Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 2017 Páx. 8188

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para aprobar das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a vivir e a traballar na súa propia terra.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia veu desenvolvendo, principalmente a través da Secretaría Xeral da Emigración, numerosas medidas de apoio ás persoas galega residentes no exterior que axuden a manter os seus vínculos de relación e pertenza, especialmente co fin de favorecer o seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia de modo que poidan fixar a súa residencia, integrarse e, de ser o caso, realizar nela as súas actividades profesionais, empresariais ou laborais.

Entre estas medidas, e coa finalidade de promover o retorno das persoas galegas emigrantes como fórmula eficaz de reincorporación á sociedade galega, esta secretaría xeral considera de interese apoiar o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, mediante o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, mediante a convocatoria de subvencións para axudar a sufragar determinados gastos derivados do seu establecemento.

De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 desta, a convocatoria tramitarase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban.

En virtude do exposto, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, subvencionando os gastos que supón o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2017.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederanse a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 3 desta resolución. Así mesmo, quedará suxeito ao Regulamento (UE) número 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro), no Regulamento (UE) número 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014), e no Regulamento (UE) número 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9.

Artigo 2. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de cento cincuenta mil euros (150.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación.

Rematado o primeiro semestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto neste artigo, este poderá reducirse ata o 50 % para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, ao existir crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos comúns.

Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3.

b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta resolución.

d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non ter sido beneficiaria desta axuda para a mesma actividade ao abeiro de anteriores convocatorias.

f) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requisitos específicos.

Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou socias traballadoras de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.

2.1. Persoas traballadoras autónomas ou por conta propia:

a) Ser titular dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens.

b) Estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda no período a que se refire o punto 1.c).

2.2. Persoas socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período a que se refire o punto 1.c).

3. Quedan excluídas as persoas socias de sociedades mercantís.

Artigo 5. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os gastos de establecemento relacionados coa actividade tales como gastos de notaría e rexistro, cursos técnicos específicos, subscricións, cotas de participación en asociacións empresarias ou profesionais e gastos de colexiación, servizos de profesionais, tributos, licenzas administrativas, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria, de vehículos e de equipamentos informáticos e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, gas, auga, electricidade, telefonía e internet), xerados nos tres meses anteriores á alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda ata a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta resolución os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

En ningún caso son gastos subvencionables a fianza do alugamento, os avais bancarios, as cotas da Seguridade Social ou da mutualidade correspondente, os gastos de combustible de vehículos de motor, os gastos de representación e os de servizos profesionais directamente relacionados coa actividade ou obxecto social.

Artigo 6. Contía máxima da subvención e compatibilidade de axudas

1. O importe da subvención concedida será o 80 % dos gastos subvencionables estimados no orzamento presentado que correspondan á persoa solicitante en función da súa porcentaxe de participación, de ser o caso, ata unha contía máxima de 4.000 euros, para o caso de persoas traballadoras autónomas ou por conta propia e de 6.000 euros, para o caso de persoas socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

Cando a persoa solicitante teña 39 anos ou menos, o importe da subvención resultante do parágrafo anterior, incrementarase en 1.000 euros e, en 1.000 euros máis no caso de ser muller.

2. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal.chave365).

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 29 de setembro de 2017.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación xeral:

a) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta.

b) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.

c) Alta no réxime da Seguridade Social ou alta na nutualidade do colexio profesional que corresponda ou, no caso das sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras, na cal se recolla o réxime da Seguridade Social e a data en que tivo lugar a alta.

d) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, na cal se recollan os datos fiscais e o réxime tributario aplicable á actividade.

f) Memoria explicativa do proxecto empresarial asinada pola persoa solicitante.

g) Orzamento detallado dos gastos estimados que, de conformidade co artigo 5, sexan subvencionables, asinado pola persoa solicitante segundo o modelo do anexo II.

O dito orzamento incluirá a totalidade dos gastos subvencionables estimados, con independencia da porcentaxe de participación da persoa solicitante nos casos de comunidades de bens, sociedades civís, sociedades laborais e cooperativas de traballo asociado.

2. Cando a persoa solicitante sexa membro dunha sociedade civil ou comunidade de bens deberá achegar, ademais:

a) Contrato privado ou escritura pública de constitución da sociedade civil ou comunidade de bens.

3. Cando a persoa solicitante sexa socia traballadora dunha sociedade laboral ou cooperativa de traballo asociado deberá achegar, ademais:

a) Certificado do representante legal da entidade acreditativo da condición de socia traballadora da persoa solicitante e de que conta con autorización para presentar a solicitude en representación da entidade.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

8. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante.

b) Certificado de empadroamento.

c) NIF da entidade (sociedade civil, comunidade de bens, sociedade laboral ou cooperativa)

d) Estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución e resolución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reunise os requisitos establecidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

3. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

4. Á vista da proposta de resolución, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

5. Na resolución indicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, do Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, e do Regulamento (UE) 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas a presentar electronicamente as solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da data de entrada do expediente completo no Rexistro da Secretaría Xeral da Emigración. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles contados desde o seguinte ao da súa notificación sen que a persoa solicitante comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. No caso de renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 17. Xustificación

1. A actividade subvencionada deberá ser xustificada antes do 31 de outubro de 2017.

Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa, de conformidade co establecido no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A xustificación final da subvención dirixirase á Secretaría Xeral da Emigración e presentarase por calquera das formas previstas na normativa reguladora do procedemento administrativo común:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención.

b) Relación numerada das facturas con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e data do seu pagamento, segundo o modelo do anexo IV.

c) Facturas que soporten o gasto e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa. Todos estes documentos deberán presentarse en orixinal, fotocopia compulsada ou formato electrónico admisible legalmente. As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se xunte á relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento, e aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a un total de 1.000 euros.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo III.

e) No suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de se encontraren ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

4. De conformidade co establecido no artigo 21.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando a contía final dos gastos xustificados sexa inferior á dos gastos estimados no orzamento presentado, minorarase a subvención concedida e aplicarase a porcentaxe establecida no artigo 6 desta resolución sobre o custo total xustificado.

Artigo 18. Pagamento

Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral da Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 19. Obrigas

Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das subvencións convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:

1. Acreditar o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta secretaría poderá modificar a resolución de concesión.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, con especificación daquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.3 destas bases.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

6. As persoas beneficiarias quedan obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á cal se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia de xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 22. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a retorno.emigracion@xunta.gal

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Así mesmo, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non fose expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file