Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2017 Páx. 8596

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a ponte de Ponte Vea sobre o río Ulla, entre os termos municipais da Estrada e Teo.

A ponte de Ponte Vea constrúese para facilitar a comunicación entre Santiago de Compostela e o sur de Galicia, polo que comunica as provincias da Coruña e Pontevedra na confluencia dos concellos de Teo e A Estrada, no lugar en que a fronteira natural do río Ulla pasa polas parroquias de San Cristovo de Reis e Santa María de Couso respectivamente.

A documentación histórica avala a concorrencia neste lugar de diferentes camiños mesmo desde época romana. Aínda que non hai acordo entre os historiadores á hora de fixar neste punto o paso da Vía Romana XIX, no Itinerario Antonino entre Bracara Augusta e Lucus Augusti, atravesando Pons Vellegia (Pontevea) procedente de Aquis Celenis (Cuntis), si que hai certeza da confluencia neste lugar de camiños asociados ás rutas de peregrinaxe e comerciais.

Sen descartar a posible existencia dunha ponte anterior de época romana, non hai ningunha dúbida de que a ponte actual é medieval, construída no século XVI, con reconstrucións importantes no XVIII.

Constátase na documentación que a Real Audiencia de Galicia realizou unha repartición no ano 1587 para as obras da ponte, reiterada no 1694, dando testemuña dunha das moitas reformas e etapas construtivas que sufriu, seguramente para corrixir os danos estruturais ocasionados polas crecidas do río Ulla.

Este lugar tamén foi escenario, na Guerra da Independencia, das loitas contra as tropas napoleónicas desenvolvidas a partir de 1809, como consecuencia das cales se provocou un importante derrubamento nun dos seus arcos, reposto no ano 1822; foi precisa unha nova rehabilitación da ponte no ano 1845 encargada polo Concello da Estrada.

Xa na segunda metade do século XX, o Concello da Estrada solicita da Xefatura de Obras Públicas de Pontevedra a ampliación da ponte para intentar resolver a dificultade que supoñía a escasa anchura da ponte (2,50 m), causante de continuos incidentes de tráfico. Así, para gañar medio metro de anchura, se cambian os vellos lastros por unha capa de asfalto e se substitúe o beiril de pedra por varandas metálicas. Pero, o aumento continuo da densidade do tráfico e do transporte de mercadorías entre Compostela e a vila da Estrada desencadea a construción da nova ponte no 1980, para liberar de tránsito a vella.

Á vista de todo o exposto, esta ponte ten un indubidable valor histórico en canto elemento que vertebra o territorio e as comunicacións que facilitan o desenvolvemento sociocultural da poboación, aínda que a súa tipoloxía non constitúa unha peza única entre as pontes medievais. Así pois, tendo en conta os valores deste inmoble, convertido na actualidade en auténtico emblema dos termos municipais de Teo e A Estrada, proponse unha declaración singular do elemento como monumento, que xa foi ratificada co ditame dos órganos asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural, en relación co carácter sobranceiro do seu valor e significación no conxunto do patrimonio cultural de Galicia. Aínda que se estima que a figura acaída para o seu réxime de protección é a que deriva da categoría de monumento, malia algunha indicación ao respecto nos devanditos informes, si se recollen as recomendacións de ampliar o contorno de protección para preservar as condicións do seu ámbito máis próximo.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e, en virtude do que dispón o título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992), como consecuencia das solicitudes de iniciación formuladas por instancia de ambos os dous concellos, tendo en conta a documentación xustificativa completa, todo o que antecede e o informe do Servizo de Planeamento e Inventario, pertencente á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a ponte de Ponte Vea sobre o río Ulla entre os termos municipais da Estrada (Pontevedra) e Teo (A Coruña), conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta no anexo II, e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizarase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.

Sexto. Notificar esta resolución aos concellos da Estrada e Teo, así como aos departamentos con competencias no ámbito afectado pola delimitación.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición do ben

1. Denominación: Ponte Vea.

2. Descrición:

a) Inmoble obxecto da declaración:

As características arquitectónicas da ponte encadran a construción no tipo románico-oxival, con seis arcos de cantaría apoiados en cinco grandes piares, con tallamares triangulares augas arriba para suavizar a presión e trapezoidais augas abaixo que chegan ata o beiril. Ata unha reforma realizada nos anos noventa do século XX, nos tallamares saíntes da ponte, debido á estreiteza da estrada, tiña refuxios para peóns. A calzada está en pendente desde o piar central, que é o máis elevado e anuncia a tendencia da ponte. Neste punto central a planta da ponte presenta un quebro. No século XVIII engadíronse os estribos para ensanchar as dúas entradas da ponte.

b) Partes integrantes.

As bóvedas son de luces similares, aínda que descendentes desde o piar central ata as bóvedas extremas; as súas medidas tomadas en metros e partindo do noroeste son as seguintes: na marxe esquerda 10’40, 10’58 e 11’69, e na marxe dereita 11’17, 10’56 e 8,24. En canto á morfoloxía, as bóvedas presentan deformacións respecto á forma circular, seguramente polo asento das cimbras durante a súa construción ou en reconstrucións posteriores. Os tallamares tamén teñen distinto ancho; os tres centrais son dun ancho parecido e os de cada un dos extremos dun ancho superior, seguramente motivado por unha reconstrución posterior. As medidas dos tallamares tomadas en metros e coa mesma referencia xeográfica son as que seguen: 3’52, 3’08, 2’79, 2’71 e 3,63.

c) Restos arqueolóxicos.

A pesar da inexistencia de estudos arqueolóxicos sobre os posibles xacementos existentes no seu contorno, cómpre destacar achados de varios restos de estruturas susceptibles de formar parte dun pavimento preexistente da ponte, en aliñación co actual en uso, no extremo sueste, localizadas ao abeiro das obras promovidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no 2010, de reparación e consolidación da ponte. Estas estruturas funcionais de acceso á propia ponte carecen de adscrición crono-cultural por mor da ausencia de singularidade das súas estruturas e de materiais ergolóxicos asociados, pero non sufriron incidencias derivadas da intervención, que garantiu a súa conservación tal e como foron achadas.

3. Estado de conservación.

O estado xeral de conservación da estrutura é bo e non presenta alteracións visibles, e malia que o seu contorno reflicte as transformacións urbanísticas recentes (estradas, edificios, redes de infraestrutura, ...), augas abaixo conserva un ámbito de ribeira que complementa o seu interese cos valores ambientais.

ANEXO II
Delimitación proposta

O contorno de protección da ponte axústase ao criterio de inclusión da zona máis próxima á ponte, incluíndo as marxes do río, e tentado axustar os límites do parcelario, sempre que sexa posible. A área de protección resultante presenta unha certa desproporción cara ao lado sueste, debido fundamentalmente ao trazado da estrada PO-841/AC-841 que servirá de liña delimitadora por esta zona, así como polo lado norte e noroeste, cuxo límite se cingue na súa totalidade ás parcelas que lindan coa estrada que parte desde o núcleo de Pontevea cara ao oeste, límite da área de protección dun xacemento arqueolóxico de época castrexa, o Castro de Pontevea (GA15082038), situado nun outeiro entre o río Ulla e o de Santa Lucía, preto das construcións do núcleo de Pontevea.

1. Liña delimitadora.

Seguindo o sentido antihorario, trazarase a liña delimitadora coa orixe no punto A (42.7594832224, 8.5477886193), situado augas arriba na fronteira dos termos municipais da Estrada e Teo, no río Ulla na intersección do tallamar central da ponte vella coa ponte nova e seguindo o bordo da estrada PO-841 en sentido A Estrada.

Dentro do termo municipal da Estrada, a liña segue o bordo da estrada PO-841 ata o seu encontro co trazado vello da calzada que delimita polo lado sudoeste a parcela 01 do polígono 520, punto B (42.7588215323, -8.5490653508). Segue o límite desta parcela ata encontrarse en dirección norte co punto C (42.7599282837, -8.5513827794) vértice da parcela 2 do polígono 520, incorporándoa por completo dentro da delimitación ata o punto D (42.7608932287, -8.5514203303), seguindo desde aquí o linde parcelario en dirección norte ata a confluencia co río Ulla cruzándoo cunha liña recta en dirección norte.

Xa polo termo municipal de Teo, continúa a recta atravesando o río ata o seu encontro co vértice sudoeste da parcela 1030 do polígono 509, punto E (42.7616179123, -8.5512486689) onde vira cara ao leste, seguindo o seu límite e continuando na mesma dirección polo linde das parcelas 413, 1029, 414, 415, 30425, 9000 e 428 do mesmo polígono 509, ata chegar a intersección coa estrada PO-841 no punto F (42.7601133968, -8.5473380082), por cuxo bordo continuará en dirección sudoeste ata encontrarse co punto A, pechando a liña.

2. Delimitación gráfica.

missing image file

ANEXO III
Fotografías

missing image file