Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2017 Páx. 7626

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

DECRETO 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española. O artigo 37.3 do mesmo estatuto recolle que as competencias de execución na Comunidade Autónoma levan implícitas, entre outras, a correspondente potestade regulamentaria.

A Lei 14/2010, do 5 de xullo, sobre as infraestruturas e os servizos de información xeográfica en España, traspuxo ao ordenamento xurídico español a Directiva 2007/2/CE do Parlamento europeo e do Consello, do 14 de marzo de 2007, pola que se establece unha infraestrutura de información espacial na Comunidade Europea (INSPIRE). Conforme o indicado na súa disposición derradeira segunda, a dita lei ten carácter de lexislación básica ao abeiro do disposto no artigo 149.1.18ª da Constitución española e, no que respecta á incorporación ao ordenamento xurídico español da directiva citada, nos seus aspectos aplicables ás políticas de ambiente, conforme o artigo 149.1.23ª da Constitución española. Exceptúanse do carácter de lexislación básica as previsións contidas no número 2 da dita disposición derradeira segunda.

Doutra banda, a Lei 14/2010, do 5 de xullo, sobre as infraestruturas e os servizos de información xeográfica en España, amplía o marco legal delimitado pola Lei 7/1986, do 24 de xaneiro, de ordenación da cartografía, instituíndo con rango legal o Sistema cartográfico nacional, que fora obxecto de regulación mediante o Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema cartográfico nacional.

A pesar de que a disposición derradeira terceira da Lei 14/2010, do 5 de xullo, recolle a posibilidade dun desenvolvemento regulamentario, o certo é que este aínda non se levou a cabo, polo que, entrementres, como a mesma norma prevé, continúa vixente o Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema cartográfico nacional en todo o que non se opoña ao establecido na devandita lei.

O Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema cartográfico nacional, no seu artigo 2.1 establece que o Sistema cartográfico nacional persegue o exercicio eficaz das funcións públicas en materia de información xeográfica mediante a coordinación da actuación dos diferentes operadores públicos cuxas competencias concorren neste ámbito, e establece, no seu artigo 3.2.b), que formarán parte deste sistema as entidades que teñan atribuídas as funcións de recollida, almacenamento, tratamento ou difusión de información xeográfica na Administración das comunidades autónomas, sempre que manifesten a súa vontade de se integraren nel. No mesmo senso pronúnciase o artigo 17, números 1 e 4.b), da Lei 14/2010, do 5 de xullo.

Para tal efecto, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia -a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- asinou o 1 de xuño de 2010 o oportuno convenio de colaboración coa Administración xeral do Estado, en virtude do cal a Comunidade Autónoma se integrou no Sistema cartográfico nacional, con participación plena, e se estableceron os contidos do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, que afectan a devandita integración.

A ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica en Galicia lévaa a cabo a Xunta de Galicia mediante o presente regulamento, que desenvolve, parcial e puntualmente, o disposto na Lei 14/2010, do 5 de xullo, anteriormente indicada, atendendo ás especialidades derivadas da súa organización propia como comunidade autónoma, así como a Lei 7/1986, do 24 de xaneiro, e o Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro.

A regulación contida no regulamento que se aproba polo presente decreto conecta, así mesmo, con previsións da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Neste senso, o Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio (DOT), ditado en desenvolvemento daquela lei, recolle nas determinacións excluíntes 10.1.20 e 10.1.21 dous mandatos dirixidos á Xunta de Galicia: dunha banda, o consistente en establecer e manter actualizada a Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) e doutra, a formulación e execución do Plan galego de cartografía e información xeográfica.

A Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) e o Plan galego de cartografía e información xeográfica, como instrumentos integrantes do Sistema cartográfico de Galicia, obxecto de regulación no regulamento que se aproba polo presente decreto, constitúen, así, medios ao servizo da ordenación do territorio e, en particular, para o desenvolvemento das DOT.

Neste contexto normativo, o regulamento que é obxecto de aprobación persegue a regulación do exercicio das funcións públicas en materia de información xeográfica e actividade cartográfica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que tal exercicio sexa eficaz, estea coordinado coa actuación dos restantes operadores públicos integrados no Sistema cartográfico nacional e, en definitiva, poidan atinxirse os seguintes obxectivos:

a) Garantir a homoxeneidade da información producida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e demais entidades instrumentais do sector público autonómico que desenvolvan actividades cartográficas, co fin de asegurar a coherencia, a continuidade e interoperabilidade desa información xeográfica sobre o territorio galego.

b) Favorecer a eficiencia no gasto público destinado a cartografía e sistemas de información xeográfica e evitar a dispersión e duplicidade dos recursos públicos utilizados, promovendo a cooperación interinstitucional.

c) Organizar e xestionar a información xeográfica dispoñible sobre o territorio de Galicia e integrala nun modelo de datos homoxéneo.

d) Asegurar a dispoñibilidade pública e a actualización dos datos xeográficos de referencia.

e) Optimizar a calidade da produción cartográfica oficial e a súa utilidade como servizo público, facilitando o acceso á información xeográfica e favorecendo a competitividade do sector cartográfico privado.

No que atinxe aos principais órganos e entidades autonómicos con competencia na materia, o Instituto de Estudos do Territorio creouse seguindo o mandato legal do artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, a través da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e disponse a súa adscrición á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, ao mesmo tempo que se regulan os aspectos indicados na Lei 10/1995, do 23 de novembro. Os estatutos deste organismo autónomo foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, ben que hai que ter en conta que as súas funcións foron recentemente modificadas a través da aprobación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que na súa disposición derradeira segunda, deu nova redacción ao artigo 10 da Lei 6/2007, do 11 de maio.

O Instituto de Estudos do Territorio, tal e como se indica expresamente no artigo 6 do regulamento que é obxecto de aprobación, forma parte, nomeadamente, do Sistema cartográfico de Galicia. Mediante a modificación dos estatutos deste organismo autónomo, concretamente, da alínea d) do artigo 10, inclúense as funcións consistentes na emisión de informe preceptivo en toda elaboración de cartografía e información xeográfica levada a cabo, fóra do Plan galego de cartografía e información xeográfica, por un órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou dalgunha das entidades instrumentais do sector público autonómico, e as previstas nos artigos 19 e 42 do regulamento que é obxecto de aprobación en relación co Rexistro de Cartografía de Galicia e coa Cartoteca de Galicia, respectivamente. Así mesmo, recóllese a obrigatoriedade de uso da toponimia oficial de Galicia na produción cartográfica que realice o organismo autónomo.

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, regulada no Decreto 172/2012, do 1 de agosto, tal e como se indica expresamente no artigo 6 do regulamento que é obxecto de aprobación, tamén forma parte do Sistema cartográfico de Galicia. En concordancia co artigo 3 do Decreto 172/2012, do 1 de agosto, o regulamento recolle que corresponde a esta comisión a redacción da proposta inicial do Plan galego de cartografía e información xeográfica, valorar as alegacións efectuadas despois do período de información pública e a súa formulación definitiva. Por iniciativa do Instituto de Estudos do Territorio, corresponde á persoa titular da consellería con competencia en materia de ordenación do territorio elevar ao Consello da Xunta de Galicia, para a súa aprobación, o Plan galego de cartografía e información xeográfica, así como aprobar o seu programa operativo anual.

O decreto consta dun único artigo, cuxo obxecto é a aprobación do Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, así como catro disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e catro disposicións derradeiras. Consta tamén de cinco anexos.

A disposición adicional primeira refírese aos formularios de solicitude e á súa dispoñibilidade e actualización na sede electrónica da Xunta de Galicia; a disposición adicional segunda establece o prazo para a aprobación do Plan galego de cartografía e información xeográfica; a disposición adicional terceira recolle o prazo para a entrada en funcionamento do Rexistro de Cartografía de Galicia e da Cartoteca de Galicia, e a disposición adicional cuarta regula a protección dos datos de carácter persoal.

A disposición transitoria primeira indica como tramitar a produción cartográfica e a información xeográfica antes da aprobación do Plan galego de cartografía e información xeográfica; e a disposición transitoria segunda fai o propio mentres non se aproben as normas técnicas de produción de cartografía de Galicia.

A disposición derradeira primeira establece a modificación do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, concretamente do artigo 10 dos estatutos, e cando producirá os seus efectos; a disposición derradeira segunda establece a modificación do Decreto 172/2012, do 1 de agosto, polo que se regula a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía; a disposición derradeira terceira regula a habilitación para o desenvolvemento regulamentario; e a disposición derradeira cuarta regula a entrada en vigor do decreto e do regulamento que se aproba.

O regulamento consta de 46 artigos, agrupados en dous títulos.

