Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2017 Páx. 8795

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 1 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para investimentos produtivos en acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, tramitadas como expediente anticipado de gasto.

BDNS (Identif:): 332884.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas.

Para os efectos desta orde considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as que establezan novos centros en Galicia.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas á realización das actuacións que a continuación se detallan, co fin de fomentar unha acuicultura sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva:

a) Investimentos produtivos na acuicultura.

b) Diversificación da produción acuícola e das especies cultivadas.

c) Modernización dos centros acuícolas.

d) Melloras e modernización relacionadas coa saúde e co benestar dos animais, incluída a adquisición de equipamentos destinados a protexer as explotacións dos predadores salvaxes.

e) Investimentos na mellora da calidade do produto acuícola ou para incrementar o seu valor.

f) Diversificación dos ingresos das empresas acuícolas mediante o desenvolvemento de actividades complementarias.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para investimentos produtivos en acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, tramitadas como expediente anticipado de gasto.

Cuarto. Importe

Para o ano 2017 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.772.2 que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2017. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 8.000.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2017

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar