gastos de seguro de accidentes das persoas participantes.

f) Gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e xustificaranse os criterios de imputación a esta.

Así mesmo, serán subvencionables os custos indirectos e os gastos correspondentes á organización das actividades sempre que non superen o 30 % do custo total da actividade realizada e xustificada.

Considéranse custos indirectos e gastos de organización os seguintes:

a) Os custos de persoal de apoio tanto interno como externo e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

b) Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a adecuada preparación ou execución desta. No serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

c) Outros custos: electricidade, auga, calefacción, mensaxaría, comunicacións, limpeza e vixilancia, asociados á execución da actividade formativa.

De conformidade co artigo 29, punto 9, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estes custos serán imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

7. Para as actividades divulgativas e formativas, non serán subvencionables os gastos correspondentes a manutención, tales como servizos de comidas e pausa-café.

8. No caso de xustificar gastos de persoal só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade, incluídas as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

Artigo 34. Contía das axudas

1. Para a creación e mantemento das oficinas de fomento cooperativo e da economía social, a subvención poderá ascender ás seguintes contías:

a) O 80 % das retribucións totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, dunha persoa técnica contratada con dedicación exclusiva e a tempo completo, ata un límite máximo de 1.600 euros mensuais.

b) Ata o 80 % dos custos derivados do alugamento de locais ata un máximo de 250 euros mensuais.

2. Para as accións de promoción e fomento do cooperativismo e a economía social referidas no artigo 33.5, a contía das subvencións poderá ascender ata o 30 % dos gastos necesarios para a súa realización no caso das actividades mínimas a que se refire o artigo 37.3.a) e ata o 80 % nas que excedan o dito mínimo.

Para as ditas accións establécense os seguintes límites de subvención:

a) Unha cantidade máxima de 3.000 euros por actividade divulgativa e formativa, cun custo máximo de douscentos euros (200 €) por hora de duración efectiva para a primeira edición das actividades e cento cincuenta euros (150 €) por hora para as segundas e sucesivas edicións dunha mesma actividade.

Os gastos de material, papelaría e fotocopias serán elixibles ata o límite de 8 euros/alumno/a con asistencia acreditada de acordo co sinalado no artigo 33.6 desta orde.

b) No caso da actividade de fomento de viveiros de empresas de economía social será subvencionable o importe do alugamento do local do viveiro durante un ano, cun límite máximo de 250 euros mensuais.

3. A contía máxima da axuda por todos os conceptos subvencionables non poderá exceder os 28.000 euros por solicitude. Este límite incrementarase en 3.200 euros máis por cada concello adicional a partir de catro, ata un límite máximo total de axuda de 37.600 euros por solicitude.

Artigo 35. Incentivo adicional

1. No caso de existir remanente de crédito unha vez adxudicadas as axudas previstas no artigo anterior e en compensación do esforzo asociado ao labor de impulso e promoción de lanzamento de proxectos cooperativos e de economía social, concederase un incentivo adicional por cada grupo promotor creado por iniciativa da entidade beneficiaria que alcanzase a fase de constitución formal durante o ano inmediatamente anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A entidade solicitante terá dereito a percibir un importe adicional máximo de mil euros (1.000 €), se é o caso, ao establecido no artigo 33, parágrafo 3, por cada entidade de economía social constituída ata un máximo de dez mil euros (10.000 €) adicionais por entidade beneficiaria.

De non resultar suficiente o crédito dispoñible para atender os ditos importes adicionais, as contías destes reduciranse proporcionalmente.

3. A iniciativa de creación dun grupo promotor unicamente poderá ser atribuída a unha entidade. O incumprimento desta norma dará lugar a que non se tomen en consideración os grupos promotores creados por intervención de máis dunha entidade para os efectos da obtención do devandito incentivo.

Artigo 36. Documentación

A documentación que deberá acompañar a solicitude é a seguinte:

a) Memoria asinada pola persoa que exerza a representación legal e que conteña:

1. Identificación das entidades participantes e do seu ámbito de influencia.

2. Descrición das actividades realizadas durante o ano 2016 a través da oficina de fomento cooperativo indicando, así mesmo, o número de proxectos empresariais cooperativos consolidados.

3. Descrición das actividades previstas para a súa realización no ano 2017.

4. Designación da persoa directora ou coordinadora do proxecto.

b) Informe relativo á capacidade profesional da persoa técnica da oficina de fomento para a que se solicita a axuda.

c) Proposta de actividades para as que se solicita a axuda, especificando como mínimo para cada unha delas:

1. A súa finalidade.

2. A descrición detallada do seu contido e plan de traballo.

3. As persoas destinatarias, indicando o número previsto delas.

4. Os medios previstos para a súa realización.

5. Cronograma, debéndose concretar o período de funcionamento da oficina de fomento, así como as actividades que se pretende realizar.

6. Informe relativo á capacidade profesional das persoas que desenvolven as actividades.

7. Orzamento detallado e individualizado por conceptos, cuantificado economicamente e co IVE desagregado, que concrete a procedencia dos recursos non achegados pola consellería e a porcentaxe de actividades que se pretendan subcontratar.

8. Declaración da lingua utilizada no desenvolvemento das actividades.

9. De ser o caso, documentación acreditativa do acordo de colaboración entre as distintas entidades adheridas á Rede Eusumo para a programación e execución conxunta da actividade.

d) Medios previstos para a súa realización, con indicación expresa das características do local onde se sitúa a oficina de fomento.

e) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, ou persoa a que legalmente lle corresponda, do acordo polo que se solicita a subvención e se aceptan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incursos os concellos solicitantes ou mancomunidade de municipios nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño.

f) Os concellos que se asocien para os efectos desta orde deberán achegar documento en que se acorde a colaboración entre eles e a designación do que os representa, así como certificación das secretarías, ou persoas a que legalmente lle corresponda, dos acordos do órgano competente conforme se delega a petición de subvención no concello que actúe como representante de todos eles.

g) De ser o caso, declaración relativa aos grupos de promotores creados por iniciativa da entidade solicitante e que formalizaron a súa constitución como entidade de economía social no ano inmediatamente anterior, con identificación das súas características, as persoas integrantes e asinada de conformidade por todas elas.

h) Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 8.1 desta orde).

i) Copia do documento nacional de identidade da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 8.1 desta orde).

j) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

Artigo 37. Requisitos das oficinas de fomento cooperativo e da economía social

1. Deberase habilitar unha oficina, que estará debidamente sinalizada, e publicitar o servizo prestado por distintos medios, tendo en conta o previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na alínea f) do artigo 18 desta orde.

2. As persoas técnicas adscritas a este programa deberán posuír titulación académica universitaria e formación en materia de cooperativismo cunha duración mínima de 60 horas. Deberán ter dedicación de xornada completa a este programa.

3. Os labores que asumirá a oficina de fomento cooperativo e da economía social serán:

a) Formación e divulgación da fórmula cooperativa ou doutras propias da economía social así como coordinación das actividades de fomento e promoción, cun mínimo de cinco actividades dentro do período de funcionamento subvencionado, entre as que necesariamente se contará unha actividade de divulgación dirixida a alumnado de ensinanzas secundarias e outra dirixida a emprendedores/as. Este mínimo incrementarase a razón dunha actividade por cada mes que exceda os seis meses de funcionamento subvencionado na convocatoria.

b) Accións formativas e informativas de promotores.

c) Asesoría e acompañamento de proxectos.

d) Elaboración de plans empresariais.

e) Seguimento e titorización dos proxectos en xestación.

4. A entidade beneficiaria deberá designar unha persoa interlocutora válida para todas as cuestións relacionadas coa oficina de fomento cooperativo e da economía social. É responsabilidade da entidade beneficiaria impartir todas as ordes, criterios de realización do traballo e directrices ás súas persoas traballadoras, e a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia é allea por completo a estas relacións laborais. Corresponde, así mesmo, á entidade beneficiaria a vixilancia do horario de traballo, as posibles licenzas horarias, os permisos ou calquera outra manifestación das facultades do empregador.

Artigo 38. Criterios de avaliación

1. A concesión e contía das axudas para a creación e mantemento das oficinas de fomento cooperativo e da economía social realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

a) Por contar cun número de cooperativas e sociedades laborais activas con domicilio no ámbito dos concellos solicitantes, en relación coa poboación, inferior á media dos concellos solicitantes: 50 puntos.

b) Por cada concello que se agrupe na mesma solicitude: 5 puntos ata un máximo de 40 puntos, tendo en conta que as entidades resultantes de procesos de fusión municipal computaranse en función do número de concellos fusionados.

c) Pola titulación académica universitaria que debe posuír o técnico asesor, 20 puntos, se se corresponde con calquera das seguintes:

– Licenciatura ou grao en Economía, Administración e Dirección de Empresas, Dereito ou titulacións ou graos mixtos que as inclúan.

– Diplomatura ou grao en Ciencias Empresariais ou Relacións Laborais.

– Máster en Xestión e Dirección Empresarial Cooperativa.

d) Por cada acción divulgativa ou formativa realizada pola oficina de fomento cooperativo e da economía social no ano natural anterior: 5 puntos ata un máximo de 65 puntos.

e) Pola participación de entidades resultantes de procesos de fusión municipal, culminados nos dez anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes: 75 puntos.

2. A concesión e contía das axudas para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e da economía social realizarase mediante a comparación de todas as actividades propostas nas solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

a) Actividades programadas e realizadas conxuntamente con outras entidades adheridas á Rede Eusumo: 20 puntos.

b) Actividades formativas dirixidas ao fomento do emprendemento e a creación de emprego: 10 puntos se teñen unha duración igual ou superior a 15 horas, e 5 puntos se teñen duración inferior.

c) Actividades dirixidas á formación básica de persoas socias e traballadoras, á formación especializada de membros dos órganos sociais ou a fomentar a mellora da xestión empresarial e societaria das cooperativas e sociedades laborais: 10 puntos.

d) Actividades formativas ou divulgativas dirixidas a fomentar a incorporación das mulleres aos órganos sociais das cooperativas e sociedades laborais e postos directivos en xeral: 10 puntos.

e) Actividades formativas ou divulgativas dirixidas á inclusión social e laboral de persoas en risco de exclusión: 10 puntos.

f) Actividades de divulgación do cooperativismo e a economía social non comprendidas nas letras anteriores, así como as de asesoramento a emprendedores/as e público en xeral: 5 puntos.

g) Pola calidade da definición e precisión na presentación das actividades propostas: de 0 a 5 puntos.

h) Polo carácter innovador das actividades propostas en canto ao seu obxecto, finalidade ou metodoloxía, a calidade no seu deseño e descrición, así como pola relevancia dos efectos esperados: de 0 a 10 puntos.

i) Pola participación de entidades resultantes de procesos de fusión municipal, culminados nos dez anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes: 34 puntos.

Estes criterios aplicaranse de forma individualizada a cada unha das actividades solicitadas.

3. O crédito dispoñible asignarase en primeiro lugar á concesión de axudas para a creación e mantemento das oficinas de fomento cooperativo e da economía social, e outorgarase ás entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas para seren entidades beneficiarias, por orde de puntuación, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta. O crédito restante asignarase por orde de prelación ás actividades en función da puntuación acadada.

Artigo 39. Documentación xustificativa para o pagamento

As entidades beneficiarias deberán achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión e que constará dos seguintes documentos:

a) Memoria resumo da execución do programa subvencionado, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada, así como a xustificación da porcentaxe de imputación, asinada pola persoa que desempeñe a representación da entidade beneficiaria.

b) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos do programa recollidos no artigo 37.

c) Certificación detallada expedida pola persoa que ocupe o cargo da secretaría da entidade, dos gastos realizados e do cumprimento dos fins obxecto da subvención. No caso dos gastos de persoal deberá incluír relación detallada das retribucións brutas, as cotizacións empresariais á Seguridade Social e os importes líquidos percibidos pola persoa traballadora.

d) Relación debidamente asinada pola persoa que ocupe a secretaría da entidade das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, en que deberán constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

e) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como copia dos xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra d). Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

f) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal, a documentación xustificativa consistirá en:

– Contrato de traballo e xustificantes bancarios de pagamento das retribucións, correspondentes á persoa contratada ou persoa que a substitúa de xeito temporal nas súas funcións ata a finalización do período subvencionado. Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

– Partes de traballo asinados pola persoa traballadora e a designada como directora ou coordinadora do proxecto, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada e comprensivas da totalidade da xornada, con descrición das tarefas realizadas.

g) Contrato de alugamento da oficina de fomento, se procede.

h) Informe das actividades desenvolvidas pola persoa técnica asesora asignada ao programa, así como das actas das reunións celebradas para a xestión de proxectos cooperativos.

i) No caso de actividades formativas (cursos, xornadas e similares) deberá achegarse, ademais, a relación de persoas asistentes, por cada unha das sesións celebradas, segundo o modelo que figura como anexo IV, debidamente asinada por todas elas, así como certificación do persoal docente ou responsable da actividade onde conste a asistencia do alumnado ou participantes segundo o establecido no artigo 33.6 desta orde.