O título I dedícase ás disposicións xerais, dividido en dous capítulos; un primeiro, no cal se delimita o seu obxecto e ámbito de aplicación, as definicións de conceptos e os principios en que se basea a actividade cartográfica en Galicia. O capítulo II dedícase ao Sistema cartográfico de Galicia e aos seus obxectivos.

O título II dedícase aos instrumentos do Sistema cartográfico de Galicia e divídese en seis capítulos referentes ao Equipamento xeográfico de Galicia, á planificación da produción cartográfica, ao Rexistro de Cartografía de Galicia, ao Sistema de información territorial de Galicia (Sitga), á Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) e á Cartoteca de Galicia.

O capítulo dedicado á planificación da produción cartográfica de Galicia subdivídese en dúas seccións que regulan, respectivamente, o Plan galego de cartografía e información xeográfica e a cartografía oficial de Galicia.

O capítulo dedicado ao Rexistro de Cartografía de Galicia subdivídese en dúas seccións, que regulan, respectivamente, o réxime do Rexistro de Cartografía de Galicia e os procedementos de inscrición e modificación no Rexistro de Cartografía de Galicia.

Nos anexos I, II, III, IV e V recóllense os procedementos de inscrición e modificación no Rexistro de Cartografía de Galicia; e as fichas rexistrais de produto, unidade, servizo cartográfico e servizo web.

Con este regulamento non só se cobre o baleiro legal da regulación da ordenación da actividade cartográfica e información xeográfica en Galicia, senón que, como principais novidades, se crea o Rexistro de Cartografía de Galicia, no cal se recollerá tanto a cartografía oficial como a non oficial, e se crea a Cartoteca de Galicia, que terá a finalidade de recoller, conservar, preservar e difundir a documentación xeográfica e cartográfica referida ao territorio de Galicia. Tanto o Rexistro de Cartografía de Galicia como a Cartoteca de Galicia quedan adscritos ao Instituto de Estudos do Territorio.

Na tramitación do expediente observáronse os trámites previstos nos artigos 41 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. En particular, constan no expediente os informes preceptivos e favorables da Comisión Territorial e do Consello Superior Xeográfico exixidos nos artigos 35 e 33.a), respectivamente, do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro; o informe tecnolóxico e funcional favorable previsto nos artigos 6 da Lei 14/2013 do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e 21.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta e nas entidades dela dependentes; o informe favorable da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía e a documentación xustificativa dos trámites de audiencia e de publicación na páxina web.

En virtude do exposto, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil dezasete.

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación

Apróbase o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, cuxo texto se inclúe a seguir.

Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser actualizados. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional segunda. Prazo para a aprobación do Plan galego de cartografía e información xeográfica

O Plan galego de cartografía e información xeográfica será aprobado no prazo dun ano desde a entrada en vigor do decreto.

Disposición adicional terceira. Prazo para a entrada en funcionamento do Rexistro de Cartografía de Galicia e da Cartoteca de Galicia

O Rexistro de Cartografía de Galicia e a Cartoteca de Galicia entrarán en funcionamento no prazo dun ano contado desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional cuarta. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. Mediante esta orde da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio establecerase o órgano responsable deste ficheiro con carácter previo á suá entrada en funcionamento co obxecto de garantir os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Disposición transitoria primeira. Produción de cartografía e información xeográfica antes da aprobación do Plan galego de cartografía e información xeográfica

A produción de cartografía e información xeográfica por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais do sector público autonómico, mentres non sexa aprobado o Plan galego de cartografía e información xeográfica, axustarase ao disposto no artigo 17 do regulamento.

Disposición transitoria segunda. Produción de cartografía de Galicia mentres non se aproben as normas técnicas de produción de cartografía de Galicia

Mentres non se aproben as normas técnicas de produción de cartografía de Galicia, abondará con suxeitar a realización da cartografía oficial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico ás prescricións da Lei 7/1986, do 24 de xaneiro, de ordenación da cartografía, do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema cartográfico nacional, e da Lei 14/2010, do 5 de xullo, sobre as infraestruturas e os servizos de información xeográfica en España, e demais normas estatais aplicables á produción cartográfica das administracións integradas no Sistema cartográfico nacional para poder adquirir a condición de oficialidade da cartografía.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio

Un. Modifícase o artigo 10 dos estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, que queda redactado como segue:

«Artigo 10. Funcións

En consonancia co seu obxecto, o Instituto de Estudos do Territorio exercerá as seguintes funcións, sen prexuízo das que correspondan aos órganos urbanísticos da Xunta de Galicia:

a) Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio, en particular:

1º. A realización de investigacións metodolóxicas, bases de datos e indicadores para o seguimento do desenvolvemento territorial de Galicia, co obxectivo de alcanzar a xestión dinámica das súas paisaxes.

2º. A realización de análises e diagnósticos e a formulación de propostas e alternativas para a ordenación e a xestión do territorio desde unha perspectiva global cara ao desenvolvemento sustentable e a cohesión territorial de Galicia.

3º. A participación en foros especializados, redes e proxectos, de carácter nacional e internacional, en materia de urbanismo, ordenación do territorio, sustentabilidade e paisaxe.

4º. A promoción, deseño, execución e seguimento de programas ou accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da sociedade de Galicia e nas súas institucións, públicas e privadas, en especial, mediante a educación e formación nas materias de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe.

5º. O impulso, coordinación e seguimento da elaboración das iniciativas e programas de sustentabilidade local, así como aqueles outros proxectos de similar fin na aplicación das directrices e plans de ordenación de ámbito autonómico.

6º. A elaboración e promoción de programas e módulos tendentes á integración do ambiente e da sustentabilidade no currículo educativo das ensinanzas regradas para os efectos da súa proposta á Administración educativa.

7º. O impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación anteriormente sinalados.

b) Prestar asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento, co fin de implementar as políticas de paisaxe na planificación urbanística e territorial nas seguintes materias:

1º. No desenvolvemento, xestión e execución dos diferentes instrumentos de planificación con incidencia sobre o territorio.

2º. No seguimento dos efectos no ambiente da aplicación ou execución destes que prevé o artigo 8 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

c) Prestar apoio á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio nas seguintes materias:

1º. Na programación da ordenación do territorio e do litoral.

2º. Na elaboración de estratexias e programas que contribúan a atinxir o apropiado nivel de desenvolvemento sustentable, o establecemento das medidas necesarias para a súa efectiva implantación e aquelas que fomenten a participación cidadá.

3º. Na realización da avaliación continua dos instrumentos de ordenación territorial, o que inclúe o seguimento das directrices de ordenación do territorio que prevé o número 10 do artigo 10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

d) A recompilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materia agraria e de desenvolvemento rural, o que inclúe, en particular:

1º. Coordinación e difusión da información xeográfica e cartográfica necesaria para o desenvolvemento dos estudos territoriais e urbanísticos das diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma, así como o apoio técnico á difusión e formación de actuacións en materia de información xeográfica desenvolvidas pola Xunta de Galicia ou en coordinación con ela.

2º. Xestionar os sistemas de información corporativos vinculados ao territorio a partir das bases de datos cartográficas e espaciais existentes na consellería e no resto dos órganos da Administración xeral e entidades do sector público autonómico de Galicia que así o demanden, así como calquera outra información que se poida localizar sobre o territorio e que sexa susceptible de ser incorporada coa súa referencia xeográfica para a xestión da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG). A produción cartográfica do Instituto de Estudos do Territorio empregará a toponimia oficial e a restante adecuarase a medida que vaia sendo aprobada polo procedemento establecido no Decreto 132/1984, do 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia.

3º. Emisión de informe preceptivo en toda elaboración de cartografía e información xeográfica realizada fóra do Plan galego de cartografía e información xeográfica por un órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou algunha das entidades instrumentais do sector público autonómico.

4º. Elaboración, mantemento e actualización da información xeográfica e cartográfica necesaria para o desenvolvemento dos estudos da consellería, así como a xestión das encomendas recibidas doutros departamentos ou órganos da Administración xeral e entidades do sector público autonómico de Galicia relacionadas con esta materia.

5º. O arquivamento e o tratamento dos datos referidos aos indicadores do territorio establecidos nos instrumentos de ordenación territorial.

6º. Incentivar a innovación, a adopción e o desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas propias no campo de información xeográfica do territorio galego. Así mesmo, abordarase a planificación e o desenvolvemento de servizos de valor engadido e de novos sistemas e aplicacións en materia de información xeográfica para Galicia.

7º. Facilitar o acceso público á información e a tecnoloxías xeográficas para promover o coñecemento do territorio e os seus valores, contribuíndo, así, á conservación, á protección e ao desenvolvemento sustentable de Galicia.

8º. As funcións indicadas no artigo 19 do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, respecto do Rexistro de Cartografía de Galicia.

9º. As funcións recollidas no artigo 42 do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, respecto da Cartoteca de Galicia».

e) O apoio e o asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe, e de colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade.

f) Delimitar as grandes áreas paisaxísticas sobre as cales se desenvolverán os catálogos da paisaxe e elaborar os catálogos da paisaxe de Galicia, nos cales se terán en consideración outros catálogos existentes referidos á materia paisaxística.

Igualmente, correspóndelle a posta en marcha dos restantes instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia, tales como as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e a integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro necesario para o cumprimento dos anteriores.

g) Formar, sensibilizar e concienciar a sociedade galega na necesidade de protexer e xestionar debidamente as nosas paisaxes.

h) Avaliar o estado de conservación das paisaxes de Galicia, analizar as súas transformacións e previsible evolución e realizar estudos e propostas en materia de paisaxe.

i) Promover a colaboración e a cooperación en materia de paisaxe, sobre todo mediante asistencia científica e técnica mutua e intercambios de experiencias con fins de formación e información.

j) O seguimento de iniciativas de investigación e difusión de coñecementos de ámbito estatal, europeo e internacional en materia de paisaxe.

k) Fomentar o intercambio de información e experiencias, así como a asistencia científica e técnica mutua en materia de paisaxes transfronteirizas.

l) Elaborar cada catro anos un informe sobre o estado da paisaxe en Galicia, que a Xunta de Galicia presentará ao Parlamento de Galicia.

m) Calquera outra que teña relación co seu obxecto e fins.

Dous. As modificacións recollidas no artigo 10.d), ordinais 8º e 9º, producirán os seus efectos a partir da entrada en funcionamento do Rexistro de Cartografía de Galicia e da Cartoteca de Galicia, respectivamente.

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 172/2012, do 1 de agosto, polo que se regula a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía

Un. Modifícase o artigo 3 do Decreto 172/2012, do 1 de agosto, polo que se regula a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Funcións

Serán funcións propias da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía as seguintes:

– Formulación definitiva do proxecto de Plan galego de cartografía e información xeográfica e execución do dito plan.

– Elaboración dos programas operativos anuais do Plan galego de cartografía e información xeográfica.

– Coordinación das actividades cartográficas da Xunta de Galicia, así como das peticións e solicitudes en materia cartográfica das distintas consellerías respecto a outras administracións.

– Impulso e seguimento da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG).

– Execución dos obxectivos e liñas de traballo que lles sexan asignadas no Plan galego de cartografía e información xeográfica.

– Dar soporte técnico á Comisión de Delimitación de Termos Municipais e á Comisión de Toponimia.

– Análise das necesidades e da evolución da demanda de cartografía e información xeográfica de Galicia.

– Calquera outra función que poida ter relación coa natureza da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía».

Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do regulamento que se aproba por este decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto e o regulamento que se aproba entrarán en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xaneiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Regulamento de ordenación da información xeográfica
e da actividade cartográfica de Galicia

TÍTULO I
Disposicións xerais

CAPÍTULO I
Obxecto, definicións, principios e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

O presente regulamento ten por obxecto, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, a ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, que comprende:

a) A regulación das actividades de produción, xestión e difusión.

b) A regulación do Sistema cartográfico de Galicia e dos seus instrumentos integrantes: o Equipamento xeográfico de Galicia, o Plan galego de cartografía e información xeográfica, o Rexistro de Cartografía de Galicia, o Sistema de información territorial de Galicia (Sitga), a Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) e a Cartoteca de Galicia.

Artigo 2. Ámbito subxectivo de aplicación

As disposicións deste regulamento serán de aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás entidades instrumentais do sector público autonómico.

Tamén será de aplicación ás restantes administracións públicas e aos seus organismos dependentes, se así o deciden voluntariamente no ámbito da súa competencia, e de acordo cos principios de coordinación e cooperación.

As disposicións do capítulo III do título II serán tamén de aplicación ás persoas físicas ou xurídicas privadas nos termos previstos no dito capítulo.

Artigo 3. Ámbito obxectivo de aplicación

Quedan comprendidos no ámbito obxectivo de aplicación do presente regulamento a totalidade dos datos xeográficos relativos ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que, estando en poder das administracións, entidades ou organismos previstos no artigo 2, se refiran a información xeográfica de referencia, datos temáticos fundamentais ou datos temáticos xerais, definidos no artigo 3 da Lei 14/2010, do 5 de xullo, sobre as infraestruturas e os servizos de información xeográfica en España, de conformidade co disposto nos seus anexos I, II e III, así como os servizos de información xeográfica desenvolvidos tomando como punto de partida calquera dos datos anteriormente indicados e os seus respectivos metadatos.

Non obstante o anterior, cando os datos xeográficos estean en poder dunha Administración local, o regulamento só lles será de aplicación se existe unha norma legal de ámbito estatal ou autonómico que requira a súa recollida ou difusión.

Así mesmo, os servizos de información xeográfica comprendidos no ámbito de aplicación do regulamento serán tamén os desenvolvidos polas administracións, entidades ou organismos previstos no artigo 2.

Tamén se inclúen no ámbito obxectivo de aplicación deste regulamento, nos termos previstos no capítulo III do título II, os produtos e servizos cartográficos realizados por persoas físicas ou xurídicas privadas para os seus propios fins.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos do presente regulamento, os termos que se empregan terán o sentido que se establece a seguir e acorde coa lexislación básica estatal:

a) Cartografía: é a ciencia que estuda os métodos e sistemas para a representación gráfica, tanto en soporte analóxico como dixital, da superficie terrestre ou subacuática, sobre un marco de referencia previamente definido e matematicamente adecuado. A cartografía cualificada como oficial de conformidade co previsto no presente regulamento clasifícase en básica, derivada e temática.

b) Cartografía topográfica: é a que representa a morfoloxía do terreo e os obxectos naturais ou artificiais cunha posición determinada sobre a superficie terrestre. A cartografía topográfica pode ser básica ou derivada.

c) Cartografía náutica: é aquela especificamente deseñada e destinada a satisfacer os requirimientos e prescricións da navegación marítima representando profundidades, tipos de fondos, configuración e características da costa, perigos, obstrucións, zonas regulamentadas e axudas á navegación. A cartografía náutica pode ser básica ou derivada.

d) Cartografía básica: é aquela cartografía que se obtén por procedementos directos de observación e medición, elaborada de acordo cunha norma cartográfica establecida pola Administración do Estado, e que serve de base e referencia para o uso xeneralizado como representación gráfica dun territorio.

e) Cartografía derivada: é aquela cartografía que se obtén por procedementos de adición ou xeneralización da información contida na cartografía básica.

f) Cartografía temática: é a que, utilizando como soporte a cartografía básica ou derivada e conservando os seus atributos, singulariza ou desenvolve algún aspecto concreto da información contida naquela ou incorpora información adicional específica.

g) Conxunto de datos xeográficos: é a recompilación identificable de datos xeográficos.

h) Dato xeográfico: é calquera dato que, de forma directa ou indirecta, faga referencia a unha localización ou zona xeográfica específica.

i) Documentación cartográfica e xeográfica: todo tipo de documento que consista nunha representación do territorio en calquera formato, con calquera contido e en calquera soporte. A documentación cartográfica inclúe, entre outros, todo tipo de mapas, planos, cartas, fotografías aéreas, imaxes de sensores de observación da Terra, bases de datos xeorreferenciadas, minutas, traballos de campo e gráficos. A documentación xeográfica inclúe, entre outros, calquera tipo de arquivos e coleccións diversas que teñan algunha relación coa xeografía.

j) Información xeográfica: é o conxunto de datos espaciais xeorreferenciados ou xeodatos necesarios como parte de accións científicas, administrativas ou legais.

k) Infraestrutura de información xeográfica: é unha infraestrutura de datos espaciais, entendida como aquela estrutura virtual en rede integrada por datos xeorreferenciados e servizos interoperables de información xeográfica distribuídos en distintos sistemas de información, accesible vía internet cun mínimo de protocolos e especificacións normalizadas que, ademais dos datos, as súas descricións mediante metadatos e os servizos interoperables de información xeográfica, inclúa as tecnoloxías de busca e acceso aos ditos datos; as normas para a súa produción, xestión e difusión; os acordos sobre a súa posta en común, acceso e utilización entre os seus produtores e entre estes e os usuarios; e os mecanismos, procesos e procedementos de coordinación e seguimento establecidos e xestionados de acordo co previsto no presente regulamento, de conformidade coa lexislación básica estatal e, no que atinxe á Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG), conforme o sinalado tamén no presente regulamento.

l) Interoperabilidade de servizos de información xeográfica: é a capacidade que proporcionan servizos e procedementos especializados de combinar conxuntos de datos xeográficos e de facilitar a interacción dos servizos de información xeográfica, sen intervención manual repetitiva, de tal forma que o resultado sexa coherente e aumente o valor engadido dos datos xeográficos e servizos de información xeográfica.

m) Metadatos: é a información que describe os conxuntos de datos xeográficos e os servizos de información xeográfica e que fai posible localizalos, inventarialos e utilizalos.

n) Nodo de infraestrutura de información xeográfica: é un conxunto de servizos interoperables de información xeográfica accesibles, a través da internet, pola acción dun órgano, organismo ou entidade das administracións públicas.

o) Obxecto xeográfico: é a representación abstracta dun fenómeno real que corresponde a unha localización ou zona xeográfica específica.

p) Servizo de información xeográfica: é a operación ou conxunto de operacións que poden efectuarse, a través dunha aplicación informática, sobre datos xeográficos ou os seus metadatos.

q) Xeomática: é a disciplina que se ocupa da obtención, almacenamento, análise e explotación da información xeográfica.

r) Xeoportal: é o sitio da internet ou equivalente que proporciona accesos a servizos interoperables de información xeográfica de varios órganos, organismos ou entidades dunha ou varias administracións públicas e incorpora, polo menos, un servizo que permita buscar e coñecer os datos e servizos xeográficos accesibles a través del.

Artigo 5. Principios da actividade cartográfica en Galicia

A actividade cartográfica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico desenvolverase baixo os seguintes principios:

a) Servizo público: as actuacións relativas á actividade cartográfica terán a consideración de servizo público e darán lugar a actuacións que favorezan o acceso á información cartográfica da cidadanía e aquelas outras que contribúan a un mellor servizo por parte dos poderes públicos.

b) Coordinación: este principio deberá concretarse nas distintas actuacións que poidan involucrar máis dun órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dalgunha das entidades instrumentais do sector público autonómico e, de ser o caso, dalgunha entidade local.

c) Cooperación: supón facilitar o desenvolvemento da actividade cartográfica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico, fornecendo información, asesoramento e colaboración mutua coas entidades locais no exercicio das súas respectivas competencias.

d) Participación: a Xunta de Galicia impulsará a participación de cantos axentes contribúan á produción ou desenvolvemento da actividade cartográfica.

e) Rigor técnico: toda a actividade cartográfica que desenvolva a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico deberá levarse a cabo conforme unha metodoloxía que garanta científicamente os niveis de corrección e exactitude adecuados aos seus fins.

f) Planificación: a actividade cartográfica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico realizarase de forma planificada, de conformidade co Plan galego de cartografía e información xeográfica, desenvolvido mediante programas operativos anuais.

g) Eficacia e eficiencia: cada proxecto de actividade cartográfica deberá adecuarse en canto á súa concepción, metodoloxía, calendario e recursos aos obxectivos que se pretendan alcanzar, e executarse co menor custo posible e sen mingua da calidade. Para iso aplicarase como criterio básico o de que os datos espaciais deben ser recollidos unha soa vez e estruturados de forma que se asegure a súa combinación con outros datos, aínda que procedan de fontes distintas.

h) Difusión: tendo a actividade cartográfica unha vocación de servizo público, deberanse poñer á disposición da cidadanía os produtos da dita actividade, facilitando o seu acceso e utilizando para isto os soportes tecnolóxicos que mellor permitan a súa difusión e dispoñibilidade. Con este fin, promoverase que os datos espaciais sexan fáciles de obter, que se fagan públicas as condicións de adquisición e uso e que estean dispoñibles baixo condicións que non disuadan do uso extensivo.

CAPÍTULO II
O Sistema cartográfico de Galicia

Artigo 6. O Sistema cartográfico de Galicia

1. O Sistema Cartográfico de Galicia é un modelo de actuación que persegue o exercicio eficaz das funcións públicas en materia de información xeográfica mediante a coordinación das actuacións dos operadores públicos autonómicos con competencias nesta materia.

2. Forman parte do Sistema cartográfico de Galicia os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico con funcións de recollida, almacenamento, tratamento, produción, coordinación, programación e difusión da actividade cartográfica de Galicia e, especialmente, o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, sen prexuízo da posible participación voluntaria das entidades que integran a Administración local nos termos previstos neste regulamento.

3. Tamén formarán parte do Sistema cartográfico de Galicia os instrumentos que dan soporte técnico, científico e administrativo ás accións derivadas dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico, e que son os seguintes:

a) O Equipamento xeográfico de Galicia.

b) O Plan galego de cartografía e información xeográfica.

c) O Rexistro de Cartografía de Galicia.

d) O Sistema de información territorial de Galicia (Sitga).

e) A Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG).

f) A Cartoteca de Galicia.

Artigo 7. Obxectivos do Sistema cartográfico de Galicia

O Sistema cartográfico de Galicia ten como obxectivos:

a) Garantir a homoxeneidade da información producida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e demais entidades instrumentais do sector público autonómico que desenvolvan actividades cartográficas co fin de asegurar a coherencia, a continuidade e a interoperabilidade desa información xeográfica sobre o territorio galego.

b) Favorecer a eficiencia no gasto público destinado a cartografía e sistemas de información xeográfica, evitando a duplicidade dos recursos públicos e promovendo a cooperación interinstitucional.

c) Organizar e xestionar a información xeográfica dispoñible sobre o territorio de Galicia e integrala nun modelo de datos homoxéneo.

d) Asegurar a dispoñibilidade pública e a actualización dos datos xeográficos de referencia.

e) Optimizar a calidade da produción cartográfica oficial e a súa utilidade como servizo público, facilitando o acceso á información xeográfica e favorecendo a competitividade do sector cartográfico privado.

TÍTULO II
Instrumentos do Sistema cartográfico de Galicia

CAPÍTULO I
O Equipamento xeográfico de Galicia

Artigo 8. Contido

1. Toda a produción de información xeográfica e cartografía oficiais levada a cabo polos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico realizarase a partir do Equipamento xeográfico de referencia nacional do artigo 17.3.a) da Lei 14/2010, do 5 de xullo, e do Equipamento xeográfico de Galicia.

2. O Equipamento xeográfico de Galicia é unha infraestrutura da Administración autonómica de Galicia integrada, pola súa vez, polas seguintes:

a) As redes xeodésicas activas e pasivas e de nivelacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A toponimia oficial de Galicia, establecida polos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, respecto das vías urbanas, polos concellos respectivos e de acordo co establecido nos artigos 23 e 24 do Real decreto 1545/2007.

c) As delimitacións territoriais establecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Situación xeográfica das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, contida no Rexistro de Entidades Locais de Galicia.

CAPÍTULO II
Planificación da produción cartográfica

Sección 1ª. O Plan galego de cartografía e información xeográfica

Artigo 9. Concepto

O Plan galego de cartografía e información xeográfica é o instrumento básico da planificación da produción da cartografía da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como do uso e difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio de Galicia, e ten como finalidade garantir a coherencia e a interoperabilidade dos datos espaciais, favorecer a eficiencia no gasto público e asegurar a calidade da produción cartográfica e a súa utilidade como servizo público.

Artigo 10. Obxecto

O Plan galego de cartografía e información xeográfica ten por obxecto a determinación dos obxectivos e a coordinación das actividades cartográficas, a constitución e mellora permanente da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) e o aproveitamento e coordinación desta información coas políticas públicas sectoriais con proxección territorial.

Artigo 11. Ámbito de aplicación e vixencia

O Plan galego de cartografía e información xeográfica ten como ámbito de aplicación todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e terá unha vixencia de catro anos.

Artigo 12. Contido

1. O Plan galego de cartografía e información xeográfica, que terá carácter indicativo e orientador, recollerá o seguinte contido mínimo:

a) Xustificación e marco normativo.

b) Antecedentes e situación da cartografía en Galicia no momento de elaboración do plan.

c) Análise da cartografía oficial dispoñible e do seu nivel de calidade e actualidade.

d) Obxectivos e necesidades que se pretenden cubrir en materia cartográfica para o período de vixencia do plan, a cuxa satisfacción deberán orientarse os proxectos de produción e actualización da cartografía oficial.

e) As liñas de actuación e actividades cartográficas que se vaian desenvolver.

f) A coordinación e adecuación ao Plan cartográfico nacional.

g) Recoller os criterios de divulgación e acceso á información contidos na normativa vixente, incluíndo a política de datos aplicable á difusión e accesibilidade da cartografía e información xeográfica producida ao abeiro do plan, así como os servizos de información e o sistema de protección de dereitos.

h) Os criterios orientativos para a elaboración das normas técnicas de produción da cartografía oficial de Galicia, tendo en conta a necesaria harmonización e homoxeneización cos criterios de produción cartográfica establecidos polos órganos competentes da Administración xeral do Estado e os organismos cartográficos nacionais e organizacións internacionais.

i) Definición do catálogo de conxunto de datos xeográficos necesarios para o correcto funcionamento do sistema de información corporativo e as diferentes aplicacións que poidan utilizar a información xeográfica nos seus procesos. Este catálogo de conxuntos de datos deberá conter a descrición completa de cada conxunto, os seus obxectivos, a súa prioridade, a súa dispoñibilidade, os seus niveis mínimos de calidade e os seus períodos de actualización.

j) As bases xerais de actuación para programar, financiar con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e executar actividades coordinadas no seo da Administración xeral da Comunidade Autónoma e entidades instrumentais do sector público autonómico.

A este respecto, calquera programa que inclúa financiamento destinado á produción cartográfica non poderá contradicir os obxectivos do Plan galego de cartografía e información xeográfica, salvo razóns de urxencia e sen prexuízo do establecido no artigo 15.

2. O Plan galego de cartografía e información xeográfica non poderá prever a produción de maneira oficial de cartografía xa inscrita no Rexistro Central de Cartografía ou nos rexistros autonómicos telematicamente conectados con éste, salvo que non reúna as necesarias condicións de actualización ou de axuste a criterios normalizados e, ao pretender a súa revisión, o seu titular denegue expresamente o permiso para a súa utilización.

Artigo 13. Programas operativos anuais

1. O Plan galego de cartografía e información xeográfica desenvolverase mediante programas operativos anuais que establecerán para cada período as prioridades de actuación en materia de produción cartográfica dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

2. Corresponde á Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía a elaboración do programa operativo anual, conforme a proposta dos produtores, e a súa aprobación á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio, por iniciativa do Instituto de Estudos do Territorio.

Artigo 14. Procedemento de elaboración e aprobación do Plan galego de cartografía e información xeográfica

1. A elaboración do Plan galego de cartografía e información xeográfica será iniciada mediante o acordo de inicio do Consello da Xunta de Galicia.

2. A redacción da proposta inicial do plan será realizada pola Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía.

3. A seguir darase consulta por un prazo de tres meses ás consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás entidades instrumentais do sector público autonómico que resulten afectadas, ás entidades locais e, de ser o caso, a outros órganos das distintas administracións públicas, entidades públicas ou corporacións de dereito público que resulten afectados.

4. Unha vez incorporadas as suxestións do período de consulta, someterase o texto a un período de información pública polo prazo mínimo de dous meses.

5. Finalizado o período de información publica, a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía valorará as alegacións efectuadas e aprobará o texto resultante como proxecto.

6. Mentres que a Comunidade Autónoma siga integrada no Sistema cartográfico nacional, o proxecto do Plan galego de cartografía e información xeográfica someterase ao informe do Consello Superior Xeográfico, de acordo co previsto no artigo 11 do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema cartográfico nacional.

7. Finalmente, corresponderá á Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía a formulación definitiva do proxecto e, por iniciativa do Instituto de Estudos do Territorio, corresponde á persoa titular da consellería con competencia en materia de ordenación do territorio elevar o proxecto do Plan galego de cartografía e información xeográfica ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación.

8. A aprobación do Plan galego de cartografía e información xeográfica realizarase por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

9. As modificacións ou revisións do plan realizaranse de acordo co procedemento establecido para a súa elaboración no presente artigo.

Artigo 15. Elaboración de cartografía e información xeográfica non comprendida no Plan galego de cartografía e información xeográfica

1. A elaboración de cartografía e información xeográfica non incluída no Plan galego de cartografía e información xeográfica por parte dos órganos da Administración autonómica de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico requirirá, mentres que a Comunidade Autónoma siga integrada no Sistema cartográfico nacional, da preceptiva autorización do Consello Superior Xeográfico se se trata de cartografía topográfica básica; ou da comunicación previa ao Rexistro Central de Cartografía, no caso de que sexa cartografía temática que utilice como información de referencia cartografía oficial rexistrada nos termos previstos no artigo 12 do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro.

A elaboración de cartografía e información xeográfica, tanto contida no Plan galego de cartografía e información xeográfica como a non comprendida nel, deberá suxeitarse aos criterios normalizados a que fai referencia o artigo 18.4 da Lei 14/2010, do 5 de xullo, e o artigo 13 do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro.

2. En desenvolvemento da actividade de coordinación, o Instituto de Estudos do Territorio emitirá informe preceptivo en todo procedemento de elaboración de cartografía e información xeográfica por parte dun órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou dalgunha das entidades instrumentais do sector público autonómico, xa sexa realizada con medios internos ou externos, adquisición de imaxes ou calquera tipo de documentos sobre o territorio de Galicia, sen prexuízo das competencias do órgano central de estatística da Comunidade Autónoma de Galicia. O devandito informe emitirase tendo en conta tanto a preceptiva autorización previa do Consello Superior Xeográfico se a cartografía é topográfica básica, como a comunicación previa ao Rexistro Central de Cartografía se a cartografía é temática, de conformidade co previsto no artigo 12 do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro.

3. Antes de iniciar os traballos de elaboración da cartografía e/ou información xeográfica, o órgano competente da consellería ou entidade instrumental do sector público autonómico deberá solicitar o informe recollido no número anterior ao Instituto de Estudos do Territorio, que deberá emitilo no prazo dun mes.

O informe pronunciarase sobre a necesidade de elaboración da devandita cartografía. En todo caso, non poderá producirse de maneira oficial información xeográfica de referencia ou cartografía se xa consta inscrita no Rexistro Cartográfico de Galicia e, nos casos previstos no artigo 18.3 da Lei 14 /2010, do 5 de xullo, mentres que a Comunidade Autónoma siga adherida ao Sistema cartográfico nacional.

4. No caso de que o informe emitido polo Instituto de Estudos do Territorio sexa favorable, así como se transcorre o prazo para a emisión do informe sen que este sexa emitido, a cartografía e/ou información xeográfica elaborarase baixo a coordinación deste organismo e baixo a súa supervisión.

Sección 2ª. Cartografía oficial de Galicia

Artigo 16. Cartografía oficial de Galicia

Enténdese por cartografía oficial a representación gráfica, tanto en soporte analóxico como dixital, dos elementos xeográficos, realizada polas administracións públicas ou baixo a súa dirección e control, no marco das súas competencias e con suxeición ás prescricións da Lei 7/1986, do 24 de xaneiro, da Lei 14/2010, do 5 de xullo, do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, e das normas cartográficas que lle sexan de aplicación.

Artigo 17. Normas técnicas de produción de cartografía de Galicia

A cartografía oficial realizada pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais do sector público autonómico, ou baixo a súa dirección e control, deberá suxeitarse ás normas técnicas de produción de cartografía de Galicia, sen prexuízo da necesaria observancia das restantes normas aplicables, conforme o indicado no artigo anterior.

As normas técnicas de produción de cartografía de Galicia deberán ser aprobadas por orde da persoa titular da consellería competente na materia de ordenación do territorio.

CAPÍTULO III
Rexistro de Cartografía de Galicia

Sección 1ª . Réxime do Rexistro de Cartografía de Galicia

Artigo 18. Rexistro de Cartografía de Galicia

1. Créase o Rexistro de Cartografía de Galicia, que queda adscrito ao Instituto de Estudos do Territorio e que garante a fiabilidade e interoperabilidade da información cartográfica e xeográfica da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No Rexistro de Cartografía de Galicia debe ser obxecto de inscrición a cartografía producida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais do sector público autonómico no exercicio das súas competencias, tanto a básica topográfica, como a derivada; incluíndo as fotografías aéreas e imaxes espaciais que serviron de base para a súa realización, e as ortofotos e ortoimaxes correspondentes, salvagardando os intereses prioritarios da Defensa Nacional. Asemade, será obxecto de inscrición a cartografía temática producida en desenvolvemento do Plan galego de cartografía e información xeográfica, así como as delimitacións territoriais establecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma de Galicia e a toponimia oficial aprobada polos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, polos concellos, así como os nomenclátores e topónimos xeorreferenciados oficiais non incluídos no Nomenclátor xeográfico básico de España.