j) Copia de todos os documentos xerados durante a execución dos proxectos, como por exemplo documentos de difusión, materiais entregados, material docente, etc.

k) Documentación acreditativa da repercusión pública das accións executadas, cando proceda.

l) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo II.

m) No caso de non estar exenta da obriga de levar contabilidade, balance provisional de fondos da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención.

n) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes de anticipos non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

Capítulo V
Programa III. Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social (procedemento TR811A)

Artigo 40. Finalidade

A finalidade deste programa é apoiar as actividades de fomento do cooperativismo e a economía social realizadas por entidades adheridas á Rede Eusumo, creada polo Decreto 225/2012, do 15 de novembro, subvencionando parcialmente os gastos derivados da súa realización.

Artigo 41. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as fundacións e asociacións, as cámaras de comercio, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais, universidades e outras entidades sen ánimo de lucro, sinaladas nas alíneas d), e), f) e g) do número 1 do artigo 5 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, que teñan formalizada a súa adhesión a esta rede por medio de convenio de colaboración, asinado con anterioridade á publicación desta orde.

Artigo 42. Actividades e gastos subvencionables

1. Son subvencionables as actividades de carácter informativo, formativo e de asesoramento, dirixidas a fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social, a través da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. A título orientativo as actividades poderán consistir na organización de cursos, xornadas, conferencias, seminarios e simposios, así como na conformación de grupos promotores de iniciativas cooperativas.

2. Estas actividades realizaranse con carácter xeral nas instalacións que conforman a referida rede e integradas na súa programación nos termos previstos no Decreto 225/2012, do 15 de novembro. Excepcionalmente, poderá autorizarse a súa realización fóra das referidas instalacións, logo de acreditación das razóns que o xustifiquen.

3. Serán subvencionables os custos directos de calquera tipo vencellados a accións formativas e divulgativas en que se acredite a asistencia mínima de 10 alumnos/as, xustificada na forma establecida nesta orde e sempre que, polo menos, o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.

Consideraranse custos directos os seguintes:

a) As retribucións do persoal formador interno e externo, incluídos salarios, seguros sociais, axudas de custo e gastos de desprazamento e, en xeral, todos os custos imputables ao persoal formador no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes das accións formativas.

b) Os gastos de amortización de equipamentos didácticos e plataformas tecnolóxicas, calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade, así como o alugamento ou arrendamento financeiro destes, excluídos os xuros, soportados na execución das accións formativas e de xeito proporcional a estas.

c) Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas, incluíndo o material de protección e seguridade. Así mesmo, no caso da teleformación, os custos imputables aos medios de comunicación utilizados entre o persoal formador e participantes.

d) Os gastos de alugamento, arrendamento financeiro, excluídos os xuros, ou amortización das aulas, talleres e demais superficies utilizadas na realización da formación.

e) Gastos de seguro de accidentes das persoas participantes.

f) Gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e xustificaranse os criterios de imputación a esta.

Así mesmo, serán subvencionables os custos indirectos e os gastos correspondentes á organización das actividades sempre que non superen o 30 % do custo total da actividade realizada e xustificada.

Considéranse custos indirectos e gastos de organización os seguintes:

a) Os custos de persoal de apoio tanto interno como externo e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

b) Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a adecuada preparación ou execución desta. No serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

c) Outros custos: electricidade, auga, calefacción, mensaxaría, comunicacións, limpeza e vixilancia, asociados á execución da actividade formativa.

De conformidade co artigo 29, número 9, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estes custos serán imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

4. Para as actividades divulgativas e formativas, non serán subvencionables os gastos correspondentes a manutención, tales como servizos de comidas e pausa-café.

5. No caso de xustificar gastos de persoal só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade incluídas as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

Artigo 43. Contía das axudas

1. A contía das axudas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades e non poderá exceder os dez mil euros (10.000 €) por entidade beneficiaria, sen prexuízo do disposto no artigo 44.

2. Establécense, así mesmo, os seguintes límites de subvención para as actividades que se indican a continuación:

– Unha cantidade máxima de 3.000 euros por actividade divulgativa e formativa, cun custo máximo de douscentos euros (200 €) por hora de duración efectiva para a primeira edición das actividades e cento cincuenta euros (150 €) por hora para as segundas e sucesivas edicións dunha mesma actividade.

Os gastos de material, papelaría e fotocopias será elixible ata o límite de 8 €/alumno/a con asistencia acreditada de acordo co sinalado no artigo 42.3 desta orde.

– Conformación de grupos promotores de entidades de economía social ata un máximo de 300 euros por persoa incorporada como socio/a traballador/a ou de traballo, e ata un máximo de 100 euros por cada persoa incorporada como socio cooperativista noutras categorías.

Artigo 44. Incentivo adicional

1. No caso de existir remanente de crédito unha vez adxudicadas as axudas previstas no artigo anterior e en compensación do esforzo asociado ao labor de impulso e promoción de lanzamento de proxectos cooperativos e de economía social, concederase un incentivo adicional por cada grupo promotor creado por iniciativa da entidade beneficiaria que alcanzase a fase de constitución formal durante o ano inmediatamente anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A entidade solicitante terá dereito a percibir un importe adicional máximo de mil euros (1.000 €), se é o caso, ao establecido no artigo 43, parágrafo 1, por cada entidade de economía social constituída ata un máximo de dez mil euros (10.000 €) adicionais por entidade beneficiaria.

De non resultar suficiente o crédito dispoñible para atender os ditos importes adicionais, as contías destes reduciranse proporcionalmente.

3. A iniciativa de creación dun grupo promotor unicamente poderá ser atribuída a unha entidade. O incumprimento desta norma dará lugar a que non se tomen en consideración os grupos promotores creados por intervención de máis dunha entidade para os efectos da obtención do devandito incentivo.

Artigo 45. Documentación

A documentación que deberá acompañar a solicitude é a seguinte:

a) Copia do NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

b) Copia do documento nacional de identidade da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta (artigo 8.1 desta orde).

c) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

d) Memoria asinada pola persoa que exerza a representación legal e que conteña:

1. Breve descrición das actividades realizadas durante o ano 2016 en relación co fomento do cooperativismo e a economía social.

2. Descrición das actividades previstas para o ano 2017 co mesmo obxecto.

e) Proposta das actividades para as que se solicita a axuda, especificando como mínimo para cada unha delas:

1. A súa finalidade.

2. A descrición detallada do seu contido e o plan de traballo.

3. As persoas destinatarias, indicando o número previsto delas.

4. Os medios previstos para a súa realización.

5. Cronograma.

6. Informe relativo á capacidade profesional das persoas que desenvolven as actividades.

7. Orzamento detallado e individualizado por conceptos, cuantificado economicamente e co IVE desagregado, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento e porcentaxe de actividades que se pretendan subcontratar.

8. Declaración da lingua utilizada no desenvolvemento das actividades.

9. De ser o caso, documentación acreditativa do acordo de colaboración entre as distintas entidades adheridas á Rede Eusumo para a programación e execución conxunta da actividade.

f) De ser o caso, declaración relativa aos grupos de promotores creados por iniciativa da entidade solicitante e que formalizaron a súa constitución como entidade de economía social no ano inmediatamente anterior, con identificación das súas características e as persoas integrantes, e asinada de conformidade por todas elas.

g) Se é o caso, documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado.

Artigo 46. Criterios de avaliación

1. A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as actividades propostas nas solicitudes presentadas, establecéndose unha prelación entre elas de acordo cos criterios de avaliación seguintes, e adxudicarase a aquelas actividades propostas que obtivesen maior puntuación.

a) Actividades programadas e realizadas conxuntamente con outras entidades adheridas á Rede Eusumo: 20 puntos.

b) Actividades formativas dirixidas ao fomento do emprendemento e a creación de emprego: 10 puntos se teñen unha duración igual ou superior a 15 horas, e 5 puntos se teñen duración inferior.

c) Actividades dirixidas á formación básica de persoas socias e traballadoras, á formación especializada de membros dos órganos sociais ou a fomentar a mellora da xestión empresarial e societaria das cooperativas e sociedades laborais: 10 puntos.

d) Actividades formativas ou divulgativas dirixidas a fomentar a incorporación das mulleres aos órganos sociais das cooperativas e sociedades laborais e postos directivos en xeral: 10 puntos.

e) Actividades formativas ou divulgativas dirixidas á inclusión social e laboral de persoas en risco de exclusión: 10 puntos.

f) Actividades de divulgación do cooperativismo e a economía social non comprendidas nas letras anteriores, así como as de asesoramento a emprendedores/as e público en xeral: 5 puntos.

g) Pola calidade da definición e precisión na presentación das actividades propostas: de 0 a 5 puntos.

h) Polo carácter innovador das actividades propostas en canto ao seu obxecto, finalidade ou metodoloxía, a calidade no seu deseño e descrición, así como pola relevancia dos efectos esperados: de 0 a 10 puntos.

Artigo 47. Documentación xustificativa para o pagamento

1. As entidades beneficiarias deberán achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión e que constará dos seguintes documentos:

a) Memoria resumo da execución do programa subvencionado, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada, así como a xustificación da porcentaxe de imputación, asinada pola persoa que desempeñe a representación da entidade beneficiaria.

b) Certificación detallada expedida pola persoa que ocupe o cargo da secretaría da entidade, dos gastos realizados e do cumprimento dos fins obxecto da subvención.

c) Relación debidamente asinada pola persoa que ocupe a secretaría da entidade, das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, en que deberán constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

d) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra c). Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

e) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal, a documentación xustificativa consistirá en:

– Contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social, documento de ingreso das retencións a conta do IRPF (modelo 111) e xustificantes bancarios de pagamento das retribucións, correspondentes á persoa contratada. Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

– Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

f) No caso de actividades formativas (cursos, xornadas e similares) deberá achegarse, ademais, a relación de asistentes, por cada unha das sesións celebradas, segundo o modelo que figura como anexo IV, debidamente asinada por todos eles, así como certificación do persoal docente ou responsable da actividade onde conste a asistencia do alumnado ou participantes segundo o establecido no artigo 42.3 da orde.

g) Copia de todos os documentos xerados durante a execución dos proxectos como por exemplo documentos de difusión, materiais entregados, material docente, etc.

h) Documentación acreditativa da repercusión pública das accións executadas, cando proceda.

i) No caso de conformación de grupos promotores a que fai referencia o artigo 43, número 2, deberá achegarse unha memoria explicativa das características do grupo creado, con identificación das persoas participantes e das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto empresarial, debidamente asinada por todas elas e pola entidade beneficiaria. Deberán especificar os custos das xestións realizadas durante esta actividade.

j) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo II.

k) No caso de non estar exenta da obriga de levar contabilidade, balance provisional de fondos da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención.

Capítulo VI
Convocatoria de axudas para o ano 2017

Artigo 48. Convocatoria

Convócanse para o ano 2017, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a realización de actividades de fomento do cooperativismo e a economía social reguladas por esta orde.

Artigo 49. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 50. Período de execución das accións

O período de execución de accións será o comprendido entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017.

Artigo 51. Xustificación das accións subvencionadas

1. As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme os modelos dos anexos III, VI ou VIII, correspondentes aos programas I, II e III, respectivamente.

2. A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 15 de outubro de 2017.

Artigo 52. Financiamento e normativa reguladora

1. O financiamento das axudas previstas no programa I desta orde realizarase con cargo á aplicación 09.40.324C.481.1 cunha contía inicial de seiscentos vinte e catro mil cento trinta euros (624.130 €), de acordo cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Para os gastos normais de funcionamento destinaranse douscentos dez mil euros (210.000 €) de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os incentivos adicionais previstos neste programa destinaranse vinte mil euros (20.000 €) de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para atender as actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, desenvolvidas no marco da Rede Eusumo, reservarase a cantidade de trescentos noventa e catro mil cento trinta euros (394.130 €) correspondentes a fondos finalistas do Estado.

2. A concesión das axudas previstas no programa II realizarase con cargo á aplicación 09.40.324C.460.0 cun importe de trescentos mil euros (300.000 €), dos cales 200.000 corresponden a fondos propios da Comunidade Autónoma e 100.000 euros corresponden a fondos finalistas do Estado, de acordo cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

3. O financiamento das axudas previstas no programa III desta orde realizarase con cargo á aplicación 09.40.324C.481.1 cunha contía inicial de cento trinta mil euros (130.000 €) correspondentes a fondos finalistas do Estado, de acordo cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. Adicionalmente, para este último programa e soamente no caso de resultaren beneficiarias as universidades, habilitarase a aplicación orzamentaria 09.40.324C.444.0, e no caso de resultaren beneficiarias as cámaras de comercio, habilitarase a aplicación orzamentaria 09.40.324C.445.0.

4. O orzamento total ascende a un millón cincuenta e catro mil cento trinta euros (1.054.130 €) e a distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:

Programa I: 624.130 € (09.40.324C.481.1).

Programa II: 300.000 € (09.40.324C.460.0).

Programa III: 130.000 € (09.40.324C.481.1).

Artigo 53. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria a favor da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resulta remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición adicional terceira. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file