3. Poderá ser obxecto de inscrición a produción cartográfica realizada por outras administracións públicas e, singularmente, polas entidades que integran a Administración local.

4. Poderán inscribirse, na sección de cartografía non oficial, os produtos e servizos cartográficos realizados por persoas físicas ou xurídicas privadas para os seus propios fins, sempre que satisfagan os criterios técnicos de homologación que determine o Consello Superior Xeográfico.

5. O Rexistro de Cartografía de Galicia estará conectado telematicamente co Rexistro Central de Cartografía, garantindo a súa homoxeneización. Como metadato en si mesmo considerado, estará dispoñible no catálogo do xeoportal da Infraestrutura de datos espaciais.

6. O Rexistro de Cartografía de Galicia será público e recollerá, xunto coa identificación de cada serie cartográfica, a norma técnica de aplicación, os parámetros de calidade e as datas de referencia. A información deste rexistro estará dispoñible ao público a través da internet, de conformidade coas previsións do texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

7. A inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia será de carácter gratuíto.

Artigo 19. Funcións do Instituto de Estudos do Territorio

Respecto do Rexistro de Cartografía de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio terá as seguintes funcións:

a) Comprobación da documentación e requisitos necesarios para a inscrición na sección que corresponda do Rexistro, así como o requirimento de emenda, se for o caso.

b) A inscrición dos recursos cartográficos recollidos nos artigos 18 e 25.

c) Facilitar ao público o acceso á información contida no Rexistro.

d) Facilitar aos órganos competentes a asistencia necesaria para desenvolver as funcións que, en relación co Rexistro, teñan encargadas.

e) A emisión de certificacións sobre a información que consta no Rexistro.

f) A custodia e conservación da documentación que se lle presente e que sirva de apoio aos asentos que se leven a cabo.

g) Promover a comunicación con outros rexistros cartográficos e, en particular, co que depende do organismo estatal competente nos termos previstos neste regulamento e demais normativa aplicable.

Artigo 20. Organización

1. O Rexistro de Cartografía de Galicia organizarase en dúas seccións separadas: a oficial e a non oficial. Dentro de cada unha delas, os contidos clasificaranse por medio de catálogos de datos e servizos.

2. Na sección oficial inscribirase a cartografía oficial, as delimitacións territoriais establecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma de Galicia, a toponimia oficial aprobada polos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, polos concellos, así como os nomenclátores e topónimos xeorreferenciados oficiais non incluídos no Nomenclátor xeográfico básico de España.

3. Na sección non oficial inscribirase a cartografía non oficial.

Artigo 21. Informes e certificados

1. O Instituto de Estudos do Territorio, logo de solicitude, informará e certificará sobre a cartografía e a información xeográfica existente no rexistro e as súas características básicas, sen prexuízo das competencias do órgano central de estatística da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As características básicas a que se refire o número primeiro son, como mínimo, as seguintes:

a) Título ou nome da cartografía ou información xeográfica.

b) Responsable da elaboración da cartografía ou da información xeográfica.

c) Ámbito xeográfico que corresponda á cartografía elaborada ou á información xeográfica recollida.

d) Carácter oficial ou non da cartografía elaborada e da información xeográfica rexistrada.

e) Data de elaboración da cartografía ou información xeográfica.

Artigo 22. Comunicacións e establecemento de condicións de uso

1. O Instituto de Estudos do Territorio porá anualmente en coñecemento da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía as actuacións realizadas en relación co rexistro e as incidencias producidas, así como a súa resolución.

2. O Instituto de Estudos do Territorio, como organismo a que queda adscrito o Rexistro de Cartografía de Galicia, poderá establecer condicións de uso para a difusión dixital e a edición de publicacións ou produtos en soporte dixital elaborados ou que se poidan elaborar, a partir da cartografía e información xeográfica contida no Rexistro.

Sección 2ª. Procedementos de inscrición e modificación
no Rexistro de Cartografía de Galicia

Artigo 23. Requisitos para a inscrición ou modificación

1. Para inscribir a cartografía elaborada polas administracións públicas indicada no artigo 20.2 na sección oficial do Rexistro, esta deberá cumprir coas normas e os estándares sinalados neste regulamento e demais normativa de aplicación para a súa consideración como cartografía oficial.

2. A cartografía que non cumpra co indicado no número anterior, así como a recollida no artigo 18.4, será inscrita na sección de cartografía non oficial.

3. A cartografía e a información xeográfica dixital inscrita quedará catalogada na Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG), de conformidade co disposto no artigo 41.

4. Para a modificación da cartografía inscrita no rexistro seguirase o mesmo procedemento previsto para a súa inscrición.

Artigo 24. Procedemento de inscrición

1. A inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia iniciarase de oficio ou por solicitude da persoa interesada, de conformidade co previsto no artigo 54 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (no sucesivo, Lei 39/2015). O procedemento iniciarao de oficio o Instituto de Estudos do Territorio, ben por propia iniciativa, como consecuencia de orde superior, ou por petición razoada dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entes instrumentais do sector público autonómico, así como das entidades locais, de ser o caso.

2. A solicitude de inscrición deberá presentarse conforme o modelo recollido no anexo I e seguintes, xunto coa documentación correspondente, e dirixirase ao Instituto de Estudos do Territorio.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de persoa empregada pública, e para as persoas que representen unha persoa interesada obrigada á presentación electrónica.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Deberase cubrir unha solicitude por cada recurso cartográfico para o cal se solicite a inscrición. Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude e en tal caso as actuacións entenderanse co representante ou coa persoa interesada que expresamente se sinale e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo, de conformidade co previsto no artigo 7 da Lei 39/2015. Neste suposto, a solicitude deberá presentarse xunto co modelo normalizado de pluralidade de persoas solicitantes, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Na solicitude de inscrición de cartografía derivada deberá figurar a cartografía básica da cal se obtivo, e na de cartografía temática indicarase a cartografía básica ou derivada que se utilizou como soporte. Non poderá inscribirse a cartografía, derivada ou temática, realizada a partir dunha cartografía non rexistrada.

Artigo 25. Documentación que debe entregarse coa solicitude

1. A solicitude de inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia deberá entregase coa seguinte documentación:

a) A documentación identificativa da persoa física ou xurídica.

Se a persoa solicitante é unha persoa física, deberá achegarse copia do DNI ou NIE en vigor, no caso de denegar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade, de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que desenvolve o devandito decreto.

En caso de que a persoa solicitante sexa unha persoa xurídica, deberá achegarse escritura ou documento de constitución debidamente inscrito, se for o caso, no Rexistro Mercantil ou rexistro que corresponda ou certificado do devandito rexistro así como, de ser o caso, o DNI ou NIE en vigor da persoa representante.

b) A ficha rexistral respectiva do tipo de recurso cartográfico que se desexe inscribir (anexos II, III, IV ou V do decreto, segundo corresponda). A relación de recursos cartográficos é a seguinte:

• Produto: conxunto de datos producido de acordo cunhas especificacións.

• Unidade: cada un dos elementos individuais que compoñen un produto, definidos por unha partición do seu ámbito total.

• Servizo cartográfico: prestación ou actividade relacionada coa produción de datos ou a publicación de servizos web que unha organización se ofrece a realizar para terceiros baixo demanda.

• Servizo web: parte distinguible de funcionalidade ofrecida na rede por unha entidade a través dunha interface.

c) Unha copia de todos os datos que se queiran rexistrar en formato dixital.

2. Con carácter complementario e potestativo, a persoa solicitante poderá xuntar á anterior documentación obrigatoria unha ficha cos metadatos da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) segundo o modelo establecido polo Núcleo español de metadatos (NEM) aprobado polo Consello Superior Xeográfico, especificando os metadatos no nivel de conxunto de datos ou servizo, segundo corresponda.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa, de conformidade co previso no artigo 28 da Lei 39/2015.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 26. Presentación de documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica, sen prexuízo da obriga de emprego desta modalidade nos supostos e condicións previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada nas devanditas condicións.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que son auténticas.

Artigo 27. Tamaños e formatos admitidos na presentación electrónica

1. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou o seu representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica ou se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

2. Na sede electrónica atópanse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 28. Asento de presentación

Recibida a solicitude no Instituto de Estudos do Territorio, esta orixinará un asento de presentación no Rexistro de Cartografía de Galicia que conterá, como mínimo, os seguintes datos:

a) Número de rexistro provisional, que será o número de identificación dos datos enviados.

b) Datos de identificación da persoa interesada ou do organismo de procedencia da petición.

c) Data de entrada no Instituto de Estudos do Territorio.

Artigo 29. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo indicado poderase ampliar prudencialmente ata cinco días, por petición da persoa interesada ou por iniciativa do Instituto de Estudos do Territorio, cando a presentación dos documentos requiridos presente dificultades especiais, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015.

Artigo 30. Instrución

1. A totalidade da información presentada para a súa inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia será obxecto dun control por parte do Instituto de Estudos do Territorio do cumprimento dos requisitos exixidos neste regulamento para a súa inscrición, que determinará a súa cualificación final, logo de comprobar que non figura previamente inscrita cos mesmos atributos e características técnicas.

2. Na tramitación seguirase o previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común, e darase, en todo caso, audiencia á persoa solicitante da inscrición nos supostos de existencia de informes complementarios ou no caso de que lle sexa requirida documentación complementaria ou que emende a súa solicitude.

3. O Instituto de Estudos do Territorio, a través do departamento competente en materia de información xeográfica, emitirá o informe de cualificación en calquera dos sentidos seguintes:

a) Negativo: supón que a petición non se pode inscribir no Rexistro.

b) Positivo: supón que a petición se pode inscribir no Rexistro.

Artigo 31. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 32. Resolución e recursos

1. Corresponde ao órgano executivo do Instituto de Estudos do Territorio autorizar ou denegar a inscrición en calquera das dúas seccións do Rexistro ditando a resolución oportuna de acordo co informe de cualificación.

2. As solicitudes de inscrición presentadas por instancia de parte entenderanse estimadas se, no prazo de dous meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no Rexistro de Cartografía de Galicia, non se emitise e notificase resolución expresa. Para os procedementos iniciados de oficio, o silencio entenderase desestimatorio unha vez transcorridos dous meses desde a data do acordo de incoación.

3. As resolucións referentes á inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia son impugnables en alzada ante a persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio, de conformidade cos seus estatutos.

Artigo 33. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 34. Efectos da inscrición

1. A cartografía oficial rexistrada de Galicia é de uso obrigatorio para a Administracion xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico no exercicio das súas competencias, salvagardando os intereses e necesidades da Defensa Nacional.

2. Será de uso obrigatorio a cartografía oficial rexistrada de Galicia, en todos os procedementos administrativos que tramite a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou calquera das entidades instrumentais do sector público autonómico que requiran unha representación xeográfica precisa sobre o territorio de Galicia.

3. A cartografía oficial rexistrada de Galicia gozará da protección do réxime xurídico de propiedade intelectual.

4. A cartografía inscrita como non oficial adquirirá validez como cartografía rexistrada, aínda que sen obrigatoriedade de uso polas administracións públicas.

5. Os servizos cartográficos inscritos recibirán a denominación de servizos cartográficos rexistrados, de conformidade co artigo 19.5 do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema cartográfico nacional, e obterán un certificado de idoneidade da Administración xeral do Estado para participar en concursos nacionais ou internacionais conforme se determine por orde da persoa titular do ministerio de Fomento. Esta orde establecerá as características técnicas que, de conformidade co artigo 33.e).5 do indicado Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, deba reunir esa cartografía.

Artigo 35. Procedemento de perda da condición de oficialidade da cartografía e da información xeográfica rexistradas elaboradas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais do sector público autonómico

1. A falta de cumprimento das condicións de actualización da cartografía e información xeográfica rexistradas de acordo co que se estableza nas normas técnicas de produción da cartografía de Galicia será causa de perda da condición de oficialidade.

2. A declaración de perda da condición de oficialidade da cartografía ou información xeográfica debidamente inscritas precisará a tramitación previa dun expediente en que se dará audiencia ao seu autor. O órgano competente para incoar o procedemento e resolver a perda de oficialidade será o Consello Reitor do Instituto de Estudos do Territorio.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será dun mes.

3. Con carácter previo á apertura do procedemento, o Instituto de Estudos do Territorio realizará un requirimento a quen teña a autoría da cartografía ou información xeográfica rexistrada e outorgaralle un prazo de tres meses para adecuala aos estándares e requisitos de oficialidade que considere incumpridos.

4. A resolución que declare a perda da condición de oficialidade pon fin á vía administrativa e deberá ser notificada á persoa interesada, quen poderá impugnala directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición.

5. A declaración de perda da oficialidade implicará a cancelación da inscrición na sección oficial do Rexistro de Cartografía de Galicia e comportará a inscrición na sección non oficial do Rexistro.

CAPÍTULO IV
O Sistema de información territorial de Galicia (Sitga)

Artigo 36. Sistema de información territorial de Galicia (Sitga)

1. O Sistema de información territorial de Galicia (Sitga) configúrase como o instrumento tecnolóxico utilizado para a organización e xestión da cartografía e a información xeográfica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

2. Estará composto polos sistemas de información xeográfica e bases de datos xeorreferenciadas de todos os órganos da Administración autonómica de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, sen prexuízo das competencias do órgano central de estatística da Comunidade Autónoma nesta materia.

3. Poderán integrarse no sistema outras administracións da Comunidade Autónoma de xeito voluntario, logo de sinatura dun convenio en que se fixe o alcance da integración.

4. A xestión dos contidos deste sistema levaraa a cabo o Instituto de Estudos do Territorio co apoio tecnolóxico do órgano ou entidade pública encargado da xestión da infraestrutura informática da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 37. Elementos do Sistema de información territorial de Galicia (Sitga)

O Sistema de información territorial de Galicia (Sitga) estará composto polos seguintes elementos:

a) Catálogo de datos xeográficos: conterá o inventario dos datos aloxados no sistema que, pola súa vez, estará integrado no catálogo da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) como un subconxunto deste.

b) Repositorio de información xeográfica: trátase do almacén físico dunha copia da información.

c) Centro de descargas: é a ferramenta para o acceso aos datos.

d) Xeoportal do Sistema de información territorial de Galicia (Sitga): configúrase como o punto na intranet corporativa onde reside toda a información, utilidades e aplicacións para o acceso aos datos do sistema.

e) Servizos en rede de información xeográfica: proporcionan mecanismos de comunicación entre diferentes aplicacións mediante o uso de estándares que interactúan entre si para presentar información dinámica á persoa usuaria.

f) Repositorio de aplicacións para o manexo da información xeográfica: sitio común para o aloxamento de todos os desenvolvementos informáticos relacionados coa información xeográfica e integrados cos sistemas de información xeográfica (SIX) corporativos.

CAPÍTULO V
A Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG)

Artigo 38. Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG)

1. Os datos xeográficos e os servizos interoperables de información xeográfica proporcionados polos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público integraranse na Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG), e estarán dispoñibles mediante o xeoportal da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia.

2. A Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) conectarase telematicamente coas restantes infraestruturas de información xeográfica de ámbito local, nacional ou europeo que conteñan información xeográfica sobre o territorio de Galicia, de conformidade coas directrices estatais e europeas.

3. Os administradores de nodos de información xeográfica incorporados á Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG), coordinarán as súas actuacións para asegurar o acceso mutuo aos servizos implantados en cada un deles co fin da súa difusión.

4. Os xeoportais de todos os nodos integrados na Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) establecerán procedementos de conexión entre os seus catálogos de metadatos co fin de asegurar a actualización continua da información dispoñible.

Artigo 39. Interoperabilidade

A Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) cumprirá coas especificacións tecnolóxicas que se determinen a nivel nacional, comunitario e internacional para asegurar a interoperabilidade dos distintos sistemas de información xeográfica que a integran e entre estes e as persoas usuarias externas, de tal xeito que o resultado sexa coherente e engada valor aos datos xeográficos e servizos de información xeográfica.

Artigo 40. Servizos interoperables de información xeográfica

1. A información contida na Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) será xestionada de forma integrada polo Instituto de Estudos do Territorio e, de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 14/2010, do 5 de xullo, proporcionará ás persoas usuarias o acceso, polo menos, aos seguintes servizos interoperables:

a) Servizos de localización que posibiliten a busca de conxuntos de datos xeográficos e servizos de información xeográfica relacionados con eles, partindo do contido dos metadatos correspondentes, e que amosen o seu contido.

b) Servizos de visualización que permitan, como mínimo, amosar, navegar, achegarse ou afastarse para concretar ou ampliar o campo de visión, moverse ou superpoñer os datos xeográficos, así como mostrar os signos convencionais e, opcionalmente, consultar os atributos dos datos xeográficos. Deberá ser posible acceder a estes servizos de visualización directamente desde servizos de localización.

c) Servizos de descarga que permitan xerar copias de datos xeográficos ou partes deles e, cando sexa posible, acceder directamente ao seu contido para construír servizos de valor engadido ou integralos na lóxica de aplicacións de usuario.

d) Servizos de transformación que permitan adaptar os datos xeográficos para garantir a súa interoperabilidade.

e) Servizos de provisión de acceso aos servizos anteriores.

2. En relación cos servizos de localización, deberá aplicarse, como mínimo, a seguinte combinación de criterios de busca:

a) Palabras clave.

b) Clasificación dos datos xeográficos e servizos de información xeográfica.

c) Calidade e validez dos datos xeográficos, con especial atención á súa dimensión temporal.

d) Grao de conformidade coas normas comunitarias de execución e aquelas a que se refire o artigo 6 da Lei 14/2010, do 5 de xullo.

e) Localización xeográfica.

f) Condicións que rexen o acceso e uso dos datos xeográficos e servizos de información xeográfica.

g) Administracións ou organismos do sector público, ou entidades que actúan en nome destes, ou outras persoas físicas ou xurídicas responsables da creación, xestión, mantemento e distribución de datos xeográficos e servizos de información xeográfica.

3. Os servizos de transformación combinaranse cos demais servizos interoperables de información xeográfica determinados no número 1, de xeito que poidan funcionar de acordo coas normas comunitarias de execución e coas normas que se deben cumprir para o establecemento de infraestruturas e servizos de información xeográfica en España.

4. O acceso poderá realizarse a través do xeoportal da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG) e do xeoportal da Infraestrutura de datos espaciais de España (IDEE), de conformidade co indicado no artigo 5.2 da Lei 14/2010, do 5 de xullo.

5. Os servizos de información xeográfica terán en conta os requisitos dos usuarios e serán de uso fácil, a través da internet ou de calquera outro servizo de telecomunicacións, e estarán condicionados ao cumprimento por parte das persoas interesadas dos requirimentos técnicos que permitan a interoperabilidade dos seus sistemas coas infraestruturas de información xeográfica das administracións públicas.

6. Será aplicable aos servizos interoperables de información xeográfica regulados neste artigo o réxime de limitacións e de condicións de acceso recollidos nos artigos 13 e 14 da Lei 14/2010, do 5 de xullo.

Artigo 41. Catálogo de datos xeográficos e servizos de información xeográfica

1. O Catálogo de datos xeográficos e servizos de información xeográfica, incluído na Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG), conterá un inventario de datos xeográficos e servizos de información xeográfica dispoñibles sobre o territorio de Galicia, descritos mediante un estándar de metadatos e cunha referencia directa ou indirecta a unha localización por coordenadas ou ámbito espacial.

O metadato incluirá a descrición da información xeográfica e os servizos que se lle aplican de acordo cos estándares internacionais e conforme o disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 14/2010, do 5 de xullo, sen prexuízo das limitacións de acceso previstas no seu artigo 13 e da lexislación vixente en materia de acceso á información pública.

2. Os órganos superiores e de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os órganos e unidades administrativas deles dependentes, realizarán un inventario dos conxuntos de datos xeográficos e de servizos de información xeográfica determinados na Lei 14/2010, do 5 de xullo, dos cales sexan responsables, con independencia do uso e das restricións que, se for o caso, de forma motivada, poidan aplicar aos ditos datos e servizos. Tamén ás entidades instrumentais do sector público autonómico deberán elaborar o indicado inventario, un único por cada entidade.

3. Para o efecto, o Instituto de Estudos do Territorio facilitará as ferramentas para crear e editar os metadatos e prestará o asesoramento en todo canto sexa preciso.

CAPÍTULO VI
A Cartoteca de Galicia

Artigo 42. Cartoteca de Galicia

1. A Cartoteca de Galicia adscríbese ao Instituto de Estudos do Territorio e terá a finalidade de recoller, conservar, preservar e difundir documentación xeográfica e cartográfica referida ao territorio de Galicia, organizándoa, catalogándoa e custodiándoa para facela accesible ás persoas usuarias. Constará de todo tipo de mapas, planos, fotografías e calquera tipo de documentos xeorreferenciados de diversas épocas, así como de arquivos dixitais relacionados con estas materias.

2. O Instituto de Estudos do Territorio, para a organización e mantemento da Cartoteca, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Recoller e recompilar a documentación xeográfica e cartográfica que xere a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico ou que proveña de doazóns, adquisicións, intercambio ou calquera outra forma admitida en dereito que permita a súa disposición.

b) Velar pola conservación da documentación cartográfica e xeográfica, levar a cabo as accións necesarias para a súa salvagarda e contribuír á constitución do patrimonio cartográfico e xeográfico de Galicia.

c) Poñer a documentación cartográfica e xeográfica ao alcance do público, ben directamente ben electronicamente, mediante a descrición, catalogación e reprodución necesarias.

d) Contribuír ao establecemento de normas de descrición e de catalogación nos campos que fagan referencia ás características intrínsecas da documentación cartográfica e xeográfica, así como á súa divulgación entre as institucións de Galicia.

e) Difundir o fondo cartográfico e xeográfico da Cartoteca e promover a elaboración de estudos e investigacións a partir desta documentación.

f) Participar nos órganos estatais e internacionais relacionados co obxecto da Cartoteca.

Artigo 43. Fondos da Cartoteca

Os fondos da Cartoteca de Galicia nutriranse mediante:

a) A produción de cartografía realizada polo Instituto de Estudos do Territorio en calquera formato, así como a documentación técnica xerada por este que se considere de interese xeral. Entregarase un exemplar da produción impresa que leve a cabo este organismo e da produción dixital que realice, para que poida ser catalogada e custodiada.

b) Un exemplar da cartografía e da información xeográfica xeorreferenciada que teña a consideración de cartografía oficial rexistrada.

c) Un exemplar de todos os libros relacionados co territorio que sexan propiedade ou fosen publicados pola Administración xeral e entidades instrumentais do sector público autonómico.

d) Un exemplar de todos os mapas, planos, fotografías, ortofotos e todo tipo de documentación territorial que estean en poder ou produzan os distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades instrumentais do sector público autonómico.

e) As posibles doazóns que se efectúen con destino á Cartoteca de Galicia, aínda que a súa aceptación dependerá de se se adecua ou non á tipoloxía dos fondos para os cales está concibida a devandita cartoteca.

Artigo 44. Condicións de acceso

Calquera persoa pode ser usuaria da Cartoteca de Galicia. O seu acceso será público. As persoas usuarias poderán facer uso dos servizos básicos que ofrece por vía electrónica ou ben presentándose nas instalacións da Cartoteca no Instituto de Estudos do Territorio.

Artigo 45. Servizos da Cartoteca

Os servizos básicos que ofrece a Cartoteca son:

a) Consulta dos fondos da Cartoteca: mediante as ferramentas de busca e recuperación da información que sexa necesaria, facilitarase o acceso a todos os seus fondos documentais. Establecerase unha lista de fondos consultables polas persoas usuarias da Cartoteca, ben sexa de forma presencial ou ben de forma electrónica.

b) Reproducións: a Cartoteca ofrecerá reproducións dixitais dos materiais dos seus fondos ás persoas usuarias respectando a normativa vixente na materia e as características físicas do documento, exceptuando os materiais que non se poidan reproducir por atentar contra a súa conservación, e logo de pagamento do prezo privado establecido.

c) Servizo de préstamo: a Cartoteca de Galicia non ofrecerá servizo de préstamo xeneralizado aos usuarios. Puntualmente, poderanse prestar pezas para exposicións, para o cal se recollerán por escrito as condicións dese préstamo, entre as cales figurarán os seguros obrigatorios, os prazos e as condicións de transporte e exposición da peza, así como a responsabilidade derivada do incumprimento para o prestameiro. En todo caso, deberán cumprirse as exixencias impostas pola normativa aplicable.

Artigo 46. Coordinación e difusión

1. A Cartoteca de Galicia levará a cabo as súas funcións, a través do Instituto de Estudos do Territorio, de conformidade cos principios de coordinación e difusión.

Para tal efecto, velará polo establecemento dunha liña de coordinación co resto das cartotecas do territorio de Galicia para o impulso de sistemas de catalogación cartográfica, o intercambio de información e a optimización de recursos, coa promoción de reunións, cursos específicos e outras accións que se crean convenientes.

2. Para a difusión do coñecemento e o estudo da historia da cartografía promoveranse, entre outras, as seguintes actuacións:

a) O desenvolvemento dun plan de dixitalización dos seus fondos para facelos accesibles en liña.

b) A realización e publicación de estudos nestas áreas.

c) A edición de facsímiles e outras publicacións.

d) A organización de cursos e seminarios sobre estas temáticas.

e) A organización de exposicións dos propios fondos ou fondos alleos tanto na sede propia como noutras sedes.

f) A formalización de convenios para o efecto con outras administracións, organismos e entidades públicas e privadas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file